Galería

As vías culturais. O camiño real de Cortiño, parroquia de Corcoesto.

As vías culturais. O camiño real de Cortiño, parroquia de Corcoesto.

Define, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, unha “vía cultural”, como aquela “vía ou camiño de características orixinais recoñecibles que forma parte ou que o formou no pasado da estrutura tradicional do territorio, cun relevante interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico”.

En Corcoesto existen alomenos un par destes camiños. Un deles é o que conduce ao lugar de Cortiño (de Cures a Millán), e pasa á beira do antigo cemiterio civil.

Os monumentos, as zonas arqueolóxicas e as vías culturais declarados de interese cultural ou catalogados contan cun contorno de protección. Así mesmo, cando sexa necesario segundo as súas características, pode establecerse un contorno de protección para as demais categorías de bens. No caso dos bens inmobles, o contorno de protección pode estar constituído polos espazos e construcións próximas, co fin de evitar que a súa alteración incida na percepción e comprensión dos valores culturais dos bens no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo.

O contorno de protección debe manterse cos seus valores ambientais, polo que as intervencións que se realicen deben resultar harmoniosas coas condicións características do ámbito.. Deben procurar a súa integración en materiais, sistemas construtivos, volume, tipoloxía e cromatismo, ademais dos seguintes criterios específicos:

  • Procurarase evitar os movementos de terras que supoñan unha variación significativa da topografía orixinal do contorno.
  • Procurarase a súa compatibilidade cos elementos configuradores da estrutura territorial tradicional, como son a rede de camiños, os muros de peche, as sebes, as tapias, os noiros e outros semellantes.
  • Empregaranse materiais, solucións construtivas e características dimensionais e tipolóxicas en coherencia co ámbito en calquera tipo de intervencións.
  • Manteranse preferentemente a estrutura e a organización espacial do contorno, coa conservación xeral das aliñacións e rasantes.
  • Procurarase e valorarase a integración e compatibilidade dos usos e costumes tradicionais e característicos configuradores do ambiente cos de nova implantación.
  • Facilitarase a implantación de actividades complementarias compatibles cos valores culturais dos bens que garantan a continuidade do seu mantemento co establecemento de novos usos.

Para os monumentos, zonas arqueolóxicas e vías culturais declarados de interese cultural ou catalogados nos que non se establecese o seu contorno de protección de modo específico, os contornos de protección subsidiarios nos solos rústicos, nos de núcleo rural histórico-tradicional ou nos urbanizables estarán constituídos, de forma subsidiaria, por unha franxa cunha anchura, medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben que se protexe, de:

  • 20 metros para os elementos singulares do patrimonio etnolóxico como hórreos, cruceiros e petos de ánimas, pombais, alvarizas, pesqueiras, muíños, foxos de lobo ou chozos.
  • 30 metros no caso de vías culturais.
  • 50 metros cando se trate de bens integrantes da arquitectura tradicional.
  • 100 metros cando se trate de bens integrantes do patrimonio arquitectónico, xa sexa relixioso, civil ou militar, e do patrimonio industrial.
  • 200 metros en bens integrantes do patrimonio arqueolóxico.

Os contornos de protección subsidiarios anteriores reduciranse nos solos urbanos ou de núcleo rural común ata:

  • A propia parcela ou o espazo público no que se encontre o ben ata unha distancia de 20 metros para bens integrantes do patrimonio etnolóxico e da arquitectura tradicional.
  • As parcelas e edificacións que constitúen os límites do trazado das vías culturais.
  • As parcelas, edificios e espazos públicos situados a unha distancia inferior a 50 metros no caso de bens inmobles declarados de interese cultural e a 20 metros no caso de bens catalogados.
  • Os soares e as parcelas contiguas á propia do ben cultural e os espazos libres públicos ou privados ata unha distancia de 50 metros cando se trate de bens integrantes do patrimonio arqueolóxico.

Os contornos de protección subsidiarios afectarán as edificacións e parcelas completas incluídas na delimitación, así como as fachadas que delimitan os espazos públicos indicados. Cando varios elementos singulares se articulen nun conxunto, o contorno de protección trazarase a partir dos elementos máis exteriores do conxunto e abranguerá a súa totalidade.

 

Galería

O conxunto patrimonial da casa reitoral de Corcoesto

A primeira referencia á actual casa reitoral da parroquia de Corcoesto atópase no Libro de eclesiásticos do expediente do Catastro da Enseada da parroquia de Corcoesto do ano 1753. Nela faise referencia á fábrica da nova casa parroquial sendo sacerdote D. Andrés Montero Fernández.

Con anterioridade, a casa reitoral estaba no lugar de Montefurado, da que tan só coñecemos que era de planta alta e non existindo constancia da súa ubicación concreta.

A casa reitoral de Corcoesto é un bo exemplo da arquitectura tradicional das casas reitorais modernas da comarca de Bergantiños. Conta cunha superficie construída de 436 metros cadrados, cun pombal e un cabazo, configurando todo iso un conxunto arquitectónico ao estilo das moitas casas reitorais que posteriormente, durante o século XIX construíronse en Galicia. Conta cunha superficie anexa de terreo de 6.626 metros cadrados para labradío.

Na comarca de Bergantiños ao hórreo chámaselle cabazo, trátase dunha construción accesoria da casa de labranza, construída en pedra, que consta dunha cámara- celeiro en forma rectangular, colocada sobre varios pares de columnas ou pés provistos dunhas peculiares capas ou tornarratos. Sen embargo, o cabazo da reitoral de Corcoesto ten a “casadeira” ou celeiro pechado. As paredes da cámara están construídas con pedras de cantería con ocos e buracos para a ventilación interior, e cubertas con tellado a dúas augas.

Chama a atención que a diferenza do resto dos hórreos galegos non conte con ningún pináculo ou cruz nos alicerces, pese a ser un inmoble vencellado á igrexa. Contaba nos seus mellores tempos con unha excelente horta chea de árbores froiteiras.

Posteriormente a principios do século XX a casa foi obxecto de ampliación. A prensa histórica fai referencia ás difíciles situacións polas que pasou este edificio ao longo do tempo. Así o 12 de xullo de 1902 o Diario O Noroeste recolle que a casa foi obxecto dun atentado con explosivos (mecha, pistones e dinamita), sendo párroco Manuel Rodríguez Romero.

A Correspondencia Galega: diario de Pontevedra, ou 10 de decembro de 1901, recollía na sección de noticias de Galicia, da Coruña:

“Noites pasadas foi colocado un cartucho de dinamita no portal da casa do cura párroco de Corcoesto D. Manuel Rodríguez. A explosión do cartucho causou grandes danos na vivenda e o natural sobresalto aos inquilinos. Como presuntos autores do feito foron detidos pola Garda Civil os veciños de Corcoesto Pedro Porteira e Manuel Carracedo, e entregados ao Xulgado do Partido”.

Posteriormente no ano 1922 volvería ser obxecto doutro atentado anarquista. Así o diario O Compostelán: diario independente, ou 11 de xaneiro de 1922 recollía na columna de detencións información relativa ás pedreas das que fóra obxecto a casa reitoral de Corcoesto.

Detencións: Como presuntas autoras de pedreas contra a casa do párroco de Corcoesto (Cabana), don José Martínez Rubiño, detivo a Garda civil, poñéndoas a disposición do Xuíz daquel distrito, a Josefa e Dores Martínez Calvo e a Concepción Calvo Amoedo”.

Nos anos 60 habilitouse na pranta baixa un local como teleclub social para as actividades sociais da parroquia.

A casa reitoral está abandonada desde o ano 1979, data na que faleceu o último sacerdote que a habitaba. Desde entón o seu abandono e deterioración foi progresivo no tempo.

D2CNS4QW0AA99d-.jpg

D2CNYJmXcAAXj3x.jpg

D2CNcBlWwAA5VZB.jpg

78
Casa reitoral de Corcoesto con pombal e cabazo, en estado de abandono