Galería

As caras do río Anllóns e o cambio climático.

Hai uns días un xornal da comarca espertaba co titular “La sequía pone en peligro el tradicional Descenso do Anllóns”. E a preocupación non é para menos. Desde hai uns anos o Anllóns está a sofrer constantes etapas de seca que poñen en perigo o caudal ecolóxico necesario para manter a vida fluvial. Arestora en moitos puntos do cauce pódese atravesar camiñando, sen mollar os pés.

CJ22C4F1_1
Seca no cauce do río Anllóns, xuño 2017.
14446198_1768313243412265_299624178997531654_n
Seca do río Anllóns ao seu paso por Corcoesto. Ano 2016.
fotonoticia_20160330151344_1280
Enchenta do río Anllóns. Ano 2016.
14085873
Bosque de ribeira no río Anllóns.
Galería

O aforro de auga, unha necesidade.

IMG_20160825_170035
A seca está a afectar moito a ríos como o Anllóns.

No mes de xaneiro deste ano a Xunta de Galicia activaba a situación de prealerta por seca, debido ao baixo caudal dos ríos galegos.

En abril Augas de Galicia facía un chamamento ao uso responsable da auga nun mes extremadamente seco.

Nestes días era noticia que os concellos de Ourense, Pontevedra e A Coruña limitaban o consumo de auga para paliar as consecuencias da seca, mentras que outros como o de Ribadavia solicitaba máis caudal para consumo á Confederación do Miño-Sil.

A Oficina técnica da Seca alentou as localidades que forman parte da demarcación Galicia Costa, xestionadas pola Xunta, para evitar perdas na rede e o fomento do uso responsable da auga na limpeza das rúas, nas piscinas e a necesidade de concienciar para optimizar os recursos na rega e na gandería especialmente nas cabeceiras dos ríos e nos regos.

A escaseza de auga potable ameaza con converterse nun grave problema para ou planeta.

O efecto antrópico sobre os ríos está moi relacionado co cambio nos usos do chan, como a derivación de augas e a regulación das enchentas mediante presas.

Cando a seca se intensifica, aumenta a necesidade de auga para a rega e outros usos agrarios e isto exerce un forte impacto sobre o caudal natural dos ríos. Segundo os científicos, o resecamiento natural debido ás secas non é un efecto humano, pero a toma de auga dos ríos durante unha seca si o é, e pode ter consecuencias a longo prazo.

images (1)
Cambio climático e desertización.

A auga que se retira dos ríos e cursos fluviais ten uns efectos duradeiros. As fontes, os mananciais, as concas ou cañadas están en acelerada vía de extinción, hai cambios de clima e de chan, inundacións, secas e desertización. Pero é a acción humana a máis drástica: exerce unha deforestación delirante, ignora os coñecementos tradicionais, retira a auga dos ríos de diferentes maneiras, entre outras con obras de enxeñería, represas e desvíos.

dibujo 5rs
As 5 erres: reutilizar, reducir, reparar, reciclar e regular.

O Foro Económico Mundial e outras institucións calculan que para 2030 haberá unha demanda 40% máis alta, que o planeta non poderá fornecer.

Iso afectará a agricultura, o que aumentará os prezos dos alimentos.

Non é difícil imaxinarse que se non se atopa unha solución pronto, a posibilidade de que estalen guerras por auga doce é alta.

todos podemos ahorrar agua
A necesidade de aforrar auga.

A solución máis simple podería ser sinxelamente mellorar a maneira na que administramos o que temos, e sobre todo, aforrar auga cada segundo dá nosa vida.

Por iso, pechemos as billas.

images
Pechemos as billas.
Galería

Os dous carballos singulares do camiño real de Cures á Cortiño e á Regueira.

Protexendo árbores, criando bosque.

Árbore singular 1.jpg
Carballo singular á beira do Camiño Real que vai á Cortiño e á Regueira, Corcoesto.
árbore singular 2.jpg
Carballo singular á beira do Camiño Real que vai á Cortiño e á Regueira, Corcoesto.
Galería

No Día Internacional dos Bosques, lembramos ás carballeiras e montes de Corcoesto no ano 1767.

hdr
Bosque autóctono galego.

 

As carballeiras ou  “deesas” (dehesas) de Corcoesto no ano 1767.

A dehesa é un ecosistema de creación humana, un tipo de bosque formado por aciñeiras, carballos, sobreiras ou outras especies, con estrato inferior de pasteiros ou matogueiras, onde a actividade do ser humano foi intensa, e xeralmente están destinados ao mantemento do gando, á actividade cinexética e ao aproveitamento doutros produtos forestais (leñas, cortiza, cogomelos etc.). É un exemplo típico de sistema agrosilvopastoral e típico da zona occidental da península ibérica.

O termo dehesa vén do latín defesa (defensa), pois os primeiros poboadores na reconquista facían valados para protexer os rabaños aloxados nelas. O termo “deesa” empregábase para designar ás actuáis carballeiras.

En Corcoesto no ano 1767 aparecen documentadas tres carballeiras ou dehesas “deesas” importantes: dúas delas en Sta. Mariña do Remuíño e a de Sta. Margarida de Baneira.

No século XVIII as carballeiras identifícanse nos documentos oficiais co termo “deesa”.

En relación á paraxe de Sta. Mariña existía o bosque ubicado “a solano” e o bosque ubicado por enriba do “pozo do Remoyño”, en alusión ao remuíño que forma o río Anllóns ao entrar encaixado nun dos meandros do cauce, ao seu paso por Corcoesto.

Naquela época non existía moito bosque, posto que o destino das terras era principalmente o seu uso para a alimentación humana e do gando. Así eran moi frecuentes as estibadas nos montes, para as colleitas específicas dos cereais de inverno, isto é, millo e centeo. As estibadas podían ser individuais ou colectivas. Estas últimas eran as máis frecuentes nos montes abertos. Así en Corcoesto destacaban as estibadas que a veciñanza de Corcoesto realizaba nos montes comúns do lugar da Lamprieira, chamado así porque estaba preto da canle do río Anllóns, onde se ubicaban as pesqueiras de lamprea.

Así en relación á paraxe de Sta. Mariña no ano 1767 constátase que: “…todo aquel sittio esttá poblado de robles excepto por la parte del bendaval, que confina con la zerradura de la Agra de Sta. Mariña”, “El monte de la Lampriheira y el robledo que le circunda está junto al canal donde se cogen las lampreas”, “La robleda del resío de Sta. Mariña, al igual que el santuario de la gloriosa santa, la administra el párroco de esta feligresía yn solidum, con prohibición attodo género de personas”.

Naquel momento da historia a paraxe de Sta. Mariña do Remuíño era propiedade de Joseph Antonio Bermúdez de Castro, dono das torres e pazo de A Penela, se ben o caseiro do lugar era Domingo Antonio Amado Figueiroa, quen asinara un contrato de foro co dono do lugar uns catro anos antes aproximadamente. Con anterioridade os caseiros do lugar era a familia Grille. O novo caseiro consideraba que os montes da Lamprieira, onde os veciños de Corcoesto facían as estibadas, pertencían ao señor de A Penela, e por tanto eran terreos incluídos no contrato de foro, polo que pretendía cobrarlles un quinto da colleita á veciñanza que os cultivaba.

Preto de Sta. Mariña era propietario de montes o licenciado don Diego Labandeira, alto grao da Real Audiencia do Reino.

Ademais dos caseiros como Domingo Amado e Manuel de Lema, que era caseiro de Francisco Romero y Arijón, tamen existían os colonos como Domingo Torrado y Varela, veciño do lugar e couto da Boutureira, da feligresía de San Xián de Langueirón, pertencente á xurisdicción de A Penela. Este labraba unha porción de terreno no lugar de O Resío, como colono de Francisco Romero y Arijón, polo que lle pagaba a cantidade de vélaro correspondente.

Os montes de Corcoesto eran pois mixtos. Comunais tamen eran os montes de Cudeiro, Ínsua Boa e Agras de Corcoesto. Os montes de Arnados eran un couto (cotto) “en larguera”, que labraba a veciñanza de Corcoesto.

Os montes de Teixedo ao igual que a carballeira de Sta. Margarida de Baneira eran propiedade da casa da Penela.

Os montes da Lamprieira e o seu resío (parte orientada á riberia do río Anllóns) quedaban libres de señorío, ao igual que o río, que era libre e franco para a pesca.

Os montes da Lamprieira eran montes comúns, sen dominio algún. Estes quedaban libres de señorío ata o río Anllóns para a pesca. No século XVII un pleito establecera que estos montes non podían quedar cerrados nen suxeitos a ningún señorío. Antes deste preito, o señorío da casa e torres de a Penela percibía o quinto do froito da xurisdicción, abadía e luctuosas por sinalamento de vasalaxe. O pleito fora entre os donos da casa de Nebra (da parroquia de Sta. María de Nebra, concello de Porto do Son) e os donos da Penela. Os donos da casa de Nebra eran os donos do couto do Anllóns, e das súas canles, estanques, baluartes e moendas. A veciñanza tratara de defender os montes comúns da Lamprieira nese xuízo. Gañado o mesmo, os montes ficaran libres e o río quedara libre para pescar, bañarse e para as moendas. Quedaba pois a veciñanza na “posesión pública, continuada y notoria de los montes de la Lampriera”.

Veciñanza como Jacinto de Lema, Alonso Sánchez, Joseph e Antonio Roxo, Gregorio Baneira, Francisco Souttullo, Benitto Souttullo, Domingo Antonio Moreira, Juan do Matto, realizaban estibadas nos montes da Lamprieira. Aproveitaban a leña para queimar, estrume para abono de terras, tala de leña, estibas… A veciñanza da feligresía de Langueirón só podía aproveitar dos montes da Lamprieira en tempo de verán, porque en inverno non lles ían os carros polo Resío Grande que ía a Ponte-zeso.

IMG_20160817_192202
Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño, Corcoesto.
Galería

As ameazas á biodiversidade, ao patrimonio e ás paisaxes. Ameazas no marco concreto do val fluvial do río Lourido.

Diversas ameazas cérnense en torno aos espazos naturais: eólicos, hidroeléctricas, liñas de alta tensión, minas a ceo aberto, infraestruturas viarias, incendios, seca, cambio climático, erosión, monocultivos forestais, caza, contaminación por diversas causas, desaparición do patrimonio cultural,…etc. Por se fora isto pouco, nas mans da cidadanía está frear o cambio climático e o quecemento global, ameazas irreversibles e globais para o planeta.

O fenómeno tamen afecta ao val fluvial do río Lourido, reserva fluvial e área de especial interés paisaxístico da comarca de Bergantiños, e que será o marco particular para a análise destas ameazas globais sobre un territorio concreto e a pequena escala.

Restos da pesqueira do río Anllóns, Corcoesto..jpg
Restos da antiga pesqueira do río Anllóns.

Manifestación da seca no cauce do río Anllóns, Corcoesto..jpg

O río Lourido é un afluente tributario do Anllóns que nace en fonte Cardeira e vai recollendo ao longo do seu percorrido as augas do rego Batán e doutros regos e fontes que nacen no val, entre as parroquias de Valenza, Cereo e Corcoesto. Únese ao Batán abaixo do regueiro de Cercarido, na parroquia de Cereo para desembocar no río Anllóns, preto do muíño do Xuareiro.

Desde fonte Cardeira a paisaxe amosa os muíños eólicos do cume do monte de Perrol e a liña de alta tensión de Cudeiro, que o atravesa desde Silvarredonda a Cereo, quebrando a calidade paisaxística das cuncas visuais e fragmentando un espazo de alto valor ambiental.

Cada vez chove con menos frecuencia e a seca afecta ao caudal do Lourido, ao igual que ao de todos os ríos, regueiras, regueiros, regos e regatos de Galicia. Antes cada verán e agora con maior frecuencia, a empresa concesionaria da central hidroeléctrica da paraxe de Sta. Mariña do Remuíño, opera no cauce do Anllóns para limpalo, acumular máis auga na presa e conseguir que o salto produza máis forza e enerxía.

Nas épocas de alto risco de incendio a veciñanza establece o que lle chaman as “patrullas veciñais disuasorias e de prevención”, para coidar dun espazo único e de alto valor ambiental, que forma parte da identidade e da memoria.

Os incendios esgotan a biodiversidade e afectan gravemente aos ecosistemas, causando a erosión dos chans e eliminando a súa funcionalidade. Temos así chans ermos e esmorecidos en boa parte de Galicia afectada pola baga de incendios, que xa abandonaron a súa estacionalidade para convertirse nun problema permanente.

Este espazo tampouco é alleo aos monocultivos forestais de eucalipto, que intentan incluso chegar aos bordes do río, e ameazar ás masas de vexetación de ribeira de bidueiros e salgueiros.

Cada vez é máis frecuente que apareza unha nova pista aberta en calquer lado do val, sen importar a fragmentación dos ecosistemas. Os espazos mudan e van incorporando novas infraestruturas que constituen ameazas antrópicas consecuencia da produción, distribución, transporte e consumo de bens e servizos.

Co tempo van desaparecendo os camiños históricos, porque mudan as necesidades da poboación, pero non se conserva o patrimonio cultural, histórico e artístico, sexa materia ou inmaterial. Os valos das fincas desaparecen porque os camiños teñen que adaptarse ás novos medios de transporte. Na memoria colectiva quedan así os rueiros, congostras, camiños, carreiros, pistas, corredoiras..etc.

Xa case ninguén recorda o camiño histórico que atravesaba o val fluvial no século XVIII, que baixaba desde Cereo polo regueiro de Cercarido, pasaba por arriba de Sta. Mariña do Remuíño, de lado do solano e vendabal para chegar a Fonterremula, cruzar os montes dos Picotos ata a poza negra do Anllóns, onde estaba o paso para continuar cara a Ponte-ceso.

Na memoria, e aínda físicamente sobre o lugar está o Batán do Lourido, preto de Baralláns, e os muíños de Baralláns, da Canle, do Mineiro e do Prillán. O mesmo ocorre coas pontellas de Baralláns, do Prillán e as dúas do rego Batán, principal vía de comunicación entre os veciños de Corcoesto, Lestón e Valenza.

Pouca xente lembra ao lobo no lugar de Petón do Lobo, nen as feiras da antiga aldea abandonada de Aldemunde, entre Lestón e Baralláns. Tan só fican as ruínas, testemuñas silenciosas dun pasado de feiras de gando buliciosas e xentes diversas do mundo.

Xa ninguén lembra as pesqueiras do río Anllóns e o espazo da lamprieira, onde aínda fican restos das pedras que conducían as troitas e as lampreas ás canles de pesca. Os pesticidas, plaguicidas, abonos, fertilizantes, puríns… esgotan e ameazan á fauna dos ríos.

Unha pesqueira é unha  construción, feita nun río, aproveitando un lugar natural, de tal forma que en base a un muro ou varios, derívase a auga para un portillo estreito, no que se axusta unha rede especial para pescar principalmente lamprea pero tamén o salmón, o sable e outros peixes. Na súa construcción tiveron moito que ver xente que entendía as correntes dos ríos e eran grandes canteiros.

Así no río Anllóns, ao seu paso por Corcoesto, temos o lugar da Vitureira ou da Lamprieira, en clara alusión ás pesqueiras onde se colocaban os vituróns ou vutrón, é dicir, as redes que se axustan entre os poios para pescar as lampreas.

O lugar da Lamprieira, preto do lugar de Xabarín ou Xabariño, en Corcoesto, fai alusión precisamente ao lugar do río onde se colocaban as lamprieiras, é dicir as redes para a captura de lamprea.

De igual xeito o topónimo da Vitureira, fai tamen relación aos vituróns ou vutróns para pescar salmón, anguías e lampreas.

A construcción das presas e das centrais hidroeléctricas, as chamadas “Fábricas da luz” deixaron na memoria as pesqueiras do río Anllóns.

A vida nos ríos galegos e a abundancia piscícola era tan relevante que no lugar de Teixedo, en Corcoesto, chegouse a instalar a finais do século XVIII un secadoiro de salmón. A elo ben puido contribuir a proximidade do río Cardezo, tributario do río Anllóns, e a Regueira, onde desemboca o rego de Sta. Margarida de Baneira.

Quen diría que no ano 1714 as pesqueiras ou gargas do río Cardezo cultivaban ostras de auga doce. A ostra perlífera de auga doce é un animal filtrador que se alimenta de partículas transportadas polas correntes. Para soportar o frío, require un substrato de area ou de grava, o que lle permite introducirse nel, ás veces durante varios anos. Por tanto, é moi sensible á sedimentación dos ríos que constitúen o seu hábitat: a diminución do caudal, a colmatación dos fondos, conduce á súa desaparición sistemática, aínda que ás veces obsérvanse desprazamentos voluntarios dos adultos (menores niveis de auga ou aumento de turbidez). A súa presenza é pois un excelente bioindicador da calidade dos ríos.

A contaminación fluvial e en xeral de todos os recursos hídricos debera ser a maior preocupación da cidadanía, porque incide directamente na saúde humana e dos ecosistemas.

Por outra banda, xa non hai xabaríns no lugar de Xabarido. A caza afecta á biosfera porque interrompe o ciclo natural en especies particulares de animais, como o xabarín e o coello, e isto trae consecuencias para o resto dos animais, plantas e árbores que dependen das especies máis cazadas. Directamente afecta a todo o medio natural e ao declive dos grandes depredadores como o lobo, animal clave no equilibrio dos ecosistemas.

Pero aínda existe algunha esperanza. Aínda quedan ruscos ou xilbarbas en Sta. Mariña do Remuíño, Corcoesto. A xilbarba é un pequeno arbusto propio dos lugares onde hai carballeiras. Medra nos valados de Sta. Mariña. Este outono e inverno medraron entre os loureiros da Santa. Había anos que non se albiscaba este arbusto pola entorna. Ten propiedades mediciñais moi importantes e variadas.

Alguén coñece os fentos do lugar da Regueira, en Corcoesto? Son fentos enormes e entre eles está o fento real. O seu tamaño é un indicador da biocalidade deste espazo, que alberga unha vexetación riparia en bó estado de conservación e un conxunto etnográfico e patrimonial conformado por doce muíños.

Mudan os tempos, mais non debera isto representar unha ameaza para a biodiversidade e o patrimonio natural e patrimonial. Nas mans de todas e de todos está en coidar os espazos naturais e preservar e mellorar os seus valores ambientais, naturais, ecolóxicos, estéticos, paisaxístos…etc. Exercer unha cidadanía resposanble implica o seu coidado e preservación. Da saúde dos ecosistemas depende a nosa propia saúde.

Galería

Corcoesto volve ao Parlamento europeo o vindeiro martes, día 24 de xaneiro, da man de Ana Miranda Paz e a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo.

Ana Miranda Paz, en representación da asociación Petón do Lobo, debatirá na eurocámara o próximo martes, 24 de xaneiro, tres peticións para rexeitar as 7 Julias que continuan vixentes sobre a zona do cancelado proxecto mineiro de Corcoesto. As peticións serán debatidas a partir das 16 horas e son as seguintes:

  • Petición 768/2012, proxecto mineiro de Corcoesto.
  • Petición 976/2013, proxecto mineiro de Corcoesto.
  • Petición 1/2016, proxecto mineiro de Skouries, Halkidiki, Grecia.

A terceira petición está relacionada co proxecto mineiro de Halkidiki, en Grecia, de tramitación coetánea co de Corcoesto, e que arestora está a producir a maior catástrofe ambiental deste país ao arrasar centos de hectáreas de bosque primitivo con protección prioritaria no ámbito europeo. Esta petición conta co apoio do eurodeputado grego Nicolaus Chountis e o seu grupo parlamentario.

Corcoesto mostra así a súa solidaridade para coa rexión grega afectada pola deforestación ilegal que se está a realizar a consecuencia das actividades extractivas a ceo aberto nunha paraxe de alto valor ecolóxico e ambiental.

A retransmisión en línea dos traballos da Comisión europarlamentaria pódense seguir no seguinte enlace:

http://www.europarl.europa.eu/activities/committees/homeCom.do?language=ES&body=PETI

En relación á petición 768/2012 no seu día pedírase o rexeitamento do proxecto mineiro de Corcoesto en base á deficiente avaliación do documento ambiental, unha declaración institucional ao respecto e que se mantivera aberta a petición por se acaso a Xunta decidía autorizar definitivamente o proxecto. A petición fora aprobada pola eurocámara.

img_20160914_165759

A Xunta de Galicia rexeitou finalmente o proxecto mineiro e declarou a caducidade de 3 dos dereitos mineiros Emilita, Ciudad de Landró e Ciudad de Masma, que formaban parte da área territorial na que se ía desenvolver o proxecto. A día de hoxe, a Xunta de Galicia mantén en vigor 7 dereitos mineiros  (as 7 Julias), que tamen formaban parte do referido proxecto, e que non están caducados, pese a coñecer perfectamente as características da entorna humanizada afectada polos mesmos.

Por tanto á vista de que as 7 Julias carecen hoxe en día de  xustificación pedirase na eurocámara que o goberno galego proceda a súa inmediata cancelación.
Mediante Resolución da Consellería de Economía de Industria (Dirección Xeral de Enerxía e Minas) de data 11 de marzo de 2014 resolveuse denegar a aprobación do proxecto de explotación de ouro (concesións de explotación Emilita nº 1221, Cidade de Landró nº 1.454 e Cidade de Masma nº 1.455) presentado pola entidade Mineira de Coscoesto S.L.U.
Por Resolución administrativa de 7 de agosto de 2015 declárase a caducidade dos dereitos mineiros da mercantil promotora (Emilita, Landró e Masma).
A  Sentenza do Pleno do Tribunal Constitucional 33/2016, de 18 de febreiro, confirma a legalidade da actuación administrativa, e por tanto a CADUCIDADE DOS DEREITOS MINEIROS de Corcoesto, pero so referidos aos 3 mencionados e non aos 7 restantes (as Julias).
Galería

O proxecto das Directrices da Paisaxe de Galicia: unha fraude á cidadanía e instrumento facilitador da megaminería contaminante nas Áreas de Especial Interés Paisaxístico.

O documento que é un instrumento de ordenación do territorio de Galicia e está arestora en fase de consulta pública ata o vindeiro 2 de marzo, ignora a normativa europea, a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, o Convenio europeo da paisaxe, asinado en Florencia por proposta do Consello de Europa o 20 de outubro de 2000, e demais convenios internacionais vixentes na materia.

DEREITOS MINEIROS PROVINCIA A CORUÑA CENSO MINEIRO XUNTA.png
Dereitos mineiros solicitados e/ou outorgados na provincia de A Coruña. Datos do Censo Catastral mineiro de Galicia.

O borrador ignora a vontade da cidadanía que participou nos Talleres de elaboración das directrices da paisaxe organizados polo Instituto de Estudos do Territorio e vulnera frontalmente o Dereito Natural nunha época de cambio climático acelerado, quecemento global e alerta de seca en Galicia.

O proxecto das Directrices da Paisaxe de Galicia vende as Áreas de Especial Interés Paisaxístico de Galicia á Cámara Mineira de Galicia e ás empresas do sector mineiro.

Zonas que polos seus valores intrínsecos naturais, culturais ou paisaxísticos, ou pola fraxilidade dos equilibrios ecolóxicos existentes ou que delas dependan, son sensibles á acción de factores de deterioración ou susceptibles de sufrir ruptura no seu equilibrio ou harmonía de conxunto quedan expostas á megaminería contaminante a ceo aberto.

O borrador das Directrices da Paisaxe de Galicia, arestora en exposición pública, vende as Áreas de Especial Interés Paisaxístico de Galicia á Cámara Mineira de Galicia e ás empresas do sector mineiro, e permite actividades extractivas a ceo aberto nas mesmas. Por outra banda, non distingue núcleos habitados e deshabitados, non ten en conta o grao de humanización das paisaxes como medio de vida dos seus habitantes e facilita a tramitación dos proxectos mineiros a ceo aberto coa única preocupación de que causen o menor impacto visual posible na paisaxe, limitación ridícula se temos en conta que a meirande parte da minería en Galicia é a ceo aberto.

En definitiva, prevalece o dereito do mercado á expoliación dos recursos fronte ao benestar e a saúde da cidadanía e dos ecosistemas, e en especial dos recursos hídricos.

A Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, a Asociación galega Cova Crea e a Asociación ambiental Amigos e Amigas dos Bosques “O Ouriol do Anllóns” aseguran que a xente que participou nos talleres de elaboración do borrador do documento das Directrices da Paisaxe non foi informada ao respecto desta cuestión, e moito menos, apoiou a implantación de proxectos de minería nas Áreas de Especial Interés Paisaxístico (AEIP) e nos Lugares de Especial Interés Paisaxístico (LEIP).

Estase a terxiversar a vontade da cidadanía e a actuar de xeito fraudulento ao consentir expresamente a minería nas escasas áreas de especial interés paisaxístico que ten Galicia (12 en total). A xente que asistiu aos Talleres confiou plenamente na protección efectiva das paisaxes, por iso seleccionou altenativas para a implantación das actividades extractivas, pero en ningún momento se lles dixo que as áreas paisaxísticas que estaban a seleccionar ou as directrices que valoraban ou escollían servirían para implantar minas a ceo aberto en áreas de especial interés paisaxístico.

De sobra é coñecida a incompatiblidade da minería coas paisaxes de alto valor ecolóxio e ambiental polos impactos significativos irreversibles e os grandes problemas que hai á hora de conciliar ambas realidades, posto que a minería é per se, un uso prohibido nestas áreas por eliminar a súa funcionalidade, e sobre todo as de especial interés paisaxístico, en tanto que as mesmas manteñan os valores polos que son obxecto de recoñecemento e por ende de protección.

O documento elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (páxinas 411 e seguintes) ignora que boa parte do subsolo da comunidade autónoma de Galicia foi obxecto de concurso de dereitos mineiros e está a espera de que empresas, a meirande parte delas multinacionais alleas a Galicia, presenten proxectos viables para a súa explotación.

O documento non é realista, ignora a vontade da cidadanía de Galicia, oculta datos ao non explicar suficientemente o alcance do documento e non plasma a vontade das persoas participantes nos talleres realizados para a súa elaboración constituindo unha fraude, ademais de impulsar a tramitación do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia, paralizado pola cidadanía da comarca de Bergantiños e de Galicia a raíz do fallido proxecto mineiro de Corcoesto.

Ningún cidadán de Galicia no seu xuizo cabal escollería unha mina a ceo aberto no primeiro rango de distancia (500 metros) das zonas de visibilidade estratéxica do Catálogo das Paisaxes de Galicia, nen sobre a súa casa ou sobre os cauces fluviais e áreas de alto valor ambiental e ecolóxico, ignorando tamen de cheo o cambio climático, a época de seca que atravesa Galicia recentemente activda polo Presidente da Xunta de Galicia e o quecemento global, pero os responsables do Instituto de Estudos do Territorio e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, sí o permiten e  así o plasman no documento ignorando a especial sensibilidade dos ecosistemas das Áreas de Especial Interés Paisaxístico.

O documento é unha fraude á vontade da cidadanía, unha fraude á normativa da Unión Europea sobre cambio climático e ven a empeorar a situación das paisaxes de Galicia ao converterse no instrumento facilitador das actividades extractivas nas Áreas de Especial Interés Paisaxístico e debilitar a súa protección.

O Instituto de Estudos do Territorio e a Consellería de Medio Ambiente teñen que mudar o documento de xeito inmediato, mudar os criterios seguidos para a súa elaboración, respetar a lei, respetar a vontade da cidadanía e a normativa comunitaria vixente e protexer precisamente a paisaxe e o medio ambiente adaptándose ás directrices sobre cambio climático que veñen dadas desde a Unión Europea e non precisamente ao revés.

Estas tres entidades impugnarán por vía xudicial, se for preciso, o regulamento definitivo das Directrices en tanto que saía publicado oficialmente, por incumprir os requisitos procedimentais e de fondo, no caso de que o documento continue nesta liña e solicitarán a dimisión de Inés Santé, Directora do Instituto de Estudos do Territorio e de Beatriz Mato, Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio se non mudan os plantexamentos e criterios plasmados no documento e se protexen as paisaxes de modo eficaz, real e efectivo.

Boa parte da superficie do territorio galego foi solicitado por empresas para a súa investigación e explotación mineira e  a Administración da Xunta de Galicia xa cobrou no seu momento por esas adxudicacións de terreos, e que permanezan ou non aí vai a depender dos resultados da investigación mineira e da viabilidade dos proxectos e das empresas, pero a meirande parte da cidadanía galega descoñece que o subsolo da súa casa tal vez podería estar xa adxudicado a unha empresa para a investigación mineira ou explotación.

Así na provincia de A Coruña hai 370 dereitos mineiros solicitados, 449 en Lugo, 474 en Ourense e 422 en Pontevedra. A meirande parte dos dereitos solicitados están no subsolo de núcleos habitados, cauces fluviais, granxas…etc, sin distinción algunha nen ter en conta os valores prevalentes aos que afectan de xeito significativo.

Polo tanto, apelamos ao cumprimento da normativa e ao sentido común para frear o despropósito do borrador das Directrices da paisaxe arestora en fase de consulta pública ata o vindeiro 2 de marzo de 2017.

DEREITOS MINEIROS LUGO.png
Dereitos mineiros solicitados e/ou outorgados na provincia de Lugo. Datos do Censo Catastral mineiro de Galicia.
DEREITOS MINEIROS PONTEVEDRA.png
Dereitos mineiros solicitados e/ou outorgados na provincia de Pontevedra. Datos do Censo Catastral mineiro de Galicia.

 

DEREITOS MINEIROS OURENSE.png
Dereitos mineiros solicitados e/ou outorgados na provincia de Ourense. Datos do Censo Catastral mineiro de Galicia.

 

 

Confirmada a resistencia dos carballos ao cambio climático.

IMG_20160702_202227

Carballeira na paraxe de Sta. Mariña do Remuiño, en Corcoesto.

A investigación de doutoramento de Gonzalo Pérez de Lis Castro salienta que os carballos (Quercus spp) posúen un sistema vascular moi especial, constituído por condutos de tamaño moi diverso na  madeira, que lles  permite contar cunha grande resistencia fronte aos eventos climáticos extremos e, polo tanto, aos efectos do cambio climático en Galicia.