Galería

Lidia Senra, Anxela Vallina, Florence Marcellesi e Xabier Benito defenderon en Bruselas a necesidade de abordar os problemas estruturais que arrastra o monte galego

  • O grupo Verdes-ALE estivo representado polo eurodeputado Florence Marcellesi, grupo ao que pertence a eurodeputada galega Ana Miranda.
  • O eurodeputado Xabier Benito Ziluaga, do grupo Podemos, votou a favor de manter aberta a Petición galega número 1030/2017.
  • En Galicia arde o monte e arde sempre. Verán e inverno. Arde a Rede Natura 2000 e por encima, a información que proporciona a Xunta de Galicia é sumamente escasa. Non existe transparencia nin información, no que respecta ás superficies queimadas e o diñeiro que se gasta na súa extinción.

A intervención do peticionario, Ismael López da asociación ambiental Petón do Lobo, trataba sobre da problemática dos incendios en Galicia, asociada aos problemas estruturais do monte galego.

Screenshot_2019-02-20-15-17-50.png
Ismael López durante a súa intervención en Bruselas na defensa da Petición 1030/2017

O peticionario instaba unha moratoria indefinida para as novas plantacións de especies do xénero eucalyptus en todo o territorio galego, prohibir o cultivo do eucalyptus nitens e establecer a progresiva erradicación destas especies en todo o territorio, con especial atención aos espazos naturais e ás terras agrarias. Incrementar a xestión pública dos montes e protexer os montes veciñais en man común. Ao mesmo tempo tamén facía fincapé na necesidade de actualizar o Plan forestal do ano 1992.

Screenshot_2019-02-20-14-57-57.png
A eurodeputada Lidia Senra amosando unha fotografía sobre dos efectos dos lumes en Galicia

O actual modelo forestalista contribúe a malgastar unha importante cantidade de recursos públicos na extinción de lumes en Galicia. Esta idea foi compartida por Lidia Senra, Anxela Vallina e Florence Marcellesi, que defenderon en Bruselas a necesidade de abordar os problemas estruturais que arrastra o monte galego.

Lidia Senra apoiou a necesidade de establecer unha visita de comprobación dos espazos colonizados polo eucalipto tras os lumes e a mala aplicación da Política agraria común, que induce á perda da poboación no rural e ao abandono dos montes.

Angela Vallina.- “É evidente que a Xunta de Galicia non realizou os deberes nesta materia de prevención de incendios forestais e hai financiación como acabamos de ver de sobra. A Unión Europea debera reflexionar sobre o futuro que está a deixar ás áreas rurais e montañosas. A mesma Comisión recoñecía nun comunicado de prensa do pasado 20 de setembro que a plantación de especies de árbores forestais moi inflamables facilita desde logo o lume e favorece a propagación dos incendios forestais. É por tanto o fomento do monocultivo de eucalipto en España a solución? Pois non, todo o contrario. Hai que enviar unha carta ás autoridades galegas para que expliquen en que gastaron cada euro dos fondos asignados”.

Lidia Senra.- “Estamos falando da mala utilización ou mal uso dos fondos europeos en todo o que ten que ver cos incendios e a prevención e extinción de incendios en Galicia. E cando falamos disto, falamos de saber e seguir para onde vai exactamente o diñeiro pero tamén falamos de saber se se están a tomar medidas coherentes para cumprir os obxectivos. E tal e como nos comunica a Comisión os fondos están tamén sometidos a que se executen medidas que permitan loitar contra o cambio climático e que existan propostas resilientes ao cambio climático. Está claro que fomentar e permitir a plantación de eucaliptus e fomentar o seu plantío é estar botándolle leña ao lume. A Comisión recoñeceu que un dos problemas que existe nos lumes e na súa propagación é precisamente as especies altamente inflamables e o eucalipto o é”.

Florent Marcellesi.- “A palabra chave en todo isto é a coherencia. Hai unha contradicción grande entre por un lado querer e defender plans de extinción de incendios, querer ser os máis avanzados na loita contra o cambio climático e ao mesmo tempo defender un modelo que sabemos que é totalmente contradictorio con estes obxectivos, como pode ser o monocultivo de eucalipto. Sabémolo perfectamente. Por suposto que non é o único motivo dos incendios, sabémolo perfectamente. España, Andalucía, Galicia e Portugal sofriron moito cos incendios. Non se pode subvencionar algo que desfacemos por outro lado. Por iso, paréceme a proposta de Lidia totalmente coherente”.

Screenshot_2019-02-20-15-18-55.png
A eurodeputada Ángela Vallina na súa intervención criticou duramente a actual política forestal da Xunta de Galicia e a mala xestión desta na extinción dos lumes
Screenshot_2019-02-20-15-15-13.png
O eurodeputado francés Florence Marcellesi abordando a problemática dos lumes en Galicia, tamén moi crítico coa expansión do eucalipto en Galicia
1024px-XabierBenito.jpg
O eurodeputado Xabier Benito Ziluaga, votou a favor de manter aberta a petición galega 
Screenshot_2019-02-20-15-02-01.png
O eurodeputado Franciso Millán durante a súa intervención apoiou, como sempre o fai,  a labor do executivo galego
Screenshot_2019-02-20-15-10-06.png
A eurodeputada Rosa Estarás, partidaria da liña continuista da Xunta de Galicia, na política actual de extinción de incendios
Screenshot_2019-02-20-15-08-16.png
O Presidente da Comisión de peticións, tras a votación, decidiu pechar a petición 1030/2017. A petición conseguiu o apoio de catro partidos políticos diferentes, pese a gañar a votación contraria dun único partido, o Partido popular europeo.
Galería

A asociación Petón do Lobo solicita ao Parlamento europeo, a revisión do préstamo que o Banco europeo de inversión (BEI) concedeu á Greenalia Biomass Power Curtis-Teixeiro S.L.U., para a súa planta de biomasa de Curtis

A asociación aproveitará a súa estadía en Bruselas, o vindeiro 20 de febreiro, para chamar a atención sobre o préstamo de 60 millóns de euros, que o Banco europeo de inversións (BEI) acaba de conceder a Greenalia Biomass Power Curtis-Teixeiro S.L.U., para a súa planta de biomasa.

Nunha operación escurantista e con moi pouca transparencia, xa denunciada ante os Tribunais europeos incluso pola Ong Clean Earth, o banco comunitario financia unha planta de biomasa que prevé un consumo anual dunhas 500.000 toneladas de biomasa ao ano. As cuestións son?

1.- de onde vai a sacar a planta de Curtis tanta biomasa?

2.- esa biomasa terá a súa orixe nas plantacións de eucaliptos?

3.- pertetuarase o modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola produción de madera con pouco valor engadido?

Di o proxecto industrial de Greenalia que: “O consumo anual de biomasa na planta roldará as 500.000 toneladas. A materia prima asegurarase a partir de fontes certificadas de Galicia baixo os esquemas do Consello de Administración Forestal (FSC) e / ou do Programa de aprobación de certificación forestal (PEFC), é dicir, como unha mestura de 100% FSC, 100% PEFC, FSC mixta, FSC Madeira controlada ou fontes controladas PEFC. De acordo co Decreto Galego 52/2014 para a regulación do manexo forestal en Galicia, a partir de 2020, todos os propietarios ou administradores forestais formarán parte dun esquema de certificacións forestais (por exemplo, FSC/PEFC). O promotor posúe unha certificación de grupo PEFC para os bosques baixo manexo, así como para a colleita, compra / venda e transporte de madeira. Ademais, o promotor posúe unha certificación FSC para o manexo forestal e a produción de madeira. A Lei 7/2012 de Bosque de Galicia obriga á recolección dos residuos de colleita do bosque co obxectivo de reducir o uso de combustibles fósiles e evitar incendios forestais. O proxecto contribuirá a lograr este obxectivo, utilizando os residuos forestais para a produción de enerxía renovable”…

biomasa
Deforestación e biomasa

Pero este documento ten unha serie de aspectos que fai dubidar moito da súa viabilidade económica, ambiental e social; e por tanto, parécenos que esa financiación do BEI non ten sentido, en base a:

 1.- A superficie forestal certificada en Galicia é irrisoria.

2.- O Decreto galego 52/2014 non obriga a todos os propietarios ou administradores forestais. Este regulamento regula os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal. A lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia establece no seu artigo 77 un conxunto de proxectos de ordenación, documentos simples ou compartidos de xestión forestal ou documentos equivalentes, como son a adhesión a referentes de boas prácticas e modelos silvícolas orientativos ou de xestión forestal, segundo a superficie da propiedade forestal (a partir normalmente de 25 hectáreas, o xestor forestal terá que establecer modelos de boas prácticas, pero non son obrigatorias as certificacións forestais (FSC, PEFC)). Dada as reducidas dimensións das parcelas forestais en Galicia, xa que a maior parte dos propietarios non supera as 2 hectáreas, nin sequera están obrigados a establecer estes modelos de boas prácticas.

biomasa_1_0
Biomasa para a producción de electricidade

Aparte que a superficie forestal certificada en Galicia é irrisoria (con apenas un 7,2%) e que os propietarios forestais en NINGUNHA maneira están legalmente obrigados en certificar as súas leiras e plantacións, a certificación forestal NON é desexable por razóns ambientais e sociais. Estes selos traballan a favor dos intereses da industria de facerse con grandes cantidades de materia prima barata e de acapararse de grandes extensións de terras. Fan publicidade baixo o lema da “certificación de bosques responsables”, pero o que na realidade máis certifican – sobre todo en Galicia – son plantacións industriais, que NON son bosques, senón monocultivos con especies exóticas e daniñas como os eucaliptos, que producen graves danos ecolóxicos (á biodiversidade, os chans, augas, incendios, clima) e sociais. Empresas como ENCE/ Norforest teñen varios miles de hectáreas de plantacións industriais de eucalipto certificadas baixo o selo do FSC, nos cales poderían estar a aplicarse grandes cantidades de herbicidas (glifosato) e insecticidas para compartir as pragas do eucalipto (eliminando todos os insectos). Tamén certifican o aproveitamento forestal rendible de bosques naturais ou semi-naturais, pero a superficie certificada en Galicia e practicamente nula, e é moi cuestionable se se debería promover a certificación do aproveitamento industrial de bosque naturais.
PEFC é un puro lavado verde creado pola industria, non ten ningunha credibilidade.

3.- Non existe en Galicia unha obrigación, nin sequera xenérica de xestionar a biomasa forestal, salvo as franxas primarias, secundarias e terciarias para previr os incendios forestais e que representan unha superficie mínima. Xestión da biomasa (labores de corta e rozas) das parcelas, con retirada do material resultante a un vertedoiro autorizado, nunha franxa de 50 metros:

a) Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

b) Ao redor das edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, campings, gasolineiras e parques e instalacións industriais sitas a menos de 400 metros do monte.

c) Ao redor das edificacións illadas en solo rústico sitas a máis de 400 metros do monte.

d) Retirada das especies arbóreas das parcelas que estean recollidas na DA 3ª da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que se atopen a unha distancia de 50 metros do perímetro sinalado no punto anterior.

As franxas primarias, secundarias e terciarias para previr os incendios forestais só representan una superficie mínima. Tampouco existe ningún sistema de infraestructura e de recoleción (centralizada) da biomasa desbrozada. A maior parte tritúrase in situ (sobre todo ao longo das vías), outra parte quéimase in situ (cos efectos adversos polo fume, o clima pola liberación inmediata de carbono e o perigo dos propios incendios forestais), ou déixase descompoñerse no chan (a mellor maneira porque se mantén boa parte da materia orgánica e os seus nutrientes). E outra parte aproveitan os propietarios para o seu consumo privado.

4.- O dereito á propiedade privada recollido no articulo 33 da Constitución española, confire ao propietario plena dispoñibilidade sobre a súa propiedade, que non pode modificar nin limitar ningunha lei. Por tanto non existe lei algunha que limite nin condicione a plena dispoñibilidade dos titulares sobre a propiedade forestal.

5.- Greenalia ten que terminar a construción da planta o 27 de marzo de 2020. Esta data é moi axustada desde o noso punto de vista, sobre todo tendo en conta que o polígono industrial de Curtis (2ª fase), no que está prevista a súa instalación, aínda está en fase de desenvolvemento. Se o 27 de marzo non se executou vaise a instar a caducidade das autorizacións ambientais.

6.- Existe cada vez máis oposición social á xeración de electricidade a partir da biomasa forestal, polas consecuencias nefastas que ten para a biodiversidade do monte galego e a emisión de CO2. A sociedade está cada vez máis concienciada da necesaria reducción paulativa nos plantíos de eucaliptos e forestalistas, tal e como demostrou o apoio de 42.328 galegas e galegos á iniciativa lexislativa popular na defensa do bosque autóctono promovida polos colectivos da Rede Cousa de Raíces, e que tanto o Partido popular como o PSOE desbotaron no Parlamento galego.

999

Galería

A asociación Petón do Lobo intervirá o vindeiro mércores, día 20 de febreiro, no Parlamento europeo en Bruselas, para tratar a mala xestión dos fondos comunitarios por parte da Xunta de Galicia na extinción dos incendios forestais

En Galicia arde o monte e arde sempre. Verán e inverno. Arde a Rede Natura 2000 e por encima, a información que proporciona a Xunta de Galicia é sumamente escasa. Non existe transparencia nin información, no que respecta ás superficies queimadas e o diñeiro que se gasta na súa extinción. Extinción; que non rexeneración, das áreas queimadas. Boa parte da rexeración dos montes tras os incendios realízase polo eucalipto, que medra de xeito espontáneo e silvestre. Cun Plan forestal obsoleto, caduco, que non está actualizado e que parte dun diagnóstico da realidade que xa hai tempo que non é o diagnóstico actual; e a Comisión europea, segue achegando fondos nestas condicións para a extinción dos incendios en Galicia? Pensa a Comisión europea continuar aplicando (ou malgastando) fondos comunitarios a un goberno da Xunta de Galicia, que non fai nada para solucionar os problemas estruturais do monte e que centra todos os seus esforzos no “negocio” da súa extinción?

O modelo actual de explotación do monte é intensamente forestalista, que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido. Constátase tamén a escasa superficie ocupada polos montes de xestión pública, tan necesarios para frear o cambio climático e reducir o impacto dos lumes forestais. A pesar do Plano Forestal de 1992, 25 anos despois seguimos sen contar cun inventario de masas de frondosas autóctonas, ferramenta fundamental para poder planificar a súa conservación e xestión. O aproveitamento forestal intensivo con especies alóctonas, pirófilas e de crecemento rápido comporta a deterioración de servizos ecosistémicos que como a diversidade natural, a dispoñibilidade de auga, a fertilidade do chan, ou a calidade paisaxística, son importantes para a vida e o mantemento das actividades económicas da nosa sociedade. Este modelo forestal contribúe tamén a malgastar importantes cantidades de recursos públicos a través do PLADIGA -plano de loita contra o lume- que custa anualmente ao redor de 150 millóns de euros. Por tanto, urxe que o Parlamento europeo e a Comisión, insten o goberno da Xunta de Galicia a establecer sen demora, unha moratoria indefinida para as novas plantacións de especies do xénero Eucalyptus en todo o territorio galego. Prohibir o cultivo do Eucalyptus nitens. Prohibir as repoboacións con todas as especies do xénero Eucalyptus nos espazos integrantes da Rede galega de espazos protexidos. Incrementar a xestión pública dos montes e protexer os montes veciñais en man comúns. Mentres que non cambie a xestión dos montes en Galicia, a Comisión europea e a Unión europea son cómplices da destrución do monte galego. Non se pode seguir financiando e aplicando fondos á extinción dos incendios en Galicia, mentres que a Xunta de Galicia non cambie substancialmente a política forestal que está a executar actualmente e que é totalmente inviable. Por iso, rogamos á Comisión de peticións que continúe aberta esta Petición, en tanto que a Xunta de Galicia non se comprometa en serio e con garantías, a abordar as causas estruturais dos incendios e revise en profundidade os obxectivos do plan forestal da Xunta do ano 1992.

 

parlamento europeo bruselas
Parlamento europeo, Bruselas, sede das Comisións