Galería

Na defensa do monte galego, o vindeiro 20 de febreiro en Bruselas, na Comisión de peticións do Parlamento europeo

A asociación ambiental e cultural Petón do Lobo estará o vindeiro mércores 20 de febreiro, na Comisión de peticións do Parlamento europeo, para tratar sobre dos lumes que ano tras ano, verán ou inverno, arrasan Galicia.

O presidente da entidade será o encargado de explicar as causas da mala xestión dos lumes en Galicia, os fallos estruturais que hai detrás da mala xestión do monte galego, a expansión incontrolada do eucalipto e os motivos polos que as plantas de biomasa non son a solución para frear o cambio climático en Galicia.

Diseño sin título (1)

 

Galería

O Ministerio para a Transición Ecolóxica declara a situación crítica da pita do monte

A Orde TEC/1078/2018, do 28 de setembro, publicada hoxe no BOE, declara a situación crítica de Cistus heterophyllus carthaginensis, Lanius minor, Margaritifera auricularia, Marmaronetta angustirostris, Mustela lutreola, Pinna nobilis e Tetrao urogallus cantabricus en España. Declara tamén de interese xeral as obras e proxectos encamiñados á súa recuperación e serán tramitados de urxencia ao abeiro do artigo 60.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

Un representante da Dirección Xeral de Biodiversidade e Calidade Ambiental, un representante do Goberno do Principado de Asturias, un representante da Xunta de Castela e  León, un representante do Goberno de Cantabria e un representante da Comunidade Autónoma de Galicia, formarán parte do Grupo sobre situación crítica de Tetrao urogallus cantabricus.

89
A pita do monte, a saramaganta, o raposo e o lobo, emblemas do monte galego 
Galería

Veciñanza de Corcoesto solicita á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a restauración das pinturas do retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño, obra do pintor galego Xosé Garabal, pintor da Casa Real do rei Afonso XII, a finais do século XIX.

Antonio Rodríguez de Ardeleiros, era o párroco de Corcoesto no ano 1873, cando se pintou o retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño. A obra foille encargada ao pintor santiagués Xosé Garabal, famoso pintor galego de finais do século XIX.

Xosé María Garabal Louzao naceu en Santiago no ano 1835 e finaría no ano 1907. Foi pintor da Casa Real co rei Afonso XII e agasallado por este con unha pensión vitalicia de mil pesetas mensuais. Foi galardoado polos seus cadros “Celebridades Compostelás” na Exposición Rexional de Santiago de 1876, sendo considerada por algúns autores como o primeiro cadro realista- figurativo da pintura galega.

O retablo da capela de Sta. Mariña está decorado con diversos motivos florais realistas nunha rica combinación entre o verde da natureza e o marrón da terra. Co paso do tempo, as pinturas necesitan con urxencia seren restauradas, para evitar a súa desaparición.

RETABLO
Retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto
DETALLE
Detalle da pintura do retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño, parroquia de Corcoesto
Galería

Corcoesto no Plan urbanístico do concello de Cabana, tras a súa aprobación inicial o pasado 22 de marzo

A lei 2/2016 de 10 de febreiro, do Solo de Galicia, establece con respecto ao chan rústico de protección paisaxística, que é aquel constituído polos terreos considerados como áreas de especial interese paisaxístico, de conformidade coa lexislación de protección da paisaxe de Galicia e como espazos de interese paisaxístico, no Plan de ordenación do litoral.

Cando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de chan rústico, aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria.
Polo tanto, sería interesante aplicar á Área de Especial Interés Paisaxístico do río Lourido, ademáis da protección referida, á correspondente ao chan rústico de protección forestal.

En relación á estrada CP 1405:

33333.png
En gris escura, detalle da estrada CP 1405

Artigo 85 da Lei 2/2016: Declaración de utilidade pública

1. A aprobación dos instrumentos de plan urbanístico implicará declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados aos fins de expropiación ou imposición de servidumes.

2.Cando para a execución do plan non fose necesaria a expropiación do dominio e bastase a constitución dalgunha servidume sobre o mesmo, poderá impoñerse, de conformidade co procedemento da Lei de expropiación forzosa. Así mesmo, cando haxan de modificarse ou suprimirse servidumes privadas por estar en contradición coas determinacións do plan, poderán expropiarse segundo o procedemento da citada lei.

33333
Plano do documento urbanístico municipal de Cabana de Bergantiños, tras a súa aprobación inicial na Sesión do Pleno de 22 de marzo de 2018
Galería

Un paseo, en imaxes, pola parroquia de Corcoesto.

Galería

Participa na recollida de sinaturas por unha ILP contra a eucaliptización.

ILP.bosque.autóctono

Recollida de sinaturas por unha ILP contra a eucaliptización.

AS RAZÓNS desta Iniciativa Lexislativa Popular…

  • Pola imparábel extensión do eucalipto, que xa ocupa máis de 500.000 hectáreas, duplicando o previsto polo Plano Forestal vixente para 2032.
  • Porque esta árbore esténdese xa polo 17% do total de Galiza, de xeito de que 1 de cada 5 metros cadrados de territorio está ocupado por un eucalipto.
  • Porque lumes e eucaliptos teñen relación directa: a información oficial amosa que os eucaliptais arden 3,55 veces máis que os bosques de frondosas.
  • Pola recente desregulación da biomasa que aumentará a presión para forestar enormes superficies con cultivos enerxéticos (Eucalyptus nitens, Pawlonia, Liquidambar, bambú…) moitas delas especies invasoras.
    Polo actual modelo produtivo intensamente forestalista para o monte galego, baseado en aproveitamentos de baixo valor engadido.
  • Polo dominio dos monocultivos de especies alóctonas e pirófilas para pasta, aglomerado e proximamente biomasa, concentrados en moi poucas mans.
  • Pola baixa diversificación e multifuncionalidade nos usos do monte, que devén na existencia dun monopolio dominado polas empresas pasteiro-enerxéticas.
  • Porque se está a favorecer o absentismo e o abandono da actividade agrogandeira que condena a moitos montes e terras agrarias ao eucalipto e finalmente ao lume.
  • Pola escasa superficie de montes de xestión pública cuxa vocación debería ser a conservación dos hábitats naturais, a biodiversidade e a redución do impacto dos lumes forestais.
  • Porque despois de 25 anos, seguimos sen un inventario de masas frondosas autóctonas.
    Polo deterioro dos servizos ecosistémicos (fertilidade, dispoñibilidade de auga, biodiversidade, etc.) que provocan os monocultivos e os lumes.
  • Porque o actual modelo forestal amplifIca os impactos do cambio climático.

AS PROPOSTAS desta Iniciativa Lexislativa Popular…

  • Fomento da conservación, a investigación, a multifuncionalidade e a sustentabilidade económica e social.
  • Incremento da xestión pública dos montes.
  • Apoio e protección aos montes veciñais en man común.
  • Pulo ás UXFOR fronte ás SOFOR como xeito preferente de xestión dos montes privados.
  • Moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptus e prohibición na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos). Programa de redución progresiva da superficie deste xénero.
  • Prohibición dos cultivos forestais de especies exóticas como o Eucalyptus nitens, robinias, acacias, Pawlonia e bambús, algunhas delas invasoras. Erradicación da RGEP.
  • Prohibición das repoboacións en terras agrarias e pasteiros, e eliminación das plantacións ilegais e dos eucaliptos fóra de ordenamento, fomentando a incorporación destas superficies ao Banco de Terras.
  • Porcentaxe de reserva ecolóxica para bosque nativo en plantacións forestais: o 30% en eucaliptais, o 20% en coníferas e o 10% en frondosas.
  • Marco mínimo de plantación para eucaliptais de 4x4m e 20% da masa con ciclo de corta maior de 30 anos.
  • Ruptura masas monoespecíficas con faixas de separación de 100m por cada 50ha de eucaliptos e 50m cada 50ha de piñeiros.
  • Os cultivos forestais destinados a biomasa deberán ter turnos maiores de 10 anos.
  • Maior limpeza nas operacións forestais e retirada subsidiaria das plantacións abandonadas (máis de 3 aproveitamentos).
    Recuperación dos 100m de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes.
  • Incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación, etc.
  • Promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de desbroce e prevención de incendios.
  • Perímetro de exclusión 50m das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos.
  • O PLADIGA será anual e aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación.
  • Realización urxente do Inventario de masas de frondosas autóctonas pendente dende 1992.
  • Fomento da silvicultura con madeiras de calidade.
  • Apoio ás iniciativas de transformación dos produtos do bosque: mobéis de calidade, artesanía e derivados, cogomelos, etc.
    Axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non produtivas.

TI PODES CONTRIBUíR
Á DEFENSA DOS NOSOS BOSQUES:
ASINA XA!

Colectivos que promoven a ILP: ADEGA, ADENCO, AGA (AS. GALEGA DE APICULTURA), AGRUPACIÓN MICOLÓXICA A ZARROTA, ALIBÓS, ARTEU, APDR, ASOPORCEL, ASOC. CULTURAL BIDUEIRO, ASOCIACIÓN GALEGA DE CUSTODIA, BANDULLO ECOLÓXICO, BÉTULA, BICO DE GRAO, BODEGA LÍQUIDO GALLAECIA SL, CARBALLO VIVO, CASTIÑEIRO E NOGUEIRA, CDR ANCARES, CHAO DE CASTRO-ALTAIR, CIG, COLECTIVO AGROCUIR DA ULLOA, COLECTIVO TERRA, COVA DA TERRA, CULTURA DO PAÍS, CVMC DE CUBELA, CONTIMUNDI E ROIS, CVMC DE FROXÁN, CVMC DE LOUSAME, CVMC SOBREIRAS DO FARO, CYCLOWOOD, DATE, EIRA DA XOANA, ENARBORAR O BOSQUE, ERVA, ESPAZO AGROECOLÓXICO A ESTRUGA, FACTORÍA DE IDEAS, FEG (FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA), FORO DO CAMIÑO, FORO ECOLÓXICO DE RIBEIRA, FROUMA FORESTAL, FRUGA, GRUPO NATURALISTA HÁBITAT, HIFAS DA TERRA, KUNTERBUNT KLUGES DESIGN, QUERCUS SONORA, LAGARES VIVO, MEMBROS DO CENTRO INVESTIGACIÓN LOURIZÁN, MARIÑAPATRIMONIO, MILHULLOA, NATURVIVA, ORGACCMM, OVICA, PETÓN DO LOBO, PLATAFORMA SARRIANA POLO RÍO, POSADA MARRÓN GLAÇE, PROFESORES/AS DA POLITÉCNICA DE LUGO, PROXECTO MONTENOSO, PROXECTO NEO, RIDIMOAS, RÍOS CON VIDA, SACHOS Á RÚA, SGO (SOCIEDADE GALEGA DE ORNITOLOXÍA), SOBREIRAS DO ULLA, TESOUROS DE GALICIA, VEGECULTURA SL, VERDEGAIA

 

 

Galería

Muíño Mouro e Fonte do Lobo, microtopónimos no val fluvial do río Lourido, Coristanco.

Camiño a Muíño Mouro e á Fonte do Lobo, Val fluvial do Lourido, Coristanco

Ás beiras do río Lourido atopamos dous microtopónimos de particular interés: Muíño Mouro e Fonte do Lobo.

Muíño Mouro representa a integración das antigas construcións agrarias na paisaxe. Dicía Filgueira Valverde: “atopar un muíño é un achegamento moi fondo ó espíritu do pobo” (Ventonoso, 1996). O muíño é un dos elementos máis característicos do patrimonio do val fluvial do Lourido, hoxe en día en grave risco de ficar no esquecemento.

Xunto a este valioso patrimonio etnográfico non podía esquecer a figura do lobo, na Fonte do Lobo. Na orixe da auga, do manancial que mana e que flúe maino e sosegado, aí está a noso benquerido ser, símbolo do poder da natureza, a escasos metros do Petón do Lobo.

 

 

Galería

O val fluvial do Lourido alimenta ao río Anllóns no seu tramo final, nun ano grave de seca e de cambio climático.

14085873
O val fluvial do Lourido alimenta ao río Anllóns no último tramo do seu recorrido.

O río Anllóns nace na parroquia de Soandres serra de Montemaior (Laracha) a 480 metros de altitude, e desemboca na ría de Corme e Laxe. Percorre 54,4 km dos concellos de Laracha, Cerceda, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños.

Foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria no 2001. Recibe un gran número de regatos como o Graña, Quenxe, Acheiro, Abaixo, Queo ou Bertoa durante o seu curso alto. Tras pasar o monte Neme recibe as augas do Gándara, Bandeira, Vao, Galvar.

Coa grave seca que está a asoar Galicia nos últimos anos o seu caudal diminue de forma preocupante á altura de Carballo. Xa no municipio de Coristanco o río empeza a recuperar o seu caudal ao recibir as augas do rego Portocelo, rego das Mazarocas, rego das Devesas, rego do Liñeiro, rego da Fraga,…etc

Será no seu curso baixo, ao recibir as augas do val fluvial do Lourido, cando o río Anllóns recupera o seu esplendor hídrico (agás que Gas Natural Fenosa acorde baleiralo de novo, para a limpeza do cauce á altura da central hidroeléctrica de Corcoesto, como acostuma a facer nos derradeiros anos).

Será o rego de Sta. Margarida e o rego da Braña, aínda na parroquia de Corcoesto, os que axuden a completar o caudal do Anllóns antes de chegar a Ponteceso.

IMG_20170401_145310
O meandro de Santa Mariña do Remuíño, en Corcoesto.
lourido-3
Río Lourido, neste intre o gran afluente do río Anllóns.
403999_399845983395994_1523792169_n
Rego no lugar da Regueira, tributario do río Anllóns, Corcoesto
img_20161022_115630
Campo de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto
img_20161022_115646
Campo de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto.
lourido-15
O río Lourido a escasos metros do seu nacemento en Fonte Cardeira, Corcoesto.
Galería

A futura lei de depredación de Galicia senta as bases para a existencia dunha posible corrupción transversal en materia de industria no berce da Xunta de Galicia.

Encontro coa veciñanza o pasado sábado, pazo da cultura Carballo 1

A proposición de lei de fomento de iniciativas empresariais de Galicia ou Lei de depredación de Galicia, a debate o pasado sábado no pazo da cultura en Carballo.

Varios colectivos e asociacións da Costa da Morte debateron o pasado sábado, día 7 de outubro sobre a futura lei de depredación de Galicia ou lei de indefensión ambiental.

O encontro coa veciñanza a iniciativa de nove colectivos (Asoc. Petón do Lobo, Asoc. Contramínate, Plataf. pola defensa das terras de Coristanco, Plataf. pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, a Asoc. de veciños de Cereo, a Asoc. Lourido de Valenza, a Asoc. Cova Crea, a Asoc. Ouriol do Anllóns e a Plafat. Contraminacción), puxo enriba da mesa cuestións tan problemáticas que subxacen no trasfondo da futura lei como a expropiación forzosa, o acaparemento de terras e os privilexios que se outorgarán ás grandes corporacións e multinacionais á costa do rural galego.

As conclusións as que se chegaron son:

A futura lei de depredación de Galicia sentaría as bases para a existencia dunha posible corrupción transversal en materia de industria no berce da Xunta de Galicia.

O que realmente planea en torno á futura lei son as sospeitas de corrupción. Por que tantos privilexios para as grandes corporacións e multinacionais e non ás pequenas e medianas empresas de Galicia? Por que estes privilexios que se outorgarán a estas grandes empresas será a costa das xentes e dos recursos do rural?

Desde o noso punto de vista o tema ten moito que ver coa posible corrupción. Pode unha pequena ou mediana empresa pagar primas e comisións aos políticos? Pois é pouco probable, pero unha gran corporación sí o pode facer.

E por que falamos de primas e comisións por parte das grandes empresas? Pois isto vén ao conto da demanda de arbitraxe internacional que a empresa Mineira de Corcoesto S.A. presentou contra a Xunta de Galicia ao frustrarse o proxecto mineiro de Corcoesto.

O extraño caso da empresa panameña Mineira de Corcoesto, S.A. e a súa matriz canadiana Edgewater.

O 21 de outubro de 2015 Mineira de Corcoesto, S.A. presentaba a través da firma de avogados Three Crowns LLP, escrito relativo a unha Notice of Dispute under the Agreement for the Reciprocal Promotion and Protection of Investments between the Kingdom of Spain and the Republic of Panama.

Esta noticia de controversia fronte ao Reino de España estaba baseada no artigo 12 do Acordo para a promoción e protección recíproca de inversións entre o Reino de España e a República de Panamá, feito en Panamá o 10 de novembro de 1997.

A Notice of dispute presentada pola filial da empresa canadiana Edgewater realizaba unha grave acusación referida á administración da Xunta de Galicia. Así a empresa afirmaba que se resistira ás solicitudes de suborno realizadas polas autoridades galegas, pero non denunciaba tales feitos ante os Tribunais de Xustiza, o que poñería en dúbida tal afirmación, que se entendería coma unha estratexia procesal dentro do dereito de defensa da propia empresa. Nese marco a empresa chegaba a afirmar incluso que fora obxecto de prevaricación, ameazas e extorsións.

Encontro coa veciñanza o pasado sábado, pazo da cultura Carballo 2

Así a empresa denunciaba que en outubro de 2014, un alto cargo de Sacyr lle dixera a un cargo de Edgewater (Sr. George Salamis) que Mineira de Corcoesto tería que pagar 1, 5 millóns de euros para obter un permiso para desarrollar os dereitos mineiros de Corcoesto. Ese individuo supostamente tamen lle dixera ao Sr. Salamis que entre os beneficiarios deses fondos podería estar o Presidente Feijoo e o Director xeral de enerxía e minas Bernardo Tahoces.

Por iso, e a pesar de que a Xunta de Galicia denunciou na vía penal as insinuacións presuntamente delituosas realizadas pola empresa, a futura “lei de depredación de Galicia”  podería sentar as bases para a existencia dunha corrupción transversal en materia de industria, posto que as grandes corporacións dispoñen de máis capital que as pequenas empresas para pagar primas e comisións aos políticos. Pola contra, as pequenas e medianas empresas de Galicia, as grandes esquecidas nesta lei, chégalles ben con tratar de sobrevivir no día a día sen andar a pensar en supostos subornos. E esas primas e concesións ben puideran pagarse a cambio das facilidades e da eliminación de trabas que a lei prevé a costa do rural galego, nun proceso áxil de acaparamento de terras a prol destas grandes empresas, con procesos áxiles de expropiación forzosa e redución de prazos e información pública.

Por iso parece mentira que a Xunta de Galicia non aprenda do pesadelo que está a suporlle a súa fallida relación coa empresa Mineira de Corcoesto; e sen embargo continue con políticas que poderían conducir nun futuro próximo a situacións similares con outras empresas.

O sospeitoso empoderamento da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e do Sr. Tahoces.

Precisamente a raíz destas circunstancias e do empoderamento que a futura lei prevé da Dirección Xeral de Enerxía e Minas co director Tahoces á fronte, este debera dimitir. Existe unha dúbida colectiva razoable derivada do texto da proposición de lei para creer que detrás desta lei planea a corrupción. Non é normal que a Consellería de Industria sexa quen decide as prevalencias entre os valores afectados e que se localicen proxectos eólicos onde ela queira e nas condicións que ela decida.

Así ocorre cos proxectos de especial interese nos que automaticamente sería considerada prioritaria a súa tramitación e os prazos para a súa autorización e para a tramitación ambiental serían reducidos á metade. Esta declaración de proxecto de especial interés supón a prevalencia deses proxectos sobre outra utilidade pública sexa o aproveitamento do monte, o sector turístico ou a preservación dos valores ambientais.

A futura lei de depredación de Galicia, o TTIP e o CETA.

Por outra banda, calquer conflito entre a Xunta de Galicia e estas grandes empresas sería resolto en  procedementos de arbitraxe internacional ao abeiro de tratados como o TTIP e o CETA. O sistema de arbitraxe internacional converteuse nun lucrativo negocio controlado por un selecto grupo de bufetes, avogados e árbitros que con celo, escurantismo e defensa acérrima dun sistema envorcando en favor dos intereses e dereitos das multinacionais, asegúralles voluminosas minutas e pecha sobre se mesmos a posta en práctica deste sistema viciado de irregularidades. Aínda por riba, existe unha práctica de portas xiratorias entre árbitros e avogados que pasan a desempeñar ambas as funcións, entrando á súa vez como asesores de gobernos para o redactado de Tratados e dando lugar a unha manifesta falla de independencia deste sistema de arbitraxe.

DLY_ccSWAAA1piO