Galería

A ousadía de EDP Renovables España, S.L.U. lévaa a espetar un aeroxenerador na Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, en Laxe (A Coruña). Descarga o modelo de alegación ao proxecto eólico Monte Chan e participa!

Coñece as características e os previsibles impactos ambientais do proxecto eólico Monte Chan, nos municipios de Laxe e Vimianzo, segundo os datos recollidos no seu documento de inicio. Pica no enlace e descarga o cadro -resumo.

Que peculiaridade ten este proxecto eólico? Estariamos a falar dun posible atentado ambiental e paisaxístico?

Por Resolución do 18 de abril de 2008, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, acordábase iniciar o procedemento de declaración da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba (Vimianzo e Laxe, provincia da Coruña), así como someter a información pública o proxecto de decreto polo que se declaraba.

Con anterioridade o Parlamento de Galicia, o día 15 de marzo de 2006, aprobou por unanimidade unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno de Galicia á incoación do expediente de declaración dos Penedos de Pasarela e Traba como espazo natural protexido.

Naquela época a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia dicía literalmente:

“… débese manter a integridade dos valores xeomorfolóxicos presentes na zona dos Penedos de Pasarela e Traba, que constitúen un conxunto de elevacións graníticas situadas no noroeste do país, en plena Costa da Morte, entre os concellos de Vimianzo e Laxe. A paisaxe dos penedos constrúe un conxunto singular formando unha dorsal que se estende desde A Cachucha ata Torre da Moa, pasando pola Pena Forcada, formando un impresionante fondo visible tanto desde a localidade de Pasarela como, dun xeito especial, desde a área de Traba. Situados desde o areal que pecha a lagoa, pódese contemplar unha das paisaxes máis fermosas da costa de Galicia. Os penedos indícannos a súa relación, por unha banda, con longos procesos de tipo tectónico durante o cal as rochas foron fracturadas, erguidas ou fundidas; por outra, o papel que na súa xénese tiveron os climas do pasado, as condicións climáticas máis quentes e húmidas que facilitaron a formación de profundas capas de alteración. Por iso, os penedos non son só pedras que se poden esnaquizar, son o froito dunha longa e complexa evolución xeodinámica. O resultado dela é un conxunto de formas de diferente tamaño que se encadean en relación a diferentes parámetros e xeran un escenario singular. Os penedos resaltan na paisaxe e a Pena Forcada e a Torre da Moa son os dous elementos máis visibles, a modo de agullas. A escala de detalle encadéase un conxunto de mesoformas, realmente extraordinario, no que é posible admirar tanto formas zoomórficas como xeométricas ou antrópicas, en calquera caso dun gran valor. Incluso a escala de detalle podemos encontrar microformas moi significativas.

Non cabe dúbida de que os penedos de Pasarela forman parte do patrimonio natural de Galicia cunha complexa asociación de formas xeolóxicas que reúnen un valor especial pola importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos, polo que cómpre fomentar o seu coñecemento.

Estes recursos naturais necesitan dunha protección que asegure a súa conservación compatible co uso público e co desfrute da natureza deste espazo, tal e como se sinala na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza«.

Posteriormente o Decreto 294/2008, de 11 de diciembre, declaraba como Paisaxe Protexida aos  Penedos de Pasarela e Traba (DOG Núm. 7, do 12 de xaneiro de 2009).

O ámbito do  PE Monte Chan localízase principalmente en dúas unidades de paisaxe definidas no POL: Traba e  Val de Soesto. Os viais interiores discorren tamén pola unidade dos  Penedos de Pasarela.

O  ámbito de implantación do  PE de Monte Chan englóbase na súa práctica totalidade nas unidades de paisaxe delimitadas no Plan de ordenación do litoral (POL) denominadas “Traba”, “ Val de Soesto” e “Os  Penedos de Pasarela”.

Dous dos aeroxeradores máis ao sur da infraestrutura eólica emprázanse na contorna de “Os  Penedos de Pasarela”, un dos monumentos  graníticos máis importantes de Galicia que destaca pola gran variedade de formas e de  microformas, tanto de tipo  antropomórfico como  zoomórfico, que converten este lugar nun destino moi interesante desde o punto de vista paisaxístico e ambiental. Ademais da inclusión do  CHN-08 na paisaxe protexida de  Penedos de Pasarela e Traba, o  CHN-09 atópase próximo ao (90 m).

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da Constitución española vixente e unha necesidade para asegurar a supervivencia dos nosos ecosistemas.

Colabora e participa! Pica no enlace adxunto e descarga o modelo de alegación ao documento de inicio do proxecto eólico Monte Chan. Só tes que cubrir a cabeceira do escrito cos teus datos persoais e asinar na última folla. Logo preséntao no Rexistro de calquer Administración pública. Tamén podes modificar o modelo.

Imaxes do proxecto do documento de inicio do proxecto eólico Monte Chan, nos municipios de Laxe e Vimianzo

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s