Galería

O val fluvial do Lourido alimenta ao río Anllóns no seu tramo final, nun ano grave de seca e de cambio climático.

14085873
O val fluvial do Lourido alimenta ao río Anllóns no último tramo do seu recorrido.

O río Anllóns nace na parroquia de Soandres serra de Montemaior (Laracha) a 480 metros de altitude, e desemboca na ría de Corme e Laxe. Percorre 54,4 km dos concellos de Laracha, Cerceda, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños.

Foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria no 2001. Recibe un gran número de regatos como o Graña, Quenxe, Acheiro, Abaixo, Queo ou Bertoa durante o seu curso alto. Tras pasar o monte Neme recibe as augas do Gándara, Bandeira, Vao, Galvar.

Coa grave seca que está a asoar Galicia nos últimos anos o seu caudal diminue de forma preocupante á altura de Carballo. Xa no municipio de Coristanco o río empeza a recuperar o seu caudal ao recibir as augas do rego Portocelo, rego das Mazarocas, rego das Devesas, rego do Liñeiro, rego da Fraga,…etc

Será no seu curso baixo, ao recibir as augas do val fluvial do Lourido, cando o río Anllóns recupera o seu esplendor hídrico (agás que Gas Natural Fenosa acorde baleiralo de novo, para a limpeza do cauce á altura da central hidroeléctrica de Corcoesto, como acostuma a facer nos derradeiros anos).

Será o rego de Sta. Margarida e o rego da Braña, aínda na parroquia de Corcoesto, os que axuden a completar o caudal do Anllóns antes de chegar a Ponteceso.

IMG_20170401_145310
O meandro de Santa Mariña do Remuíño, en Corcoesto.
lourido-3
Río Lourido, neste intre o gran afluente do río Anllóns.
403999_399845983395994_1523792169_n
Rego no lugar da Regueira, tributario do río Anllóns, Corcoesto
img_20161022_115630
Campo de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto
img_20161022_115646
Campo de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto.
lourido-15
O río Lourido a escasos metros do seu nacemento en Fonte Cardeira, Corcoesto.
Galería

A futura lei de depredación de Galicia senta as bases para a existencia dunha posible corrupción transversal en materia de industria no berce da Xunta de Galicia.

Encontro coa veciñanza o pasado sábado, pazo da cultura Carballo 1

A proposición de lei de fomento de iniciativas empresariais de Galicia ou Lei de depredación de Galicia, a debate o pasado sábado no pazo da cultura en Carballo.

Varios colectivos e asociacións da Costa da Morte debateron o pasado sábado, día 7 de outubro sobre a futura lei de depredación de Galicia ou lei de indefensión ambiental.

O encontro coa veciñanza a iniciativa de nove colectivos (Asoc. Petón do Lobo, Asoc. Contramínate, Plataf. pola defensa das terras de Coristanco, Plataf. pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, a Asoc. de veciños de Cereo, a Asoc. Lourido de Valenza, a Asoc. Cova Crea, a Asoc. Ouriol do Anllóns e a Plafat. Contraminacción), puxo enriba da mesa cuestións tan problemáticas que subxacen no trasfondo da futura lei como a expropiación forzosa, o acaparemento de terras e os privilexios que se outorgarán ás grandes corporacións e multinacionais á costa do rural galego.

As conclusións as que se chegaron son:

A futura lei de depredación de Galicia sentaría as bases para a existencia dunha posible corrupción transversal en materia de industria no berce da Xunta de Galicia.

O que realmente planea en torno á futura lei son as sospeitas de corrupción. Por que tantos privilexios para as grandes corporacións e multinacionais e non ás pequenas e medianas empresas de Galicia? Por que estes privilexios que se outorgarán a estas grandes empresas será a costa das xentes e dos recursos do rural?

Desde o noso punto de vista o tema ten moito que ver coa posible corrupción. Pode unha pequena ou mediana empresa pagar primas e comisións aos políticos? Pois é pouco probable, pero unha gran corporación sí o pode facer.

E por que falamos de primas e comisións por parte das grandes empresas? Pois isto vén ao conto da demanda de arbitraxe internacional que a empresa Mineira de Corcoesto S.A. presentou contra a Xunta de Galicia ao frustrarse o proxecto mineiro de Corcoesto.

O extraño caso da empresa panameña Mineira de Corcoesto, S.A. e a súa matriz canadiana Edgewater.

O 21 de outubro de 2015 Mineira de Corcoesto, S.A. presentaba a través da firma de avogados Three Crowns LLP, escrito relativo a unha Notice of Dispute under the Agreement for the Reciprocal Promotion and Protection of Investments between the Kingdom of Spain and the Republic of Panama.

Esta noticia de controversia fronte ao Reino de España estaba baseada no artigo 12 do Acordo para a promoción e protección recíproca de inversións entre o Reino de España e a República de Panamá, feito en Panamá o 10 de novembro de 1997.

A Notice of dispute presentada pola filial da empresa canadiana Edgewater realizaba unha grave acusación referida á administración da Xunta de Galicia. Así a empresa afirmaba que se resistira ás solicitudes de suborno realizadas polas autoridades galegas, pero non denunciaba tales feitos ante os Tribunais de Xustiza, o que poñería en dúbida tal afirmación, que se entendería coma unha estratexia procesal dentro do dereito de defensa da propia empresa. Nese marco a empresa chegaba a afirmar incluso que fora obxecto de prevaricación, ameazas e extorsións.

Encontro coa veciñanza o pasado sábado, pazo da cultura Carballo 2

Así a empresa denunciaba que en outubro de 2014, un alto cargo de Sacyr lle dixera a un cargo de Edgewater (Sr. George Salamis) que Mineira de Corcoesto tería que pagar 1, 5 millóns de euros para obter un permiso para desarrollar os dereitos mineiros de Corcoesto. Ese individuo supostamente tamen lle dixera ao Sr. Salamis que entre os beneficiarios deses fondos podería estar o Presidente Feijoo e o Director xeral de enerxía e minas Bernardo Tahoces.

Por iso, e a pesar de que a Xunta de Galicia denunciou na vía penal as insinuacións presuntamente delituosas realizadas pola empresa, a futura “lei de depredación de Galicia”  podería sentar as bases para a existencia dunha corrupción transversal en materia de industria, posto que as grandes corporacións dispoñen de máis capital que as pequenas empresas para pagar primas e comisións aos políticos. Pola contra, as pequenas e medianas empresas de Galicia, as grandes esquecidas nesta lei, chégalles ben con tratar de sobrevivir no día a día sen andar a pensar en supostos subornos. E esas primas e concesións ben puideran pagarse a cambio das facilidades e da eliminación de trabas que a lei prevé a costa do rural galego, nun proceso áxil de acaparamento de terras a prol destas grandes empresas, con procesos áxiles de expropiación forzosa e redución de prazos e información pública.

Por iso parece mentira que a Xunta de Galicia non aprenda do pesadelo que está a suporlle a súa fallida relación coa empresa Mineira de Corcoesto; e sen embargo continue con políticas que poderían conducir nun futuro próximo a situacións similares con outras empresas.

O sospeitoso empoderamento da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e do Sr. Tahoces.

Precisamente a raíz destas circunstancias e do empoderamento que a futura lei prevé da Dirección Xeral de Enerxía e Minas co director Tahoces á fronte, este debera dimitir. Existe unha dúbida colectiva razoable derivada do texto da proposición de lei para creer que detrás desta lei planea a corrupción. Non é normal que a Consellería de Industria sexa quen decide as prevalencias entre os valores afectados e que se localicen proxectos eólicos onde ela queira e nas condicións que ela decida.

Así ocorre cos proxectos de especial interese nos que automaticamente sería considerada prioritaria a súa tramitación e os prazos para a súa autorización e para a tramitación ambiental serían reducidos á metade. Esta declaración de proxecto de especial interés supón a prevalencia deses proxectos sobre outra utilidade pública sexa o aproveitamento do monte, o sector turístico ou a preservación dos valores ambientais.

A futura lei de depredación de Galicia, o TTIP e o CETA.

Por outra banda, calquer conflito entre a Xunta de Galicia e estas grandes empresas sería resolto en  procedementos de arbitraxe internacional ao abeiro de tratados como o TTIP e o CETA. O sistema de arbitraxe internacional converteuse nun lucrativo negocio controlado por un selecto grupo de bufetes, avogados e árbitros que con celo, escurantismo e defensa acérrima dun sistema envorcando en favor dos intereses e dereitos das multinacionais, asegúralles voluminosas minutas e pecha sobre se mesmos a posta en práctica deste sistema viciado de irregularidades. Aínda por riba, existe unha práctica de portas xiratorias entre árbitros e avogados que pasan a desempeñar ambas as funcións, entrando á súa vez como asesores de gobernos para o redactado de Tratados e dando lugar a unha manifesta falla de independencia deste sistema de arbitraxe.

DLY_ccSWAAA1piO

 

 

Galería

Nove colectivos e asociacións da comarca de Bergantiños aúnan esforzos e realizan un chamamento á cidadanía e a outras organizacións para blindar a Costa da Morte da chamada “Lei de Depredación de Galicia”.

CONVOCATORIA LEI DEPREDACIÓN GALIZA

Convocatoria do chamamento á cidadanía e aos demáis colectivos da comarca de Bergantiños para coñecer a fondo a chamada “Lei de Depredación de Galiza”

O sábado día 7 de outubro ás 19 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, nove colectivos da comarca de Bergantiños explicarán a fondo a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresarias de Galicia, arestora en tramitación no Parlamento galego.

O borrador da lei que está arestora a ser tramitado no Parlamento galego e que pode consultarse na web:

http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/ContenidoGal/ParticipacionCidada/DiscusionDetalle.aspx?ID=723, conta cada vez con máis rexeitamento social debido a que establece unha serie de mecanismos que favorecen o acaparamento de terras por parte das grandes corporacións e grupos empresariais e fomenta o mecanismo da expropiación forzosa a favor destas, en detrimento dos dereitos da cidadanía, do dereito á propiedade, do territorio e do medio ambiente.

A chamada “turboexpropiación” e a expropiación forzosa saen moi reforzadas xa que logo será a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia a que decida a utilidade pública ou interés social do proxecto empresarial e incluso terá capacidade para declarar a prevalencia de utilidades no caso de existir varias. O proceso expropiatorio irá paralelo á tramitación administrativa e o promotor xa presentará coa solicitude a relación de bens e dereitos afectados que pensa expropiar a cada persoa propietaria.

Damián Copena nunha charla informativa sobre o proxecto eólico de Laxe este sábado pasado, 23 setembro cos propietarios. 2.
O experto en proxectos eólicos Damián Copena, a pasada fin de semana en Laxe, nunha reunión coa cidadanía para falar sobre o proxecto eólico Pena Forcada -Catasol II.

A cuestión non é baladí para a Costa da Morte e a comarca de Bergantiños en particular, á vista de que os proxectos eólicos que arestora se están a tramitar, como son o de Laxe e Cabana, xeran ofertas económicas para as persoas propietarias que xiran ao redor dos 0,80 e os 1,75 céntimos de euro por m2, cando a propia Universidade de Santiago de Compostela nun informe1 do ano 2009 xa tasaba como mímino o valor do terreo rústico con aptitude eólica nos 31 €/m2, media que xa daquela estaban a cobrar persoas propietarias de Ourense e Pontevedra. A este valor habería que engadir hoxe en día outros como o factor paisaxístico, o factor ambiental, o de localización2, o de especial aptitude eólica, a taxa de capitalización, o premio de afección e todos aqueles outros valores que a Lei de Montes atribúe aos mesmos, incluído o valor de ocio e de recreo…etc3,  prezos que están aínda moi lonxe de percibirse hoxe en día na Costa da Morte.

Isto demostra que a Costa da Morte polas súas peculiares características relacionadas co envellecemento das xentes do rural, a escaseza de rendas e coincidindo co declive do rural galego, sae particularmente prexudicada dos procesos de negociación ou expropiatorios, ao que hai que engadir as artimañas das grandes empresas para conseguir terras a prezos de saldo ante a pasividade da propia Xunta de Galicia e a escasa formación da cidadanía e dos técnicos a hora de cumplimentar as follas de aprecio dunha expropiación forzosa.

Colectivos como a Asoc. Petón do Lobo, a Asoc. Contramínate de Laxe e Ouriol do Anllóns xa teñen denunciado ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria o desequilibrio económico que este tipo de relacións de poder das grandes corporacións está a deixar no rural da comarca, en comparación cos millóns de euros que as compañías conseguen de beneficios durante a explotación dos parques eólicos. En particular no referente aos parques eólicos de Mouriños, en Cabana de Bergantiños e de Pena Forcada –Catasol II en Laxe, cuxa utilidade pública non existe, a Xunta de Galicia debéraos rexeitar de xeito contundente polo desequilibrio económico que xera a relación empresa-propietario, xa que existen indicios de que as negociacións puideran realizarse no marco de cláusulas abusivas ou leoninas que poderían prexudicar gravemente ás persoas propietarias ao marxe xa doutros valores económicos, sociais, ambientais e paisaxísticos afectados.

LOGO
Cartel da campaña da Plataforma de colectivos Contraminacción.

Esta proposición de lei, que se tramita (sen causa algunha que o xustifique) pola vía de urxencia, podería ser chamada máis xustamente “Lei de depredación da Galiza”, ou “Lei de indefensión ambiental”, xa que o que fai é poñer o noso territorio en bandexa ás empresas mineiras e eólicas, eliminando garantías ambientais e reducindo prazos nas tramitacións.

É un chover sobre mollado, pois reduce prazos que xa de por si eran claramente insuficientes para termos unha mínima garantía de participación pública; e permite saltar trámites ambientais que xa eran de seu flexibles de máis.

Na práctica vén a reducir as ferramentas de defensa das comunidades afectadas ou os valores naturais fronte ás empresas, deixando ver ás claras de que parte se sitúa a administración en potenciais conflitos de interese.

Por iso, porque é importante que a xente dispoña de información os colectivos Asoc. Petón do Lobo, Plataforma pola defensa da terra de Coristanco, a Asoc. ambiental Contramínate de Laxe, a Asoc. de Veciños de Cereo, a Asoc. veciñal, cultural e deportiva “Lourido” de Valenza, a Asoc. galega Cova Crea, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, a Asoc. de amig@s das árbores “Ouriol do Anllóns” e Contraminacción convidan a toda a cidadanía e demáis colectivos da comarca e da Costa da Morte a asistir o día 7 ao Pazo da Cultura para coñecer máis a fondo unha proposición de lei que supón un cambio radical con respecto á normativa actual máis garantista.

val de Traba - Laxe afectado polo proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II
Vistas do val de Traba en Laxe, afectado polo proxecto eólico Pena Forcada -Catasol II.

Parte destas asociacións ademáis xa solicitaron unha entrevista co Presidente da Xunta de Galicia e co Conselleiro de Industria, Francisco Conde para tratar estes temas que tanto preocupan á cidadanía e que a día de hoxe aínda non ten data.

Paralelamente o colectivo Contraminacción a través do change.org está a recoller sinaturas e está prevista unha concentración o vindeiro día 6 de outubro ás portas do Parlamento de Galicia, xa no marco de actuacións previstas pola Plataforma de colectivos Contraminacción.

https://www.change.org/p/paremos-a-leidepredaciongaliza-do-pp-antes-do-17-de-outubro

—–

1  Informe “Valor del suelo rústico para aprovechamientos energéticos en Galicia”, Departamento de Economía Aplicada Escola Politéctina Superior de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela. Ano 2009.

Por lo que se propone, con carácter de mínimo, para el suelo rústico con aptitud para instalaciones de energía cólica el valor unitario de TREINTA EUROS Y SETENTA Y SIETE CÉNTIMOS POR METRO CUADRADO (30,77€/m2).

“Todo ello sin perjuicio de agregar otros elementos, tales como valor de las cosechas y producciones, obras, mejoras y otros existentes sobre el terreno, premios de afección y rápida ocupación en caso de expropiación forzosa, daños y perjuicios causados, etc.”

Páx. 14 do informe.

2     Véxase o artigo 36 “Valoración do chan rural” do Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Chan e Rehabilitación Urbana, que di:

“Cando o chan sexa rural para os efectos desta lei e de conformidade co disposto na Disposición adicional sétima:

 a) Os terreos taxaranse mediante a capitalización da renda anual real ou potencial, a que sexa superior, da explotación segundo o seu estado no momento ao que deba entenderse referida a valoración.

A renda potencial calcularase atendendo ao rendemento do uso, gozar ou explotación de que sexan susceptibles os terreos conforme á lexislación que lles sexa aplicable, utilizando os medios técnicos normais para a súa produción. Incluirá, no seu caso, como ingresos as subvencións que, con carácter estable, outórguense aos cultivos e aproveitamentos considerados para o seu cálculo e descontaranse os custos necesarios para a explotación considerada.

 O valor do chan rural así obtido poderá ser corrixido á alza en función de factores obxectivos de localización, como a accesibilidade a núcleos de poboación ou a centros de actividade económica ou a localización en contornas de singular valor ambiental ou paisaxístico, cuxa aplicación e ponderación haberá de ser xustificada no correspondente expediente de valoración, todo iso nos termos que regulamentariamente se establezan.

 b) As edificacións, construcións e instalacións, cando deban valorarse con independencia do chan, taxaranse polo método de custo de reposición segundo o seu estado e antigüidade no momento ao que deba entenderse referida a valoración.

c) As plantacións e os sementados preexistentes, así como as indemnizacións por razón de arrendamentos rústicos ou outros dereitos, taxaranse con arranxo aos criterios das Leis de Expropiación Forzosa e de Arrendamentos Rústicos”.

LEI 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 5. Función social dos montes

  1. Os terreos forestais galegos constitúen un recurso estratéxico que deberá contribuír ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia, xerando rendas e emprego na Comunidade Autónoma mediante un aproveitamento sustentable dos seus recursos e servizos.
  2. Os montes desenvolven unha función social relevante, nos termos do artigo 4 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.
  3. A consellaría competente en materia forestal promoverá a dispoñibilidade de montes ou terreos forestais para fins sociais, educativos, ambientais e recreativos, compatibilizados coa súa potencialidade e utilización forestal.

 

Galería

Recollida de sinaturas para frear a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. (10/PPL-000009).

Como sabedes estase a tramitar no Parlamento galego a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. (10/PPL-000009). Esta lei abre ás portas á minaría contaminante, aos eólicos en todas partes, á repotenciación de eólicos en rede natura, restrinxe dereitos da cidadanía ao acurtar os prazos de información pública e favorece ás grandes corporacións mineiras, eólicas, madereiras… en detrimento do medio ambiente, das pequenas empresas e dos traballadores, do agro, do mar e da cidadanía en xeral. Por iso, polo desequilibrio que suporá para Galicia e a cidadanía galega a súa aprobación solicitamos a vosa colaboración na recollida de sinaturas. Hai que parala!!!. Galicia non é unha mina.

Unha vez recollidas as sinaturas podedes entregalas en calquer rexistro da Xunta de Galicia de calquer administración.

Por iso, porque hai que parala, aquí vai un modelo para a recollida de sinaturas. Animádevos a participar! Pica sobre a imaxe e descarga o modelo.

0001

 

Galería

O aforro de auga, unha necesidade.

IMG_20160825_170035
A seca está a afectar moito a ríos como o Anllóns.

No mes de xaneiro deste ano a Xunta de Galicia activaba a situación de prealerta por seca, debido ao baixo caudal dos ríos galegos.

En abril Augas de Galicia facía un chamamento ao uso responsable da auga nun mes extremadamente seco.

Nestes días era noticia que os concellos de Ourense, Pontevedra e A Coruña limitaban o consumo de auga para paliar as consecuencias da seca, mentras que outros como o de Ribadavia solicitaba máis caudal para consumo á Confederación do Miño-Sil.

A Oficina técnica da Seca alentou as localidades que forman parte da demarcación Galicia Costa, xestionadas pola Xunta, para evitar perdas na rede e o fomento do uso responsable da auga na limpeza das rúas, nas piscinas e a necesidade de concienciar para optimizar os recursos na rega e na gandería especialmente nas cabeceiras dos ríos e nos regos.

A escaseza de auga potable ameaza con converterse nun grave problema para ou planeta.

O efecto antrópico sobre os ríos está moi relacionado co cambio nos usos do chan, como a derivación de augas e a regulación das enchentas mediante presas.

Cando a seca se intensifica, aumenta a necesidade de auga para a rega e outros usos agrarios e isto exerce un forte impacto sobre o caudal natural dos ríos. Segundo os científicos, o resecamiento natural debido ás secas non é un efecto humano, pero a toma de auga dos ríos durante unha seca si o é, e pode ter consecuencias a longo prazo.

images (1)
Cambio climático e desertización.

A auga que se retira dos ríos e cursos fluviais ten uns efectos duradeiros. As fontes, os mananciais, as concas ou cañadas están en acelerada vía de extinción, hai cambios de clima e de chan, inundacións, secas e desertización. Pero é a acción humana a máis drástica: exerce unha deforestación delirante, ignora os coñecementos tradicionais, retira a auga dos ríos de diferentes maneiras, entre outras con obras de enxeñería, represas e desvíos.

dibujo 5rs
As 5 erres: reutilizar, reducir, reparar, reciclar e regular.

O Foro Económico Mundial e outras institucións calculan que para 2030 haberá unha demanda 40% máis alta, que o planeta non poderá fornecer.

Iso afectará a agricultura, o que aumentará os prezos dos alimentos.

Non é difícil imaxinarse que se non se atopa unha solución pronto, a posibilidade de que estalen guerras por auga doce é alta.

todos podemos ahorrar agua
A necesidade de aforrar auga.

A solución máis simple podería ser sinxelamente mellorar a maneira na que administramos o que temos, e sobre todo, aforrar auga cada segundo dá nosa vida.

Por iso, pechemos as billas.

images
Pechemos as billas.
Galería

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria as Directrices da Paisaxe de Galicia.

1111.png
Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto, Área de Especial Interés Paisaxístico (AEIP) do Val fluvial do río Lourido.

O órgano ambiental da Xunta de Galicia considera que as Directrices da Paisaxe de Galicia non teñen efectos significativos negativos sobre o medio ambiente.

O Instituto de Estudos do Territorio (IET) poderá continuar a tramitación das Directrices. A resolución perderá a súa vixencia se no prazo máximo de catro anos desde a publicación no DOG (luns, 5 de xuño de 2017) no se aprobase o documento.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da carpetazo así ás numerosas alegacións presentadas ao documento ambiental estratéxico e ao borrador da proposta.

Numerosos colectivos e de sectores moi diversos presentaran alegacións ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada das Directrices da Paisaxe de Galicia elaboradas polo IET.

2222.png
Capela de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto, Área de Especial Interés Paisaxístico (AEIP) do Val fluvial do río Lourido.

Enlace para a consulta do documento:

http://cmaot.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1888&_aaeKeyword_WAR_aae_id=1888

Galería

O Monte das Pedras de Sta. Mariña

8795.png
O monte das Pedras de Sta. Mariña

Existen referencias escritas ao chamado monte das Pedras de Sta. Mariña do Remuíño. Trátase dun documento do ano 1767. Nel indícase que o monte das Pedras de Sta. Mariña está ubicado ao levante e solano.

circulo
Monte das Pedras de Sta. Mariña, Corcoesto.
img_20160924_163830
Monte das Pedras de Sta. Mariña, Corcoesto.

Trátase dun círculo de pedras posicionadas ao leste. A súa ubicación e disposición son indicios dun posible lugar de culto ao sol e á vida, do que xa existía constancia no ano 1767.

Moi preto do lugar atópase o dolmen chamado “Cama do Mouro” ou “Cama do Lobo”.

1234567.png
Monte das Pedras de Sta. Mariña, en Corcoesto.
Galería

No Día Internacional dos Bosques, lembramos ás carballeiras e montes de Corcoesto no ano 1767.

hdr
Bosque autóctono galego.

 

As carballeiras ou  “deesas” (dehesas) de Corcoesto no ano 1767.

A dehesa é un ecosistema de creación humana, un tipo de bosque formado por aciñeiras, carballos, sobreiras ou outras especies, con estrato inferior de pasteiros ou matogueiras, onde a actividade do ser humano foi intensa, e xeralmente están destinados ao mantemento do gando, á actividade cinexética e ao aproveitamento doutros produtos forestais (leñas, cortiza, cogomelos etc.). É un exemplo típico de sistema agrosilvopastoral e típico da zona occidental da península ibérica.

O termo dehesa vén do latín defesa (defensa), pois os primeiros poboadores na reconquista facían valados para protexer os rabaños aloxados nelas. O termo “deesa” empregábase para designar ás actuáis carballeiras.

En Corcoesto no ano 1767 aparecen documentadas tres carballeiras ou dehesas “deesas” importantes: dúas delas en Sta. Mariña do Remuíño e a de Sta. Margarida de Baneira.

No século XVIII as carballeiras identifícanse nos documentos oficiais co termo “deesa”.

En relación á paraxe de Sta. Mariña existía o bosque ubicado “a solano” e o bosque ubicado por enriba do “pozo do Remoyño”, en alusión ao remuíño que forma o río Anllóns ao entrar encaixado nun dos meandros do cauce, ao seu paso por Corcoesto.

Naquela época non existía moito bosque, posto que o destino das terras era principalmente o seu uso para a alimentación humana e do gando. Así eran moi frecuentes as estibadas nos montes, para as colleitas específicas dos cereais de inverno, isto é, millo e centeo. As estibadas podían ser individuais ou colectivas. Estas últimas eran as máis frecuentes nos montes abertos. Así en Corcoesto destacaban as estibadas que a veciñanza de Corcoesto realizaba nos montes comúns do lugar da Lamprieira, chamado así porque estaba preto da canle do río Anllóns, onde se ubicaban as pesqueiras de lamprea.

Así en relación á paraxe de Sta. Mariña no ano 1767 constátase que: “…todo aquel sittio esttá poblado de robles excepto por la parte del bendaval, que confina con la zerradura de la Agra de Sta. Mariña”, “El monte de la Lampriheira y el robledo que le circunda está junto al canal donde se cogen las lampreas”, “La robleda del resío de Sta. Mariña, al igual que el santuario de la gloriosa santa, la administra el párroco de esta feligresía yn solidum, con prohibición attodo género de personas”.

Naquel momento da historia a paraxe de Sta. Mariña do Remuíño era propiedade de Joseph Antonio Bermúdez de Castro, dono das torres e pazo de A Penela, se ben o caseiro do lugar era Domingo Antonio Amado Figueiroa, quen asinara un contrato de foro co dono do lugar uns catro anos antes aproximadamente. Con anterioridade os caseiros do lugar era a familia Grille. O novo caseiro consideraba que os montes da Lamprieira, onde os veciños de Corcoesto facían as estibadas, pertencían ao señor de A Penela, e por tanto eran terreos incluídos no contrato de foro, polo que pretendía cobrarlles un quinto da colleita á veciñanza que os cultivaba.

Preto de Sta. Mariña era propietario de montes o licenciado don Diego Labandeira, alto grao da Real Audiencia do Reino.

Ademais dos caseiros como Domingo Amado e Manuel de Lema, que era caseiro de Francisco Romero y Arijón, tamen existían os colonos como Domingo Torrado y Varela, veciño do lugar e couto da Boutureira, da feligresía de San Xián de Langueirón, pertencente á xurisdicción de A Penela. Este labraba unha porción de terreno no lugar de O Resío, como colono de Francisco Romero y Arijón, polo que lle pagaba a cantidade de vélaro correspondente.

Os montes de Corcoesto eran pois mixtos. Comunais tamen eran os montes de Cudeiro, Ínsua Boa e Agras de Corcoesto. Os montes de Arnados eran un couto (cotto) “en larguera”, que labraba a veciñanza de Corcoesto.

Os montes de Teixedo ao igual que a carballeira de Sta. Margarida de Baneira eran propiedade da casa da Penela.

Os montes da Lamprieira e o seu resío (parte orientada á riberia do río Anllóns) quedaban libres de señorío, ao igual que o río, que era libre e franco para a pesca.

Os montes da Lamprieira eran montes comúns, sen dominio algún. Estes quedaban libres de señorío ata o río Anllóns para a pesca. No século XVII un pleito establecera que estos montes non podían quedar cerrados nen suxeitos a ningún señorío. Antes deste preito, o señorío da casa e torres de a Penela percibía o quinto do froito da xurisdicción, abadía e luctuosas por sinalamento de vasalaxe. O pleito fora entre os donos da casa de Nebra (da parroquia de Sta. María de Nebra, concello de Porto do Son) e os donos da Penela. Os donos da casa de Nebra eran os donos do couto do Anllóns, e das súas canles, estanques, baluartes e moendas. A veciñanza tratara de defender os montes comúns da Lamprieira nese xuízo. Gañado o mesmo, os montes ficaran libres e o río quedara libre para pescar, bañarse e para as moendas. Quedaba pois a veciñanza na “posesión pública, continuada y notoria de los montes de la Lampriera”.

Veciñanza como Jacinto de Lema, Alonso Sánchez, Joseph e Antonio Roxo, Gregorio Baneira, Francisco Souttullo, Benitto Souttullo, Domingo Antonio Moreira, Juan do Matto, realizaban estibadas nos montes da Lamprieira. Aproveitaban a leña para queimar, estrume para abono de terras, tala de leña, estibas… A veciñanza da feligresía de Langueirón só podía aproveitar dos montes da Lamprieira en tempo de verán, porque en inverno non lles ían os carros polo Resío Grande que ía a Ponte-zeso.

IMG_20160817_192202
Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño, Corcoesto.