Galería

A Valedora do Pobo reitera á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, que aclare as causas polas que condiciona a entrega do plan de restauración das minas de San Fins de Lousame, ao pago de taxas

O 6 de xuño deste ano, Milagros Otero urxía á Consellería de Economía, Emprego e Industria para que aclarese se o plan de restauración das antigas minas de San Fins (Lousame), estaba en formato electrónico, e de non ser o caso, para que indicara os motivos polos que non se dispoñía do plan en tal formato, para facilitar a consulta por parte do público e das persoas interesadas.

1.png
Extracto do requerimento realizado pola Valedora do Pobo á Consellería de Economía, Emprego e Industria

A Valedora instaba ademais á Consellería, para que explicara as medidas adoptadas ou previstas para paliar as concentracións anómalas de metáis pesados na área afectada, causados polas antiguas actividades mineiras levadas a cabo en San Fins, e os motivos polos que non se realizara restauración algunha sobre do espazo mineiro afectado.

No seu escrito a Valedora enfatizaba sobre da inactividade das consellerías que puideran estar implicadas, para poñer fin a un problema ambiental de primeira magnitude.

22.jpg
O colectivo Vida e Ría destaca pola súa labor na defensa da ría da ría. 

Cómpre lembrar que os verquidos de augas contaminadas con metais pesados ao longo do tempo, semellan ser tolerados ou autorizados tácitamente pola propia Consellería, feito que puidera estar motivado polo desleixo, tolerancia e falla de preocupación crónicas que durante anos se manifestou tanto desde o órgano ambiental como por parte da autoridade mineira da Xunta de Galicia, en relación ao estado dos cauces e das entulleiras.

Sen embargo, a cuestión non é baladí, porque cada día que pasa, a contaminación puidera estar a incrementarse sobre dos cauces fluviais e afectar directamente ao marisqueo da ría de Noia, coas consecuencias que todo isto podería ter a nivel social, económico, de saúde pública…etc.

A día de hoxe, a Valedora volve a requerir á Consellería de Economía, Emprego e Industria que conteste o requerimento efectuado no seu día, porque como de costume, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas esquiva as respostas relacionadas coa solución dos problemas ambientais deste país.

DIQUE DE CONTENCIÓN  BALSAS LODOS MINERAS EN ESTADO DE DETERIORO EVIDENTE.JPG
Estado do dique de contención dunha das presas mineiras de San Fins, Lousame

 

 

Galería

A Xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña obstaculiza o acceso á información pública, sobre o estado do dereito mineiro que lexitimaría a concesión de explotación “San Rafael” de Touro, a máis de 30 colectivos galegos.

  • O xefe territorial do departamento de Minas na Coruña, Isidoro Martínez Arca, equipara o dereito de acceso dos solicitantes, que dada a súa condición de persoas interesadas puideran exercelo en calquer momento da tramitación administrativa, á excepcionalidade do carácter dunha medida provisional.
  • Varios colectivos xa piden á Xunta o cese do Xefe territorial pola vulneración flagrante dos seus dereitos amparados legalmente polo artigo 53 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, por equiparar o DEREITO DE ACCESO Á INFORMACIÓN garantido na Constitución española a unha MEDIDA EXCEPCIONAL.

Máis de 30 colectivos de Galicia entre os que se encontra a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a Cofradía de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa, a de Rianxo, a do Grove, a da Pobra do Caramiñal, Cambados, Vilanova de Arousa , Cabo de Cruz e cofradías de produtores de mexillón como a de Cambados e o Consello Regulador de Galicia, Adega, Petón do Lobo, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, o colectivo Contraminacción, a Federación rural Galega e un longo etcétera, solicitaron no seu momento á Xefatura territorial da Coruña da Consellería de Industria o acceso á documentación relativa aos dereitos mineiros de Touro.

imaxes minería contaminante.jpg
Megaminería contaminante e agresiva co territorio

O 25 de agosto de 2017 a Xefatura Territorial da Coruña, sometía a información pública a actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael número 2946, sita nos concellos de Touro e O Pino (A Coruña), promovido pola sociedade Cobre San Rafael, S.L.; sen embargo, entre a documentación anterior non figuraba ningunha relativa á vixencia e acreditación do estado do citado dereito mineiro.  A omisión no expediente que se sometía a información pública desta información tan relevante e esencial, sobre da situación xurídica do dereito mineiro, orixinou centos de solicitudes de acceso a tal información.

O que debería ser obxecto de información pública no seu momento procedimental oportuno, non o foi, para así lexitimar a aplicación de medidas provisionais e excepcionais no seu acceso, que por enriba estarían condicionadas a que Cobre San Rafael S.L. dera o seu visto e prace; feito que a meirande parte dos colectivos dubidan se vaia a realizar, tendo en conta a delicada situación na que está o dereito mineiro, xa que existe base xurídica dabondo para poñer en dúbida a súa vixencia, posto que de facto non existiría, de aí que a Xunta de Galicia fale da “actualización do proxecto de explotación” e non dun simple proxecto de explotación.

Por outra banda, dado que se trata de acceder a documentación histórica, recoñecido tal carácter polo propio Isidoro Martínez Arca, non habería incompatiblidade algunha co dereito de acceso polo público en xeral, xa que a propia Lei de Protección de Datos recoñece a compatibilidade dos datos históricos co dereito de acceso á información. Pero como sempre, a tramitación dos dereitos mineiros por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas semella tan espúrea, que diversos colectivos pensan que a falla de transparencia e as limitacións e condicionantes no acceso só se deban aos propios teces e manexes do propio Bernardo Tahoces.

O Xefe territorial da Coruña, Isidoro Martínez Arca, supedita o acceso á información das persoas lexitimadas durante un prazo limitado a 15 días e de forma presencial, baixo a supervisión dos funcionarios e condiciona o acceso ao visto e bó do titular dos dereitos mineiros, isto é Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas. Así estaría obstaculizando o acceso á información sobre dunha documentación que xa debera estar a exposición do público no propio trámite de información pública incoado o 25 de agosto do ano pasado, e con respecto á cal, existe o dereito de acceso en liña a través da sede electrónica da Administración, recoñecido pola propia Lei 39/2015, de 1 de outubro (posta de manifesto electrónica con copia auténtica do documento orixinal segundo o artigo 27.3d).

Por outra banda, a Xefatura territorial de Minas da Coruña debera lembrar que hai documentación que pode estar sometida a Lei 19/2013 de Transparencia, pero hai outra que non, como é a información de carácter ambiental suxeita á Lei 27/2006, que para nada precisa da audiencia de Cobre San Rafael.

Esta obscuridade na tramitación administrativa non sairá en balde á propia Xunta de Galicia, posto que varios colectivos xa ameazaron con tomar medidas xudiciais fronte o departamento que dirixe Francisco Conde polo seu desatino no cumprimento da normativa vixente e na garantía dos dereitos das persoas administradas.

drenaxes ácedas de mina
Drenaxe áceda de mina nun regato

 

 

 

 

Galería

Malestar na veciñanza ao insistir o Alcalde de Cabana de Bergantiños na súa teima de recoller os dereitos mineiros no Plan urbanístico municipal en tramitación.

A recollida dos dereitos mineiros solicitados por Mineira de Corcoesto, S.L, filial da canadiana Edgewater no Plan urbanístico municipal do concello de Cabana de Bergantiños, aprobado  inicialmente por Acordo do Pleno do 22 de marzo de 2018, volve a xerar malestar entre a veciñanza das parroquias afectadas.

A parroquia de Corcoesto volve a ser a máis afectada ao quedar incluída case na súa totalidade nos dereitos mineiros Julia 2, Julia 3, Julia 4, Julia 5 e Julia 6. Outras parroquias como Riobó e Anós tamen resultarían afectadas polo dereito mineiro Covadonga e Cánduas polo dereito mineiro Grafo. A problemática é máis que preocupante se temos en conta que os dereitos mineiros chamados “As Julias” afectan na súa totalidade ás casas e ás granxas, é dicir, a núcleos de poboación habitados.

Plano do Plan urbanístico municipal de Cabana tras a súa aprobación inicial
Plano das concesións mineiras Julia 1, Julia 2, Julia 3, Julia 4, Julia 5 e Julia 6 previsto no futuro Plan xeral de ordenación municipal do concello de Cabana de Bergantiños.

Trátase de dereitos mineiros da Sección C solicitados, a meirande parte deles, en decembro de 2011 pola matriz da empresa canadiana Edgewater e denegados por silencio administrativo da Xunta de Galicia. Non obstante, chama moito a atención que dereitos mineiros caducados como Emilita, Ciudad del Masma e Ciudad de Landró figuren, aínda que caducados, na planificación urbanística municipal.

Isto ocorre cos dereitos da filial canadiana, posto que outros dereitos de empresas locais, tamén caducados como o dereito mineiro Regalados xa non figura. Sen embargo, sí aparece outro dereito caducado xa no ano 2005, como o dereito mineiro Grafo a nome doutro empresario local; e non aparece, sen embargo, o dereito mineiro en vigor que sí afectaría de forma moi importante á parroquia de Cánduas como é o permiso Jorge Reyes.

É significativa a relevancia que sen embargo o concello lle presta aos dereitos mineiros, incluso os xa caducados de Edgewater, é dicir, ata o punto de primar a caducidade destes sobre o dereito mineiro Baralláns (titularidade da empresa ourensá Pizarras San Gil), sen caducar, e que sen embargo, non figura na planificación urbanística municipal. Tamen é relevante que os dereitos mineiros popularmente coñecidos como “As Julias” afecten a áreas especialmente importantes desde o punto de vista paisaxístico e natural como o val fluvial do río Lourido ou ao LIC Río Anllóns.

Do anterior dedúcese a intencionalidade clara do plan urbanístico municipal, arestora a exposición pública ata o 17 de xuño, e é que hai dereitos que, aínda que caducados, seguen a despertar interés municipal e outros que, aínda que vixentes non hai rastro deles en toda a cartografía do planeamento urbanístico.

Esta intencionalidade espúrea é precisamente a que incrementa o malestar entre a veciñanza afectada, posto que se está a xerar inseguridade xurídica ao mesmo tempo que desde a Alcaldía se pon a minería metálica (recursos da Sección C) e outros intereses, por enriba das casas da veciñanza, dos núcleos afectados e dos seus medios de vida.

Desde Corcoesto espérase que o propio Alcalde acuda en persoa á reunión que ten previsto realizar na parroquia para a explicación do Plan urbanístico en tramitación, o vindeiro día 2 de maio, e explique cara a cara coa veciñanza, esta aposta pola minería de ouro por enriba dos intereses veciñais.

1911667_239316039585552_1306864927_n
A parroquia de Corcoesto gravemente afectada polas concesións mineiras previstas no futuro Plan xeral de ordenación municipal do concello de Cabana de Bergantiños.