Galería

O desenfreno eólico da Xunta de Galicia arrasa con centos de hectáreas de humidais que non están inventariados consonte a normativa en vigor

  • A Xunta de Galicia impide o acceso ao Inventario de Humidais de Galicia porque está inconcluso
  • A Xunta de Galicia vulnera a Directiva Marco dá Auga ao non inventariar os humidais e incumprir así os obxectivos de calidade ambiental destas masas de agua

Centos de hectáreas de lagoas, lagos, brañas, xunqueiras, bosques húmidos e turbeiras están en serio risco de desaparición por mor da expansión denscontrolada de eólicos en Galicia. En Galicia só hai 5 humidais protexidos ao abeiro do Decreto 110/2004, do 27 de maio. Posteriormente no ano 2008 a Xunta de Galicia aprobaba o Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia, vixente na actualidade.

Diversas entidades ecoloxistas que intentaron consultar este Inventario público, para indagar os humidais que puideran verse afectados polos numerosos proxectos eólicos arestora en tramitación, levaron unha sorpresa desagradable ao impedírselle o acceso por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e en concreto pola Subdirección Xeral de Espazos Naturais que dirixe Tomás Fernández –Couto Juanas. O motivo que esgrime esta Sudirección para denegar o acceso é que o Inventario está inconcluso ao estar na procura de información e elaboración das fichas do inventario, que leva creado desde o ano 2008.

As entidades ecoloxistas critican que desde o ano 2008, data de creación do Inventario como rexistro público de consulta dos humidais, a Xunta abandonouno por completo e non se molestou en inventariar debidamente os humidais galegos incumprindo de cheo a Directiva 2000/60/CE, pola que e establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas (en diante DMA).

O obxectivo ambiental da  DMA é “establecer un marco para a protección das augas superficiais continentais, as augas de transición, as augas costeiras e as augas subterráneas que preveña todo deterioración adicional e protexa e mellore o estado dos ecosistemas acuáticos e, con respecto ás súas necesidades de auga, dos ecosistemas terrestres e humidais directamente dependentes dos ecosistemas acuáticos”.

A inscrición dun humidal no Inventario de humidais de Galicia deixará constancia, como mínimo da súa dentificación, denominación e descrición, codificación e denominación do humidal, descrición xeral do humidal, tipoloxía, localización e superficie, localización xeográfica, administrativa e hidrolóxica, superficie do humidal, hábitats, vexetación e flora, fauna, réxime de protección, plans e medidas de conservación, estado de conservación e cartografía.

Ao non delimitarse debidamente os humidais do Inventario difícilmente se poden identificar, controlar e moito menos cumprir cos obxectivos de calidade destas masas de auga que esixe a DMA e por tanto, xa non habería ningún obxectivo ambiental que cumprir, abandonando a súa sorte estes espazos que prestan grandes e valiosos servizos ecosistémicos.

O desleixo da Xunta de Galicia con respecto aos humidais e de tal envergadura que na praxe a cidadanía ten que pasar polo que indican as empresas nos proxectos, sen poder constatar a veracidade do que neles se realta. As obras de construción dos parques eólicos sobre estes espazos ou con afección aos mesmos, provoca a desaparición dos valores naturais destes. A apertura de viais, as cimentacións dos muíños, as gavias de cabreado, a construción das subestasións eléctricas, as liñas de evacuación e os centros de seccionamento están a provocar a framentación e drenaxe destas zonas húmidas con un impacto ambiental irreversible e inasumible nunha época de crise climática como a actual.

Vulneración flagrante do Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia

Este decreto ten por obxecto a aprobación do Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia e é de aplicación en todos aqueles lugares de Galicia considerados como imprescindibles para a conservación e recuperación da subespecie, os cales se estruturan en áreas. Entre estas áreas están os humidais. Dificilmente se pode determinar os perímetros de protección dos humidais que constitúen o hábitat potencial da especie cando non constan no Inventario de Humidais de Galicia.

Denuncia ante a Comisión europea pola imposibilidade de acceso ao Inventario Público de Humidais de Galicia

As entidades ecoloxistas denunciaron ante a Comisión europea o incumprimento por parte da Xunta de Galicia dá Directiva 2003/4/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2003, relativa ao acceso do público á información ambiental e o Convenio de  Aarhus de 1998 sobre o acceso á información, a participación do público e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente, que garanten o acceso público a información ambiental que obre en poder das autoridades públicas ou doutras entidades no seu nome, tanto cando se lles solicite como mediante divulgación activa.

Outras normas vulneradas pola Xunta de Galicia

Decisión 2005/370/CE do Consello, do 17 de febreiro de 2005 sobre a celebración, en nome da Comunidade Europea, do Convenio sobre o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente (DO  L 124 de 17.5.2005,  pp. 1-3)

Regulamento (CE)  nº. 1367/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 6 de setembro de 2006, relativo á aplicación, ás institucións e aos organismos comunitarios, das disposicións do Convenio de  Aarhus sobre o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente (DO  L 264 de 25.9.2006,  pp. 13-19)

Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia.

Ver a denegación de acceso e consulta ao Inventario de Humidais de Galicia:

Deja un comentario