
Coa cantidade de proxectos de estacións eólicas que están en tramitación arestora en Galicia cómpre coidar da entorna na que as briófitas se ubiquen. O coidado desta entorna pasa por ter en conta o papel das briófitas.
Mesmo cumpriría solicitar a revisión das declaracións de impacto ambiental dos proxectos eólicos xa publicadas, xa que logo, detéctase un importante desleixo no referido a avaliación dos impactos ambientais sobre as briófitas.
As peculiares características das briófitas permítenlles ter presenza en ambientes case prohibidos para outros organismos: rochas espidas, afloramentos rochosos, chans de bosque onde apenas chega luz, profundidades de lagos doces (ata 150 m), costras de chans semidesérticos, cursos de ríos ou cortizas de árbores, etc.
É nestas contornas tan hostís para o crecemento vexetal onde sacan partido da súa sinxeleza estrutural e da súa economía de crecemento. Ao ser organismos coloniais, estas plantas teñen a tarefa de captar e almacenar a auga de choiva que posteriormente liberan lentamente, sendo capaces de almacenar ata 25 veces o seu peso seco.
Son capaces de tolerar adversidades ambientais como o frío (soportan a conxelación), a calor (os seus tecidos poden alcanzar 70ºC de temperatura sen sufrir danos), a escaseza e o exceso de luz, e mesmo a carencia de nutrientes minerais.
De feito, posúen unha característica case única entre as plantas: son capaces de sobrevivir anos en estado deshidratado, e ao volver humedecerse recuperan as súas funcións vitais en tan só minutos. En contrapartida, baixo condicións ambientais máis favorables, as briofitas son facilmente desprazadas por outros organismos vexetais que crecen máis rápido.
FUNCIÓNS ECOLÓXICAS DAS BRIOFITAS
As briofitas desempeñan un rol imprescindible nos ecosistemas debido a que:
Modulan a humidade ambiental, absorbendo o exceso de auga das choivas e liberándoa lentamente cando o ambiente faise máis seco. Regulan o leito dos ríos, almacenan gran cantidade de auga. Frean a erosión, protexendo o chan de inundacións violentas e entregando auga constante aos ríos e arroios durante os meses máis secos. Ademais son as primeiras plantas en crecer sobre os chans tras os incendios. Interceptan, absorben e reteñen os minerais. Disoltos en augas de choivas, permiten a incorporación destes no ecosistema e diminúen o seu lavado cara aos ríos e mares. Facilitan fogar e protección a numerosos animais, especialmente invertebrados como insectos, arácnidos, rotíferos, nemátodos, moluscos e anélidos. Á súa vez, serven de material de construción de niños para varias aves e pequenos mamíferos. Favorecen a xerminación de sementes. Son capaces de achegar a humidade suficiente para o seu desenvolvemento. Permiten o asentamento de plantas. A materia vexetal creada polo crecemento continuo de capas de musgos e hepáticas sobre as rochas e a cortiza de árbores, facilita o asentamento e crecemento de distintos tipos de plantas vasculares. Fixan o carbono atmosférico e liberan osíxeno.




Enlaces de interés:
Atlas y Libro Rojo de los Briófitos Amenazados de España
https://www.miteco.gob.es/es/biodiversidad/temas/inventarios-nacionales/briofitos_tcm30-198033.pdf