Santa Leocadia está situada na parroquia mazaricá de Sta. Baia de Chacín e accédese a través da estrada provincial Outes-Dumbría. Ademais dunha pequena capela e unha gran chaira, a contorna ofrece a posibilidade de contemplar a impresionante fervenza que forma o río do mesmo nome, e que transcorre entre unha gran carballeira.
Sen embargo, hoxe chegaba unha mala nova en relación a este lugar… A tala de carballos.
Podianse talar os carballos de Santa Locaia? Non.
A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.no seu artigo 2 establece:
“1. A presente Directiva ten por obxecto contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros ao que se aplica o Tratado.
2. As medidas que se adopten en virtude da presente Directiva terán como finalidade o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario.
3. As medidas que se adopten conforme a presente Directiva terán en conta as esixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.
En Galicia non existe unha protección específica para este tipo de formacións e, ano tras ano, prodúcese a perda ou degradación de bosques antigos de gran valor ambiental e cultural. A case totalidade dos bosques nativos de Galicia correspóndese con hábitats de interese comunitario, a protección da cal, tanto dentro da Rede Natura 2000 como no resto do territorio, vén derivada, entre outras, polo artigo 45.3 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade. Pero esta protección así como a derivada doutras normativas autonómicas e estatais non resultan suficientemente efectivas para deter a perda de bosques nativos, especialmente de bosques de ribeira, carballeiras e bosques de encostas. Fóra da Rede defínense hábitats de interese comunitario non prioritario que deben ser protexidos, evitando os órganos competentes “a deterioración ou contaminación dos hábitats de interese comunitario, tanto prioritarios como non prioritarios”.
As carballeiras e os soutos son hábitats comunitarios non prioritarios (pero tamén sometidos a normas de protección que eviten a súa “deterioración”) que, segundo o Manual de Interpretación de los Hábitats de la Unión Europea (EUR-27 2007 e EUR-28 2013) e pola información técnica do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (2012), serían definidos como carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica (9230) así como Bosques de Castanea sativa (9260).
En relación cos tipos de hábitats de interese comunitario (non prioritarios) de carácter arbóreo indicados, é pois de aplicación todos os supostos que atendan a protexelos da súa “deterioración” (artigo 42.3 da Lei 42/2007).
Neste sentido, a afección de determinados proxectos industriais sobre os hábitats de carballeiras (9230) e soutos (9260), como poden ser as Liñas de Alta Tensión (LATs) ou as derivadas das infraestruturas eólicas dán orixe a unha afección moi grave sobre o estado de conservación destas masas, ao provocar a súa redución superficial, a súa fragmentación, alterando a estrutura e as funcións ecolóxicas dun bosque nativo. A alteración debe, ademais, considerarse como permanente xa que os protocolos de actuación establecidos para a vexetación que se desenvolve baixo as catenarias e a súa zona de protección non resultan compatibles co mantemento dun estado de conservación favorable do ecosistema boscoso.
Polo tanto, as carballeiras e os soutos deberan ser obxecto de conservación e restablecemento, debendo a Xunta de Galicia e as demais Administracións implicarse máis na súa protección. É incompatible coa conservación destas calquer proxecto industrial que provoque a súa redución superficial, a súa fragmentación, altere a súa estrutura ou as súas funcións ecolóxicas.