Galería

A Deputación provincial da Coruña e o concello de Cabana permiten as actividades no Dolmen de Dombate, sen a aprobación previa dun protocolo sanitario específico ante o Covid-19, que garanta a seguridade e a saúde dos visitantes no centro arqueolóxico

  • A ausencia dun Protocolo sanitario sectorial ante o COVID -19, para o Dolmen de Dombate, non garante que a cidadanía poida visitar arestora con garantías sanitarias o centro arqueolóxico
  • A limitación das actividades sería unha medida aconsellable fronte ao rebrote actual do coronavirus, en tanto non se aplique o protocolo de limpeza e desinfección entre as visitas guiadas que se ofertan cada 30 minutos, comezando a primeira ás 10:00 e a última ás 19:30h, todos os días da semana
  • O réxime actual de visitas e de organización de eventos incumpriría a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. (DOG Núm. 115 de 13 de xuño de 2020).

 

A asociación considera que a situación actual é de máximo risco e que, polas súas especiais características, a variada procedencia das persoas visitantes e usuarias do monumento o convirten nunha «bomba de reloxería» en caso de contaxio.

Asemade, Petón do Lobo pídelle responsabilidade institucional ao deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamentos Xosé Luís Penas ante o avance da epidemia, pois neste momento calquera toma de decisións debe estar basada en criterios de saúde pública alonxados do xogo político.

Mentres en Galicia e no resto do Estado o rebrote do coronavirus está a ser unha realidade, o alcalde de Cabana José Muíño insiste nunha postura que non é nin razoable nin sostible nas actuais circunstancias para xustificar a cuantiosa subvención (60.000 euros) que recibe da Deputación coruñesa no Dolmen de Dombate.

A realidade, sen embargo, é que a situación epidemiolóxica está a ser significativamente peor que a mediados do mes de xuño con distintos rebrotes por toda a xeografía galega e co brote con transmisión comunitaria na Mariña aínda activo.

A media móbil a 7 días estaba o 16 de xullo en 5,4 novos diagnósticos ao día en Galicia, un valor que quintuplica os mellores rexistros de xuño e que está en niveis similares aos rexistrados nos días previos á declaración do Estado de Alarma.

Deixando de lado a idoneidade ou non do plan de actividades no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate por parte do Concello de Cabana, que en moitos casos non está a favorecer o seu valor como entidade museística, a Deputación, por responsabilidade, debe limitar ou suspender o plan de actividades, especialmente as que teñen lugar no interior do recinto.

Dende Petón do Lobo recordamos que segundo as indicacións da Organización Mundial da Saúde o maior risco dase en espacios pechados e o virus ten un alto nivel de transmisibilidade por vía aérea, algo que vai alén da distancia interpersoal recomendada e o uso obligatorio de máscara.

Por iso, a organización de concertos no pavillón do dolmen en plena pandemia, coma no caso do ciclo «Música na catedral» pode supoñer un problema, sen dúbida evitable tanto para os intérpretes como para o público asistente.

coronavirus dombate

Consecuencias da ausencia dun Protocolo específico Covid-19 no Dolmen de Dombate:

  • Non se priman as actividades de realización autónoma.

(Véxase: https://turismo.dacoruna.gal/es/descubre/patrimonio-provincial/dolmen-de-dombate )

  • Non se reforza o deseño de recursos educativos e divulgativos de carácter dixital.
  • Non se menciona expresamente a limitación de aforo no acceso ao público para as visitas na páxina web.
  • Non se referencian recorridos obligatorios para separar as circulacións ou organizar horarios de visitas para evitar aglomeracións de visitantes e evitar interferencias entre distintos grupos ou visitas.
  • Posible infracción da Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. (DOG Núm. 115 de 13 de xuño de 2020).

images