
A importancia da arqueoloxía da paisaxe na Serra de Montemaior – Laracha
A Serra de Montemaior está configurada por tres elementos esenciais e a súa combinación: os cotos e montes cos seus cumes, os recursos hídricos e as brañas.
Os cumes e elevacións como o Coto da Ferreira, o Monte de Golán, a Fonte do Ouro, o Monte de Meda, os Montes do Cachizo, o Coto de Silvaescura, o Petón de Gosende, o Monte de Vente, o Coto do Silvoso (465 metros), o Monte da Groba, o Monte de Trixezo, o Coto do Outeiro, o Coto do Loureiro (547 metros), o Coto de Casavella, a Pedra da Cabra (552 metros), o Coto Vello, o Monte da Cabra, o Coto Silvoso, o Coto Seco, o Coto de Altamira (503 metros), a Pedra do Bico, os Montes do Espindro, o Monte de Saldante, o Coto de Soandres, o Coto de Pedrouzos, o Monte da a Coviña, o Cotovil (552 metros), Pedrouzos (521 metros), o Coto de Coence (433), a Pedra da Agulla (554), o Monte de Santa Marta (436 metros), o Monte Golán, o Coto de Trezo, o Coto Trexezo, o Coto do Castelo (595 metros), o Barreiro da Orraca (525 metros), a Pena Gallada, Medorra do Codeso (539,3 metros)…etc.
Os humidais como as brañas do Espindro, as Brañas da Ferreira, as Brañas do Roupillón, as Brañas da Estaca…e moitas outras máis pequenas.
Os numerosos ríos tritutarios do río Anllóns e multitude de fontes. Como sempre ocorre en Galicia existe unha simbiose mítica entre a auga, o chan e a paisaxe. Neste sentido a Serra de Montemaior non é unha excepción.
No Coto de Soandres hai unha Fonte das Meigas (referencia aprox. Polígono 101 parcela352) e un Campo Santo case á beira (referencia aprox. Polígono 101 parcela 352 e seguintes). Un deses Campos Santos que se presentan como lugares míticos nos que non hai apariencia de enterramento algún, e non é o único.
No Monte de Saldante, o seguinte cume con altura ao norte, hai outra Fonte das Meigas (referencia aprox. Polígono 89 parcela 88), á beira da Ribeira Vella do rego de Cerdido, que nace noutro cumio próximo, o Coto de Altamira (503 metros) ou Lamagueiras (referencia aprox. Polígono 103 parcela 60).
En todo caso trátase de fontes sanadoras.
Ambas as dúas fontes triangulan ao oeste co Mosteiro de Soandres, a fonte de San Pedro e con unha terceira Fonte das Meigas ao leste, na Pedra da Meda, no Coto do Loureiro, xa en plena Serra de Montemaior. Esta última fonte (referencia aprox. Polígono 108 parcelas 34, 126…) localízase á beira da Cova do Louro, o Lourieiro, a Pedra Gallada, a Pedra da Calva, a Pedra Vicuda (polígono 85, parcelas 216, 217…) e As Covas (paraxe do Coto Vello). Aquí no Coto Vello aflora a Fonte Barreira ou Fonte Barro e un cauce, o rego do Casal que atravesa o Casal dos Regos, as Fontiñas e o Coto dos Paxariños ata tributar no rego do Espindro. O Casal dos Regos amosa posibles anomalías arqueolóxicas.

No medio da poligonal deste triángulo está o Monte Trixezo, o Campo Trixezo, o cumio de Pedrouzos (521 metros) e o Monte de Santa Marta (436 metros).
Os 14 muíños do parque eólico Coto Loureiro aséntanse na Serra de Montemaior, nas paraxes da Chousa da Braña, A Lagoa, a Braña da Lagoa, O Escoitadoiro, a Fonte do Ouro (519 metros), a Cova, a Cova da Fonte, Cucheiros (referencia aprox. Polígono 127 parcela 77). Os chans brañentos son a característica máis común dos montes desta serra. Así no Cota da Ferreira, tamén afectada polos muíños eólicos, está a Chousa da Lagoa, a Cova da Fonte, a Chousa dos Cervos, A Fonte (referencia aprox. Polígono 127, parcela 131), a Chousa da Fonte (referencia aprox. Polígono 501, parcela 736, 741…), a Lagoa (referencia aprox. Polígono 501, parcela 746), A Cova (referencia aprox. Polígono 501, parcela 732).
O muíño número 1 do parque eólico afecta de forma severa ao Feal das Cóbregas e a Fonte das Cóbregas (referencia aprox. Polígono 501, parcela 465), á beira da Chousa da Braña. A presencia de ofidios é corroborada pola toponimia. Nesta paraxe atopamos cóbregas rateiras ou cobregóns (Malpolon monspessulanus), cóbregas lagarteiras (Coronella austriaca e Coronella girondica), serpes riscadas (Rhinechis scalaris), cóbregas de colar (Natrix natrix) e cóbregas viperinas (Natrix maura). Unha cruz nun afloramento rochoso amosa a intención de cristianizar este lugar.
Ao pé do Coto Loureiro (547 metros) esténdese as Brañas do Roupillón e o Monte da Cabra. No Monte Golán, vítima doutro macroeólico, localízase o Foxo (polígono 109, parcela 45).
Ao sur, o Coto Silvoso está separado do Coto dos Paxariños polo rego do Espindro, que divide os termos municipais de Laracha e Cerceda.
No Coto Silvoso está a Gatañeira e outro Campo Santo (referencia aprox. Polígono 104, parcela 103), a Fonte Grande e a Ponte Pequena que cruza o río dunha beira á outra. No Coto dos Paxariños continúa a mesma configuración brañenta dos chans regados polas numerosas Fontiñas que hai na zona. Xa á outra beira do río nos Montes do Espindro atopamos a Pedra da Edra, a Pedra da Pía, a Pedra de Balmar, a Pedra Grande, a Pedra Parda… en referencia a afloramentos rochosos de formas diversas que sobrasaen no terreo.
Aos pés dos Montes do Espindro esténdense as estensas Brañas do Espindro, a Braña Nova e o rego de Parada. O Porto do Eixo atravesa o rego de Parada.
En Rorís, na confluencia dunha vaguada entre o Coto do Loureiro e o Coto da Casavella nace o rego das Brañas do Espindro. Tras o seu nacemento deixa atrás a Chousa Vella, a Carballeira e o Coto Seco para continuar á beira das brañas de Rorís e da Revolta, rodeando o Monte da Cabra ata tributar no rego do Cotovil.
No Coto Seco atopamos o Forno dos Mouros (referencia aprox. Polígono 105 parcela 189) e a Fonte da Maceira (referencia aprox. 105, parcela 213). Nos Monte do Espindro nace un rego innominado que conflue co anterior.
Na Braña da Chousa do Coto do Outeiro nace o rego da Carballa que tributa no río Bardoso á altura dos Pazos e da Braña do Muíño, preto da Cova da Serpe (referencia aprox. 125, parcela 32). Neste Coto do Outeiro tamén aflora a Fonte do Espiño (referencia aprox. Polígono 110 Parcela 89). Desde este Coto do Outeiro e ata o Monte Golán esténdese a Lameira e a Braña da Ferreira. Aquí na Ferreira e á beira do Monte Golán nace un rego innominado que xunto a outros, afloran na Serra de Montemaior e tributan no río Anllóns.
No Coto de Pedrouzo ubícase un dos muíños do parque eólico Coto do Loureiro. O Coto de Pedrouzo acubilla á Cova da Abeleira e a Fonte dos Cobos. En Quintáns nace o rego do Porto dos Carros, que tributa no río Anllóns logo de atravesar as Brañas da Estaca e a Braña da Égua (referencia aprox. Polígono 97 e parcelas 32, 117, 27, 28, 29, 121, 125…). A paraxe dos Salgueiros agasalla coa Fonte Vidal (polígono 97, parcela 42).
Na Braña da Estaca atopamos máis fontes, outra Fonte do Espiño e as Fontiñas, pero tamén referencias arqueolóxicas como o Cruceiro (polígono 96, parcela 14) e a Cruz (polígono 25, parcela 55).
Todo o patrimonio hídrico aparece vencellado a muíños como o Muíño (referencia aprox. Polígono 25 parcela 70), a Pontellas (referencia aprox. Polígono 112, parcela 58), Portiños, onde nace o rego do Cubo (referencia aprox. Polígono 65, parcela 73), o Porto Gollado, o Porto do Espindro e por suposto a humidais brañentos como a Braña da Roda, as Brañas de Campeáns, as Brañas das Lamagueiras, O Brañón (á beira do rego de Cercido), a fontes como a Fonte Maio, a Fonte do Burro (polígono 112, parcela 30), a Fonte da Fraga, a Fonte Seca, a Fonte dos Bois (polígono 104, parcela 39) e a brañas como a Braña da Avilleira (polígono 112, parcelas 32, 41…etc.). O río Acheiro presume de numerosos muíños como o Muíño da Abeleira, o Muíño do Seixoso, e tres máis innominados. E igual o río Bardoso co Muíño do Cura, o Muíño da Ferreira, o Muíño de Baldomir, o Muíño do Gallardo, o Muíño do Lorteiro e outros innominados. Sen esquecer o Batán.
Diversas anomalías arqueolóxicas reflíctense na paraxe de Gato Fero, o Coto Iglesias, as Petellas, o Coto Trexezo, a Pedra Vicuda, a Pedra Curva, a Pedra do Carro, a Cova dos Curros (polígono 101, parcela 449), o Casal dos Regos, o Portodoso…etc. Algunhas delas semellan estruturas castelarias.

Tampouco falta unha rica toponimia referida ás aves rapaces nocturas como as Coruxas, a Chousa do Cruxido…etc.
E é que nunha terra mítica e con encanto sobran as referencias ás meigas, as cóbregas, ás cabras, aos cervos e ás curuxas, os paxariños…., e todo elo asociado á sabedoría, á sanación, ao equilibrio, á resiliencia, á intuición…etc.
Por certo, que animal debuxan sobre do mapa os cotos da Serra de Montemaior?
A serpe ou dragón de Santa Marta, símbolo da rexeneración, animal vencellado á sabedoría, á nai terra e á protección. De feito non é casualidade que existan dous montes vencellados a Santa Marta: a ermida de Santa Marta en Xesta no Monte de Santa Marta coa súa área recreativa e o Monte de Santa Marta (490,6 metros), á beira do Coto dos Pedrouzos (519,7 metros) e as Brañas da Estaca.
Todos estes elementos configuran unha paisaxe propia e identitaria para a veciñanza da Laracha e dos arredores.
Protexamos a Serra de Montemaior! Fóra Eólicos! Non ao parque eólico Coto do Loureiro!
