Galería

A Xunta de Galicia esqueceu permitir o acceso ao documento ambiental do proxecto da LAT 66 kV de evacuación do P.E. Paxareiras II, no concello de Dumbría (A Coruña), en exposición pública ata o 17 de xaneiro

O proxecto da LAT 66 kV de evacuación do P.E. Paxareiras II, no concello de Dumbría (A Coruña) foi sometido a exposición pública no DOG Núm. 244, de 22 de decembro de 2021, pola Xefatura territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que dirixe Isidoro Martínez Arca (expediente IN408A 2020/179).

O anuncio publicado no DOG establece un enlace web para o acceso á documentación do proxecto: https://ceei.xunta.gal/transparencia/instalacions-xeracion/lat-paxareiras-2

O anuncio indica a relación da documentación que se expón e fixa como data límite de presentación de alegacións o 17 de xaneiro de 2022.

 • Documentación que se expón:

1. O proxecto de execución (novembro 2021-asdo. 25.11.2021).

1.1. Plano xeral do proxecto do parque eólico.

1.2. A relación concreta e individualizada dos propietarios de bens e dereitos afectados polo proxecto (RBDA), que figura no anexo que se insire neste acordo.

1.3. Planos individuais dos predios afectados polo proxecto.

2. Documento ambiental (EIA) (decembro 2020-rev. maio 2021-asdo. 24.5.2021).

3. O proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA)(novembro 2021-asdo. 25.11.2021).

Sen embargo, e a pesar do indicado no anuncio, non se expón o Documento ambiental (EIA) (decembro 2020-rev. maio 2021-asdo. 24.5.2021).

A seis días hábiles de que remate o prazo para a presentación de alegacións, a cidadanía e as persoas afectadas non puideron acceder a un dos documentos máis importantes do proxecto da liña de evacuación LAT 66 kV de evacuación do P.E. Paxareiras II, no concello de Dumbría (A Coruña) (expediente IN408A 2020/179).

Diversas queixas e reclamacións presentadas ante o Xefe Territorial da Coruña, Isidoro Martínez Arca, reclaman o reinicio do cómputo dos prazos para presentar as alegacións a un proxecto denso e de difícil comprensión.

Non é un caso illado

Hai determinados proxectos que parece que lle custa á Administración que a cidadanía acceda á documentación. Así sucedeu cos parques eólicos Valdepereira e Pico Seco da promotora Aerogeneración Galicia, S.L., que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación esqueceu subir á páxina de transparencia para o acceso da cidadanía, a pesar de tramitarse ambos os dous proxectos pola vía de urxencia e a conseguinte redución de prazos a tan só 15 días para alegacións.

Ambos os dous parques foron publicados no DOG Núm. 234, de 7 de decembro de 2021, pero a cidadanía afectada non tivo acceso á documentación ata 7 días máis tarde (o 14 de decembro), como se pode ver no enlace:

https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0101.html

https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0102.html

A pesar dos escritos de queixa presentados e a petición de reinicio do cómputo dos prazos a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais obviou o problema e continúa coa tramitación dos expedientes, a sabendas da vulneración de dereitos.

A vulneración de dereitos da cidadanía, a norma habitual na tramitación eólica

Está claro que a Administración da Xunta de Galicia está a verse beneficiada da falla de información pública, xa que logo, o feito de impedir o acceso a información restrinxe a presentación de alegacións e a oposición a proxectos industriais eólicos máis que controvertidos, se temos en conta a falla de actualización da planificación sectorial eólica na que se enmarcan.

A nivel  supraestatal, no seo do Consello de Europa e da Organización de Estados Americanos (OEA), tanto o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos como a Corte  Interamericana dos Dereitos Humanos, consideran que o dereito de acceso á información pública é un dereito fundamental integrado dentro do dereito á liberdade de expresión e a recibir información.

O Tribunal Sumpremo indica que o dereito de acceso aos rexistros e documentos administrativos constitúe un dereito da cidadanía dos chamados da terceira xeración e está enraizado no principio de transparencia administrativa, o cal responde a unha nova estruturación das relacións entre a Administración e a cidadanía.

A información administrativa é un imperativo do principio de publicidade e transparencia nunha sociedade democrática.

Nun sistema democrático, as institucións públicas non son propiedade da clase política ou altos cargos, senón que son de dominio popular, son da cidadanía, polo que a información que posúen ditas institucións tamén pertence a esta.

Galería

Créase a asociación de afectadas pola manipulación informativa da redacción carballesa da Voz de Galicia

Veciñanza de Cabana de Bergantiños aproba nunha asemblea celebrada o día de hoxe en Neaño, localidade do domicilio social da entidade, a asociación de afectadas pola manipulación informativa da redacción carballesa da Voz de Galicia. As constituíntes consideran que a corrupción e a violación á lei e a súa institucionalización implica ausencia do Estado de Dereito, violación aos dereitos humanos, abuso de autoridade, impunidade e, mesmo, exclusión. Os medios de comunicación non poden actuar ao marxe do respecto aos Dereitos Humanos e fóra por tanto do Estado Democrático de Dereito. A asociación é sen ánimo de lucro e o ámbito xeográfico abrangue a comarca de Bergantiños.

O que realiza a redacción carballesa da Voz de Galicia coa manipulación informativa de determinadas noticias é encubrir a corrupción política e poñer en xaque precisamente dos Dereitos Humanos. A vida pública xógase en boa medida nos medios de comunicación e non é posible  concebir unha democracia moderna sen unha prensa libre e independente e sen unha sociedade que exerza o seu dereito para comunicar. Os medios vixían ás autoridades e denuncian o abuso do poder. Sen eles, a cidadanía atoparíase desarmada para defender os seus dereitos. A sociedade organizada xulga, propón e constrúe. A opinión cidadá, a denuncia documentada e a proposta viable destrúen o silencio e a impunidade e avanzan cara á construción auténtica dun novo código común de  civilidade democrática, permitindo á sociedade civil manterse alerta en canto ao respecto da liberdade de expresión, de coñecemento, de decisións e do libre fluxo de ideas.

Vivir entre bandas

Javier Mayoral, profesor da Universidade Complutense de Madrid: “A manipulación nos medios de comunicación é corrupción pura e dura”

Un informe policial do Seprona presentado o 12 de marzo de 2018 no Xulgado de Carballo atribuía ao alcalde popular do concello de Cabana de Bergantiños, un posible delito de prevaricación urbanística e de falsidade documental, en relación ás actuacións sobre duns hórreos na praza pública de Canduas. O informe do Seprona estendía a denuncia ao arquitecto municipal e outros técnicos que interviran nas obras. O atestado da policía xudicial iniciou un proceso penal no que se persou como acusación popular veciñanza do municipio cabanés.

A desinformación é un fenómeno inherente á loita polo poder. Desinfórmase para moldear a opinión pública e estender así as fronteiras do control. Así a desinformación é o exercicio da mentira, engánase para manter o poder, chegar a el ou aumentalo.

Sen embargo, e a pesar do dereito lexítimo que ten a cidadanía de presentar unha acción popular e recurrir ante a Xustiza, para perseguir a corrupción dos seus dirixentes políticos de ser o caso, desde a redacción de Carballo do xornal La Voz de Galicia, que dirixe Xosé Ameixeras Lavandeira (membro do padroado da Fundación Eduardo Pondal do Couto), comezan  algúns xornalistas como é o caso de Antonio Longueira Vidal (apercibido en varias ocasións pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia polo tratamento sexista das información)1, a publicar unha serie de artigos encamiñados a a asoballar e denigrar a honra dás persoas querelantes e a súa entorna.

A redacción de Carballo de La Voz de Galicia, instrumento de presión para denigrar a honra da cidadanía “rebelde” e limitar os Dereitos Humanos

Comezan así a publicarse unha serie de artigos en La Voz de Galicia con titulares como “El alcalde cabanés se siente víctima de una persecución de un grupo de vecinos2 do 04/05/2018, relativo ás denuncias da veciñanza por unhas obras na entorna da igrexa de Corcoesto ou este outro titular “El alcalde de Cabana se considera perseguido «polas denuncias falsas dun grupo de xente a raíz da mina»3, en relación ás obras da praza de Canduas ou o máis recente o do 02/12/2020 que alude á letrada do querelante das obras de Canduas vinculándoa coa asociación ambiental e cultural Petón do Lobo sin vir ó conto, xa que a asociación nada ten que ver co proceso xudicial ao que referencian como “El alcalde de Cabana, indemnizado con 4.659 euros por un litigio al que se aportó una prueba falsa” 4 e no que se indica literalmente: “El alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez, será indemnizado por el Concello con 4.658,50 euros por los gastos jurídicos asumidos en relación a una denuncia presentada en el 2016 por José Díaz Rodríguez,  que en mayo del pasado año se presentó como candidato a la alcaldía por Agrupación de Electores Ciudadanos Independientes de Cabana, y cuya defensa llevó la letrada Ana Martina Varela Velo, vinculada a la entidad Petón do Lobo, por las obras realizadas en el 2015 en la plaza de Canduas”.

A edición de Carballo da Voz de Galicia actúa, nos exemplos indicados, como instrumento de presión e control sobre a cidadanía activa, que exerce os seus lexítimos dereitos individuais no control e supervisión da corrupción por parte dos Tribunais de Xustiza e das autoridades competentes, polo que a súa actuación na edición de determinado tipo de noticias non só é reprochable senón que incluso puidera ter consecuencias penais por posibles danos á dignidade e honra dás persoas.

Isto é tan elemental que a redacción carballesa da Voz de Galicia non só estaría a vulnerar os dereitos fundamentais da Constitución española senón tamén unha manchea de liberdades e dereitos, amparados por Declaracións Universais a prol dos Dereitos Humanos.

1https://valfluvialdolouridocorcoesto.com/category/a-violencia-machista-nos-medios-de-comunicacion/4

2https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2018/05/04/alcalde-cabanes-siente-victima-persecucion-grupo-vecinos/0003_201805C4C6991.htm

3https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2019/01/17/alcalde-cabana-considera-perseguido-polas-denuncias-falsas-dun-grupo-xente-raiz-da-mina/0003_201901C17C5994.htm

4https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2020/12/02/alcalde-cabana-indemnizado-4659-euros-litigio-aporto-prueba-falsa/0003_202012C2C4992.htm