Galería

Por que adoecen de vicio de nulidade as autorizacións administrativas das canteiras de Budiño?

Antecedentes do proxecto de explotación e de autorización do plan de restauración “Eidos” número Nº 2342.2 (PO/C/02342.2). Promotor: David Fernández Grande SL

Mediante Resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra dá Consellería de Economía, Emprego e Industria ditábase á aprobación do proxecto de explotación e de autorización do plan de restauración do arrendamento parcial “Eidos” Nº 2342.2 (PO/C/02342.2), situado no termo municipal do Porriño (Pontevedra).

Nesta resolución indicábase expresamente que o proxecto de explotación implicaba unha Afección ao barrio Eidos-Vitureira, por atoparse a menos de 100 m do límite da explotación, con afección ambiental e á saúde da poboación e construcións, debido ao po, ruído, caída de pedras, vibracións e gretas nas vivendas, derivados da actividade extractiva. A medida correctora proposta para evitar afeccións, de creación dunha barreira vexetal de “pinus pinaster”, non se considera viable, nin técnica nin ambientalmente. Imprescindible a elaboración dun estudo de impacto ambiental que permita deseñar un programa de vixilancia ambiental que vele pola saúde e seguridade dos veciños”.

Sen embargo, o 23/11/2020 a Xefatura territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación acordaba a non incoación de expediente sancionador IN 635 C 2020/125 -4, a raíz dunha denuncia formulada con data 18 de outubro 17 e 19 novembro de 2020, pola Asociación de Afectados polas Canteiras de Budiño (AAFECABU) por danos causados polos impactos das canteiras de granito rosa en Porriño, ao atribuír á competencia municipal a contaminación acústica ou ruidos derivados da mesma.

Neste acordo de non incoación de expediente sancionador IN 635 C 2020/125 -4, a Xefatura Territorial indicaba expresamente no parágrafo segundo:

“Hai que ter en conta que no caso destas explotacións, a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, non é o órgano substantivo xa que pola súa antigüidade, non se realizou avaliación ambiental e polo tanto non hai unha declaración de efectos ambientais ou de impacto ambiental que nos nome como órgano substantivo; polo tanto sería de aplicación no seu momento o Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas, de competencia municipal”.

No tocante ao proxecto de restauración indicábase literalmente:

“Non se inclúe un programa de seguimento da creación do lago que garanta o seu funcionamento a longo prazo, nin se valora o impacto do lago no entorno, especialmente en relación ao impacto na ZEC Gándaras de Budiño, espazo que sofre historicamente o impacto da actividade industrial do Val da Louriña, entre eles o das explotacións de granito. Un dos principais impactos é a colmatación da lagoa polos sólidos arrastrados desde as balsas de decantación da explotación sen tratar, resultando estas ineficientes dado que é habitual observar en época de maiores precipitacións a auga altamente saturada discorrendo en dirección á zona protexida, así o demostra a sanción imposta pola Confederación Hidrográfica del Miño-Sil no ano 2013, entre outros, a David Fernández Grande SL por non cumprir os parámetros de vertido”.

No tocante á necesidade de Avaliación ambiental dos proxectos expresábase textualmente:

“Tanto o proxecto de explotación como o plan de restauración deben ser sometidos á avaliación de impacto ambiental ordinaria”.

E polo que respecta ao deseño da restauración e avaliación do impacto indicábase literalmente:

“O deseño da restauración e avaliación do impacto ambiental deste proxecto debe realizarse de forma integral e desde unha perspectiva ecosistémica cos das concesións “Forna” nº 2342 e “Benedicta” nº 1544, en trámite”.

Por oficio de 20 de novembro de 2018 a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental informa que o plan de restauración da explotación “Eidos” nº 2342.2 (PO/C/02342.2) procede sometelo ao trámite de avaliación de impacto ambiental simplificada, dado que no proxecto consta que se empregarán materiais procedentes de obras de escavación, para levar a cabo o suavizado dos taludes, sendo a superficie superior a 1 ha, polo que resulta de aplicación o punto c, grupo 9, do anexo II da Lei 21/2013, de 09 de decembro, de avaliación ambiental, o que se pon en coñecemento da sociedade David Fernández Grande SL o 28 de novembro de 2018.

O órgano ambiental competente obvia a avaliación de impacto ambiental ordinaria,  pese aos efectos sinérxicos e acumulados das tres explotacións sobre a Rede Natura, ZEC ES1140011 Gándaras de Budiño. É máis, non só obvia a avaliación ambiental ordinaria, senón que ademais fragmenta os tres proxectos para eludir a avaliación integral dos seus impactos desde unha perspectiva ecosistémica.

Indica ademais o órgano ambiental, isto é, o órgano competente da Avaliación Ambiental en relación ás Augas da explotación:

“2.1.- Dado que principalmente prevese un impacto ambiental relacionado coa lixiviación e a escorrenta nas tarefas de extracción, transporte e de recheo durante a restauración, será necesario crear un sistema de canalizacións perimétricas cunha profundidade adecuada para evitar arrastres e a afección aos ecosistemas  fluviais máis próximos, debendo de asegurar que os sólidos en suspensión son recollidos nas balsas de decantación.

Se realizarán controis e baleirados periódicos das balsas, e da calidade das augas dos regos que verten ao rio Louro, para evitar afeccións á zona especial de protección “ZEC Gándaras de Budiño” espazo incluido na Rede natura 2000”.

Pois ben, ante a posibilidade de que os baleirados das balsas, as lixiviacións e as escorrentas puideran afectar á calidade das augas dos regos que verte nao río Louro e coa finalidade de evitar afeccións á Rede Natura, debérase realizar non só unha Avaliación de Impacto Ambiental ordinaria, senón tamén que debérase informar sobre das Repercusións dos proxectos sobre a Rede Natura, tal e como esixe a protección ambiental reforzada da Directiva 92/43/CEE do Consello, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. O artigo 6.2 da Directiva 92/43/CEE estipula que os Estados membros adoptarán as medidas apropiadas para evitar, nas zonas especiais de conservación, a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats de especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivasen a designación das zonas, na medida en que ditas alteracións poidan ter un efecto apreciable no que respecta a os obxectivos da presente Directiva.

O feito de que as canteiras levaran tempo funcionando non é impedimento para a realización dun Informe sobre as Repercusións do proxecto de explotación e do plan de restauración sobre a Rede Natura.

Sen embargo e a pesar da obriga legal e imperativa de conservación dos espazos da Rede Natura, o órgano con competencias en materia de medio ambiente da Xunta de Galicia formula o Informe de impacto ambiental sobre o proxecto de restauración da explotación mineira “Eidos Nº 2342.2”, concello do Porriño (Pontevedra), promovido por David Fernández s.l. (clave: 2018/0221), obviando calquer referencia ao proxecto de explotación mineira. É dicir, só se formula o Informe de Impacto Ambiental con respecto ao Plan de restauración, e non con respecto ao Proxecto de Explotación.

Así se recolle no informe citado que indica literalmente:

“De acordo co anterior e no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 42/2019, de 28 de marzo, RESOLVO formular o informe de impacto ambiental do proxecto de restauración da explotación mineira Eidos 2342.2, en cumprimento do disposto no artigo 47 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental”.

Antecedentes do proxecto de explotación e de autorización do plan de restauración “Forna” Nº 2342 (PO/C/02342). Promotor: Marcelino Martínez Galicia SL

Mediante Resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra dá Consellería de Economía, Emprego e Industria ditábase á aprobación do proxecto de explotación e de autorización do plan de restauración da concesión de explotación “Forna” nº 2342 (PO/C/02342), situada no termo municipal do Porriño (Pontevedra).

No proxecto de explotación da concesión “Forna” indicábase expresamente:

“Non se inclúe a afección ao barrio Eidos-Vitureira, lindante á explotación, a distancias inferiores a 300 m. Só nun apartado se asume que hai vivendas próximas pero non inclúen medidas de control para garantir que se cumpre as condicións impostas pola Administración, ou se estas medidas son suficientes”.

No tocante á afección ambiental e á saúde da poboación expresábase:

“Afección ambiental e á saúde da poboación e construcións debido ao po, ruído, caída de pedras, vibracións e gretas nas vivendas, derivadas da actividade extractiva, polo que se considera imprescindible a elaboración dun estudo de impacto ambiental que permita deseñar un Programa de Vixilancia Ambiental que vele pola saúde e seguridade dos veciños”.

En relación ao Proxecto de restauración señalábase literalmente no referido á creación dun lago para a rehabilitación:

“A instalación dun sistema de bombeo mediante un kit de bombeo solar para o control do nivel do lago sen un programa de mantemento non garante o seu funcionamento a longo prazo.

Non se inclúe estudo hidrolóxico que permita valorar o impacto do lago no entorno directo e indirectamente, especialmente en relación ao impacto na ZEC Gándaras de Budiño, espazo que sofre historicamente o impacto da actividade industrial do Val da Louriña, entre eles o das explotacións de granito. Un dos principais impactos é a colmatación da lagoa polos sólidos arrastrados desde as balsas de decantación da explotación sen tratar, resultando estas ineficientes dado que é habitual observar en época de maiores precipitacións a auga altamente saturada discorrendo en dirección á zona protexida. Así o demostra a sanción imposta pola Confederación Hidrográfica del Miño-Sil no ano 2013, entre outros, a Marcelino Martínez Galicia SL por non ter autorización de vertido, vertendo sen control algún mais de 40 anos. Entre outros motivos, este impacto obrigou ao Ministerio de Medio Ambiente en 2007 a aprobar un proxecto de restauración da lagoa e instalar medidas de control do aporte das augas cara ela procedentes do polígono e das canteiras”.

No tocante á avaliación ambiental dos proxectos indicábase que:

“Tanto o proxecto de explotación como o plan de restauración deben ser sometidos á avaliación de impacto ambiental ordinaria”.

E no relativa ao deseño da restauración e avaliación do impacto:

“O deseño da restauración e avaliación do impacto ambiental deste proxecto debe realizarse de forma integral e desde unha perspectiva ecosistémica cos das concesións “Eidos” nº 2342.2 e “Benedicta” nº 1544, en trámite”.

Sen embargo, o 5 de novembro de 2018 emítese pola Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental informe da actualización do proxecto de explotación e plan de restauración da concesión “Forna” nº 2342 (PO/C/02342), no que se indicaba:

“(….) dado que as actuacións previstas no plan de restauración non se atopan recollidas entre os supostos que figuran nos anexos da Lei 21/2013, de 09 de decembro, de avaliación ambiental, comunícaselle que non resulta necesaria a tramitación dunha declaración de impacto ambiental”.

É dicir, óbvianse por parte deste órgano ambiental todos os impactos acumulados e sinérxicos que se puideran derivar de todos os proxectos, non se someten a avaliación ambiental ordinaria nin simplificada, e non se considera en absoluto necesario formular a tramitación dunha declaración de impacto ambiental con respecto ao Plan de restauración, omitíndose calquer referencia a se era precisa ou non tal tramitación con respecto ao proxecto de explotación.

O feito de que as canteiras levaran tempo funcionando non é impedimento para a realización dun Informe sobre as Repercusións do proxecto de explotación e do plan de restauración sobre a Rede Natura, especialmente en relación ao impacto na ZEC Gándaras de Budiño, espazo que sofre historicamente o impacto da actividade industrial do Val da Louriña, entre eles o das explotacións de granito. E isto en cumprimento do establecido na actual normativa ambiental que deriva da aplicación da Directiva Directiva 92/43/CEE.

A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres establece expresamente no seu artigo 2.2:

 “As medidas que se adopten en virtude da presente Directiva terán como finalidade o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario”.

É evidente que o obxectivo dá Directiva  é a conservación ou  restablemento en  condicións favorables dos hábitats que tutela. En absoluto permite a  deterioración  destes, tal e como está a suceder cos impactos derivados das canteiras obxecto deste escrito.

Antecedentes do proxecto de explotación e de autorización do plan de restauración da concesión de explotación “Benedicta nº 1544”, concello do Porriño (Pontevedra), promovido por Porriñesa de Canteras s.a. (Pocasa). 2018/0242.

En relación á concesión de explotación “Benedicta nº 1544” formúlase polo órgano ambiental da Xunta de Galicia, Informe de Impacto ambeintal sobre o proxecto de restauración integral, nos seguintes termos:

“De acordo coa avaliación ambiental practicada segundo a Sección 2ª do Capítulo II, Título II, da Ley 21/2013 e coa análise realizada de acordo cos criterios do seu Anexo III, non é previsible que o proxecto vaia producir efectos significativos sobre o medio ambiente, polo que non se considera necesaria a tramitación prevista na Sección 1a do Capítulo II, Título II da Ley de evaluación ambiental.

RESOLVE formular o informe de impacto ambiental do proxecto de restauración integral da concesión de explotación Benedicta 1544, en cumprimento do disposto no artigo 47 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental”.

Establece o órgano ambiental no referido ás características do potencial impacto:

“Dado que o proxecto consiste na restauración de diversas explotacións, resultando adecuado para minimizar os impactos producidos polas labores mineiras posto que se orienta á recuperación da topografía orixinal; que a actuación prevista non afecta a ningún espazo protexido ou lugar singular (o espazo natural protexido mais próximo e a zona de especial conservación (ZEC) “Gándaras de Budiño”, a unha distancia duns 400 m, alén do polígono e de diferentes infraestruturas viarias),…”.

Zec Gándaras de Budiño

No relativo ás Augas indícase literalmente:

2.2.- Dado que principalmente prevese un impacto ambiental relacionado coa lixiviación e a escorrenta nas tarefas de extracción, transporte e de recheo durante a restauración, será necesario crear un sistema de canalizacións perimétricas cunha profundidade adecuada para evitar arrastres e a afección aos ecosistemas fluviais máis próximos, debendo de asegurar que os sólidos en suspensión son recollidos nas balsas de decantación.

Se realizarán controis e baleirados periodicos das balsas de decantación e da calidade das augas dos regos que verten ao rio Tea, para evitar afeccions a zona especial de proteccion “Gandaras de Budino”.

Incumprimento da normativa ambiental e da protección da Rede Natura. Especial afección á ZEC Gándaras de Budiño

A avaliación adecuada das repercusións de proxectos sobre a Rede Natura 2000 é unha cuestión relevante, que ás veces «esquece» o órgano ambiental da Xunta de Galicia, en proxectos que afectan a espazos LIC/ZEC e ZEPA. Cando se  fala dá  Rede Natura, non  só trátase de realizar  unha  avaliación ambiental ordinaria  ou simplificada  do  proxecto,  senón que  hai que  engadir a  avaliación adecuada dás  repercusións de  proxectos sobre a  Rede Natura 2000.

A aplicación do principio de precaución aconsella que cando se aprecie que existe obxectivamente algunha “posibilidade” de afección sobre algún espazo RN2000, entón a avaliación de impacto ambiental ha de considerar e incluír a avaliación de repercusións sobre Rede Natura 2000, e coa información que se xere os órganos ambientais competentes poderán apreciar se os efectos avaliados son significativos ou non.

Hai que avaliar as repercusións do proxecto, ou do  macroproxecto funcional no caso de proxectos fraccionados. Se o proxecto ten varias alternativas, avaliáronse as repercusións de cada unha delas. A aplicación do primeiro parágrafo do artigo 46.4 da Lei 42/2007 e do artigo 6.4 da Directiva 92/43/CEE require que cando existan outros proxectos, plans ou programas que tamén poidan afectar os hábitats e especies obxecto de conservación no lugar de maneira acumulada ou  sinérxica co proxecto que é obxecto de avaliación, na avaliación e na posterior decisión sobre o proxecto sexan considerados os seus efectos acumulados ou  sinérxicos.

A apreciación da posibilidade de que un proxecto pode causar un prexuízo á integridade dalgún lugar  RN2000 corresponde ao órgano ambiental, e adoita ter lugar despois de que o seu estudo de impacto ambiental (procedemento ordinario) fose sometido a información pública e a consultas á administración xestora dos espazos RN2000 afectados e aos demais interesados, ou ben de que o documento ambiental (procedemento simplificado) fose sometido a consultas á devandita administración xestora e aos interesados.

O artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, establece a obrigación das Comunidades Autónomas de adoptar medidas específicas de conservación dos hábitats da Rede Natura 2000 e a necesidade de realizar unha adecuada avaliación das repercusións de calquera proxecto que poida supoñer unha deterioración do lugar, nos seguintes termos:

“4. Calquera plan, programa ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable aos citados lugares, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar, que se realizará de acordo coas normas que sexan de aplicación, de acordo co establecido na lexislación básica estatal e nas normas adicionais de protección ditadas polas Comunidades autónomas, tendo en conta os obxectivos de conservación do devandito lugar. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no lugar e supeditado ao disposto no apartado 5 deste artigo, os órganos competentes para aprobar ou autorizar os plans, programas ou proxectos só poderán manifestar a súa conformidade cos mesmos tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión e, se procede, tras sometelo a información pública”.

Resaltar que existe un punto de vertido dentro da Rede Natura 2000, no ZEC ES1140011 Gándaras de Budiño, tal e como fixo constar no seu día a Asociación de Afectados polas Canteiras de Budiño á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Que deberan realizar as persoas e veciñanza afectadas polas Canteiras de Budiño?

1.- Solicitar á Consellería de Industria dá Xunta de Galicia a revisión de oficio da autorización de explotación e do plan de restauración das explotacións mineiras “Eidos nº 2342.2” (PO/C/02342.2), explotación “Forna” Nº 2342 (PO/C/02342) e explotación “Benedicta 1544”,  no municipio do Porriño (Pontevedra), por incorrer en nulidade de pleno dereito ao abeiro dos artigos 47.1 e 106 da Lei 39/2015, de 1 de outubro. O feito de que as canteiras levaran tempo funcionando non é impedimento para a realización dun Informe sobre as Repercusións do proxecto de explotación e do plan de restauración sobre a Rede Natura, especialmente en relación ao impacto na ZEC Gándaras de Budiño, espazo que sofre historicamente o impacto da actividade industrial do Val da Louriña, entre eles o das explotacións de granito. E isto en cumprimento do establecido na actual normativa ambiental que deriva da aplicación da Directiva Directiva 92/43/CEE.

2.- Solicitar a adopción da medida cautelar consistente na suspensión das resolucións citadas (artigo 108), por causar prexuizos de imposible ou difícil reparación á ZEC ES1140011 Gándaras de Budiño, ao río Louro e ao barrio Eidos-Vitureira. A aplicación do principio de precaución aconsella que cando se aprecie que existe obxectivamente algunha “posibilidade” de afección sobre algún espazo RN2000, entón a avaliación de impacto ambiental ha de considerar e incluír a avaliación de repercusións sobre Rede Natura 2000, e coa información que se xere os órganos ambientais competentes poderán apreciar se os efectos avaliados son significativos ou non. No presente caso non se tivo en conta esta posibilidade dos efectos sobre a Rede Natura polo que cautelarmente, e en tanto en canto, non se avalíen estas repercusións sobre as Gándaras de Budiño debe suspenderse a eficacia das Resolucións que autorizan tanto os proxectos de explotación como de restauración das concesións “Eidos”, “Forna” e “Benedicta”.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s