A boa parte das carballeiras e das masas forestais autóctonas que ainda poden quedar en Galicia, e que segundo a Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, deben ser obxecto de mantemento ou restablecemento, nun estado de conservación favorable (pero nunca de deterioración), están a desaparecer progresivamente ao abeiro da aplicación espúrea do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada da Lei 12/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, que, entre os proxectos que deben ser sometidos á avaliación simplificada, enumerados no seu anexo II, recolle os seguintes:
“Grupo 1. Agricultura, silvicultura, acuicultura e gandería
b) Forestacións segundo a definición do artigo 6.g) da Lei 42/2003, de 21 de novembro, de montes, que afecten a unha superficie superior a 50 ha e talas de masas forestais co propósito de cambiar a outro tipo de uso do solo”.
A citada Lei, 21/2013, no artigo 9, establece as seguintes obrigas xerais:
“Os plans e os programas incluídos no ámbito de aplicación desta lei deberán someterse a unha avaliación ambiental antes da súa adopción ou aprobación. Asemade, os proxectos incluídos no ámbito de aplicación desta lei que poidan ter efectos significativos no medio ambiente, en virtude, entre outras cousas, da súa natureza, dimensións ou localización, deberán someterse a unha avaliación antes da súa autorización, ou ben, se procede, no caso de proxectos, antes da presentación dunha declaración responsable ou dunha comunicación previa ás que se refire o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas”.
O artigo 45 da citada Lei, establece que dentro do procedemento substantivo de autorización do proxecto, o promotor presentará ante o órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial, unha solicitude inicio da avaliación de impacto ambiental simplificada, acompañada do documento ambiental.
Sen embargo a normativa citada fala expresamente de “…talas de masas forestais co propósito de cambiar a outro tipo de uso do solo”, pero non identifica as masas forestais ás que esta se refire. Esta indeterminación é aproveitada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, para incluír dentro destas masas forestais, ás masas autóctonas de carballeiras e soutos, expresamente e estrictamente protexidas pola Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.
A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, no seu artigo 2 establece:
“1. A presente Directiva ten por obxecto contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros ao que se aplica o Tratado.
2. As medidas que se adopten en virtude da presente Directiva terán como finalidade o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario.
3. As medidas que se adopten conforme a presente Directiva terán en conta as esixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.
En Galicia non existe unha protección específica para este tipo de formacións e, ano tras ano, prodúcese a perda ou degradación de bosques antigos de gran valor ambiental e cultural. A case totalidade dos bosques nativos de Galicia correspóndese con hábitats de interese comunitario, a protección da cal, tanto dentro da Rede Natura 2000 como no resto do territorio, vén derivada, entre outras, polo artigo 45.3 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade. Pero esta protección así como a derivada doutras normativas autonómicas e estatais non resultan suficientemente efectivas para deter a perda de bosques nativos, especialmente de bosques de ribeira, carballeiras e bosques de encostas. Fóra da Rede defínense hábitats de interese comunitario non prioritario que deben ser protexidos, evitando os órganos competentes “a deterioración ou contaminación dos hábitats de interese comunitario, tanto prioritarios como non prioritarios”.
As carballeiras e os soutos son hábitats comunitarios non prioritarios (pero tamén sometidos a normas de protección que eviten a súa “deterioración”) que, segundo o Manual de Interpretación de los Hábitats de la Unión Europea (EUR-27 2007 e EUR-28 2013) e pola información técnica do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (2012), serían definidos como carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica (9230) así como Bosques de Castanea sativa (9260).
En relación cos tipos de hábitats de interese comunitario (non prioritarios) de carácter arbóreo indicados, é pois de aplicación todos os supostos que atendan a protexelos da súa “deterioración” (artigo 42.3 da Lei 42/2007).
Neste sentido, a afección de determinados proxectos agrícolas e gandeiros, relativos ao cambio dos usos dos solos (nestes casos de forestais a agrícolas) implican afeccións severas sobre os hábitats de carballeiras (9230) e soutos (9260), que dán orixe a unha afección moi grave sobre o estado de conservación destas masas, ao provocar a súa desaparición, redución superficial, a súa fragmentación, alterando a estrutura e as funcións ecolóxicas dun bosque nativo. A alteración debe, ademais, considerarse como permanente xa que a eliminación das árbores resulta incompatibles co mantemento dun estado de conservación favorable do ecosistema boscoso.
Polo tanto, as carballeiras e os soutos deberan ser obxecto de conservación e restablecemento, debendo a Xunta de Galicia e as demais Administracións implicarse máis na súa protección. É incompatible coa conservación destas calquer proxecto agrícola –gandeiro ou de calquer outro tipo, que provoque a súa redución superficial, a súa fragmentación, altere a súa estrutura ou as súas funcións ecolóxicas.
A conversión dunha carballeira de 2,90 ha (28.968,90 m2) en pasteiros artificiais na parroquia de Balmonte, no municipio de Castro de Rei (Lugo)
O proxecto atópase entre os supostos contemplados no artigo 7, punto 2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Como se indica nese artigo, serán obxecto dunha avaliación ambiental simplificada os proxectos comprendidos no seu Anexo II “Proxectos sometidos á avaliación ambiental simplificada regulada no título II, capítulo II, sección 2ª”. Anexo II Grupo 1. Agricultura, silvicultura, agricultura e gandería. b) Forestacións segundo a definición do artigo 6.g) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de Montes, que afecten a unha superficie superior a 50 hectáreas e talas de masas forestais co propósito de cambiar a outro tipo de usos do solo. Segundo o anterior, atendendo ó contemplado no art. 45. da Lei 21/2013, o promotor presenta o documento ambiental, que inclúe os contidos fixados no citado artigo.
Sen embargo o proxecto contempla nin máis nin menos que a talla de 2,37 ha ocupadas por formacións arboradas (fundamentalmente de Quercus robur; ademais de Betula alba, Alnus glutinosa, Castanea sativa, Quercus rubra, Pinus pinaster e Ilex aquifolium). Consiste no apeo e procesado das árbores con motoserra e o seu posterior desembosque mecanizado con autocargador forestal a cargadeiro de camión. O promotor indica que deixará en pé os exemplares autóctonos de maior porte, así como o arboredo autóctono existente nos lindeiros
As actuacións como o conxunto de traballos encamíñanse a transformar unha superficie de uso forestal de 2,90 ha (28.968,90 m2) en pasteiros artificiais mediante a instalación dun pasteiro artificial mediante aradura, sementeira e outras operacións asociadas.
Eliminación de 150 unidades de carballos nun proxecto de creación de pasteiro artificial no lugar da Vacariza en Piñeiro, municipio de Xermade (Lugo)
Trátase doutro proxecto que implica o cambio de uso dos solos, de forestal a agrícola, para a creación dun pasteiro artificial.
Ademais da evidente perda de biodiversidade e fragmentación de hábitats o proxecto lévase por diante a unha parte do bosque autóctono que xa existía no ano 1956 como masa consolidada segundo as ortofotos dos voos americanos.
Os promotores xustifican os cambios de uso dos solos pola necesidade de ampliar as bases territoriais das explotación de vacún que posúen. Non obstante, estas ampliacions realízanse sempre a base de reducir o bosque autóctono galego e non a costa da eliminación das plantacións forestais de eucalipto e piñeiro.
Conversión dunha carballeira de 2,90 ha (28.968,90 m2) en pasteiros artificiais na parroquia de Balmonte, no municipio de Castro de Rei (Lugo)
Eliminación de 150 unidades de carballos nun proxecto de creación de pasteiro artificial no lugar da Vacariza en Piñeiro, municipio de Xermade (Lugo)