A ninguén se lle escapa que o que está a pasar na antiga mina de Touro non é normal. Faga o que faga, parece que Cobre San Rafael é como James Bond, un axente sicario ao servizo do poder, con “licencia para matar” e que nunca se despeitea.
A bacía mineira de Touro, unha antiga braña regada por varios cauces como todas as brañas galegas, amosa “incumplimientos en cuanto a las concentraciones de sulfatos, Fe disuelto, Manganeso, Aluminio, Boro, Níquel, Mercurio y Zinc” derivados de anos e anos de explotación mineira e posterior abandono totalmente irresponsable e unha manchea de incumprimentos normativos en canto á restauración. As augas contaminadas procedentes da mina espalláronse polos regos Brandelos, Pucheiras, Felisa, Portapego e Rozas, descarregando polo Lañas e Brandelos ao Ulla. Como consecuencia, “Los arroyos del entorno quedaron desprovistos de los organismos acuáticos naturales (peces, insectos, anfibios,…) y se perdieron las cualidades necesarias para su uso en: cría de peces, baño, riego o potabilización”.
Sen embargo, a pesar de que a mercantil recoñece todos estos feitos e asume todas as responsabilidades, lonxe de pasarlle algo (o normal sería que a propia Xunta de Galicia lle esixira responsabilidades penais e previa execución da garantía económica, procedera sen demora á restauración subsidiaria dos espazos degradados antes de que os sulfuros chegaran ao río Ulla e aos bancos marisqueiros do litoral), aquí o que se concibe é unha operación propia da mafia siciliana, onde a Cobre San Rafael se lle autoriza nin máis nin menos que a crear unha nova balsa mineira de lamas tóxicas.

O James Bond nunca morre
O 25 de agosto de 2017 publicábase no DOG a Resolución do 18 de agosto de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se sometía a información pública a actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael número 2946, sita nos concellos de Touro e O Pino (A Coruña), promovido pola sociedade Cobre San Rafael, S.L.
O 7 de febreiro de 2020 publicábase no DOG o anuncio do 29 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se facía pública a declaración de impacto ambiental desfavorable da actualización do proxecto de explotación da C.E. San Rafael 2946, concellos do Pino e Touro (A Coruña), promovido por Cobre San Rafael, S.L. (clave 2017/0084).
Quedaba así frustrado o trámite ambiental preceptivo e determinante que permitiría a reactivación do proxecto mineiro de Touro – O Pino, pero como sabemos que James Bond nunca morre, asistimos unha vez máis como convidados de pedra a un novo acontecemento que neste caso sí fructificaría, e todo elo posiblemente coa finalidade de eximir á mercantil de calquer tipo de responsabilidade.
En data 19/11/2018, Explotaciones Gallegas S.L. ou Cobre San Rafael presenta no rexistro da Xunta de Galicia o documento denominado “Proxecto de drenaje temporal de la mina de Touro”.
A empresa achegou o proxecto ó Servizo de Enerxía e Minas en data 4 de outubro de 2018 e foi aprobado por resolución do 6 de novembro de 2018, sin documento ambiental nin a preceptiva exposición pública para garantir a parcipación da cidadanía.
Na resolución sinálase como condición que, co propósito de coordinar competencias e actuacións, se lle debe remitir copia do proxecto e da autorización aos órganos competentes en materia das augas continentais, polo que Explotaciones Gallegas S.L. remite a Augas de Galicia copia do proxecto. Á vista de que parte das actuacións se realizarían en zona de policía de leitos iniciase o presente expediente de autorización de obras.
O 21/01/2019 publicábase no BOP da Coruña o anuncio de Augas de Galicia polo que Explotaciones Gallegas, S.L. lle solicitaba a autorización de obras nos T.M. de Touro e O Pino (A Coruña) para o “Proxecto de drenaxe temporal da Mina de Touro” situada entre os concellos de O Pino e Touro. O propio anuncio indicaba que “proxecto ten carácter temporal, estando pendente de que se presente e aprobe o proxecto de drenaxe da explotación no seu conxunto”.
Con data de 28/10/2020 a Dirección de Augas de Galicia dita Resolución aprobando as obras.
Así que en breve, porque a cimentación xurídica (que non quere dicir ética nin legal) xa está construída, asistiremos a execución dunha serie de obras que rematarán co enchido do oco mineiro de Vieiro coas augas sulfurosas dos regos Portapego, Felisa e Angumil (ou Rozas).

O nacemento dun desastre ambiental anunciado
Ao igual que fixo sempre, Cobre San Rafael ou Explotaciones Gallegas continua na súa liña habitual, e se ben asume que todos os impactos e a contaminación das augas superficiais e soterradas debéronse “a la ausencia de medidas protectoras, correctoras y mejores técnicas disponibles” e á “no ejecución de actuaciones de restauración y clausura”, non fai propósito de enmenda e fía unha vez máis a saúde da veciñanza de Touro- O Pino e o equilibrio dos ecosistemas fluviais dos cauces da entorna e do río Ulla ao desvío dunha lameira hiperácida ateigada de metais pesados ao oco de Vieiro. Así pois o oco de Vieiro recollerá durante alomenos 6 meses augas envelenadas e un enorme pasivo ambiental, que ao estar ubidado sobre unha braña húmida regada por numerosos cauces (zona inundable), acabará rebordando e será un Monte Neme II anunciado xa con moita antelación, a suficiente para que os políticos responsables o evitaran, polas distintas entidades ecoloxistas de Galicia e a propia veciñanza de Touro –O Pino.
Indícase na Resolución da Dirección de Augas de Galicia de data de 28/10/2020 (Clave: DH.W15.64849. Expediente: Solicitude de autorización para as obras do “Proyecto de Drenaje Temporal de la mina de Touro”, nos tt.mm. de Touro e O Pino (A Coruña)” que:
“A obra efectivamente formúlase para un horizonte temporal curto e dende o Servizo de Enerxía e Minas requiriuse para a presentación do proxecto definitivo. A presente solución temporal presenta a vantaxe de evitar o aporte directo dos efluentes ás bacías dos río Felisa, Portapego e Rego das Rozas, optando pola acumulación do devandito caudal mais diluído no oco mineiro”.
O recheo do oco de Vieiro con augas ácedas de mina, non é nin máis nin menos que crear unha nova balsa mineira de augas tóxicas, que posteriormente se rexistrará no inventario correspondente e co trascurso do prazo consolidarase como unha balsa problemática máis, das que tantas existen en Galicia.
Esta solución é ilegal. A solución é tan ineficaz que a reixección dos bombeos o que fai é trasladar os problemas de contaminación ao oco de Vieiro e logo á bacía do río Pucheiras, polo que en absoluto se solucionan os problemas de contaminación. Ademais o horizonte temporal de 6,8 meses de duración do bombeo é ilusorio, xa que os cauces que se desvían (ou eliminan ou alteran substancialmente) en tal operación chegará un momento, máis cedo que tarde, que dé lugar ao rebordamento da nova balsa de Vieiro, ademais do conseguinte dano ambiental sobre os recursos hídricos da braña na que se realizan as actuacións proxectadas.
As balsas mineiras en Galicia, unha problemática ambiental que xa non se disimula
A información dispoñible sobre vertedoiros e balsas figuran no Inventario Nacional de Vertedoiros e Balsas, elaborado en 1983 e 1989, polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME), actualizado no referente ás balsas, en 2002. No referente ao seu volume, os máis de 325 millóns de metros cúbicos corresponden na súa maioría a Andalucía (47,1%), Galicia (14,8%) e Cantabria (12,2%). Moitos destes emprazamentos e a súa contorna están contaminados por drenaxes ácedas de minas consecuencia dos sulfuros presentes nos minerais metálicos.
Augas de Galicia non debera, coa súa actuación irregular, converterse EN CÓMPLICE e axudar a agrandar a problemática ambiental existente coas balsas mineiras aquí en Galicia.
A drenaxe áceda dos cauces de Touro debe ser debidamente tratada en prantas de tratamento de drenaxe áceda, antes de ser reinxectadas a oco mineiro algún. E por tanto, tampouco se debe desviar, alterar substancialmente ou eliminar cauce algún, como se está a realizar incomprensiblemente neste caso e de maneira espúrea e ilegal.
A Lei de Minas, de forma precursora, áchase imbuída dunha filosofía protectora do medio ambiente, cuxo thelos é que a obtención e o beneficio dun recurso natural, como son os recursos mineiros, só debe comprometer na menor contía posible a afectación ao medio ambiente. Ademais, actualmente existen numerosas tecnoloxías de aplicación na práctica mineira que permiten a rehabilitación dos terreos afectados pola actividade mineira (degradados e contaminados), mellorando incluso as condicións iniciais para o seu uso. A necesidade de gardar o preciso equilibrio entre a obtención de recursos naturais e a práctica de tecnoloxías de rehabilitación de contornas obriga ao estudo particular de cada caso, con obxecto de ponderar as numerosas e moi diversas circunstancias que concorren en cada explotación e os requirimentos que se derivan das características da súa contorna natural, variables dun lugar a outro.
O punto de partida de todas estas formulacións atopámolo no artigo 5.3 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de Minas, segundo o cal o Ministerio de Industria realizará os estudos oportunos para fixar as condicións de protección do medio ambiente, que serán imperativas no aproveitamento do conxunto dos recursos minerais que son obxecto da Lei de Minas.
A incorporación ao ordenamento interno español da Directiva 2006/21/CE, sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas, pretende unificar e mellorar as disposicións relativas á protección do medio ambiente no ámbito da investigación e aproveitamento dos recursos minerais regulado pola Lei de Minas.
Neste sentido, é preciso lembrar que o Real Decreto 2994/1982, do 15 de outubro, regula a restauración de espazos naturais afectados polas actividades mineiras e incorpora no seu articulado a necesidade de realizar un proxecto de almacenamento dos residuos que fosen ser xerados polas devanditas actividades. Ademais, o capítulo VIII do Regulamento Xeral de Normas Básicas de Seguridade Mineira, aprobado por Real Decreto 863/1985, do 2 de abril, establece nos artigos 118 e 119 que os vertedoiros, os depósitos de residuos, balsas e diques de estériles, calquera que fose a súa procedencia, estableceranse de acordo cun proxecto debidamente aprobado que considere a súa estabilidade temporal e definitiva. Para a elaboración deste proxecto precísase da preceptiva avaliación ambiental favorable e vinculante e da imprescindible participación pública. O que non se fixo no caso que nos ocupa.

A Directiva 2006/21/CE esixe a rehabilitación das zonas onde se situaron as instalacións de residuos mineiros, do mesmo xeito que a lexislación mineira española preexistente e a actual.
Finalmente, garantiuse que, de acordo coa Convención das Nacións Unidas sobre o acceso á información, a participación pública na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente, do 25 de xuño de 1998 (Convención de Aarhus), o público sexa informado de toda solicitude de autorización de plan de restauración que inclúe o plan de xestión de residuos e que o público interesado sexa consultado previamente á concesión dunha autorización do plan de restauración.
Por outra banda, os residuos mineiros colocados nos ocos das explotacións son para a súa rehabilitación ou con fins de construción relacionados coas actividades de aproveitamento do recurso mineiro, como a construción ou o mantemento de ocos para o acceso de maquinaria, ramplas de transporte, canles perimetrais, barreiras de seguridade ou muros de sostemento tamén teñen que someterse a determinados requisitos para protexer as augas superficiais e subterráneas, asegurar a estabilidade dos devanditos residuos e garantir un seguimento adecuado con posterioridade ao cesamento das devanditas actividades.
No caso da mina de Touro NON SE CUMPRE NINGÚN DOS OBXECTIVOS PREVISTOS na propia normativa mineira, que fala expresamente de REHABILITACIÓN OU CON FINS DE APROVEITAMENTO DO RECURSO MINEIRO, e non con outros fins espúreos como é o caso, que é nin máis nin menos, que dárlle continuidade á problemática ambiental da drenaxe áceda derivada da presencia de SULFUROS NOS CAUCES E NA ENTORNA DA MINA DE TOURO -O PINO.
As entidades explotadoras das industrias extractivas deberán aplicar as mellores técnicas dispoñibles de seguimento e control da xestión para previr a contaminación da auga e o chan e identificar calquera efecto adverso que as súas instalacións de residuos mineiros poidan ter sobre o medio ambiente e a saúde das persoas. Ademais, co fin de reducir ao mínimo a contaminación da auga, a vertedura de residuos en calquera masa de auga debe efectuarse de acordo coas disposicións da Lei de Augas.
Os ocos de explotación enchidos con residuos mineiros tras o aproveitamento do mineral REALÍZANSE POR TANTO CON FINS DE REHABILITACIÓN OU DE CONSTRUCIÓN PARA O APROVEITAMENTO MINEIRO, E NON PARA CREAR UNHA NOVA BALSA TÓXICA.

É preciso lembrar e insistir en que o procedemento de actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael número 2946, sita nos concellos de Touro e O Pino (A Coruña), promovido pola sociedade Cobre San Rafael, S.L, NON CONTA CON AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL FAVORABLE. Polo tanto, non existe plan de restauración ambiental algún no que se incardine o “Proxecto de drenaje temporal de la mina de Touro”.
Así o corrobora o ANUNCIO do 29 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da actualización do proxecto de explotación da C.E. San Rafael 2946, concellos do Pino e Touro (A Coruña), promovido por Cobre San Rafael, S.L. (clave 2017/0084) (DOG Núm. 26. Venres, 7 de febreiro de 2020).
Políticas clientelares, políticos ignorantes, funcionarios corruptos e un Fiscal de Medio Ambiente que durante anos e anos mirou a outra parte
A execución da resolución de Augas de Galicia podería causar ao medio natural e aos recurso hídricos danos de imposible ou difícil reparación, dado que non existe un Plan de Restauración definitivo aprobado nin que dispoña dunha preceptiva avaliación ambiental favorable no que se poida incardinar a solución temporal das obras do Proxecto de Drenaxe Temporal da mina de Touro.
Augas de Galicia debera suspender sen demora a execución da drenaxe temporal, ante a falla de viabilidade AMBIENTAL das obras autorizadas. Por outra banda, ao non preverse a instalación de plantas de tratamento das augas sulfurosas ou drenaxes ácedas de mina, na praxe o que se está a autorizar por parte de Augas de Galicia é o nacemento dunha nova balsa de augas tóxicas no oco de Vieiro, unha nova balsa mineira á que en breve haberá que engadir toda a problemática ambiental e as consecuencias que de aquí se van a derivar, como xa ocorre coas balsas mineiras do Monte Neme, en Carballo; as balsas mineiras de San Finx, en Lousame; as balsas mineiras de Varilongo, en Santa Comba…etc.
Hai que esixir á Dirección de Augas de Galicia unha actuación seria, rigorosa e resposable neste tema e dado que as obras se realizan na zona de policía de leitos, esixa á mercantil promotora a restauración desta e a instalación de plantas de tratamento de drenaxes ácedas e sulfurosas sin mermar o caudal, nin por suposto desviar nin eliminar os tres cauces afectados, xa que logo, ten que ser consciente que estamos a falar dunha braña que constitúe un val fluvial ao estar regada por varios cauces. Cómpre ter en conta que neste caso non só se trata de drenar as augas sulfurosas, senón que se reinxectan estas cara un oco mineiro, que segundo a normativa mineira debera ser rehabilitado, e non empregado para crear outra balsa mineira de augas tóxicas.
Non é casualidade que este tipo de cousas ocorran por pura casualidade. Resulta moi chamativo que “James Bond” ande por aí a realizar falcatruadas unha tras outra e saia indemne. Jamen Bond sempre mata, mata ao malo ou mata ao seu sicario, cústalle unha fortuna a Coroa, sempre gaña e sae con total impunidade. E non lle pasa nada porque é unha personaxe ficticia. Sen embargo, Cobre San Rafael ou Explotaciones Gallegas non o é.
Isto só se pode entender no contexto dun intercambio extraoficial de favores, no cal os titulares de cargos políticos regulan a concesión de prestacións, obtidas a través da súa función pública ou de contactos relacionados con ela, a cambio de apoio electoral, beneficios persoais ou familiares. Pode ser que consigan escapar da xustiza e da lei humana pero é imposible facelo da Lei Natural. Tempo ao tempo…
Parabens polo traballo
Me gustaLe gusta a 1 persona