Asociacións ecoloxistas reclaman a avaliación ambiental estratéxica, participación pública e publicidade nas aprobacións dos Plans de caza, tanto para os Plans de ordenación cinexética e a súa renovación como para os plans anuais de aproveitamentos cinexéticos
En Galicia a planificación cinexética non conta coa participación pública nin coa preceptiva avaliación ambiental estratéxica dos impactos da actividade cinexética sobre dos ecosistemas e as familias que viven no rural. De conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e no artigo 46 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, de Patrimonio Natural e Biodiversidade, están sometidos a avaliación ambiental estratéxica ordinaria os plans e programas que requiran unha avaliación por afectar a espazos Rede Natura 2000 nos termos previstos na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade (artigo 46, puntos 3. e 4.).
Por outra banda, tamén se produce unha vulneración flagrante do Convenio de Aarhus asinado o 25 de xuño de 1998 na cidade danesa de Aarhus e que entrou en vigor o 30 de outubro de 2001. España ratificou o Convenio o 15 de decembro de 2004 e dous anos despois, en 2006, aprobou a Lei 27/2006, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, que aplica en España as disposicións do Convenio. Este Convenio no artigo 4 regula o “Acceso á información sobre o medio ambiente”, no artigo 5 a “Recollida e difusión de informacións sobre o medio ambiente” e no artigo 6 a “Participación do público nas decisións relativas a actividades específicas”. O artigo 7 regula a “Participación do público nos plans, programas e políticas relativos ao medio ambiente” e o artigo 8 refírese a “Participación do público durante a fase de elaboración de disposicións regulamentarias ou de instrumentos normativos xuridicamente obrigatorios de aplicación xeral”. O artigo 6.2 indica:
“Cando se inicie un proceso de toma de decisións respecto do medio ambiente, informarase o público interesado como conveña, de maneira eficaz e no momento oportuno, por medio de comunicación pública ou individualmente, segundo os casos, ao comezo do proceso”.
Os plans técnicos de caza son un instrumento de xestión aplicado a un determinado terreo, que ten por finalidade o seu aproveitamento cinexético de acordo co tamaño das poboacións obxecto de caza, tendo como prioridade a preservación e conservación dos hábitats, así como o mantemento do potencial biolóxico das especies no medio natural.
Sen embargo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural substrae estes documentos da participación pública e da avaliación ambiental, polo que o medio rural queda en mans do sector cinexético que só representa ao 1% da poboación e que enche o monte de especies cinexéticas comerciais que desequilibran os ecosistemas e a biodiversidade.

A ausencia da participación pública, a omisión da debida publicidade dos plans e das avaliacións ambientais xera un descontrol absoluto nos ecosistemas producindo un grave desequilibrio na súa conservación. O lobby da caza está a convertir os tecor en granxas intensivas. As familias que viven e habitan no rural sofren as consecuencias da ceiba descontrolada de animais.
Os cazadores converten o rural en auténticos campos de tiro sin orde nin control, que ameazan o equilibrio natural e a vida e o benestar dos habitantes das aldeas.
Ao non existir participación pública non existe posibilidade de facerse oír nin existe un programa de vixiancia ambiental que garanta a publicidade de indicadores como a non afección a zonas sensibles, número de reclamacións, número de partes de danos, partes de captura, cartografía e planos…etc.
Tanto os plans anuais de aproveitamento cinexético como os plans de ordenación cinexética e a súa renovación deberan contar con unha avaliación das súas repercusións sobre do medio natural. Hai que ter en conta que estes plans regulan os períodos hábiles de caza, as especies sobre as que se poderá exercer, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán o exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2020/21, que abarca o período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e o 31 de xullo do ano 2021. Os tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que teñan vixente o seu plan de ordenación cinexética deberán presentar o plan anual de aproveitamento cinexético ante a correspondente xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para o que deben presentar a correspondente solicitude de autorización.

A opacidade que rodea a todos estes instrumentos de planificación cinexética incomoda ás familias que viven no rural e á cidadanía, que quere facer uso do monte no seu tempo de lecer. A Xunta de Galicia omite, violando a lei e o Convenio de Aarhus a participación do público na toma de decisións cinexéticas que afectan a toda a cidadanía. Como ben di a Lei 13/2013, de 23 de decembro, de caza de Galicia no seu preámbulo, a caza constitúese como un dereito orixinario que corresponde a todas as persoas administradas, non sendo por tanto, un dereito exclusivo dos cazadores.
Falla de transparencia e opacidade absoluta na política de caza da Xunta de Galicia
Existe ademais unha falla de información e transparencia importantes en temas de caza. Así por exemplo, é moi difícil conseguir as actas dos distintos comités, é difícil acceder aos distintos plans de xestión das especies cinexéticas, aos calendarios dos campionatos de caza, hai plans de xestión que non están actualizados e outros, como os do xabaril, que pese a elaborarse non se chegaron a publicar no boletín oficial correspondente, polo que existe un descoñecemento xeneralizado tanto dos censos de especies cinexéticas como da xestión planficada desde a Consellería para cada unha delas.
Hai toda unha serie de procedementos que necesitan da autorización do órgano administrativo de caza e que nunca chegamos a coñecer o seu verdadeiro alcance ambiental, pese as implicacións importantes que estas autorizacións teñen sobre o medio ambiente e os recursos cinexéticos, que como xa dixemos corresponde a súa xestión a toda a cidadanía.
Así por exemplo, non existe publicidade sobre das aprobacións dos Plan anuais de aproveitamentos cinexéticos, tampouco sobre das aprobacións dos Plans de ordenación cinexética e a súa renovación, sobre das autorizacións de cazarías que se realizan baixo as modalidades de batida, montaría, espera e axexo; non existe tampouco publicidade sobre dos resultados cinexéticos das cazarías que se realizan baixo as modalidades de batida, montaría, espera e axexo; tampouco sobre das autorizacións concedidas para realizar xestión cinexética en vedados por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais; tampouco sobre das autorizacións outorgadas para cazar aves prexudiciais para a agricultura e a caza, sobre das autorizacións para realizar as competicións de caza e a publicación dos calendarios destas coa adecuada antelación, sobre das autorizacións para realizar batidas, montarías ou esperas en zonas libres de caza, sobre das autorizacións para realizar batidas ou montarías por danos ocasionados polas especies cinexéticas, sobre das autorizacións para realizar esperas e axexos por danos ocasionados polas especies cinexéticas, sobre das autorizacións para realizar soltas de especies cinexéticas no medio natural, sobre das autorizacións para a caza do paspallás (Coturnix coturnix), pombo torcaz (Columba palumbus) e rula común (Streptopelia turtur), sobre a cría á solta …., e un logo etcétera. Existe por tanto moita información en materia de caza, que ao abeiro da normativa vixente, debera ser de acceso público e garantirse a transparencia nestas cuestión; e que sen embargo non o é, pese a relevancia e repercusións ambientais desta.
A Xunta de Galicia aproba a Resolución anual de caza omitindo a participación pública na elaboración do regulamento
No DOG Núm. 108, do 4 de xuño de 2020 publicábase a Resolución da Consellería De Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 19 de maio de 2020 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2020/21. Na elaboración deste regulamento produciuse a vulneración flagrante do dereito de información pública e o dereito a participar na elaboración da norma ao abeiro da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
O artigo 41 da citada lei establece o procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral. Iniciado o procedemento, con carácter previo á elaboración do anteproxecto substanciarase unha consulta pública a través do Portal de Transparencia e Goberno Aberto ao obxecto de solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma sobre os seguintes extremos:
a) Os problemas que se pretenden solucionar coa norma.
b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación.
c) Os obxectivos da norma.
d) As posibles solucións alternativas, regulatorias e non regulatorias.
A consulta pública previa haberá de realizarse de tal forma que todos os potenciais destinatarios da norma teñan a posibilidade de emitir a súa opinión, para o que deberá proporcionarse un tempo suficiente, non inferior a quince días naturais. Por razóns de urxencia debidamente xustificadas no expediente, poderá acordarse un prazo inferior.
Ademais a Lei 13/2013, de 23 de decembro, de caza de Galicia recoñece no seu preámbulo que a caza constitúese como un dereito orixinario que corresponde a todos os administrados, non sendo por tanto, un dereito exclusivo dos cazadores.
Falla de transparencia en relación ás granxas cinexéticas
Existe un incremento descontrolado dos criadeiros cinexéticos dos que tampouco existe constancia dos controis administrativos. Non hai un rexistro oficial que contabilice cantas granxas cinexéticas hai. Un baleiro que permite a proliferación de granxas ilegais, que non cumpren os requisitos adecuados para producir e distribuír este tipo de animais. Por suposto, tampouco se avalían os impactos que a solta descontrolada destes animais produce sobre os hábitats e o equilibrio natural.