Galería

Queres saber como se baleira a auga acumulada nas galerías dunha mina na Galicia do século XXI? Fai o rego, ábrelle as portas e que vaia polas leiras abaixo….

Fai o rego, ábrelle as portas e que vaia polas leiras abaixo…., que o mundo é moi ancho. Isto é nin máis nin menos o que debeu pensar un CEO de Rafaella Resources Ltd. ou de Galicia Tin & Tungsten cando tivo noticia de que as galerías mineiras da vella mina de Varilongo, en Santa Comba (A Coruña) ficaban asulagadas por mor das derradeiras choivas. Total, os metáis pesados da drenaxe áceda das minas non se ven a simple vista. E dá igual, porque ademais, isto fíxose toda a vida e ninguén protestou nunca. Malo será…

Xa sabemos que son augas industriais, xa sabemos tamén que estas augas poden ter concentracións anómalas de metais pesados, que son nocivos para o medio ambiente e a saúde humana e dos ecosistemas. E sí, xa sabemos tamén que o solo onde está a mina e os arredores está clasificado como solo rústico de especial protección agropecuaria. Sí,… efectivamente, existiu unha transformación urbanística non amparada legalmente. Pero que culpa ten unha empresa mineira ligada a un holding opaco con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas e conectada co administrador que levou á anterior concesionaria á quebra? Que culpa ten a empresa mineira australiana de mentir sistematicamente aos medios de comunicación e accionistas, afirmando que xa tiña recibido financiamento público alemán ademais de ter asegurada a “pre-aprobación” dunha garantía de crédito de 11 millóns de euros do Goberno da Alemaña, o que foi negado frontalmente polo Goberno Federal? Que culpa ten a empresa mineira de que ningunha autoridade lle esixa unha avaliación de impacto ambiental ou que cumpla co plan de restauración ambiental? Que culpa ten Rafaella Resources Ltd. de que faga o que faga, a Xunta de Galicia e a alcaldía de Santa Comba, continúan a dárlle palmadiñas nas costas?

Malo será que o actual alcalde de Santa Comba poña trabas. O anterior ata lle concedeu licencia urbanística municipal e para a actividade extractiva. Eso sí, coa inestimable axuda do «colega» Bernardo Tahoces que continúa de Director de Minas da Xunta de Galicia. É importante que os «grandes amigos» continúen nos seus cargos. Feijóo ben sabe o que fai…

E como se fixo iso? Como foi posible que unha mina paralizada de forma irregular durante máis de 30 anos conseguira finalmente licencia urbanística do concello de Santa Comba no ano 2012? Pois obviando sobre todo que non estaba activa, a pesar de que a realidade era máis que evidente.

Historia da licencia urbanística municipal e do recoñecemento administrativo mineiro da mina de Varilongo, a través da documentación do expediente administrativo:

* No relativo á licenza urbanística municipal consta:

1.- Informe do arquitecto técnico municipal de data de 20/09/2012 onde se indica que a clasificación do chan é CHAN RÚSTICO DE PROTECCIÓN AGROPECUARIA.

2.- Acordo da Xunta de Goberno Local do 27/09/2012 do concello de Santa Comba pola que se outorga licenza urbanística municipal de explotación mineira existente. D. T. 12ª da lei 3/2010 (SEN a previa autorización do Consello da Xunta, oída a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia e a proposta da consellería competente en materia de minas).

3.- Informe do asesor xurídico externo de 25/09/2012 (non consta o informe xurídico da Secretaría municipal).

* No relativo ao recoñecemento administrativo consta:

Resolución de 07/05/2012 de Recoñecemento administrativo da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da existencia das unidades de explotación dentro das concesións de explotación do Grupo Mineiro Santa Comba no municipio de Santa Comba (A Coruña), no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Dicía por aquela época Don Ángel que: «O recoñecemento administrativo configúrase, por tanto, como esencial para a obtención da licenza urbanística municipal que non require para o seu outorgamento doutro requisito -tampouco do previo ou simultáneo trámite de incidencia ambiental e consecuente licenza de actividade- que o propio recoñecemento administrativo conforme á redacción dada na Lei urbanística e na disposición adicional segunda, apartado 2, do Decreto 133/2008, do 12 de xuño».

Xa naquela época, anos 2011 e 2012, o recoñecemento administrativo era a pílula do que hoxe en día coñecemos como «Lei de Depredación» de Galicia. Este recoñecemento administrativo configurábase como un trámite esencial, que non requiría de máis trámite que o propio «recoñecemento» para a obtención da licencia municipal, obviando calquer trámite ambiental.

Pero ollo! Non requiría de trámite ambiental o outorgamento da correspondente licencia urbanística municipal, pero o propio recoñecemento administrativo sí tiña que acreditar que se cumpría coa normativa sectorial, e neste punto, D. Ángel Bernardo Tahoces debera comprobar e acreditar que o Grupo Mineiro Santa Comba dispoñía de proxecto actualizado de explotación e de proxecto actualizado de restaruración ambiental e cumpría con todos os requisitos ambientais vixentes naquelas datas.

O recoñecemento outorgado baséase en:

• Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que na súa Disposición transitoria decimosegunda relativa ás Explotacións mineiras existentes, indica:

«As explotacións mineiras, as actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio vinculados ás actividades mineiras, cando estas estivesen en activo no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, localizados en chan rústico de protección ordinaria e de especial protección forestal ou das augas que non conten coa preceptiva licenza urbanística municipal para continuar a súa actividade haberán de obtela, unha vez que acrediten a súa existencia con anterioridade á entrada en vigor da citada lei. Para iso, bastará co recoñecemento administrativo da dirección xeral con competencia en materia de minas. Para a obtención da licenza urbanística municipal presentarase no concello a solicitude de regularización, á que se achegará o recoñecemento administrativo anteriormente sinalado, acreditativo do cumprimento da normativa sectorial vixente».

Por tanto, os requisitos para o devandito recoñecemento serían:

a) Estar en activo no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002. (A explotación NON CONSTA QUE ESTIVESE EN ACTIVO).
b) Localizados en chan rústico de protección ordinaria e de especial protección forestal ou das augas. (A clasificación do chan é CHAN RÚSTICO DE PROTECCIÓN AGROPECUARIA).
c) Que acrediten a súa existencia con anterioridade á entrada en vigor da citada lei.

Como queira que a mina de Varilongo atopábase en solo rústico de protección agropecuaria e isto dificultaba a obtención da licencia urbanística, xa que logo, neste caso precisaba de autorización do Consello da Xunta previo o informe da Comisión Superior de Urbanismo, desde a Xunta trataron de arranxar este gran inconveninte publicando a Instrución 10/2011, que establecía os mesmos requisitos para o chan rústico de protección agropecuaria, o rústico de protección ordinaria e de especial protección forestal ou das augas.

Unha Instrución nin sequera é un regulamento administrativo, e como tal, non ten capacidade algunha para modificar ningunha lei. Sen embargo, esta Instrución sí que influiu na interpretación da Lei 9/2002 do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e incluso a chegou a modificar.

• Instrución 10/2011, do 29 de xuño, sobre a aplicación da disposición transitoria duodécima da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación ao recoñecemento administrativo da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Primeiro. O recoñecemento administrativo que expida a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas en aplicación da disposición transitoria duodécima da Lei 3/2008, do 23 de maio, de acordo coa nova redacción dada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, acreditará a existencia, á entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, das explotacións mineiras, actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio aos que faga referencia. Estes deberán estar localizados en chan rústico de protección ordinaria e de especial protección agrícola, forestal ou das augas e acreditar ante a autoridade mineira que se atopaban en activo na devandita data.

Segundo. O recoñecemento administrativo acreditará o cumprimento da normativa sectorial vixente e só procederá daquelas explotacións ou actividades extractivas que consten debidamente autorizadas pola autoridade mineira con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro. O seu ámbito limitarase aos termos do título de autorización ou concesión vixente o 1 de xaneiro de 2003 e ao proxecto de explotación e plan de restauración que serviron de base para o seu outorgamento. Non será obxecto de recoñecemento administrativo calquera ampliación ou modificación do proxecto de explotación ou de renovación da concesión posterior á devandita data.

O recoñecemento administrativo acreditará:

• O cumprimento da normativa sectorial vixente (augas, paisaxe, medio ambiente, urbanismo, residuos…).

No presente caso a resolución do recoñecemento administrativo nada refire ao respecto.

Requisitos para o recoñecemento administrativo:

• Que a explotación ou a actividade extractiva conste debidamente autorizada con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

Que se entende por explotación ou actividade extractiva debidamente autorizada? Pódese entender como tal unha actividade mineira que no ano 2002 levaba máis de 20 anos paralizada e que non dispoñía dun proxecto de explotación nin un proxecto de restauración actualizado a esa data?

Pois non, non se pode entender así. É evidente que non estaba «debidamente autorizada».

Extensión do recoñecemento administrativo:

• O seu ámbito limitarase aos termos do título de autorización ou concesión vixente o 1 de xaneiro de 2003 e ao proxecto de explotación e plan de restauración que serviron de base para o seu outorgamento.

Preguntámonos: Onde estaba ese proxecto de explotación e o plan de restauración que serviron de base para ese outorgamento que debera estar vixente a 1 de xaneiro de 2003? Por ningures.

Como é logo que Ángel Bernardo Tahoces asina de xeito favorable un recoñecemento administrativo a prol dunha actividade extractiva e dunha empresa que non cumprían cos requisitos esixidos pola normativa vixente naquel momento?

O Grupo Mineiro Santa Comba non dispón de licenza urbanística nin licenza de actividade para realizar a actividade mineira polos motivos seguintes:

• Posible delito urbanístico do artigo 320.1 do Código penal derivado do expediente administrativo de licencia urbanística e recoñecemento administrativo dos dereitos mineiros do Grupo Santa Comba?

Os delitos urbanísticos ou, máis concretamente, os delitos contra a Ordenación do territorio, atópanse recollidos no noso Código penal, dentro do Título XVI, co título “Dos delitos relativos á ordenación do territorio e o urbanismo, a protección do patrimonio histórico e o medio ambiente”. O Capítulo I do Código penal recolle os tipos delituosos nos artigos 319 e 320.

O delito de prevaricación urbanística, con tres manifestacións:

– A prevaricación urbanística nos informes de expedientes urbanísticos, art. 320.1 CP.

– Omisión da inspección art. 320.1 CP.

– A prevaricación urbanística nos actos administrativos de contido urbanístico, art. 320.2 CP.

Cando prescriben estes delitos? Sinala o artigo 131 do Código penal:

“1. Os delitos prescriben:

– Aos vinte anos, cando a pena máxima sinalada ao delito sexa prisión de quince ou máis anos.

– Aos quince, cando a pena máxima sinalada pola lei sexa inhabilitación por máis de dez anos, ou prisión por máis de dez e menos de quince anos.

– Aos dez, cando a pena máxima sinalada pola lei sexa prisión ou inhabilitación por máis de cinco anos e que non exceda de dez. – Aos cinco, os demais delitos, excepto os delitos leves e os delitos de inxurias e calumnias, que prescriben ao ano.

2. Cando a pena sinalada pola lei for composta, estarase, para a aplicación das regras comprendidas neste artigo, á que esixa maior tempo para a prescrición.

3. Os delitos de lesa humanidade e de xenocidio e os delitos contra as persoas e bens protexidos en caso de conflito armado, salvo os castigados no artigo 614, non prescribirán en ningún caso. Tampouco prescribirán os delitos de terrorismo, se houberen causado a morte dunha persoa.

4. Nos supostos de concurso de infraccións ou de infraccións conexas, o prazo de prescrición será o que corresponda ao delito máis grave”.

Por tanto, ao non exceder a pena dos delitos comprendidos nos artigos 319 e 320 dos 3 anos, o prazo de prescrición dos dous tipos delituosos analizados será de 5 anos (tras a Lei Orgánica 5/2010, do 22 de xuño, pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, debido a que antes dela o prazo de prescrición era de 3 anos).

Por último, en canto ao “ dies a quo”, isto é, o día desde o que ha de computarse o prazo de prescrición, o mesmo haberá de iniciarse desde o día no que se cometeu a infracción. Así, en canto ao delito de prevaricación, non presentará maiores dificultades determinar o día de elaboración dun informe ou de adopción dun acordo.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s