O borrador da Estratexia para a Conservación e Xestión do Lobo propón a súa inclusión na listaxe de Protección Especial. Con todo, no seu texto hai un parágrafo que preocupa moito. O borrador de estratexia expón o seguimento dos grupos de lobo e propón directrices comúns de xestión para cando se observe un incremento notable no número de especímenes nunha determinada contorna que poida xerar tensións. Xestión sempre no contexto do equilibrio ecolóxico. Ademais, contempla a posta en marcha de liñas de axudas naqueles casos debidamente xustificados.
Pois ben, non é todo adecuado para a nosa Comunidade Autónoma. Os sindicatos agrarios, os gandeiros e a prensa adoitan crear bastante presión para que a Xunta de Galicia acabe autorizando batidas e sen criterio científico algún. Por tanto, requerimos a protección íntegra do lobo en Galicia, eliminando toda posibilidade de xestión dunha especie que se autorregula por si mesma. Se houbese lobo en Galicia, non existiría o desequilibrio ecolóxico actual que hai nos montes galegos.
Polo tanto, solicítase:
1.-Protección integral para o Lobo na Comunidade autónoma de Galicia, non só para esta especie senón que a protección ten que estenderse aos ecosistemas que este habita, ao seu hábitat. Por exemplo, o proxecto eólico Coto dás Airas, na Serra do Suído, fragmenta o territorio endémico desta especie, e non parece importar este feito ao órgano ambiental competente da Xunta de Galicia. Por tanto, solicitamos a protección integral non só do Lobo senón tamén dos ecosistemas que habita esta especie, impedindo a súa fragmentación e a perda da biodiversidade asociada.
2.- A prohibición absoluta da xestión do Lobo en Galicia, posto que o Lobo, é unha especie que se autorregula. Téñase por tanto en conta neste aspecto os criterios científicos. Se o Lobo non é unha especie cinexética, a súa xestión é incompatible coa súa conservación e restablecemento da especie.
3.- Hai que ter en conta que en Galicia non existe un Plan actualizado da xestión do Lobo, xa que o que hai está caduco e obsoleto, por tanto non hai tampouco datos exactos sobre o censo da especie.
Os lobos, ao carecer de predadores, contan con medios biolóxicos e etolóxicos para autorregular a súa poboación, que, por tanto, nunca experimenta explosións demográficas. Os lobos son TERRITORIAIS, e os lobos que nun territorio alleo no que non estean abertos a aceptar elementos novos, serán eliminados. O 70% dos lobos que morren por causas naturais o son por esta causa.
Por iso hai que seguir sempre os criterios científicos e garantir a protección íntegra do Lobo, non permitindo a súa xestión en Galicia.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, que xestiona Belén do Campo e a consellería de Medio Ambiente que dirixe Ángeles Vázquez, guíanse por criterios populistas e apártanse dos informes técnicos e científicos, para autorizar a cacería do lobo na xornada de mañá domingo en Xove (Lugo).
Así a Dirección Xeral de Patrimonio Natural autoriza a cacería, actuando en contra dos criterios científicos e dos informes técnicos do propio servizo de Patrimonio Natural, que constata a ausencia total de medidas preventivas, pese a que os danos lévanse producindo dende hai máis dun ano.
A responsable da conservación do patrimonio natural, a directora Belén do Campo contradí ademais o Plan de Xestión do Lobo, segundo o cal Xove atópase na Zona 3, establecendo como criterios necesarios para autorizar a caza do lobo a existencia de medidas de prevención; e en todo caso, o encargado de abater un exemplar sería o persoal da Consellería, nunca cazadores.
O 7 de agosto de 2019 e de novo o 18 de xuño deste 2020, as entidades ambientais Rebinxe e Grupo Lobo Galicia informan por rexistro nun informe científico-técnico da situación do grupo familiar de lobos establecido dende hai tempo na zona, advertindo ademais da desprotección das reses de gando menor e recomendando unha serie de medidas preventivas sinxelas e de baixo custo para implementar de urxencia e facilitar así a coexistencia co lobo.
Se ben se entende o dano que produce aos propietarios dos animais, sen embargo a administración debe velar polos intereses xerais, garantindo a conservación da especie e ao mesmo tempo dotando de axudas e información aos gandeiros/as da zona. Non obstante, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia responde coa indiferencia e o silencio como resposta. Débelle de parecer que as escopetas suman máis cós criterios científicos.
Diversas asociacións ecoloxistas como Ecoloxistas en Acción Galiza e Lugo, Adega, Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns, Cova Crea, o Comité pola Defensa das Rías Altas e outras, solicitaron tanto ao Seprona como a Fiscalía de Medio Ambiente de Lugo e á propia Consellería a suspensión inmediata da matanza prevista.
En pleno século XXI a sociedade humana conta cos mecanismos necesarios para protexer ao gando, sen matar a un depredador apical indispensable para o control natural de especies, como o xabaril. Matar lobos non é a solución.
Mañá a Xunta de Galicia permitirá unha batida de caza que tratará de asasinar un lobo contravindo a propia normativa de “xestión” da especie en Galicia. Non existe estudo científico que diga que matar lobos axuda a nada.
O bosque galego sufriu unha importante recesión territorial nos últimos anos, sendo cada vez máis escasa a existencia de bosques formados por especies nativas que manteñan unha estrutura e biodiversidade próxima á naturalidade, e/ou que estean conformados por espécimes lonxevos ou simplemente que se correspondan con masas que persistiron como tales dende hai máis de 250 ou 500 anos.
Estes tipos de bosques son identificados internacionalmente como “bosques antigos” (ancient woods) e son obxecto de medidas de conservación e protección específicas.
En Galicia non existe unha protección específica para este tipo de formacións e, ano tras ano, prodúcese a perda ou degradación de bosques antigos de gran valor ambiental e cultural. A case totalidade dos bosques nativos de Galicia correspóndese con hábitats de interese comunitario, a protección da cal, tanto dentro da Rede Natura 2000 como no resto do territorio, vén derivada, entre outras, polo artigo 46 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade.
Pero esta protección así como a derivada doutras normativas autonómicas e estatais non resultan suficientemente efectivas para deter a perda de bosques nativos, especialmente de bosques de ribeira, carballeiras e bosques de encostas.
Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto, AEIP Val fluvial do Lourido
Hai áreas de Galicia nas que existe unha importante superficie de bosques nativos, representados por facies de carballeiras climácicas (Quercus robur, Quercus pyrenaica, Quercus suber), así como de soutos de Castanea sativa. Bosques que se corresponden con distintos tipos de hábitats de interese comunitario (Anexo I da Directiva 92/43/CEE e da Lei 42/2007) e que, en moitos casos, cumpren os criterios esixidos para os designados como “bosques antigos”.
Existen tamén hábitats comunitarios non prioritarios (pero tamén sometidos a normas de protección que eviten a súa “deterioración”) que, segundo o Manual de Interpretación de los Hábitats de la Unión Europea (EUR-27 2007 e EUR-28 2013) e pola información técnica do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (2012), serían definidos como carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica (9230) así como Bosques de Castanea sativa (9260).
En Galicia é frecuente identificar os seguintes hábitats de interese comunitario, prioritarios e non prioritarios nas carballeiras e soutos:
Ríos, de pisos de planicie a montano con vexetaciónde Ranunculion (3260)
Breixeiras secas europeas (4030)
Breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris (4020*)
Prados pobres de sega de baixa altitude (6510)
Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (91EO*)
Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Q. pyrenaica (9230)
Bosques de Castanea sativa (9260)
Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion (8230)
(Os hábitats prioritarios aparecen indicados con “*“). (Anexo I. Tipos de hábitats naturais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación. Interpretación. No “Manual de Interpretación dos Hábitats da Unión Europea”, aprobado polo comité establecido polo artigo 20 (“Comité Hábitats”) e publicado pola Comisión Europea, ofrécense orientacións para a interpretación de cada tipo de hábitat.
En relación cos tipos de hábitats de interese comunitario (non prioritarios) de carácter arbóreo sería pois de aplicación todos os supostos que atendan a protexelos da súa “deterioración” (artigo 46 da Lei 42/2007).
Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto, AEIP Val fluvial do Lourido
Neste sentido, a afección de calquer proxecto industrial ou construtivo, impulsado por promotores particulares ou públicos, sobre os hábitats de carballeiras (9230) e soutos (9260) dá orixe a unha afección moi grave sobre o estado de conservación destas masas, ao provocar a súa redución superficial, a súa fragmentación, alterando a estrutura e as funcións ecolóxicas dun bosque nativo.
Esta redución superficial dos hábitats vese cada día no territorio galego.
As omisións frecuentes das avaliacións ambientais (ordinarias e simplificadas)
Entre as omisións máis notorias das avaliacións ambientais atópase a relativa a dous tipos de hábitats de interese comunitario: carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Q. pyrenaica (9230), e bosques de Castanea sativa (9260). Hábitats que son doadamente recoñecibles e que a súa identificación non mostra ningún problema en relación cos criterios establecidos no Manual de Interpretación de los Hábitats de la Unión Europea e nos documentos técnicos do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia. Os mencionados hábitats constitúen un exemplo singular dun bosque antigo galego e que forman un ecosistema forestal de grande interese tanto cultural como natural.
Por desgraza as deficiencias derivadas das fases de diagnóstico ambiental acrecéntanse na fase de avaliación, onde non se puideron ter en conta as repercusións dos proxectos sobre determinados tipos de compoñentes (hábitats 9230 e 9260), ao non ser estes correctamente identificados. Isto determina unhas perdas de obxectividade e fiabilidade de todos os procedementos de avaliación de impacto ambiental e en especial das Declaracións de impacto ambiental e dos documentos ambientais.
Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto, AEIP Val fluvial do Lourido
“Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa” é un poemario que resultou do proxecto de poesía participativa impulsado pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo a nivel Galicia, no primeiro semestre deste ano. A temática, centrada na posta en valor das paisaxes, pretende acumular e reflictir as experiencias, vivenzas e sensacións que as persoas creadoras participantes consideraron transmitir en máis dun cento de poesías que configuran o libro. A Paisaxe, como Ben Común e Dereito individual e colectivo, é a temática que aborda este poemario desde múltiples puntos de vista.
A Paisaxe é froito da percepción específica de cada ser humano. E doutra banda, tamén é un ben común, en tanto que todos os seres poden percibilo e por tanto, lelo, entendelo e asumilo de formas distintas. A Paisaxe é un ben común que non exclúe a ningúen.
A Paisaxe, tal e como demostra o poemario, é multifacética e polisémica. Pode haber moitas paisaxes e outras tantas percepcións e interpretacións feitas por calquer ser humano que o perciba. A pesar diso, non existe outro constructo intelectual con esas características e potencialidades capaces de combinar o obxectivo co subxectivo e o tanxible co intanxible.
Ademais diso, a paisaxe alberga outros valores que teñen efectos no ser humano que o percibe. Por exemplo, a paisaxe pódenos chegar a prover dun certo grao de benestar e coadxuva á obtención de mellores condicións de saúde. Estes efectos da paisaxe derívanse da interacción entre as características biofísicas deste e os procesos perceptivos das persoas espectadoras.
A Paisaxe ostenta a categoría de utilitas publica, esa utilidade pública que acubilla tanto valores estéticos como éticos, que dalgunha forma, atesouran o dereito á vida, xa que a defensa e protección da paisaxe significa a salvagarda do medio ambiente e da natureza, para as xeracións presentes e futuras, pero tamén, a protección duns marcos socioculturais determinados ancorados na historia.
Velaquí algúns exemplos desa paisaxe multifacética e polisémica que se recollen no poemario:
(Depósito Legal: C 974-2020).
“Desde a parroquia veciña de Langueirón, a nosa socia Tamara envíanos unha fermosa poesía con unha imaxe do vello muíño da Vitureira, á beira do río Anllóns.
Na volta do río
Tempos esquecidos.
Muíños fariñeiros desfeitos
entre os talos sarmentosos das hedras tersas que ruben polos troncos.
Nova vida desde a vida vella.
Medran hedras nas pedras dos meus lugares.
Toxos, fentos, xestas e silvas…
Cachotes de pedras amoreadas,
agora donceis das hedras que medran na beira do río…
Hedras que enraman e van dependurando aquí e acolá
anacos da memoria.
Correolas da carraxe que xera o esquecemento…
de muíños que xa non cantan.
E esmorecen, esquecidos, na volta do río.
Cando só canta o río
ese melancólico monólogo
que di o que cala en balde.
Hedras que agachan ruínas,
dos ollos das que buscan
nos escombros do pasado.
E o tempo pasa
reflectindo noites e arrastrando días…,
coma se nada.
O vello muíño da Vitureira, á beira do río Anllóns, en Langueirón (Ponteceso)
Río Anllóns ao seu paso por Cereo (Coristanco)
“Desde Carballo, a nosa socia Paula María, envíanos esta fermosa poesía moi acorde coa seca que estamos a vivir arestora.
Por que non canta o río?
Auga, onde vas?
Auga do río, onde descansas?
(Pido permiso á Terra para que brote Auga.
Pido perdón por todo o mal que che fixemos…)
E todo xa é nada
porque o río decidiu morrer.
Porque as cinzas cubriron o leito.
E non dixo nada.
Porque matámolo.
Porque enchémolo de entullo,
porque magoámolo,
porque lle roubamos a auga,
porque o ferimos de morte,
porque o abandonamos…
E ti que decidiches
cravar as raíces na terra e
arrincar do interior a forza que che dá
para agromar e arrolarte ao vento,
e demostrar,
que sen a terra non se vive,
sen o aire non se respira,
sen auga mórrese.
E loitar cada día..
para vivir nun país sen auga.
Buscar en cada río,
noutrora o país dos mil ríos,
a auga que te alimenta.
E sentir que non hai auga.
E os salgueiriños e as abelairiñas dixeron: non.
E as xuncas dixeron: non.
E búscote na ribeira do río,
búscote na fonte vella,
búscote na borrasca cargada de choiva e frío
e non te atopo.
Onde estás Auga?
Por que non canta o río?
Por que non ri a fonte?
Onde fuxiches?
Contaminación no río Anllóns ao seu paso por Carballo
“O noso amigo e socio Xosé, envíanos este poema desde Bustelo, un lugar da parroquia de Valenza (Coristanco), afectado por proxectos eólicos.
Ousadía
Mandas con arrogancia na montaña,
posúes con orgullo o vento,
tes a ousadía de criar castelos no ceo.
Mais ….arrincaremos eses delirios con forza das túas entrañas,
e plantarémolos na túa testa,
para que nela vexas medrar dólares e afogues
no abafo da abundancia
e morras de tristeza,
na secura do deserto
porque… o aire é noso,
a montaña é nosa,
o ceo é noso.
Noso é.
De ninguén máis.
Debuxo feito polo autor inspirado no proxecto eólico de Bustelo
“Desde o Val Miñor, o noso socio Brais e a súa familia envíannos esta poesía adicada ao monte Perrol, tras visitalo a pasada fin de semana. O amor polas nosas paisaxes….
Monte Perrol
Porque en ti está a orixe,
porque loitas pola vida e queres atrapar o sol coas espirais dos teus cornos.
Porque restauras as almas co silencio do teu cumio.
Espazo sagrado que rexenera vidas humanas
baleiras, insignificantes…mortas.
A beleza das túas paisaxes envólvenos intensamente.
Constelación con un corno en espiral…, que dominas os ceos…, ariete…
Porque representas a orixe metafísica do mundo coas espirais da túa
Cabeza Carneiro.
Impulso cara a vida, eterno empezar e eterno renacer da vida,
dá luz.
Pedra Alba, Perrolúa…
Bautismo de Luz e Sabedoría…
Talismán que custodias as mámoas dos nosos ancestros.
Símbolo da forza que che dá a túa natureza pétrea,
mais coa necesidade da humildade pasas despercibida.
Liderazgo, poder e capacidade de actuación frente a adversidade,
Resiliencia… e sacrificio.
Fertilidade e procreación.
Chörten; aire e saber dos actos.
O sol e a lúa que te rematan evocan o éter e a sabedoría da lei natural.
Con impulso atravesas as tebras e abres as murallas.
Fillas do Sol que loitan contra as tebras.
Incluso a fortaleza ás veces precisa ser humilde…
Aos teus pés Vista Alegre e o val de Bello.
En fronte o Alto do Resío…
A túa beira, Aldemunde e o val do Lourido…
O reencontro contigo é algo moi ancestral, que o ser humano esqueciu…
Algo poderoso…
E alí onde queira que as túas rocas emerxan, máis aló do murmurio e os ecos do silencio, tan só brillan os escintileos do firmamento, as constelacións…,
o Infinito.
Monte Perrol en Cabana de Bergantiños (A Coruña)
“Desde Xaviña, en Coristanco, Carme envíanos este regalo de poesía….
Quero ser…
Quero ser esa flor,
amarela,
chea de cor,
que rabuña o ceo,
e lle dá sabor.
Dourada ten a tarde o sorriso.
Quero ser..
a vida que dá
sen querer
nada a cambio.
Quero ser esa flor…
que ilumina ese campo,
que dá beleza e esperta dor,
quero ser esa flor.
Esa flor que madrugou esta primavera…
e que o vento aínda non esfollou.
Quero ser esa flor …
Quero ser esa flor…
O amigo Francisco enviounos desde Arteixo unha poesía que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes”, unha proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia.
O piñeiral maior
O piñeiral maior
murmuroume un conto
de espolio da terra.
O piñeiral maior contoume un conto
de depredadores
que compadrean:
para esgotar a auga,
contaminar o chan,
roubar o vento
e comprar dignidades e honras.
«porque as dignidades hai tempo que están de saldo…».
O piñeiral maior
atesoura vellas historias malas
de odio á terra, que causan pavor..
O piñeiral maior
adormece no vento a
espera dun tempo mellor.
O piñeiral maior…
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).
Piñeiral preto de Cudeiro, en Corcoesto (Cabana de Bergantiños)
E non podía fallar unha lembranza ao río Lourido, o gran afluente do río Anllóns, ao seu paso por terras de Cabana, Coristanco e Ponteceso….
O río Lourido
É o que ten nacer en terra de lobos,
camiñar devagar no roteiro dos corvos
que buscan o leste cando o ocaso,
desde a fonte Cardeira ata o Anllóns;
lembrar outros tempos e historias vellas,
acoller outros regos e fontes novas
de amoríos, pan de millo e moendas,
feiras, bois e minas,
troitas, lampreas e anguías,
arsénico, ingleses, canadianos,
sol, frío, xeadas, cambio climático;
deixando atrás os eólicos do Perrol que asoballan o val,
maldicir as liñas de alta tensión e
correr á sombra dos eucaliptais,
noutrora carballeiras e soutos;
e xuntarse co Batán, para
coñecer o río que vén das terras altas do Xalo
e peneirar o seu, no arsénico do Anllóns, e contarse
historias esquecidas de tempos mellores, no que a algarabía dos rapaces
facíaos sorrir espuma nas beiras das lampreeiras e das fragas.
Deixar atrás a cova crea, a orixe, o graal da vida
e o Cudeiro, dos dólmenes célticos de Pondal.
E esperar ó Anllóns que vén canso
desde o campo de tiro de Soandres,
co chumbo das balas, puríns e glifosato,
microplásticos e lixo…,
coa sabor áceda das follas do eucalipto…
e ver como o salmón esgotado non é capaz de subir o río…,
polas centrais hidroeléctricas…
E afogar a esperanza na auga que queda…
Val fluvial do Lourido
“O amigo Xosé envíanos desde Tella (Ponteceso) unha poesía que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes”, unha proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia”.
Anduriña
Polos carreiros prateados do vento
vin unha anduriña chegar,
facer un niño no colo do vento
e volver a marchar…
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).
“A nosa socia e compañeira M.D.C. de Corcoesto, enviounos unha poesía que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes”, unha proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia”.
Santa Mariña do Remuíño
Murmurios do vento,
repiquetear da auga,
desde a volta do río
vin a capela branca…
Camiños estreitos
arrodeados de fentos,
bolboretas brancas
que bailan no vento.
Foi no mes de xullo.
Foi no mes de setembro
onde vin o rabo dourado
do lagarto da Santa.
Murmurios do vento,
repiquetear da auga,
onde eu bebín
na fonte da Santa.
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).
E aquí temos a poesía que nos enviou Begoña Fernández desde Ordes e que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes, unha proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia.
Negra tes a alma!
E deixaches
que o vento arrolase no seu berce
o último bosque
do Atlántico.
E deixaches
que chorase todo un río
cando souben
que cortaras os carballos
que plantara.
E deixaches que medrasen
eucaliptos na túa alma,
e nos prados.
E deixaches
que Ence camiñase
polas pistas de abril
sen compaña,
e fixese e desfixese ó seu antollo
na matogueira e no bosque,
no curro e na cortiña,
na eira vella e na nova,
ata ficar todo cheo de eucaliptos.
Negra tes a alma!
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).
O amigo Serafín enviounos desde Carballo unha poesía que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia.
Unha pinga de resío
Unha pinga de resío
caeu na herba verde,
escorregou polo talo
e acabou no río.
Unha pinga de resío
caeume no chapeu,
escorregou ata o meu corazón
e morreu co frío.
Unha pinga de resío …
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).
A Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal lamenta e denuncia publicamente os danos sufridos por varios enterramentos megalíticos que foron recentemente afectados por unha corta de eucaliptos nas parroquias de Adragonte e Vigo. Estas mámoas, que se atopan sen catalogar e non aparecen polo tanto no PXOM municipal nin nos rexistros autonómicos, son as seguintes:
Porto dos Carros e Monte da Rampla 1 na parroquia de Santiago de Adragonte. Nestes dous casos a corta de eucaliptos foi recente e produciu danos evidentes. A segunda destas mámoas xa se atopaba parcialmente destruída pola construción dunha estrada.
Cal do Pico, xa na parroquia de San Xulián de Vigo, mais situada a poucos metros das anteriores. Neste caso a corta non foi recente e novos eucaliptos están a medrar por riba dela.
Estes monumentos megalíticos, que foron descritos polo Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos e dados a coñecer no Anuario Brigantino de 2015, atópanse nunha zona rica en xacementos, próxima ao impresionante núcleo de mámoas do Monte de San Antón, xa no termo municipal de Irixoa, co que fan conxunto. Estas últimas mámoas, ao contrario que as de Paderne, atópanse coidadas e visibles nunha zona onde se combinan as explotacións forestais e gandeiras.
Imaxe dos monumentos afectados no visor de relevo de Xunta de Galicia
A conservación e posta en valor dos monumentos megalíticos, á parte do seu valor histórico e identitario, débese converter nun recurso cultural de primeira orde nun concello onde a aposta polo sector turístico de calidade debe ser clave.
Roxín Roxal dirixirase aos responsábeis autonómicos e municipais para que estes inestimables elementos patrimoniais sexan catalogados e postos en valor, co que se tratará de evitar o seu deterioro e se asegurará a súa conservación para as futuras xeracións.
Danos producidos na mámoa Porto dos Carros (Adragonte). Foto 07/05/19
A carón da igrexa de San Xoán de Barrán atópase a casa reitoral. Tal vez sexa a casa reitoral máis fermosa de Galicia, e sen embargo o seu estado de conservación é lamentable.
Os seus muros son de cachotería. Ten unha gran cheminea con pináculos. Destaca a beleza do seu patio e a balaustrada de pedra. As xanelas son pequenas. Encima dunha delas ten unha inscrición realizada na pedra, que fai referencia ao Mosteiro de Oseira.
Levantada con muros de perpiaño e cachotería, amosa no tellado unha gran chimenea rematada en adornos de pináculos.
Enriba dunha das fiestras conserva unha inscrición feita na pedra que fai referencia ao mosteiro de Oseira.
Porta alintelada e pequenas ventanas no segundo andar. No seu interior pódese ver un fermoso patio con columnas e unha moi fermosa balaustrada de pedra. Está nun lamentable estado de conservación.
O val fluvial do Lourido alimenta ao río Anllóns no último tramo do seu recorrido.
O río Anllóns nace na parroquia de Soandres serra de Montemaior (Laracha) a 480 metros de altitude, e desemboca na ría de Corme e Laxe. Percorre 54,4 km dos concellos de Laracha, Cerceda, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños.
Foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria no 2001. Recibe un gran número de regatos como o Graña, Quenxe, Acheiro, Abaixo, Queo ou Bertoa durante o seu curso alto. Tras pasar o monte Neme recibe as augas do Gándara, Bandeira, Vao, Galvar.
Coa grave seca que está a asoar Galicia nos últimos anos o seu caudal diminue de forma preocupante á altura de Carballo. Xa no municipio de Coristanco o río empeza a recuperar o seu caudal ao recibir as augas do rego Portocelo, rego das Mazarocas, rego das Devesas, rego do Liñeiro, rego da Fraga,…etc
Será no seu curso baixo, ao recibir as augas do val fluvial do Lourido, cando o río Anllóns recupera o seu esplendor hídrico (agás que Gas Natural Fenosa acorde baleiralo de novo, para a limpeza do cauce á altura da central hidroeléctrica de Corcoesto, como acostuma a facer nos derradeiros anos).
Será o rego de Sta. Margarida e o rego da Braña, aínda na parroquia de Corcoesto, os que axuden a completar o caudal do Anllóns antes de chegar a Ponteceso.
O meandro de Santa Mariña do Remuíño, en Corcoesto.
Río Lourido, neste intre o gran afluente do río Anllóns.
Rego no lugar da Regueira, tributario do río Anllóns, Corcoesto
Campo de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto
Campo de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto.
O río Lourido a escasos metros do seu nacemento en Fonte Cardeira, Corcoesto.
Código: SI. 45213 do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Altar do río Lourido. Ben do patrimonio cultural e etnográfico. De cronoloxía descoñecida. É un dos escasos altares fluviais que hai en Galicia. A súa ubicación, entre o camiño real que conducía a Valenza (Coristanco) e o río Lourido, era a idónea para rendir culto á vida, á fertilidade e as augas.
Sin dúbida constitúe unha das xoias culturais do val fluvial do río Lourido.