Galería

A asociación Petón do Lobo intervirá o vindeiro mércores, día 20 de febreiro, no Parlamento europeo en Bruselas, para tratar a mala xestión dos fondos comunitarios por parte da Xunta de Galicia na extinción dos incendios forestais

En Galicia arde o monte e arde sempre. Verán e inverno. Arde a Rede Natura 2000 e por encima, a información que proporciona a Xunta de Galicia é sumamente escasa. Non existe transparencia nin información, no que respecta ás superficies queimadas e o diñeiro que se gasta na súa extinción. Extinción; que non rexeneración, das áreas queimadas. Boa parte da rexeración dos montes tras os incendios realízase polo eucalipto, que medra de xeito espontáneo e silvestre. Cun Plan forestal obsoleto, caduco, que non está actualizado e que parte dun diagnóstico da realidade que xa hai tempo que non é o diagnóstico actual; e a Comisión europea, segue achegando fondos nestas condicións para a extinción dos incendios en Galicia? Pensa a Comisión europea continuar aplicando (ou malgastando) fondos comunitarios a un goberno da Xunta de Galicia, que non fai nada para solucionar os problemas estruturais do monte e que centra todos os seus esforzos no “negocio” da súa extinción?

O modelo actual de explotación do monte é intensamente forestalista, que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido. Constátase tamén a escasa superficie ocupada polos montes de xestión pública, tan necesarios para frear o cambio climático e reducir o impacto dos lumes forestais. A pesar do Plano Forestal de 1992, 25 anos despois seguimos sen contar cun inventario de masas de frondosas autóctonas, ferramenta fundamental para poder planificar a súa conservación e xestión. O aproveitamento forestal intensivo con especies alóctonas, pirófilas e de crecemento rápido comporta a deterioración de servizos ecosistémicos que como a diversidade natural, a dispoñibilidade de auga, a fertilidade do chan, ou a calidade paisaxística, son importantes para a vida e o mantemento das actividades económicas da nosa sociedade. Este modelo forestal contribúe tamén a malgastar importantes cantidades de recursos públicos a través do PLADIGA -plano de loita contra o lume- que custa anualmente ao redor de 150 millóns de euros. Por tanto, urxe que o Parlamento europeo e a Comisión, insten o goberno da Xunta de Galicia a establecer sen demora, unha moratoria indefinida para as novas plantacións de especies do xénero Eucalyptus en todo o territorio galego. Prohibir o cultivo do Eucalyptus nitens. Prohibir as repoboacións con todas as especies do xénero Eucalyptus nos espazos integrantes da Rede galega de espazos protexidos. Incrementar a xestión pública dos montes e protexer os montes veciñais en man comúns. Mentres que non cambie a xestión dos montes en Galicia, a Comisión europea e a Unión europea son cómplices da destrución do monte galego. Non se pode seguir financiando e aplicando fondos á extinción dos incendios en Galicia, mentres que a Xunta de Galicia non cambie substancialmente a política forestal que está a executar actualmente e que é totalmente inviable. Por iso, rogamos á Comisión de peticións que continúe aberta esta Petición, en tanto que a Xunta de Galicia non se comprometa en serio e con garantías, a abordar as causas estruturais dos incendios e revise en profundidade os obxectivos do plan forestal da Xunta do ano 1992.

 

parlamento europeo bruselas
Parlamento europeo, Bruselas, sede das Comisións
Galería

A Costa da Morte ante o TTIP: con voz propia en Bruselas

O 7 de setembro de 2017, a compañeira Lola Schutz, da asociación ambiental Contramínate defendía en Bruselas, ante a Comisión de Peticións do Parlamento europeo, unha petición conxunta de sete colectivos da Costa da Morte, sobre o tratado de libre comercio e o controvertido sistema de arbitraxe entre EEUU e a UE.

Screenshot_2017-09-07-11-14-28.png
Lola Schutz, da asociación ambiental Contramínate de Laxe, na sede do Parlamento europeo, participando no debate sobre o TTIP.

O Parlamento Europeo discutiu sobre a creación dunha nova corte para a arbitraxe con investidores que avanza na liña dos polémicos ISDS: máis capacidade das multinacionais para intervir e sortear políticas públicas.

O Tribunal Multilateral de Investimentos non elimina as suspicacias ante estes sistemas de arbitraxe, polémicos en canto permite atacar políticas públicas vitais, sortear decisións democráticas e reclamar compensacións multimillonarias. Algunhas das leis para frear o cambio climático, erradicar as desigualdades ou protexer a saúde pública poderían levar disputas de investidores contra os Estados. O funcionamento dos polémicos ISDS xa deu mostras da capacidade das multinacionais de torpedear políticas públicas: a multinacional sueca Vattenfall reclama de Alemaña un pago de 5.000 millóns de euros por saír da enerxía nuclear. Ecuador foi obrigada a pagar 2.300 millóns de euros a unha petroleira por rescindir un contrato que a petroleira incumprira.

O litixio de Mineira de Corcoesto contra a Xunta de Galicia xa custou 600.000 euros públicos

No outono de 2016 a propia Consellería de Economía viuse na obriga de “realizar un depósito inicial de 150.000 dolares” na Corte de Arbitraxe da Haia no marco da demanda internacional. Eses cartos foron transferidos dende a partida destinada en orixe a financiar o ticket eléctrico.. A factura da demanda de Corcoesto suma alomenos 589.316 euros.

7.png
Lola Schutz, da asociación ambiental Contramínate de Laxe, na sede do Parlamento europeo, participando no debate sobre o TTIP.