Galería

Demandan ao Director Xeral de Minas por obstaculizar o acceso á información ambiental

Diversos colectivos e organizacións integrantes da rede ContraMINAcción levaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a denominada “Instrucción Tahoces” (oficialmente Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas) que fora aprobada o verán pasado polo Director Xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces no medio de fortes críticas dos movementos sociais, que a consideran un paso máis para obstaculizar o acceso á información ambiental relativa a proxectos mineiros e enerxéticos.

O TSXG admitiu a demanda que veñen de formalizar esta mesma semanda a Asociación Petón do Lobo, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia, co apoio doutros coletivos integrantes na rede. Mediante a demanda contencioso-administrativa preténdese que o tribunal anule os aspectos da Instrución que vulneran non só a lexislación de rango superior en materia de acceso á información ambiental, senón que a propia Convención de Aarhus da que é parte contratante o Estado e que recoñece os dereitos de acceso á información ambiental e á participación pública en proxectos que afecten o ambiente.

Entre outros aspectos, a Instrución realiza unha interpretación restrictiva do que constitúe información ambiental, en vulneración das  definicións internacionais. Modifica ademais o réxime de acceso creando obstáculos que contrarían as normas legais, por exemplo  obrigando ao pagamento de taxas previas (independentemente de que a administración resolva ou non favorablemente a solicitude) ou alterando os prazos de resolución que establecen as diretivas europeas.

21
Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE)

A actitude obstaculizadora sistemática do departamento de minas da Xunta ven sendo denunciada de xeito continuo polos colectivos, ata o punto de estar actualmente aberto un procedemento ante a Comisión de Cumprimento do Convenio de Aarhus, nas Nacións Unidas, polo carácter sistemático destas vulneracións, existindo sentenzas previas do propio TSXG que condenaron á Xunta a entregar copias de expedientes mineiros que viñan sendo retidos ilegalmente.

Desde ContraMINAcción denúnciase a tentativa de dar aparencia de legalidade e institucionalizar as prácticas obstaculizadoras e obscurantismo que veñen caracterizando a actuación do departamento de minas,  recortando dereitos e liberdades fundamentais e saltándose a normativa básica en materia de acceso á información ambiental. Desde ContraMINAcción lembran a  imputación de Ángel Bernardo Tahoces por presuntos delitos de prevaricación ambiental ligados á mina San Finx, en Lousame, e que tamén gardarían relación coa ausencia dos trámites de participación pública na aprobación de proxectos mineiros, outra das componentes básicas da Convención de Aarhus.

7
Acción popular en asuntos medioambientales
Galería

As solicitudes de información en formato dixital, que as asociacións ambientais de Galicia dirixen á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, ralentizan segundo o propio director, a tramitación de expedientes sancionadores e de subvencións

O 5 de xuño de 2018, o Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces dirixía unha comunicación a unha asociación ambiental de Galicia, que previamente lle solicitara información sobre as labores mineiras abandonadas na Comunidade.

sustentabilidade.png
O Dereito a coñecer. A Lei 27/2006, de 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente

Nesa comunicación reprochaba á asociación que o formato elexido pola mesma, a copia dixital, ralentizara de maneira considerable o traballo da Administración.

Así indicáballe textualmente que:

“…para atender á súa solicitude no formato “esixido” por esa asociación foi necesario escanear unhas 11.000 páxinas.

Sen prexuízo das actuacións propias doutros departamentos (arquivo, servizos informáticos, etc), foi precisa a dedicación de modo intensivo dun dos tres efectivos (todos pertencentes á escala facultativa de enxeñeiros de minas) dos que se compón o Servizo de Xestión Mineira ás tarefas inherentes ao proceso de transposición e habilitación da información solicitada en formato dixital durante máis de dous meses.

En determinados períodos foi precisa a dedicación de dous efectivos e, para certas actuacións, resultou imprescindible facer uso de instalacións técnicas doutros departamentos administrativos ou recorrer a servizos de empresas externas.

En síntese, o escaneado e preparación da documentación por vostedes solicitada en formato dixital afectou ao desenvolvemento das funcións específicas da Aministración mineira, entre as que se inclúen algunhas tan relevantes como as relacionadas coa vixilancia e control da actividade mineira, e supuxo a paralización ou ralentización de trámites e procedementos (particularmente, tramitación de expedientes sancionadores e tramitación de axudas e subvencións), coa conseguinte afectación á eficacia e eficiencia do traballo administrativo así como aos dereitos dos restantes administrados e aos intereses públicos”.

9.jpg
O acceso á información ambiental, un dereito fundamental de toda persoa

Noutro parágrafo da comunicación supoñía a actuación coordinada habitual de dúas asociacións solicitantes de información semellante. Así indicaba que: “Os resultados desta comparecencia da asociación X son coñecidos por esa asociación I, non só como é de supoñer pola actuación coordinada habitual, senón porque no seu escrito recibido o 9-3-2018 poñen de manifesto o coñecemento de formatos e contidos da documentación, pese a non ter comparecido para a súa consulta”.

Noutro parágrafo o Director Xeral referíase a unha terceira asociación “vinculada” á solicitante, tamén moi activa no tocante á solicitude de información.

“Cómpre salientar, aínda que esa asociación (incluíndo a asociación vinculada Z) está relacionada con múltiples solicitudes de información presentadas nos últimos tempos, boa parte delas solicitudes masivas ou xenéricas de información que esixen copia dixital de documentación non dixitalizada e que, cada unha delas e moito máis no seu conxunto, resultan difíciles ou imposibles de atender sen perturbar o normal funcionamento administrativo”.

1.jpg
Ángel Bernardo Tahoces, Director xeral de Enerxía e Minas. Fonte: Inega

Noutro parágrafo xa se lle indicaba á asociación solicitante que, a transparencia da Dirección Xeral de Minas ao facilitar o acceso á información, non sentaría precedente na administración.

“Pola súa parte, dende a Administración, dando continuidade á súa actuación de máxima transparencia que se evidencia na posta á disposición da información adoptáronse todas as medidas técnicas posibles para dispor da documentación en formato dixital e, en útlimo termo, nunha decisión que non vai a sentar precedente e para o cal se deixa constancia da actitude da asociación e do carácter desproporcionado e deliberado das súas esixencias, realízase a transposición de formato da información mediante o seu escaneado íntegro”.

O certo é que a asociación solicitante, en ningún momento foi consciente do transtorno que a súa solicitude causara na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, ata que o Sr. Tahoces llelo comunicou no seu escrito de xuño deste ano, tras preto de dous anos de insistir unha e outra vez na súa petición.

Por outra banda, se a solicitude se fixo en formato dixital foi polo elevado importe da taxa a pagar que suporía obter toda a información en formato papel.

Ademais, unha vez no século XXI, o normal sería que o departamento que dirixe o Conselleiro Francisco Conde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, tivera todo o seu arquivo dixitalizado, polo que non se entende tampouco o transtorno causado pola solicitude en cuestión. Máis ben o transtorno semella producido polo desleixo da Dirección Xeral, ao non ter a documentación debidamente arquivada e ordeada en formato dixital.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente establece no seu artigo 11 que:

“1. Cando se solicite que a información ambiental sexa fornecida nunha forma ou formato determinados, a autoridade pública competente para resolver deberá satisfacer a solicitude a menos que concorra calquera das circunstancias que se indican a continuación:

a) Que a información xa fose difundida, de conformidade co disposto no Capítulo I deste Título, noutra forma ou formato ao que o solicitante poida acceder facilmente. Neste caso, a autoridade pública competente informará o solicitante de onde pode acceder á devandita información ou se lle remitirá no formato dispoñible.

b) Que a autoridade pública considere razoable poñer a disposición do solicitante a información noutra forma ou formato e xustifíqueo adecuadamente.

A estes efectos, as autoridades públicas procurarán conservar a información ambiental que obre na súa poder, ou no doutros suxeitos no seu nome, en formas ou formatos de fácil reprodución e acceso mediante telecomunicacións informáticas ou por outros medios electrónicos.

Cando a autoridade pública resolva non facilitar a información, parcial ou totalmente, na forma ou formato solicitados, deberá comunicar ao solicitante os motivos da negativa no prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude no rexistro da autoridade pública competente para resolver, facéndolle saber a forma ou formatos en que, no seu caso, poderíase facilitar a información solicitada e indicando os recursos que procedan contra esta negativa nos termos previstos no artigo 20”.

Polo tanto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tería a obriga de procurar conservar a información ambiental que obre no seu poder, ou no doutros suxeitos no seu nome, en formas ou formatos de fácil reproducción e acceso mediante telecomunicacións informáticas ou por outros medios electrónicos.

91.jpg
A drenaxe áceda da minería irresponsable produce impactos serios e significativos sobre os recursos hídricos e os ecosistemas

 

Galería

O abuso de dereito das políticas de restauración mineira do Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces e do conselleiro Francisco Conde. A chamada “Instrución Tahociana”

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, publicou a Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas (DOG Nº 157, de 20 de agosto).

Segundo a Instrucción, as solicitudes de información manifestamente repetitivas ou que teñan un carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia da  Lei 19/2013, do 9 de decembro poderían ser rexeitadas ou inadmitidas. As demandas de información e transparencia dirixidas á Consellería de Economía, Emprego e Industria son cada vez máis numerosas por parte da cidadanía, preocupada polos desleixos cometidos durante anos por este departamento da Xunta de Galicia, e que cristalizaron nunha política de restauración de espazos mineiros degradados inexistente ou inoperativa e ineficaz, á vista dos problemas ambientais e de saúde pública que se están a producir en espazos mineiros abandonados como os das antigas minas de Touro, Santa Comba, Lousame ou no Monte Neme, en Carballo.

1.jpg
Ángel Bernardo Tahoces, Director Xeral de Enerxía e Minas. Fonte: web Transparencia. Xunta de Galicia

Para elo o Director Xeral de Minas da Xunta de Galicia, ao máis “puro estilo Maduro” reinterpreta nunha versión moi sui generis a Lei de Transparencia, e indica que aplicarase o criterio interpretativo CI/003/2016 do 14.7.2016 do Consello de Transparencia e Bo Goberno en relación cos supostos en que unha solicitude de información pode entenderse abusiva (punto 2.2.1).

Preténdese así frear a manchea de solicitudes de información que se dirixen a súa Dirección Xeral, supoñemos que para gañar tempo, e distraer as solitudes presentadas cara outros trámites adicionais non precisos, pero que poderían actuar como manobra de distración, mentras recopila, clasifica e ordea toda a documentación que xa, en pleno século XXI, debera obrar dixitalizada nos correspondentes archivos, e que é posible que non saiba nin onde está ou poida que busque depurar os expedientes para eludir a alarma social que podería xerar saber, por exemplo, que hai unha estrada ameazada polo risco de derrube, dada a súa inestabilidade por estar enriba dunha vella mina, e pola que circulan a diario centos de vehículos pesados (o caso da estrada local que une Corcoesto con Cereo), e que ninguén fixo nada ao respecto. E seguir ocultando outras informacións, que poderían xerar outro tipo de alarmas, e que con respecto ás mesmas, tampouco se fixo nada durante anos e anos.

Indica a Instrución que “os actos de exercicio de calquera dereito, sen ningunha excepción, están sometidos ao límite do abuso de dereito. Concorre abuso de dereito sempre que estean presentes dous elementos: que o seu exercicio supere os límites normais do dereito e que se cause un dano a terceiro. Constitúe dano a terceiro a utilización de recursos humanos, económicos ou técnicos por parte da Administración para atender unha solicitude que supón unha extralimitación respecto dos límites normais do dereito de acceso á información pública”.

Que significa que a solicitude supere os límites normais do dereito non o explica a Instrución, pero sí o fai en relación ao concepto “dano a terceiro”, que é nin máis nin menos que o argumento que está a empregar arestora a Dirección Xeral de Minas para frear o acceso á información pública a expedientes relacionados cos dereitos mineiros de Touro, Lousame e Santa Comba. A argumentación que empregan en liñas xerais, é que con estas solicitudes de información colapsan os servizos administrativos da Dirección Xeral de Minas, xa que hai que adicar persoal a atendelas, e así, ese persoal non se adicaría as funcións habituais, o que acabaría sendo un desperdicio de recursos e de tempo, xa que ficarían outros expedientes sen resolver.

Así, segundo o punto 2.2.1 do criterio interpretativo CI/003/2016 do 14.7.2016 do Consello de Transparencia e Bo Goberno ao que alude a “Instrucción Tahociana”, sinala:

“1. Así, unha solicitude pode entenderse ABUSIVA cando se atope nalgún dos supostos ou que se dean algún dos elementos que se mencionan a continuación:

  • Con carácter xeral, naqueles casos en que poida considerarse incluida no concepto de abuso de dereito recollido no artigo 7.2 do Código Civil e avalado pola xurisprudencia, isto é: “Todo acto u omisión que pola intención do seu autor, polo seu obxecto ou polas circunstancias nas que se realice sobrepase manifestamente os límites normais do exercicio dun dereito”.
  • Cando, de ser atendida, requira un tratamento que obrigara a paralizar o resto da xestión dos suxeitos obrigados a subministrar a información, impedindo a atención xusta e equitativa do seu traballo e o servizo público encomendado, e así resulte dacordo con unha ponderación razoada e baseada en indicadores obxectivos.
  • Cando supoña un risco para os dereitos de terceiros.
  • Cando sea contraria ás normas, as costumes ou á boa fe”.

Mais o que esquece o Director Xeral de Enerxía e Minas é que o criterio interpretativo 2.2.2 indica:

“2. Considérase que a solicitude está XUSTIFICADA COA FINALIDADE DA LEI cando se fundamenta no interés lexítimo de:

  • Someter a escrutinio a acción dos responsables públicos.
  • Coñecer como se toman as decisións públicas.
  • Coñecer como se manexan os fondos públicos
  • Coñecer baixo que criterios actúan as institucións públicas”.
2.jpg
Efectos da drenaxe áceda de mina sobre un cauce

Por tanto, o Sr. Tahoces debera saber que é normal que a xente presente solicitudes de información, e é normal que se presenten moitas, e incluso diríamos que é perfectamente normal que coincidan moitas das solicitudes, porque o que non é normal, Sr. Director Xeral de Enerxía e Minas é que en pleno século XXI existan espazos degradados e contaminados como os de Touro, os de Lousame, os de Santa Comba, os de Carballo co caso Monte Neme, e o que sí é un abuso de dereito e causa dano á cidadanía é que durante longos anos, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas non fixera absolutamente nada por restaurar os espazos degradados e obrigar ás empresas a cumprir a normativa de restauración mineira, que é para o que está o Sr. Tahoces, para iso, é Director Xeral, e por iso se encarga da área de Minas.  Por iso, é normal que a cidadanía se plantexe que fan os seus responsables públicos, é normal que a xente queira saber como se manexan os fondos públicos adicados á restauración mineira, e que decisións públicas se tomaron en relación a estes espazos e baixo que criterios despois de tantos anos de inactividade e de non facer nada. E é moi normal que a xente queira saber os motivos polos que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas eludiu durante anos e anos as súas obrigas legais. Polo tanto, aquí o único abuso de dereito que hai é o da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que se excede en demasía do que é normal, para reinterpretar unha Lei e consecuentemente coa posibilidade de danar a terceiros, neste caso á cidadanía galega.

Ademais o dereito de acceso á información é un Dereito constitucional como ben deberan saber no departamento que dirixe o conselleiro Francisco Conde, recoñecido na Carta Magna española, e que está bastante por arriba deste esperpento de Instrución Tahociana, que teñen a desfachatez de publicar no DOG.