Galería

As minas de San Fins de Lousame, de novo no Parlamento europeo

No día de hoxe a problemática das minas de San Fins, no municipio coruñés de Lousame, estivo presente na orde do día da Comisión de Peticións do Parlamento europeo en Bruselas.

Sobre as 11:30 horas debatíase de novo a petición 59/2017, relativa á falla de información, á falla de seguridade e a contaminación das presas mineiras de San Fins. A petición presentada no seu día pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, xa fora defendida o 11 de xullo de 2018 no seo desta Comisión, por Xosé Manuel Romarís Cercós, quen conseguira que a petición ficara aberta á espera de novos informes.

Nesta ocasión a defensa da petición foi asumida por Joám Evans Pin, quen compartiu cos presentes datos técnicos emitidos por persoal experto, sobre da contaminación dos cauces fluviais de San Fins e a falla de restauración das antigas labores mineiras.

O poñente manifestou a falla de dilixencia do departamento de minas da Xunta de Galicia, que aínda a tarde anterior remitira os informes solicitados no seu día pola Comisión europea tras o primeiro debate da petición no ano 2018, impedindo con esta actuación extemporánea que os mesmos foran examinados co debido detalle polas persoas afectadas e eurodeputadas interesadas, e co posible prexuizo derivado da indefensión provocada pola falla de información.

Joám Evans tamén chama a atención sobre as conclusións do informe tardío aportado polo departamento de minas da Xunta de Galicia, que dirixe Bernardo Tahoces. O informe sorpresivamente alude a que as presas mineiras abandonadas foron construidas con fins eléctricos e non mineiros, con unha clara intención de obviar o control da Comisión de peticións e “burlar” a transparencia, a falla de información veraz, a seguridade xurídica, o principio de igualdade e contradicción das partes nos procedementos administrativos, e en definitiva ao noso xuizo, “terxiversar con mentiras” un sistema democrático baseado no principio de legalidade e de responsabilidade dos poderes públicos. O que sería un gran motivo para pedir xa desde aquí a dimisión do responsable de minas da Xunta de Galicia.

No Inventario de Balsas mineiras encargado pola Xunta de Galicia no ano 1999 xa figuraban as balsas mineiras de San Fins. Tampouco se fixo unha avaliación medioambiental e a cidadanía nunca tivo a oportunidade de participar no procedemento de reapertura desta mina no ano 2010. Todo isto engadido á contaminación existente, á falla de restauración das actividades mineiras anteriores e á falla de supervisión das empresas mineiras responsables que non se deixa ao azar. Semella existir unha intencionalidade clara e manifesta de incumprir a normativa europea, española e galega por parte do departamento de minas da Xunta de Galicia, en favor das empresas mineiras.

No debate participaron as eurodeputadas María Soraya Rodríguez Ramos, Tatjana Zdanoka, Yana Toom, Cristina Maestres Martín de Almagro e Margrete Auken, que reprocharon á Xunta o seu desleixo en relación ás minas de San Fins. Incluso pediron a formación dunha comisión de investigación para que supervisara in situ a falla de restauración mineira e a contaminación.

Destacou a posición do ex ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, partidario de arquivar a petición.

A petición queda aberta á espera do informe da Comisión europea. Cómpre destacar o importante traballo que realizou a eurodeputada Ana Miranda e o BNG no Parlamento europeo a través do grupo Verdes-ALE para que a petición puidera ser tratada no día de hoxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

Galería

Experto internacional en seguridade mineira alerta do risco de falla catastrófica das presas en San Finx

Na visita de inspección ás presas mineiras Emerman constatou o proceso de erosión interna que, eventualmente, provocará o colapso da presa e a chegada de decenas de millaress de toneladas de residuos mineiros altamente contaminantes á ría de Muros-Noia.
Noia, 29 de xuño de 2019. Na noite do venres o auditorio do antigo matadeiro de Noia atendeu atónito durante dúas horas e media as serias advertencias do Dr. Steven H. Emerman sobre o estado das presas de residuos mineiros de San Finx e a chegada de metais pesados á ría, que denominou como “bomba química de reloxaría” prestes a activarse en calquera momento.
O coloquio, baixo o suxestivo título “Todo o que sempre quixeches saber sobre as Minas de San Fins e nunca te atreviches a preguntar”, foi organizado polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade, ente recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, coa colaboración de PLADEMAR e Verdegaia.
Durante a súa presentación, o Dr. Emerman insistiu que tanto o proxecto aprobado pola administración da Xunta en 2009 como os recentes informes asinados polo Prof. Felipe Macías son unha auténtica burla, que ademáis poñen en perigo crítico a ría de Muros-Noia. Explicou detalladamente como empresa e administración, co aval do antigo catedrático da Universidade de Santiago, pretenden establecer unha falsedade consistente en que no río San Fins existiría un fondo natural de metais que impediría cumprir os limites legais de substancias contaminantes perigosas como o cadmio, coñecido axente canceríxeno.
Emerman está finalizando un detallado informe no que analiza pormenorizadamente a situación das minas de San Finx e desmonta un por un os argumentos e incongruencias que presentan os informes da empresa concesionaria, redactados polo edafólogo xubilado Felipe Macías. Para completar os informes, esta semana Emerman realizou unha visita de inspección ás minas de San Finx, onde foi posíbel comprobar os procesos de erosión interna que ameazan a integridade estructural das presas mineiras e que, eventualmente, provocará a falla catastrófica da presa maior e a inxección instantánea de decenas de millaress de toneladas de residuos mineiros altamente contaminantes á ría de Muros-Noia.
O Dr. Emerman, con 31 anos de experiencia na avaliación de presas de residuos, deixou que non está en contra da minaría pero que nunca, en toda a súa carreira, vira presas de residuos mineiros no estado de abandono no que se encontran as de San Finx, sendo isto especialmente grave tratándose de presas de formigón contruídas segundo un antigo método británico que quedou obsoleto hai máis de medio século. “Só quedan algúns exemplos de presas mineiras como as de San Finx nalgunhas ex-colonias británicas, na India, e en África, sendo que a maioría das estructuras desta clase ou ben colapsaron ou foron desmanteladas polas autoridades polo risco que supoñen”.
O Dr. Emerman é un recoñecido consultor internacional en hidroloxía e especialista na avaliación da afectación ambiental das explotacións mineiras. É Doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, Máster en Xeofísica pola Universidade de Princeton e Licenciado en Matemáticas pola Universidade Estatal de Ohio. Ten 31 anos de experiencia no ensino universitario de hidroloxía e xeofísica e 66 publicacións científicas na materia. Como consultor independente, ten traballado para empresas mineiras, organismos públicos e organizacións non-gobernamentais.
emerman_noia
Dr. Emerman insistiu que tanto o proxecto aprobado pola administración da Xunta en 2009 como os recentes informes asinados polo Prof. Felipe Macías son unha auténtica burla, que ademáis poñen en perigo crítico a ría de Muros-Noia
Galería

Felipe Macías, o edafólogo -político partidario da xeración de emprego, á costa da minería contaminante de Galicia que “promove” a Xunta de Galicia en Touro

https://www.youtube.com/watch?v=_sbKJxQv-e8

Aínda que é ben coñecida a posición do edafólogo Felipe Macías ao servizo do lobbie mineiro en Galicia, hai uns días a través de youtube, volviamos a ter noticia da súa opinión “técnica e sobradamente solvente” sobre o desastre mineiro de Touro.

Nun decidido paso máis da súa carreira de edafólogo a xa “veterano” político, o “experto” falaba da incrible xeración de empregos que podía xerar o polémico proxecto mineiro de Touro e da necesidade de superar a agricultura de subsistencia que se practica no municipio.

O “experto” comentaba a ausencia de contaminación do río Ulla e louvaba o progreso económico e social derivado do forte tecido mineiro de Galicia. A contaminación en Touro, por suposto non existe, e superar a agricultura e gandeiría arcaicas da zona só é posible apostando por un proxecto mineiro que pode xerar moito emprego en Touro, nun municipio no que a xente non ten traballo nen traballa, por non ter onde.

Escoitar a opinión deste tipo de “expertos” cuestiona o papel non só da universidade en Galicia, senón tamén dos grupos de investigación, que apoiados con fondos públicos comunitarios, se promoven neste caso desde a universidade de Santiago de Compostela.

Aínda que somos conscientes da liberdade de expresión, isto non obsta sen embargo a decencia e a ética de profesionais venvellados a programas de investigación e a organismos universitarios financiados con diñeiro público de toda a cidadanía galega, e incluso europea.

Como alguén vencellado a CRETUS, Cros- Research in Environmental Technologies*, pode obviar a contaminación dos cauces de Touro, que foi obxecto xa de varios expedientes sancionadores por parte de Augas de Galicia e dou lugar á apertura dunhas dilixencias penais por parte do Xulgado de Arzúa?

Así nos vai.

*CRETUS, Cros- Research in Environmental Technologies,  é unha agrupación estratéxica constituída en 2015 por 8 grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (4 GRC e 4 GPC) co obxectivo de desenvolver e avaliar tecnoloxías ambientais sustentables buscando solucións que permitan minimizar impactos e riscos, tratando de recuperar recursos, a través de procesos que sexan económica, social e ambientalmente sustentables.

9.png
http://www.usc.es/cretus/felipe-macias-vazquez/
Galería

ContraMINAcción vén de axudar a impulsar a rede contra a explotación do litio en Portugal

O sábado 11 de maio, ContraMINAcción estivo en Boticas, Portugal, nun Encontro sobre minería de litio no país veciño.

A asociación “Unidos em Defesa de Covas do Barroso” está a solicitar o cancelamento da denominada “Mina do Barroso”, e das demais solicitudes de prospección en zonas circundantes e en todo Portugal. A súa motivación é preservar o ambiente, o patrimonio, e a saúde e calidade de vida da poboación.

Por iso organizaron un Encontro que consistiu nunha xornada de conversacións, un xantar colectivo e unha visita ao sitio do proxecto mineiro. Coa presencia do Presidente da Cámara Municipal de Boticas, Fernando Queiroga, a Junta de Freguesia, a coordinadora do evento Jessica da Cruz (da asociación Unidos em Defesa de Covas do Barroso) e de outras persoas residentes de Covas do Barroso afectadas polo proxecto, como Nelson ou Francisco.

Ao longo da intensa xornada tiveron lugar intensos debates e intercambios, nos que participaron mesmo xeólogos afíns aos proxectos mineiros, que se achegaron para interesarse polo contido do evento. Ademais de persoas da zona como Nelson, tamén expuxeron a súa experiencia fronte a minaría invitadas como Maria do Carmo Mendes, que chegou da Serra de Argamela, tamén afectada inminentemente pola minaría.

5ab09d1d422fd.jpeg

Pola sua parte, ContraMINAcción levou unha mensaxe de unión e de intercambio de información e solidariedade fronte a ameaza de destrución que a minaría supón para cada vez máis comunidades. Marga Prieto explicou as particularidades da oposición á minaría en Galiza, e deu información sobre os proxectos mineiros na comunidade; Nela Abella expuxo as conclusións acadadas durante o Encontro que se organizou en Febreiro 2019 en Santiago de Compostela xunto a plataformas de todo o estado español e Portugal, e Guadalupe Rodríguez explicou como se conecta ContraMINacción no plano internacional. ContraMINAcción achegou ademais as características da Alianza Europea de Baterías impulsada por Alemania, que explica o fenómeno deste boom mineiro, da man dun colaborador dese país, Klaus Schenk. E tamén compartiu diferentes materiais informativos como un póster sobre impactos da minaría na agricultura, o folleto sobre impactos das actividades extractivas sobre a auga, e o novo libro infantil e xuvenil editado por Coluna San Fins, un dos colectivos da nosa Rede, e titulado “A mina contamina”.

Entre o público, ademais de xente da zona, directamente afectada polo proxecto, estaban numerosas persoas de outras zonas de Portugal, que acudiron para interesarse pola iniciativa, así como representantes de Quercus, o colectivo ecoloxista con máis arraigo en Portugal.

Pero por que “contra” o litio?

A carreira do litio non ten limites. Durante o Encontro en Boticas denunciouse a falta de transparencia e imparcialidade do goberno portugués co respecto á exploración do litio. A súa campaña publicitaria enganosa oculta que a minaría afectará áreas protexidas, áreas clasificadas, e tamén zonas urbanas como a Serra da Argemela, Beira Interior, Montalegre, Serra do Soajo, Barroso, Serra do Alvão, Serra da Gardunha, Serra da Estrela, Reserva Natural da Serra da Malcata, zonas urbanas de Braga e Viseu, etc. Todos estes lugares están a sofrer as consecuencias da especulación económica da industria mineira. A intención e formar unha rede cuxas bases quedaron sentadas tras o encontro da fin de semana.

Agradecemos muito sinceramente a rede Contraminacción, que patrocinou o Encontro, e que foi um impulso e o exemplo”, dixo Jessica da Cruz, coordinadora da reunión e a visita ao proxecto mineiro.

9.jpg

Participando e impulsando redes

ContraMINAcción está a traballar constantemente para advertir dos perigos da minaría. Despois de percorrer durante case 7 anos gran parte de Galiza levando información sobre o tema a tódolos recantos do territorio, este ano 2019 tivo un rol importante no avance a unha consolidación da rede ibérica de alerta fronte a minaría.

ContraMINAcción naceu como unha rede para advertir do boom mineiro en Galiza. Co paso dos anos consolídase como un espazo de debate sobre os impactos da minaría en Galiza e axudou a impulsar algúns dos procesos de resistencia contra a minaría mais significativos, como a denuncia da chamada Lei de Depredación, unha denominación que xa se fixo popular, pois é así como a recoñecen incluso os propios políticos que a impulsaron como “Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais”.

Nestes anos, contraMINAcción organizou un total de catro Encontros sobre o tema dos impactos da minería, dous a nivel galego, un sobre o territorio español e tamén no plano internacional, xunto a rede Yes to Life No to Mining, da que forma parte.

ContraMINAcción valora moi positivamente o encontro celebrado en Portugal, que serviu, ademais de para informar sobre os riscos derivados do proxecto concreto de Covas de Barroso e da minaría do litio en xeral, para establecer contactos entre os colectivos portugueses, así como entre eles e os da nosa Rede.

Traballar de xeito coordinado é importante, non só pola proximidade física entre Galiza e Portugal, senón tamén pola coincidencia de materiais que están a ser investigados (en Galiza tamén hai varios permisos de investigación de litio solicitados), así como pola lóxica coa que actúan empresas e poderes políticos, moi similar en ambos sitios. Desde ContraMINAcción seguiremos informando da evolución deste novo conflito.

7.jpg

Galería

Demandan ao Director Xeral de Minas por obstaculizar o acceso á información ambiental

Diversos colectivos e organizacións integrantes da rede ContraMINAcción levaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a denominada “Instrucción Tahoces” (oficialmente Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas) que fora aprobada o verán pasado polo Director Xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces no medio de fortes críticas dos movementos sociais, que a consideran un paso máis para obstaculizar o acceso á información ambiental relativa a proxectos mineiros e enerxéticos.

O TSXG admitiu a demanda que veñen de formalizar esta mesma semanda a Asociación Petón do Lobo, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia, co apoio doutros coletivos integrantes na rede. Mediante a demanda contencioso-administrativa preténdese que o tribunal anule os aspectos da Instrución que vulneran non só a lexislación de rango superior en materia de acceso á información ambiental, senón que a propia Convención de Aarhus da que é parte contratante o Estado e que recoñece os dereitos de acceso á información ambiental e á participación pública en proxectos que afecten o ambiente.

Entre outros aspectos, a Instrución realiza unha interpretación restrictiva do que constitúe información ambiental, en vulneración das  definicións internacionais. Modifica ademais o réxime de acceso creando obstáculos que contrarían as normas legais, por exemplo  obrigando ao pagamento de taxas previas (independentemente de que a administración resolva ou non favorablemente a solicitude) ou alterando os prazos de resolución que establecen as diretivas europeas.

21
Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE)

A actitude obstaculizadora sistemática do departamento de minas da Xunta ven sendo denunciada de xeito continuo polos colectivos, ata o punto de estar actualmente aberto un procedemento ante a Comisión de Cumprimento do Convenio de Aarhus, nas Nacións Unidas, polo carácter sistemático destas vulneracións, existindo sentenzas previas do propio TSXG que condenaron á Xunta a entregar copias de expedientes mineiros que viñan sendo retidos ilegalmente.

Desde ContraMINAcción denúnciase a tentativa de dar aparencia de legalidade e institucionalizar as prácticas obstaculizadoras e obscurantismo que veñen caracterizando a actuación do departamento de minas,  recortando dereitos e liberdades fundamentais e saltándose a normativa básica en materia de acceso á información ambiental. Desde ContraMINAcción lembran a  imputación de Ángel Bernardo Tahoces por presuntos delitos de prevaricación ambiental ligados á mina San Finx, en Lousame, e que tamén gardarían relación coa ausencia dos trámites de participación pública na aprobación de proxectos mineiros, outra das componentes básicas da Convención de Aarhus.

7
Acción popular en asuntos medioambientales
Galería

“A explotación (a das minas de San Fins, en Lousame) non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume”, unha das afirmacións máis célebres e incribles do departamento que dirixe o Conselleiro Francisco Conde e o seu director Ángel Bernardo Tahoces. Dimisión xa!

“A explotación (a das minas de San Fins, en Lousame) non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume” ou velaquí estoutra afirmación, tamén memorable: “Non coñezo na provincia da Coruña unha medida tan drástica e profunda para a restauración como é o reprocesado e eliminación da escombreira”.

Estas palabras resumen a filosofía da Dirección xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, no tocante á restauración dos espazos mineiros degradados. En concreto, esta é a resposta dun empregado público, enxeñeiro de minas do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de enerxía e minas da Xunta de Galicia e do que se coñecía recentemente a súa imputación por parte do xulgado de Noia, en relación á autorización da posta en marcha das minas de San Fins, en Lousame, sen terse aprobado a preceptiva avaliación ambiental do proxecto.

Na contestación a unha solicitude de medidas ambientais efectuada pola asociación ambiental Petón do Lobo, funcionarios do departamento que dirixe Tahoces, referíanse ao excesivo da solicitude nos seguintes termos:

“Ao respecto do seguimento sobre o control dos vertidos na escombreira, só podemos indicar que estes non poden existir. Os proxectos aprobados non contemplan escombreira. Non contemplan a produción de escombros. Non contemplan a produción de residuos mineiros. En todo caso contemplan exclusivamente o reaproveitamento e eliminación da antiga escombreira”.

Xa non é só que non existiran residuos, que é o propio de toda a actividade mineira despois de extraer o codiciado mineral, senón que no caso das minas de San Fins, os residuos incluso os eliminaban, desaparecían, como cousa de maxia. Claro que había que fiarse das palabras desta xente, todos eles empregados públicos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, porque por ningures explicaban os impactos que a actividade mineira ía ter na área afectada (un val fluvial). Puidera ser que a normativa daquela época non esixía documento ambiental?

Continuaba o funcionario dicindo: “Carezo de datos sobre o seu deseño (balsa de decantación), pero non amosa signos de debilidade. Ao respecto da pendente dos noiros dos depósitos, afondar novamente no proceso de eliminación avanzado no que están”.

“O denunciante indica ausencia de controis e falla de bombeos regulares, augas ácedas e contido en metais, observacións todas elas que lle corresponden a Augas de Galicia. No marco da normativa ambiental e de seguranza mineira, estanse a realizar os controis establecidos pola normativa de aplicación, a través fundamentalmente do Plan de Labores anual”.

A política de “balóns fóra” e “o que non consta escrito non existe” predomina neste singular departamento da Xunta de Galicia.

“O denunciante solicita que para cumprir a obriga de restaurar o espazo natural se levanten diques de contención, se instalen mallas illantes no terreo, bombeos, monitoreo das balsas e o cumprimento do Plan de Restuaración. Non coñezo na provincia da Coruña ningún Plan de Resturación que contemple unha medida tan drástica e profunda para a restauración como é o reprocesado e eliminación da escombreira de explotación”. Supoñemos que cando escribía isto o funcionario non se lembraba das balsas de lodos do Monte Neme, en Carballo, deixadas á man do destino.

“Temos que ter en conta tamén que o proxecto aprobado non contempla a produción de residuos mineiros. E que a planta de tratamento está deseñada en circuito pechado”.

“Non entendo a función pretendida polo denunciante para os diques de contención, as mallas illantes do terreo, os bombeos. (…) Como xa se indicou a explotación non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume”.

Con palabras e afirmacións como estas, que negan a realidade física máis obvia, como vai a existir a restauración mineira en Galicia? Como se vai a cumprir en Galicia a normativa mineira se quen ten a obriga de facela cumprir obvia e ignora dolosamente a realidade?

Dimisión por favor. Pedimos a dimisión tanto de quen elabora, aproba e supervisa as políticas mineiras, é dicir, a dimisión do Conselleiro Francisco Conde, como de quen ten a obriga de executalas e facer que se cumpra a normativa, isto é o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Dimisión xa para ambos os dous!

DIQUE DE CONTENCIÓN BALSAS LODOS MINERAS EN ESTADO DE DETERIORO EVIDENTE
Dique de contención dunha das balsas mineiras de San Fins, en Lousame

 

 

 

 

Galería

A plataforma Stop Uranio frea no Parlamento europeo o proxecto mineiro de Berkeley

Hoxe tivo lugar na Comisión de peticións do Parlamento europeo a defensa das peticións 174/2017 e a 809/2017, sobre a mina de uranio de Retortillo, en Salamanca.

963.png
As aciñeiras de Retortillo gravemente afectadas pola mina de uranio de Berkeley

A intervención do representante da plataforma Stop Uranio, José Ramón Barrueco Sánchez puxo enriba da mesa as deficiencias da declaración de impacto ambiental e a infracción do dereito comunitario na tramitación procedimental do expediente da mina a ceo aberto de Retortillo.

463.png
Representantes da Plataforma Stop Uranio na Comisión de peticións do Parlamento europeo

O representante da Comisión europea explica que o proxecto non foi autorizado na totalidade das autorizacións que precisa para ser explotado. Aclarou tamén que o impacto dos efectos radiolóxicos non concluiu.

Comisión europea.png
O representante da Comisión europea durante a súa intervención

Afirmou que é unha mina máis e unha pranta de tratamento de uranio. Require autorizacións finais diferentes. O mineral que se saca debe tratarse nunha planta de concentrados e os residuos prevese que se enterren no oco mineiro escavado.

Hai permisos urbanísticos que escapan ao control da Comisión, como as licencias urbanísticas pero por un lado hai unha avaliación ambiental e por outra unha avaliación dos impactos radiolóxicos. Hai que ter en conta moita outra normativa sectorial.

A Comisión apelou a xustiza española para dictaminar en última instancia sobre o proxecto e a legalidade da declaración de impacto ambiental do ano 2013.

O Consello de Seguridade Nuclear ten que avaliar os impactos radiolóxicos e isto é o que suscita máis interés. Primeiro requírese unha autorización previa que foi concedida e despois as autorizacións de construcción e de explotación e posta en marcha, que aínda non foron outorgadas, porque aínda están baixo o estudo do Consello de Seguridade Nuclear. Este organismo plantexou dúbidas e obrigou ao promotor a realizar modificacións segundo as diversas inquietudes. Aquí avaliarase a pranta de concentración de uranio e que require de tres autorizacións: a previa, a de explotación e a de posta en marcha. Todas elas susceptibles de recurso ante os Tribunais.

valllina.png
Ángela Vallina na defensa das peticións sobre da mina de Retortillo

Ángela Vallina foi moi contundente e aclarou que se trata dunha mina que está preto dun balneario, dunha zona de alto valor ambiental e non impediu a declaración de impacto ambiental favorable. Trátase dunha imposición do goberno de Castela e León para unha mina de 10 anos, o que non é rendible, polo impacto no medio ambiente, nas augas, na sáude humana. Non recolle todos os impactos  para a saúde humana e o medio ambiente, o que xenera moitas dúbidas. Ten repercusións transfronteirizas, a 30 km de Portugal e ao río Douro. España incumpre o Tratado Euratom. Chama a atención que se non hai ningunha licencia, como é que xa hai unha balsa feita. Non hai licencias nin nada, pero a balsa está construida. É a política dos feitos consumados. A petición ten que quedar aberta e dirixirse a Administración máis próxima para que actúe. Ninguén se cree que un concello non teña medios para sancionar. Cómpre enviar unha carta á Xunta de Castela e León, ao goberno central e ao goberno portugués para saber se foi informado sobre este proxecto.

portugal.png
O eurodeputado portugués durante a súa intervención

O eurodeputado portugués indicou que as minas que están a ceo aberto en Retortillo están a 60 km pero existe un protocolo entre España e Portugal sobre cuestións de seguridade nuclear con compromisos  e España non informa, nunca ocurriu.

Preguntouse á Comisión pero esta non fiscaliza, nin actúa, nin observa, nin mira se a lei comunitaria está a ser observada ou non.

O río Douro é común a ambos países e é unha cuestión de saúde pública e non se vai a permitir que España contamine o río.

1112.png
Florent Marcellesi na defensa das peticións sobre da mina de Retortillo

Florent Marcellesi indicou que a mina é un atentado ecolóxico, a mina máis grande a ceo aberto de Europa que pon en perigo os bosques, matando as enciñas e que non axuda a fixar poboación.

O impacto ambiental non foi realizado de forma suficiente. A petición debe seguir aberta e enviar cartas as correspondentes autoridades españolas e portuguesas. “Fagamos unha audiencia no Parlamento europeo sobre as minas e a súa proliferación en detrimento da saúde das persoas e do planeta” indicou o eurodeputado. O que temos en España é unha trama nuclear e hai que visitar España, sobre o conxunto da actividade nuclear para coñecer de primeira man o que está a suceder en España, visitar España e coñecer o que pasa.

9997.png
Marina Albiol na defensa das peticións sobre da mina de Retortillo

Marina Albiol tamén amosou a súa preocupación sobre como vai a afectar o uranio á Rede Natura, á auga, ao medio ambiente, á saúde, á fauna, ás persoas e incluso á flora. Os impactos poden ser gravísimos e afectar a multitude de elementos e espazos. Sería importantísimo facer un chamamento ás autoridades competentes para que non continúen adiante con ningún  permiso.

A Comisión europea debe dar un paso máis para acabar con este proxecto e visitar a zona de Retortillo, para comprobar in situ as afeccións que pode ter o proxecto e as que xa tiveron lugar.

As minas de uranio en Europa non teñen sentido cando ninguén quere a enerxía nuclear. O procedemento de infracción debe terse en conta. Portugal non tivo a oportunidade de opinar e isto invalida o procedemento. Cómpre lembrar o principio de cautela e acción preventiva deben terse en conta. Quen fai isto non está pagando.

A petición debe quedar aberta .

Cecilia.png
A presidenta da Comisión de peticións Cecilia Wikström declara aberta as peticións sobre da mina de uranio de Salamanca
852
A Comisión de peticións do Parlamento europeo
Galería

Bárbara, a cara bonita da “minería insostible” de Galicia?

O sector mineiro de Galicia presentará este vindeiro martes, varios videos “didácticos” dirixidos ao alumnado de infantil, primaria e secundaria, para “adoutrinarlles” sobre as “supostas bondades” da minería en Galicia.

O que non explica o lobbie mineiro son os motivos da “minería irresponsable” que ao longo da historia xenerou unha manchea de canteiras sen restaurar, balsas e pozas abandonadas con  metáis pesados, que se acumulan ao longo e ancho de toda Galicia. Minería irresponsable que incluso chegou a afectar seriamente a cauces fluviais, no caso das louseiras da provincia de Ourense.

https://praza.gal/economia/o-defensor-do-pobo-critica-a-falta-de-control-da-xunta-sobre-os-danos-causados-polas-canteiras-de-lousa

https://youtu.be/FysyXvoiDW0

Galería

Colectivos e asociacións alertan da ausencia de compromiso coa sociedade, das empresas que xestionan as canteiras de extracción de áridos na Costa da Morte e do sector mineiro en xeral

  • Os colectivos, entre os que está a asociación ambiental Petón do Lobo ou O Ouriol do Anllóns, critican o “lavado de cara” que pretende realizar o lobbie mineiro o vindeiro martes, día 12 de febreiro, en Santiago de Compostela

O 12 de febreiro, no auditorio da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o sector mineiro de Galicia di que vai a presentar nunha xornada a Minaría sostible de Galicia1.

Nun intento de “lavado de cara” do que xa existen precedentes, a Cámara oficial minería de Galicia, a Escola de Enxeñeiros de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, representada por Natalia Caparrini, o Colexio Oficial de Xeólogos, representado por Pablo Núñez e o Director da COMG, Diego López, co refrendo da intervención do Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, din que van a presentar a “Minaría Sostible de Galicia”.

No programa do evento indican que “A minaría galega permite o desenvolvemento social e demográfico, é compatible coa protección da natureza, forma parte do patrimonio histórico e cultural ao tempo que ofrece materias primas para o estado do benestar”.

Sen embargo, isto non está a cumprirse. A falla de restauración mineira e os danos á paisaxe, é a práctica habitual do sector mineiro galego.

A sociedade demanda ao lobbie mineiro compromiso co entorno e as comunidades que o habitan, compromiso coa restauración eficaz e efectiva dos espazos mineiros; e esta tarefa, que ademáis é unha obriga normativa, non se está a realizar na meirande parte dos casos. Por tanto, é unha mágoa que o sector mineiro se recoñeza o “mea culpa”, polos compromisos incumpridos e reiterados ao longo do tempo e non se asuma o compromiso serio e firme de restauración dos espazos mineiros degradados, iniciativa que xa debera partir en primeiro lugar da Xunta de Galicia e da Cámara oficial mineira.

Por tanto, unha vez máis o lobbie mineiro de Galicia, afástase da realidade deste país.

Así na Costa da Morte destacan as seguintes canteiras sen indicios de restauración algunha: canteira de Sta. Cristina, en Ponteceso, á beira do río Anllóns; canteira de Olveira, en Cances; canteira abandonada do Monte Neme, Carballo; canteira no municipio de Laracha; canteira da Brea, en Carballo; canteira de Sta. Comba e a canteira de Vimianzo.

Todas elas amosan a degradación das paisaxes e a falla explícita de restauración mineira. No caso da canteira de Ponteceso, esta está á beira mesma do río Anllóns, con posible afectación directa ao cauce.

1 Véxase o enlace web https://minariasostible.gal/evento/

Monte Neme 2
Canteira abandonada do monte Neme, con unha balsa de lodos tóxicos (drenaxe áceda de mina)
962
Impactos da minaría a ceo aberto na entorna e con especial impacto sobre a paisaxe
Galería

O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida

Este é o título do libro recentemente editado pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo sobre o Monte Neme. Será distribuido gratuitamente a partir do mes de xaneiro de 2019, entre os departamentos de ciencias dos institutos de ensinanza secundaria da comarca de Bergantiños e de todos aqueles que demanden os exemplares.

O libro inclúe unha unidade didáctica para o apoio do persoal docente, sobre a drenaxe áceda de mina e os efectos desta, o extractivismo, o paisaxe e o pH das augas. Tamén vai acompañado dun phmetro portátil.

A obra, como indica o seu título, remóntase á orixe sacra do monte para relatar a súa evolución ata os restos da minería irresponsable que hoxe se acumulan no seu cumio e ladeiras.

Hai sete indicadores do carácter sagrado do Monte Ginedo e Neme: o propio monte, os segredos da toponimia e a microtoponimia, a auga, a arracada ou xoia de ouro de Cances, atopada nun arroio no propio monte, o Cromlech, círculo lítico ou «A eira das Meigas», a cova do Monte Neme, a figura da muller e a manifestación do «feminino» e os montes comúns.

ARRACADA DE CANCES.jpg
A arrada ou xoia de ouro de Cances, Monte Neme

A arracada como elemento feminino, formada por glóbulos, aros, aretes e fíos torsionados representa a simboloxía do círculo, do devir cíclico da natureza e da vida. Depositada inicialmente no Museo de Pontevedra en 1957, está fortemente relacionada coa simboloxía que encerra un monte mítico. Un monte que o diario Compostelano do 28 de maio de 1929, no seu número 89, describía como “el enhiesto monte Neme”, facendo referencia a súa verticalidade de 387 metros. Relacionado co círculo lítico está o “graal”, o cáliz ou o famoso caldeiro das meigas. Do caldeiro proviña a maxia e a adiviñación, as esencias e plantas que se convertían en elementos de transformación dadoras de novas conciencias. O morteiro dos alquimistas onde a materia prima transfórmase, iluminando a quen atopa a forma e o camiño, e descobrir a harmonía do universo coa terra.

Pero o Monte Neme tamén é o monte das xentes, do común. Así o 18 de xuño de 1901 o Ministerio de Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas exceptuaba da desamortización por razón de utilidade pública, en cumprimento do artigo 4 do Real Decreto de 27 de febreiro de 1897, aos seguintes montes dos pobos de Carballo e Malpica:

  • Monte Neme, na parroquia de San Verísimo de Oza, con unha cabida forestal de 280 hectáreas, e poboado coa especie Quercus sessiliflora. Lindaba ao norte co monte común de Razo, ao este co de Bértoa, polo sur e u oeste con montes de particulares.
  • Monte Ginedo, na parroquia de Leiolio, con unha cabida forestal de 220 hectáreas. Poboado con pinus pinaster. Lindaba ao norte co monte común de Cambre, ao este co de Oza, ao sur co de Bomez e ao oeste con lugares de Pedrosa.

O 15 de decembro de 1924, o xornal El Eco de Santiago, recollía o rexistro realizado por Enrique Sánchez Rodríguez de 12 pertenzas de mineral de ferro, co título de “María Elena”, situadas na paraxe chamada Monte Neme, parroquias de Leiloio e Razo, entre Carballo e Malpica.

Sorprende que pouco despois do rexistro dos dereitos mineiros por parte de Enrique Sánchez Rodríguez, tivera lugar un incendio moi importante no monte Neme. Así recollía a noticia El Heraldo Gallego, nº 686, do 7 de novembro de 1926.  Tamén sorprende a época do ano no que o incendio se produciu, xa ben entrado o outono, cando as brétemas húmidas das mañanciñas cobren os cumios e os toxos e xestas gardan o resío da noite.

A prensa histórica defíneo como un “imponente incendio”, queimando unha extensión dunhas vinte hectáreas. Indicaba “El Heraldo Gallego” que “Las pérdidas, por el arbolado que había en parte de dicha extensión, son de suma importancia. Desconócense las causas que lo motivaron”.

O 30 de setembro de 1933, o xornal  ‘El Progreso: diario liberal’, facía eco das prácticas do Corpo da Oitava División do Exército español no monte Neme.

Chama a atención que o exército naquel ano 1933, fose xa destinado ao Monte Neme, ao “Faro Vixía” da Costa da Morte, un lugar sen dúbida algunha moi importante pola sua ubicación xeográfica.

Pero por que precisamente a Oitava División? A Oitava División era naquela época, unha sección do exército español especializada en procedementos tácticos e de alta efectividade. Que sabían os servizos secretos da II República e o goberno de Manuel Azaña, sobre do interés do fascismo nos recursos do Monte Neme?

E de súpeto o fascismo apodérase dos recursos do Nemio e o réxime explota o volframio que colle camiño de Alemaña…. É o inicio da ferida aberta e profunda, que aínda rezuma pus a través das balsas tóxicas do cumio e da fenda aberta da canteira. E todo aínda sen restaurar, froito da irresponsabilidade das empresas mineiras e das Administracións competentes na materia.

987.png
Detalle da canteira abandonada do Monte Neme. Fonte: Inventario de balsas e escombreiras da comunidade autónoma de Galicia. Elaborado por Norcontrol, S.A., para a Xunta de Galicia. Ano 1999.

O 22 de maio de 1954, publicábase na Gaceta Histórica de Madrid (hoxe o BOE), a autorización da Dirección Xeral de Minas e Combustibles, pola que se lle permitía a Antonio Tova Fernández, como apoderado de Pedro Abelenda Rodríguez, instalar un taller –almacén concentrador de minerais de estaño e volframio, por separación electromagnética, no baixo da casa da súa propiedade, sita no nº 36 da rúa Peruleiro, na Coruña, para o grupo mineiro que posuía no Monte Neme.

En marzo de 1963, o xornal “La Noche”, no seu número 1875, recollía a noticia da crise na produción de estaño e volframio en Galicia. Co título “Crisis en la producción de estaño y wólfram”, o artigo facía referencia ao grupo mineiro Monte Neme, que pese a súa florida explotación de antaño, sufrira un descenso tan vertical, que podía considerarse extinguido.

9963.png
Balsa do Monte Neme. Fonte: Inventario de balsas e escombreiras da comunidade autónoma de Galicia. Elaborado por Norcontrol, S.A., para a Xunta de Galicia. Ano 1999.

En decembro de 1987, o grupo Información Cultural facía referencia á excursión organizada pola Sociedade de Montaña Ártabros, que baixo o título “Conoce y camina”, realizaba recorridos inéditos, visitando así a Cova do Monte Neme.

Aínda se conserva na memoria colectiva da zona, retazos da existencia desa cova, anterior á desastre mineira. As covas son lugares máxicos por definición, que desde un punto de vista simbólico representan o útero materno e que nos retornan unha e outra vez á figura feminina.

No ano 1999 a Xunta de Galicia encarga á empresa Norcontrol, S.A. a realización dun inventario de balsas e escombreiras mineiras da Comunidade autónoma de Galicia.

Nese inventario aparecen identificadas as labores mineiras do Monte Neme co nome “TR. Alemanes”. En canto ao número de balsas aparecen identificadas cinco, dispostas en serie. Tamén alertaba do problema da balsa do cumio do monte, que xa naquel ano presentaba algún problema en canto á estabilidade.

Posteriormente en febreiro de 2014, a balsa mineira rompía e provocaba a vertedura de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as parroquias coruñesas de Razo dá Costa (Carballo) e Aviño (Malpica). A Cámara Mineira de Galicia cifrou os danos en 1,5 millóns.

DOC  DETALLE DO INVENTARIO DE BALSAS DO MONTE NEME ELABORADO POR NORCONTROL PARA A CONSELLERÍA DE INDUSTRIA.png

Hoxe continúa todo igual…., e os núcleos de poboación ao pé do monte utilizan para consumo doméstico a auga que baixa do monte. Altos niveis de aluminio e baixo ph xa foran detectados no ano 2014. Quen está a medir os metáis pesados que teñen estas augas?

999.png
Fonte: Información xeográfica de Galicia. Catálogo das Paisaxes de Galicia

Que futuro queremos para o Monte Neme?

1.- A restauración integral das antigas labores mineiras: restauración da canteira, drenaxe e selado das balsas tóxicas.

2.- O traslado da arracada ou xoia de ouro de Cances ao Museo de Carballo, para evitar a descontextualización da xoia, para que toda a cidadanía interesada a poida visitar e coñecer.

3.- A recuperación dos montes dos pobos ou dos montes común.

4.- A recuperación dos valores emocionais e simbólicos do Monte Neme.

5.- A inclusión do Monte Neme no chamado Parque do Megalitismo da Costa da Morte, porque consideramos que sobran os argumentos para que un monte mítico como este, mereza tal consideración. Isto daríalle pulo a súa conservación e posta en valor.

963.png
Que futuro queremos para o Monte Ginedo e Neme?

 

O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida é a cuarta obra que a asociación Petón do Lobo saca á luz como editora e a terceira obra histórico -científica, que publica como autora e editora.