Galería

O Defensor do Pobo investigará a eficacia do CleanSeaNet, o servizo de detección por satélite de verteduras de hidrocarburos, á vista dos probables “sentinazos” que afectan ás aves mariñas e á biodiversidade nas costas galegas

O Servizo de detección por satélite de verteduras de hidrocarburos, o CleanSeaNet, parece non funcionar nas costas galegas. Ademais das verteduras de hidrocarburos resultantes de accidentes, as verteduras ilegais, incidentales ou deliberadas de hidrocarburos (e outras substancias) no medio mariño son unha fonte importante de contaminación mariña que é menos visible pero non menos daniña. Coa adopción da Directiva (CE) n.º 35/2005 sobre a contaminación procedente de buques, a tarefa de detectar verteduras, incluídas as descargas ilegais no mar, incorporouse ás actividades da AESM como parte da capacidade de loita da Axencia.

Como resultado, en 2007 estableceuse CleanSeaNet, un servizo de detección e supervisión por satélite de verteduras de hidrocarburos. Cando se detecta un posible vertido de hidrocarburos en augas nacionais, envíase unha mensaxe de alerta ao país correspondente. En casos de verteduras cun nivel de alerta elevado, o servizo de apoio marítimo da AESM (Axencia europea de seguridade marítima), pode chamar ao Estado costeiro para asegurarse de que se recibiu a alerta e para ofrecer apoio adicional. As imaxes analizadas póñense ao dispor dos puntos de contacto nacionais case en tempo real (menos de 30 minutos despois de que o satélite obteña a imaxe). O servizo inclúe a identificación de posibles contaminadores mediante a combinación da imaxe tomada polo satélite con información sobre o tráfico marítimo.

Tras recibir a información detallada, a autoridade nacional decide a resposta operativa apropiada, por exemplo, o envío dun activo, como unha aeronave, para comprobar a área e verificar a vertedura, ou a solicitude dunha inspección do buque no seguinte porto de escala.

Con todo, este servizo parece que non funciona nas costas galegas, a pesar de que o Regulamento (UE) n ° 911/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, establecía financiamento plurianual da actuación da Axencia Europea de Seguridade Marítima no ámbito da loita contra a contaminación mariña causada por buques e por instalacións de hidrocarburos e de gas.

Nos derradeiros días apareceron nas costas galegas un gran número de aves mariñas abeiradas nas praias. Están empapadas dunha substancia oleosa, moi probablemente procedente dun ” sentinazo”. Practicamente en toda a costa galega desde A Guarda ata A Mariña están a rexistrarse numerosos avistamentos de aves mariñas que mostran no seu corpo unha substancia oleosa. O elevado número de exemplares e a extensión da costa afectada fai pensar nunha importante vertedura de residuos e aceites ao mar, probablemente provinche dun ” sentinazo”. Estas prácticas de limpeza e baleirado dos tanques no mar son ilegais e supoñen unha contaminación difusa que representa a maior cantidade de hidrocarburos vertidos nos mares.

Con todo, a colaboración da cidadanía na recollida das aves afectadas para o seu tratamento non axuda a resolver un problema como este, que ademais é bastante máis frecuente do que parece. Os sentinazos e os deslastres de tanques representan ao redor do 11% de todos os derivados de petróleo que entran no mar. Non hai que esquecer que os accidentes de grandes petroleiros, como o Prestige representan só o 5% dos derivados de petróleo no mar. Insistimos: os sentinazos e deslastres son máis do dobre deses accidentes petrolíferos que tanto asustan. A consecuencia máis daniña que teñen os derivados do petróleo son os seus efectos sobre os ovos e as larvas, ou os xuvenís. Se a concentración de hidrocarburos é grande morren moitas larvas e a outras lles provoca malformacións. Aínda que cada especie ten unha época de posta, os sentinazos prodúcense continuamente. En consecuencia, sempre haberá ovos ou larvas afectadas, causando unha redución no éxito reprodutivo e, a longo prazo, as poboacións de peixes diminuirían.

emsa-cleanseanet
European Maritime safety Agency Celebrating 10 year CleanSeaNet Service

Por iso desde a asociación ambiental Petón do Lobo solicitouse ao Defensor do Pobo que supervisara a actividade das Administracións neste caso competentes, co fin de que se eviten ou diminúan no futuro estas verteduras ilegais ao mar, que afectan directamente á biodiversidade dos nosos mares e avalíe se é o caso, o cumprimento da Directiva 2009/17/CE do Parlamento europeo e do Consello, do 23 de abril de 2009 pola que se modifica a Directiva 2002/59/CE relativa ao establecemento dun sistema comunitario de seguimento e de información sobre o tráfico marítimo e o Decreto 135/2016, do 6 de outubro, polo que se regulan a estrutura e a organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG Núm. 203 do 25 de outubro de 2016), tanto por parte do Ministerio competente da Administración Xeral do Estado como a Consellería competente da Xunta de Galicia, para que arbitren e adopten medidas firmes, efectivas e eficaces, coa achega dos recursos necesarios para resolver a problemática dos “sentinazos” fronte ás costas galegas. Indague de ser o caso, os motivos polos que os sentinazos son máis frecuentes na costa galega, por que non se detectan a tempo as verteduras para evitar a súa afección á fauna, as medidas para adoptar para a súa eliminación ou minimización e que é o que está a fallar para que isto ocorra cunha frecuencia obxecto de bastante preocupación.

ave
Ave afectada por un posible “sentinazo”