Imaxe cortesía do compañeiro Bruno Centelles
Ambos proxectos, que non deixan de ser un “corta e pega” un do outro, son na realidade un único proxecto industrial que a empresa presenta fragmentado, co visto e prace do Conselleiro de Industria Francisco Conde, para eludir a tramitación ministerial ao exceder dos 50 MW de potencia instalada no seu conxunto. Polo demais, ambos proxectos comparten a misma liña de evacuación para o conxunto dos aeroxeneradores ata a Set Bustelo –Baralláns, que tamén comparten.
Ao anterior hai que engadir que a Subestación colectora elevadora de tensión “Bustelo e Baralláns”, 30/220 kV, é obxecto dun proxecto independente ao igual que a Liña Aérea de evacuación 220 kV (SET “Bustelo e Baralláns”30/220 kV – SET Meirama 220 kV), que tamén será obxecto doutro proxecto aparte.
O proxecto eólico Bustelo e Baralláns prevé unha potencia instalada de 36 MW.
O proxecto eólico Alto do Torreiro, que comparte infraestruturas co anterior prevé unha potencia instalada de 26,625 MW.
Sumadas as potencias anteriores excede de 50 MW, polo que a tramitación do proxecto eólico sería competencia do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de Madrid.
Segundo establece a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do Sector Eléctrico, no seu Artigo 3. Competencias da Administración Xeral do Estado, corresponden á Administración Xeral do Estado, nos termos establecidos na presente lei, asseguintes competencias (…) 13. Autorizar as seguintes instalacións eléctricas: a) Instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, de potencia eléctrica instalada superior a 50 MW eléctricos, instalacións de transporte primario peninsular e acometidas de tensión igual ou superior a 380 kV. Debido a que o parque eólico Alto do Torreiro e Bustelo – Baralláns supera os 50 MW debera realizar a súa tramitación ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Estamos ante un posible caso de tramitación fraudulenta dunha única instalación industrial co fin de eludir á tramitación ministerial e facilitar a avaliación ambiental dos impactos sinérxicos, acumulados, sumativos e globais da totalidade das infraestruturas. E todo elo en detrimento do dereito fundamental da cidadanía afectada a participar na toma de decisións que afectan ao medio ambiente ao abeiro do Convenio de Aarhus.
A participación do público na toma de decisións en materia do medio ambiente, e en particular, na avaliación ambiental dos proxectos industriais está recollida no Convenio de Aarhus, no artigo 45 da Constitución española e na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).
Por outra banda, o proxecto afecta de cheo á Área de Especial Interés Paisaxístico (AEIP) Val fluvial do Lourido, e por enriba, a empresa ainda establece un vial de cruzamento do río para unir as liñas de enerxía entre todos os aeroxeneradores, cando se se tratara de proxectos independentes non faría falla tal cruzamento.
Os proxectos afectan a unha importante área forestal de vital importancia para a economía da zona, onde ten gran peso o sector primario e os usos forestais e clasificado como chan rústico de especial protección forestal e paisaxística.
O Artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do chan de Galicia indica que cando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de chan rústico de especial protección, aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria, PREVALECENDO O QUE OUTORGUE UNHA MAIOR PROTECCIÓN (que por suposto non é o eólico).
Por último, os aeroxeneradores de preto de 200 metros de altura localizaríanse a distancias incompatibles coa vida normal das familias que habitan os núcleos próximos: Bello, 800 metros. Teixedo, 900 metros. A Pedra, 900 metros. Regoseco, 500 metros. Paradoa, 600 metros, A Avieira, 800 metros, A Penela, 600 metros. Baneira, 700 metros. As Lamas, 500 metros. A Braña, 600 metros. O Castro, 700 metros.
O caso máis paradigmático é o núcleo de Baralláns, que se ben presenta unha afección severa, tanto polo proxecto eólico Bustelo –Baralláns como por parte do proxecto eólico Alto do Torreiro, á promotora decide directamente ignorar a súa existencia, o que demostra unha vez máis a ousadía e arrogancia dos “predadores”.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a asociación veciñal Río Lourido de Valenza, a asociación ambiental Petón do Lobo, a asociación galega Cova Crea e a asociación «O Ouriol» do Anlóns manifestan o rexeitamento absoluto a este macroproxecto industrial de EDG Renovables, S.L.U. en terras de Corcoesto e Coristanco.


