Galería

O proxecto eólico Banzas de Green Capital Power, S.L, prevé núcleos habitados a distancias de 651 metros, rodeados de 3 e 2 aeroxeneradores e a 938 metros do parque máis próximo

Análise do “Proyecto Sectorial Parque eólico Banzas. Promotor: Green Capital Power S.L. Septiembre 2020”.

Con data 26/10/2017, Green Capital  Power SL, presentou solicitude de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica do proxecto denominado Parque Eólico  Banzas (número de expediente  IN408A 2017/15) ao amparo da Lei 8/2009, do 22 de decembro modificada pola disposición final sétima da Lei 5/2017, do 17 de outubro, máis coñecida como “Lei de Depredación de Galicia”, que acurta prazos e simplifica trámites administrativos.

O proxecto eólico  Banzas, ubicaríase nos termos municipais de Outes, Mazaricos e Negreira, na provincia da Coruña.

Para a evacuación da enerxía xerada do Parque Eólico, proxéctase unha liña de evacuación conxunta denominada “Solución de evacuación conxunta dos  PE  Maragouto e  PE  Banzas”, cuxo documento de inicio foi presentado o 12/03/2020.

O parque eólico que se proxecta terá unha potencia total de 31,185 MW, polo que se estimamos que o número de horas de funcionamento ao ano é 3.334 horas, obtense que a enerxía producida ao ano é de 103.977 MWh anuais.

Potencia unitaria de 3,465 MW.

Dentro da citada poligonal situaranse os aeroxeradores modelo GAMESA G132 ou similar (a mercantil promotora non especifica realmente o modelo, tanto pode ser ese como outro) de ata 3,465  MW de potencia nominal unitaria, sendo a potencia total do parque de 31,185  MW.

Diámetro de rotor de 132 metros.

Altura de buxe de 134 metros.

O proxecto de execución indica que o emprego do modelo de aeroxenerador está condicionado pola dispoñibilidade do fabricante. No caso de non instalarse este modelo optarase por un de características similares. Non obstante, esta indefinición con respecto ao aeroxenerador debera ser concretada pola mercantil promotora, polas implicacións medioambientais que puidera producir o cambio de máquina.

Acaparamento de terras e deforestación nun momento de crise climática aguda

Mediante este proxecto a mercantil promotora adquire o pleno dominio da cimentación de arexoneradores, a cimentación da torre anemométrica, das plataformas de montaxe de aeroxeneradores e do edificio de control e subestación.

Ademais a mercantil promotora adquire unha área de servidume. A área de réxime de servidume defínese como aquela área que tras a construción do parque non poderá ser utilizada polos propietarios dos terreos para determinadas actividades que afecten negativamente á produción do parque, por exemplo, edificar ou realizar plantacións de especies vexetais en altura superiores a 10 m.

O campo de ventos nunha zona determinada depende, ademais dos parámetros meteorolóxicos intrínsecos, da orografía do terreo: características – vexetación- e existencia de posibles obstáculos –edificacións.

A definición de área de réxime de servidume inclúe os accesos, viais interiores e canalizacións para cableado, a zona de voo do aeroxenerador e a zona de protección eólica da torre anemométrica, é dicir, uns 70 metros de radio.

Coa aprobación do proxecto sectorial as zonas afectadas pola instalación do parque serán catalogadas como chan rústico de especial protección de infraestruturas.

A mercantil promotora prevé un vial de acceso de 658 metros. A partir deste xéranse outros tres viais para acceder aos aeroxeneradores e ás infraestruturas do parque. A subestación eléctrica trasnformadora (SET) de Banzas ubicaríase no municipio de Negreira. A totalidade dos viais do parque suman unha lonxitude de 7 km, en concreto 7.177 metros.

É chamativo que en ningún momento a promotora indique a superficie total que ocuparán as instalacións do parque e a superficie que abrangue a poligonal deste, dato que debera facerse público dado que resulta canto menos incomprensible o excesivo sobredimensionamento da poligonal tendo en conta que só se trata de 9 aeroxeneradores.

Por outra banda prodúcese unha transformación urbanística a favor da promotora e en detrimento da veciñanza e das comunidades rurais afectadas, que coa nova cualificación urbanística perden capacidade sobre da xestión de usos nos solos rústicos de protección agropecuaria e de protección forestal.

Como xustifica a mercantil promotora o interese público e social do proxecto?

A xustificación realízaa única e exclusivamente en base á normativa vixente, polo que se deduce que non existe ningún outro interés público e/ou social para o proxecto. Non alude á xeración de emprego nin a ningún outro beneficio que poida retornar á veciñanza local. Polo tanto, para os núcleos próximos e os seus habitantes non prevé ningún retorno social ou beneficio.

Conforme ao acordo do Consello de la Xunta de Galicia do 5 de Decembro do 2002, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolve o 20 de decembro a publicación no DOG da aprobación definitiva do plan sectorial de incidencia supramunicipal do Plan Eólico de Galicia, que adopta entre outras as seguintes medidas:

  • Aprobar definitivamente o plan sectorial de incidencia supramunicipal, denominado “Plan Eólico de Galicia”.
  • Vincular o plan territorial dos municipios afectados ás determinacións indicadas nos proxectos sectoriais.

De conformidade coa Disposición Adicional Primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de Ordenación do Territorio de Galicia, quedan cualificadas como de carácter territorial as obras necesarias para a execución dos proxectos:

“Disposición adicional primeira.

1. A aprobación definitiva dos instrumentos de ordenación do territorio levará implícita a declaración de utilidade pública ou interese social das obras, instalacións e servizos proxectados, así como a necesidade da ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras, instalacións e servizos previstos de forma concreta naqueles, para os efectos de expropiación forzosa ou de imposición de servidumes, sempre que conste a descrición física e xurídica individualizada dos bens e dereitos afectados.[…]”.

No mesmo sentido pronúnciase a Lei 2/2016 do 10 de febreiro, do chan de Galicia, no artigo 85 do capítulo IX referido para os efectos da aprobación dos instrumentos de plan urbanístico establece:

“Artigo 85 Declaración de utilidade pública

1. A aprobación dos instrumentos de plan urbanístico implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados aos fins de expropiación ou imposición de servidumes. […]”

O interese público e utilidade social do Parque Eólico obxecto deste proxecto, queda xustificado en virtude do exposto neste apartado e por atoparse devandito Parque dentro das áreas delimitadas no Plan Sectorial Eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello de la Xunta de Galicia o 1 de Outubro de 1997.

Resulta cando menos chamativo que a mercantil promotora defina e os cálculos de investimento do proxecto pero non indique nada respecto ao beneficio económico –financiero que prevé obter.

Este dato debérase facer público ao igual que a superficie que ocupan as instalacións e a poligonal do proxecto eólico.

Características do proxecto eólico

O parque eólico Banzas constará de 9 aeroxeradores G132 ou similar de ata 3,465 MW de potencia unitaria, cunha potencia de conxunto de 31,185 MW. Cada aeroxerador dispoñerá do seu propio transformador que entregará a potencia xerada á rede de interconexión interna do parque eólico de media tensión (30 kV). Esta rede interna conducirá a enerxía ata a subestación transformadora 30/132 kV do parque eólico, onde se elevará o nivel de tensión de 30 kV á de transporte, 132 kV.

A enerxía eléctrica evacuarase mediante unha Liña Aérea á tensión de 132 kV ata a súa conexión coa subestación colectora de Lousame 132/220 kV. O proxecto tamén contempla a instalación dunha torre meteorolóxica de medición.

Localización do proxecto

A zona de afección esténdese, desde un punto de vista hidrográfico, entre a conca do Río Tines, polo oeste, pertencente á conca da Ría de Muros e Noia, e a conca do Río Tambre polo leste. O ámbito de estudo onde está situado o parque eólico Banzas atópase a máis de 6 km de calquera área protexida incluída en Rede Natura 2000 e na Rede de Espazos Protexidos de Galicia. O Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia é o instrumento básico para a planificación, ordenación e xestión en rede das Zonas de Especial Conservación (ZEC) e das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), zonas que non se verán afectadas polas infraestruturas que compoñen ao parque eólico. Os espazos naturais máis próximos á zona de afección do presente estudo son: polo sur a máis de 6 km a ZEC Esteiro do Tambre, e polo oeste máis de 14 km a ZEC Carnota – Monte Pindo, declarados ambos os como zonas especiais de conservación polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo de 2014, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia; e á súa vez, ambos os espazos naturais considéranse zomo Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), constituíntes da Rede galega de espazos protexidos, declaradas segundo o Decreto 72/2004, do 2 de abril. A distancia superior a 6 km e 14 km respectivamente con respecto ao proxecto, non asegura que os citados espazos protexidos non vaian resultar afectados polas instalacións do parque eólico.

Distancias das poboacións ao parque eólico proxectado.

Hai unha serie de núcleos habitados que están á beira do parque proxectado. Ademais do impacto visual que lles afecta directamente tamén hai que ter en conta o impacto acústico. De aí que a veciñanza alomenos destes lugares debe ser consultada sobre do seu grao de aceptación ou non do proxecto, e todo isto base ao Convenio europeo da Paisaxe. Os núcleos moi afectados son: Camplongo, Vilar de Arriba, Vilar de Abaixo, Couso de Arriba, Couso de Abaixo, Cabana Moura.

Cómpre ter en conta que o núcleo de poboación de Campolongo está afectado por 3 aeroxeneradores: BZ01, BZ02, BZ05. Couso de Abaixo estaría afectado por 2 aeroxeneradores: BZ02 e BZ03. Cabana Moura estaría afectada por outros 2 aeroxeneradores, os BZ03 e BZ04. Debido as proximidades aos aeroxeneradores precísase un estudo riguroso do impacto acústico e un estudo sanitario sobre dos efectos que sobre da saúde pode ter a exposición ao ruido.

Ao anterior hai que engadir que a promotora non indica nada respecto ás distancias dos aeroxeneradores ás casas illadas. Obvia este extremo.

Distancias do proxecto eólico de Banzas da promotora Green Capital Power S.L. aos núcleos habitados

Impacto acústico MOI SEVERO

As fontes de ruído máis destacadas que se poden considerar en zonas próximas á área de implantación do proxecto eólico son:

 – Os vehículos que transitan polas estradas que rodean a zona de implantación, que a mercantil promotora non indica.

– Vehículos e maquinaria forestal que circulan polos numerosos camiños que se localizan na contorna do parque, que a promotra tampouco indica.

A isto hai que engadir o ruido do parque eólico proxectado, tanto na súa fase de execución como de funcionamento. Polo tanto, cómpre avaliar en conxunto o total dos impactos acústicos e os seus efectos sobre a saúde humana e dos ecosistemas.

Que impacto acústico pode ter sobre a saúde dos habitantes vivir á beira de 3 ou 2 aeroxeneradores que funcionan todos os días do ano, día e noite?

Impacto severo sobre o escribano palustre

 Con respecto ao Plan de recuperación da subespecie lusitánica do escribano palustre (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica), o parque eólico Banzas proxéctase sobre a área de distribución potencial, conforme o Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aproba o Plan de recuperación desta especie en Galicia.

Impacto severo sobre os mamíferos

Por outra banda, comprobáronse tamén as Zonas Importantes para os Mamíferos (ZIM), as cales constitúen unha listaxe dos espazos de especial importancia para a conservación de mamíferos en España realizado pola Sociedade Española para a Conservación e Estudo dos Mamíferos (SECEM), facendo uso da información existente no Atlas dos mamíferos de España, polo que non só ten en conta as especies presentes nunha área en concreto, senón que tamén o seu grao de ameaza, endemicidad ou vulnerabilidade. Os aeroxeradores BZ1, BZ2, BZ3, BZ4, BZ7, a torre de medición, zona de provisión e a subestación do parque eólico atópanse situados no interior do ZIM Cuenca do Río Tambre.

A clasificación aplicable ao chan sobre o que se asenta o parque eólico é a de “Chan Rústico Común”, “Chan Rústico Protexido de protección Forestal” e “Chan Rústico Protexido de protección Agrícola. Dado que se trata dun planeamento anterior á lei 2/2016 do Chan de Galicia e non adaptado á LOUG, aplicaráselle conforme á disposición transitoria primeira, o disposto na lei 2/2016 para o chan rústico, polo que a afección ao parque eólico no chan deste concello é equivalente a “Chan rústico de protección ordinaria”, “Chan rústico de protección forestal” e “Chan rústico de protección Agrícola”.

Impacto hídrico

O ámbito de estudo do parque eólico sitúase sobre as masas de auga subterráneas denominadas como: MasSub 014.006 “Muros – Noia”, MasSub 014.0067 “Tambre”, e MasSub 014.018 ”Xallas”. As infraestruturas que constitúen o parque eólico, sitúase sobre a masa de auga subterránea denominada “Muros-Noia”.

Impacto sobre a Rede Natura

O ámbito de estudo onde está situado o parque eólico Banzas atópase a máis de 6 km de calquera área protexida incluída en Rede Natura 2000 e na Rede de Espazos Protexidos de Galicia. Sin embargo, esta distancia non garante a non afección. O Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia é o instrumento básico para a planificación, ordenación e xestión en rede das Zonas de Especial Conservación (ZEC) e das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), zonas que non se verán afectadas polas infraestruturas que compoñen ao parque eólico. Os espazos naturais máis próximos á zona de afección do presente estudo son: polo sur a máis de 6 km a ZEC Esteiro do Tambre, e polo oeste máis de 14 km a ZEC Carnota – Monte Pindo, declarados ambos os como zonas especiais de conservación polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo de 2014, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia; e á súa vez, ambos os espazos naturais considéranse zomo Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), constituíntes da Rede galega de espazos protexidos, declaradas segundo o Decreto 72/2004, do 2 de abril. A mercantil promotora indica que a distancia superior a 6 km e 14 km respectivamente con respecto ao proxecto, asegura que os citados espazos protexidos non estarán afectados polas instalacións do parque eólico. Esta afirmación debera ser avaliada adecuadamente.

Impacto moi severo sobre os hábitats

A Directiva 92/43/CEE do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre e posteriores modificacións define as seguintes categorías:

– Especies de interese comunitario para as que é necesario designar zonas especiais de conservación: Anexo II.

– Especies de interese comunitario que requiren unha protección estrita: Anexo IV.

– Especies de interese comunitario cuxa recollida na natureza e a súa explotación poden ser obxecto de medidas de xestión: Anexo V.

Na cuadrícula  UTM 29 TNH05, sobre a cal se sitúan parte das instalacións do parque eólico, atópase inventariada polo  IEET a especie Euphorbia  uliginosa, planta baixo a categoría  UICN para España de  CR (en perigo de extinción crítico) e segundo o catálogo galego de especies ameazadas atópase  en perigo de extinción.

Esta especie aparece no Noroeste de Galicia ligada a medios higroturbosos con matogueiras hidrófilos de  Genisto  berbereideae- Ericetum  tetracilis (brezales húmidos atlánticos de zonas tépedas de Erica  ciliaris e Erica  tetralix), segundo a Directiva 92/43/CEE).

Sen embargo, a mercantil promotora indica que durante a visita realizada ao emprazamento do futuro parque eólico non se observaron exemplares de  Euphorbia  uliginosa.

Na citada Directiva do 21 de maio de 1992 considéranse os seguintes hábitats:

– Hábitats de interese comunitario: son os que se atopan ameazados de desaparición na súa área de distribución natural, os que presentan unha área de distribución natural reducida por mor de regresión ou debido á súa área intrinsecamente restrinxida, ou os que constitúen exemplos representativos de características típicas dunha ou de varias das cinco rexións biogeográficas seguintes: alpina, atlántica, continental,  macaronesia e mediterránea.

– Hábitats naturais prioritarios (*): son aqueles hábitats ameazados de desaparición cuxa conservación supón unha especial responsabilidade, tendo en conta da importancia da proporción da súa área de distribución natural incluída no territorio.

Os hábitats catalogados no ámbito da poligonal do parque eólico son:

Bosques aluviales de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior Cód. Hábitat: 91E0*

Robledais galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pirenaica Cód. Hábitat: 9230

Brezais húmidos atlánticos de zonas tépedas de Erica ciliaris e Erica tetralix Cód. Hábitat: 4020*
Brezais oromediterráneos endémicos con aliaga Cód. Hábitat: 4090

Formacións estables xerotermófilas de Buxus sempervirens en pendentes rochosas (Berberidion p. p.) Cód. Hábitat: 5110

Pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica Cód. Hábitat: 8220
(Fonte: Os hábitats de Interese Comunitario en Galicia. Fichas descritivas).

A mercantil promotora indica que estudou con máis detalle os hábitats recolleitos no polígono 32321, por ser os que se verían afectados polo futuro parque eólico Banzas. É dicir, os menos afectados quedarían fóra do estudo, o que é totalmente anómalo. Polo tanto ten que cumplimentar o estudo de todos eles.

Os aeroxeradores BZ5, BZ6, BZ7, BZ8 e BZ9, así como os viais para acceder aos mesmos, sitúanse sobre os hábitats de interese comunitario Brezais secos europeos (4030) e Brezais oromediterráneos endémicos con aliaga (4090), e o hábitat de interese prioritario Brezales húmidos atlánticos de zonas tépedas de Erica ciliares e Erica tetralix (4020*).

Parte das estruturas localízanse sobre formacións de hábitats catalogadas. A Directiva 92/43 PREVÉ A CONSERVACIÓN DESTES E INDICA EXPRESAMENTE A OBRIGA DE MANTER E RESTABLECER OS MEMOS NUN ESTADO DE CONSERVACIÓN FAVORABLE, polo tanto o proxecto eólico de Banzas é INCOMPATIBLE cos obxectivos de conservación e mantemento en condicións favoralbes dos hábitats citados.

Ao respecto cómpre indicar que a Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres establece no seu artigo 2:

“1. A presente Directiva ten por obxecto contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros ao que se aplica o Tratado.

2. As medidas que se adopten en virtude da presente Directiva terán como finalidade o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario”.

Os eucaliptais e os incendios favorecen a implantación de eólicos en hábitats protexidos

A mercantil promotora indica que para comprobar a existencia destes hábitats procedeuse á realización dos traballos de identificación en campo, que permitiron definir a área de presenza exacta dos mesmos. Comprobouse que, dadas as alteracións sufridas na contorna (áreas de produción agrícola e forraxeira, incendios forestais, presenza de especies alóctonas, etc.), a mancha inventariada polo Ministerio de Medio Ambiente non coincide co observado en campo.

A propia promotora recoñece que a degradación dos hábitats oferta un marco propicio para a implantación das infraestruturas eólicas.

Afección á fauna

A afección dos aeroxeradores sobre a fauna non se reduce exclusivamente ao risco de colisión de aves coas pas, senón que tamén pode chegar a producir unha importante alteración na utilización do medio por parte da fauna que poboa a zona, en especial das aves, así como cambios no seu comportamento. Este efecto orixínase polos impactos acústico e visual producidos polos aeroxeradores, non resultando posible aceptar, como indica a mercantil promotora, que isto sexa unha medida de precaución das especies que habitan na zona. Deste xeito redúcese biodiversidade ao afectar á área de alimentación e dispersión de certas especies, ou a alterar a liña e altura de voo de certas especies de aves migratorias, etc. En canto á posibilidade de que se configure un espazo baleiro na zona, é dicir, que se produza escaseza de aves por alteración na utilización do medio, así como un cambio substancial no seu comportamento é moi probable que se produza. Deste xeito, trataríase dun impacto SIGNIFICATIVO en relación á implantación do parque eólico Banzas.

Impacto sinérxico e acumulado dos numerosos parques eólicos previstos para a zona de afección do proxecto eólico Banzas: impactos ambientais, paisaxísticos e acústicos. Necesidade dunha avaliación exhaustiva e pormenorizada tanto individual como de conxunto

Cómpre analizar os efectos ocasionados polo novo parque de maneira individual e de maneira colectiva coas instalacións do mesmo tipo xa existentes. Os principais efectos sinérxicos non só se poden desenvolver sobre a paisaxe e a avifauna, como indica a mercantil promotora, senón tamén e ante todo, para a poboación dos núcleos implicados e directamente afectados. Se o impacto acústico era xa severo para os núcleos poboacionais sinalados anteriormente, ao ter en conta os numerosos parques eólicos proxectados e en funcionamento, os efectos e impactos acumúlanse e sobredimensiónanse considerablemente e multiplicando o risco de colisión da avifauna. E isto non está correctamente avaliado en detalle. Ao anterior hai que engadir as liñas de alta tensión e de evacuación previstas e en funcionamento.

Cal vai a ser o impacto paisaxístico global e acumulado?

  • Proxecto eólico Sancosmeiro que afecta aos municipios de Outes e Mazaricos, con 8 aeroxeneradores e 36 MW, a 4.332 metros.
  • Proxecto eólico Alvite I que afecta aos municipios de Mazaricos e Negreira, con 12 aeroxeneradores e 41, 4 MW de potencia instalada a 2.925 metros.
  • Proxecto eólico Alvite II que afecta aos municipios de Mazaricos, Negreira e Santa Comba  con 6 aeroxeneradores e 27 MW de potencia instalada, ubicado a 4.967 metros.
  • Ao oeste do parque proxectado xa existe outro parque en funcionamento, o parque eólico Serra de Outes a tan só 938 metros do proxecto eólico Banzas.
  • Proxecto eólico Outes, en tramitación, a 1.836 metros.
  • Proxecto eólico A Picota, en tramitación, a 2.964 metros.
  • Proxecto eólico Corzán, en explotación, a 2.972 metros.
  • Ao anterior hai que engadir as Liñas de Alta Tensión previstas para cada un dos parques.
Distancias a outros parques en explotación ou en tramitación

Impacto arqueolóxico moi severo e incompatible

O elemento patrimonial GA15056090, A Mina dá Lagoa, en cuxo ámbito de protección subsidiario atópase a SET do parque eólico. A situación da SET invade parcialmente o sector SE de  cautela, situándose a uns 100 metros ao SE do elemento. É importante lembrar que o criterio actual da DXPC é non permitir obras que provoquen novas afeccións dentro das cautelas dos xacementos arqueolóxicos.

Impacto moi severo sobre o patrimonio

É preciso afastar calquer elemento do parque eólico fóra da área de cautela dos bens arqueolóxicos e buscar por tanto outras alternativas, dada a súa incompatibilidade.

A mámoa 1 do Prado de Banzas, catalogada como GA15062017, resulta moi afectada polo proxecto. O mesmo sucede coa Mámoa 2 de Prado de Banzas, GA15062032, pertencente ao concello de Outes. O mesmo sucede coa Mámoa 3 do Prado de Banzas, GA15062033. Ambas as dúas quedan á beira dos aeroxeneradores, na parroquia de San Ourente de Entís.

O proxecto ten un impacto severo sobre o Petrógligo 01, o Túmulo REF02, a Cruz 01 e o TOP01 Cotón das Murallas.

Dado o impacto moi severo que o proxecto eólico supón para o patrimonio cultural e arqueolóxico mencionado debérase de buscar outras alternativas para ós aeroxeneradores. Tampouco se comprende como tendo o parque proxectado unha poligonal tan ampla, se teñan que ubicar os aeroxeneradores precisamente á beira destes bens patrimoniais. Isto resulta incomprensible e inaceptable.

Impacto paisaxístico severo sobre o Mirador Monte do Cotro

Como consecuencia da morfoloxía do territorio, existen puntos altos que ofrecen vistas panorámicas. O mirador máis próximo ao parque é o Mirador Monte do Cotro, que se atopa entre os aeroxeneradores BZ8 e BZ9, sobre dos 200 m e 270 metros de distancia respectivamente. Dada a importancia deste mirador desde o que se observa a desembocadura do río Tambre na ría de Muros –Noia, o impacto paisaxístico resultante é severo.

Por outra banda, atópase unha estrutura defensiva en forma de torre de planta rectangular. Este elemento situaríase a 2.400 metros do aeroxenerador máis próximo, o BZ9, polo que cumpriría que a promotora completara o impacto visual do proxecto eólico sobre este ben patrimonial.

Como queira que a valoración da presenza dun parque eólico na paisaxe é en boa medida subxectiva, sendo un impacto sobre o medio inherentemente asociado á súa existencia, non sendo posible formular medidas que o eliminen totalmente, as comunidades locais afectadas teñen o dereito a dicidir se lles afecta ou non visualmente o proxecto eólico, polo que a empresa promotora debe realizar unha enquisa ou consulta popular á veciñanza afectada sobre a disposición desta a aceptar ou non o impacto visual derivado das instalacións do proxecto eólico Banzas, sobre todo se temos en conta que a planficación eólica prevista no Plan Sectorial Eólico de Galicia resulta caduca,  obsoleta e non democrática, ao non incorporar a normativa da Paisaxe nin permitir a participación pública na súa elaboración.

É importante destacar que o proceso de avaliación ambiental debe incorporarse canto antes ao proceso de deseño dun plan sectorial. Desta forma asegúrase que as valoracións ambientais realizadas teranse en conta no proceso de toma de decisións, o cal conlevará que o deseño final sexa o que menor agresión ocasione ao medio ambiente. Pois ben, no referido ao Plan Sectorial Eólico de Galicia, este non contou no momento da súa aprobación nin da súa modificación posterior, coa normativa das Paisaxes nin a necesaria participación pública, polo que a planificación realizada peta coa realidade dos espazos escollidos e planificados, o que dá lugar como é o presente caso, a graves afeccións ambientais, paisaxísticas e patrimoniais e como non, a consecuencia máis grave é que existan núcleos habitados afectados directamente por tres ou dous aeroxeneradores. A isto hai que engadirlle que non se indica nada respecto ás distancias ás casas illadas.

Conclusións:

É inadmisible o cúmulo de impactos severos que o proxecto do parque eólico Banzas prevé na área da súa influencia. Ningún ser humano merece vivir e desarrollarse na área de influencia de tantos parques eólicos e exposto aos impactos acústicos e paisaxísticos de todos eles. En calquer caso, a veciñanza afectada debe ser consultada sobre a aceptación ou non deste proxecto, que pode marcar un antes e un despois nas súas vidas, tendo en conta ademais que o proxecto non prevé retorno social algún que vaia a mellorar a vida das poboacións afectadas. Polo tanto, a empresa debe consultar á veciñanza de Outes, Mazaricos e Negreira para coñecer se contan ou non coa necesaria licencia social para un proxecto tan agresivo coa entorna na que desarrollan as súas vidas.

A desaparición das antigas vías pecuarias. Vulneración da normativa sobre vías pecuarias

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s