Galería

A exposición pública, durante 20 días, o anteproxecto de Lei de ordenación do territorio de Galicia. A posta en escea dos chamados “proxectos de interese autonómico”. A suspensión motivada do planeamento urbanístico pola formulación dun instrumento de ordenación do territorio

No DOG do día de hoxe, sométese a información pública, por un prazo de 20 días hábiles, o anteproxecto de Lei de ordenación do territorio de Galicia.

Durante o citado prazo, poderase consultar o texto do anteproxecto de lei no seguinte enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia: http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions/

As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

– Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: sxurbanismo@xunta.gal.

– Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo das administracións públicas.

O artigo 45 e seguintes do texto refírese aos proxectos de interese autonómico

Os proxectos de interese autonómico son os instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade , que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución inmediata das seguintes actuacións, sempre que trascendan do ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou as súas singulares características e non podan desenvolverse de acordo coas previsións do planeamento urbanístico:

a) implantación de dotacións urbanísticas (equipamentos e infraestruturas)

b) creación de solo destinado a vivendas protexidas

c) creación de solo destinado á realización de actividades económicas

2

De acordo co establecido no apartado anterior considéranse:

a) Dotacións urbanísticas: son o conxunto de instalacións e servizos destinados á satisfacción das necesidades dos cidadáns. Poden ser de uso e titularidade públicos ou privados e comprenden: as infraestruturas de transporte e comunicación.; as redes de servizos de telecomunicacións, de execución da política enerxética, de subministro de enerxía eléctrica e de gas, de abastecemento de auga e de evacuación de augas residuais e depuración, de tratamento e eliminación de residuos e as instalacións destinadas á loita contra a contaminación e a protección da natureza, e os grandes equipamentos de uso sanitario-asistencial, educativo, cultural, deportivo, administrativo-institucional e de servizos públicos, de acordo ao establecido nos artigos 65, 71 e 72 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia.

b) O solo destinado a vivendas protexidas, constituído polos ámbitos que sexan obxecto de actuacións de transformación urbanística promovidas e desenvoltas pola consellaría competente en materia de vivenda a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo e as sociedades públicas con destino maioritario á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, pola necesidade demostrada de forte demanda social.

c) O solo destinado á realización de actividades económicas, constituído polos ámbitos que sexan obxecto de actuacións de transformación urbanística, con destino á creación de solos para o desenvolvemento de actividades industriais ou terciarias, que teñan por obxecto a produción, distribución ou comercialización de bens e servizos, incluída a urbanización complementaria que precisen.

En función da súa natureza e obxecto, diferéncianse os seguintes tipos:

a) Proxectos de interese autonómico previstos, que teñen por obxecto planificar a execución de actuacións contempladas nun plan sectorial vixente.

b) Proxectos de interese autonómico non previstos, que teñen por obxecto planificar a execución de actuacións non contempladas en ningún plan sectorial.

Neste caso, o proxecto deberá axustarse aos criterios e obxectivos xerais que establezan as directrices de ordenación do territorio e deberá ser congruente e axustarse ao contido dos instrumentos de ordenación do territorio vixentes cos que puidera concorrer polo ámbito territorial ou polo contido do proxecto.

Unha vez aprobado un plan sectorial concreto, non poderán desenvolverse proxectos de interese autonómico non previstos que regulen a implantación de actuacións diferentes das contempladas no dito plan sectorial, debendo procederse no seu caso á súa modificación.

Os proxectos de interese autonómico poderán ser promovidos e desenvolvidos por iniciativa pública ou privada.

No caso de proxectos de iniciativa particular, o promotor deberá acreditar a aceptación polas persoas propietarias que representen máis do 50% da superficie total do ámbito de actuación do proxecto.

Os proxectos de interese autonómico definirán os criterios de deseño, as características funcionais e a localización, que garantan a accesibilidade e a sustentabilidade ambiental das actuacións obxecto do proxecto.

Asemade, garantirán a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúan o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes mediante a realización de cantas obras sexan precisas, a súa adaptación ao entorno no que se empracen e a súa articulación coas determinacións do planeamento urbanístico e territorial vixente.

Todas as obras, servizos públicos, infraestruturas e instalacións previstas no proxecto se axustarán ás dimensións e características esixidas pola lexislación sectorial que lles sexa de aplicación.

A Declaración de interese autonómico

A aprobación dos proxectos de interese autonómico non previstos, é dicir, que non desenvolvan un plan sectorial en vigor, deberá ir precedida da formal declaración de interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto.

A tal efecto, as persoas ou entidades promotoras do proxecto poderán presentar a solicitude de declaración de interese autonómico, xunto coa proposta de actuación indicando, cando menos, os seguintes extremos:

a) Descrición do tipo de actuación que se pretende levar a cabo, de acordo co establecido no apartado 1 do artigo 45.

b) Localización xustificada e ordenación da actuación proposta.

c) Características nas que se fundamenta o interese autonómico, xustificando e motivando:

– Que teñen unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica, social ou cultural, que afecte ao ámbito de máis dun concello, sen que sexa suficiente xustificación a súa situación en terreos de varios termos municipais.

– Que as actuacións previstas posúen unha función vertebradora e estruturante do territorio; ou que serven para desenvolver, implantar ou executar políticas sectoriais autonómicas, das entidades locais ou do Estado na comunidade, ou corresponde a determinacións previstas na lexislación sectorial; ou que a declaración de interese autonómico é necesaria para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes; ou a súa adaptación ao contorno no que se empracen.

– No seu caso, a inadecuación do planeamento urbanístico vixente e a imposibilidade de desenvolver o proxecto dentro do mesmo por falta de previsión ou incompatibilidade coas súas determinacións.

d) Xustificación da súa adecuación ás directrices de ordenación do territorio e outros instrumentos de ordenación territorial vixentes no ámbito no que se desenvolva o proxecto.

e) Medios económicos que garantan a viabilidade do proxecto.

f) Aspectos ambientais a ter en conta.

Suspensión motivada do planeamento urbanístico pola formulación dun instrumento de ordenación do territorio

Acordada polo Consello da Xunta a iniciación do procedemento de elaboración de calquera instrumento de ordenación do territorio, a persoa titular da consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, de xeito motivado, poderá suspender cautelarmente os procedemento de tramitación e aprobación do planeamento urbanístico, dos instrumentos de xestión ou execución do planeamento ou de outorgamento de licenzas e títulos habilitantes para ámbitos ou para usos determinados, coa finalidade de elaborar o instrumento de que se trate.

Previa á declaración da suspensión darase audiencia ao concello ou concellos afectados por prazo dun mes. Durante a dita audiencia, os concellos deberán informar das licenzas solicitadas afectadas pola suspensión.

Cando se acorde a suspensión da ordenación, determinarase se existe algunha norma do planeamento suspendido que permaneza vixente. Tamén poderá establecerse un réxime transitorio que permita desenvolver actividades compatibles coa actuación que se pretende aprobar, en tanto non se produza a aprobación definitiva do instrumento.

Durante o procedemento de tramitación poderán modificarse os ámbitos territoriais e materiais da suspensión acordada sen que elo altere a duración máxima establecida ao efecto.

A suspensión extinguirase coa aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio que motivou a súa adopción e, en todo caso, polo transcurso do prazo de dous anos a contar dende a data do acordo de suspensión, prorrogable por un ano máis.

Galería

Publicada a Resolución pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e zonas de protección nas que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión

No día de hoxe, o DOG publica a Resolución do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

A resolución indica que se recolleu e analizou suficiente información sobre o uso do territorio de exemplares das especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e, máis en concreto, da aguia real (Aquila chrysaetos L.), que fan preciso actualizar a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

Por outra banda, a aprobación mediante decreto de dous plans de xestión de especies de aves ameazadas en Galicia (o plan de recuperación da escribenta das canaveiras, e o plan de conservación da píllara das dunas) facía preciso que se incorporaran os ámbitos de aplicación destes plans nas zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

7.JPG

As ditas zonas de protección, recollidas no anexo I da presente resolución, inclúen:

a) As zonas de especial protección para as aves (ZEPA) designadas de acordo cos artigos 44 e 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade. En caso de calquera discrepancia entre a cartografía da presente resolución e a dos límites das ZEPA aprobadas, prevalecerán os límites establecidos na declaración destas zonas de especial protección para as aves.

b) As áreas de presenza e prioritarias de conservación dos plans de recuperación e conservación aprobados pola Comunidade Autónoma de Galicia para as especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas (escribenta das canaveiras, Emberiza schoeniclus lusitanica, e píllara das dunas, Charadrius alexandrinus L.). Con todo, en caso de aprobación de novos plans de xestión de especies de aves ameazadas en Galicia, nas áreas de presenza e prioritarias de conservación definidas neses plans serán de aplicación as medidas de protección contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión establecidas no Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, desde a súa entrada en vigor, sen prexuízo da posterior modificación da cartografía da presente resolución.

c) As áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local daquelas especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, cando as ditas áreas non se atopen xa comprendidas nas correspondentes aos tipos anteriores.

Pódese acceder a unha versión en soporte dixital das zonas de protección a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio para visualizar e poñer á disposición do público xeral aquela información xeográfica relacionada coa conservación do patrimonio natural (https://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/).

anexo I G_fmt.jpeg

ANEXO II

Abetouro (Botaurus stellaris)

Garza pequena (Ixobrychus minutus)

Cerceta (Anas crecca)

Millafre real (Milvus milvus)

Voitre branco (Neophron pernocpterus)

Gatafornela (Circus cyaneus)

Tartaraña cincenta (Circus pygargus)

Aguia real (Aquila chrysaetos)

Aguia perdigueira (Hieraeetus fasciatus)

Aguia peixeira (Pandion haliaetus)

Pita do monte (Tetrao urogallus cantabricus)

Charrela (Perdix perdix hispaniensis)

Sisón (Tetrax tetrax)

Gabita (Haematopus ostralegus)

Pernalonga (Himantopus himantopus)

Alcaraván (Burhinus oedicnemus)

Avefría (Vanellus vanellus)

Agacha (Gallinago gallinago)

Arcea (Scolopax rusticola)

Mazarico real (Numenius arquata)

Bufo real (Bubo bubo)

Papoazul (Luscinia svecica)

 

Galería

Veciñanza de Corcoesto solicita á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a restauración das pinturas do retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño, obra do pintor galego Xosé Garabal, pintor da Casa Real do rei Afonso XII, a finais do século XIX.

Antonio Rodríguez de Ardeleiros, era o párroco de Corcoesto no ano 1873, cando se pintou o retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño. A obra foille encargada ao pintor santiagués Xosé Garabal, famoso pintor galego de finais do século XIX.

Xosé María Garabal Louzao naceu en Santiago no ano 1835 e finaría no ano 1907. Foi pintor da Casa Real co rei Afonso XII e agasallado por este con unha pensión vitalicia de mil pesetas mensuais. Foi galardoado polos seus cadros “Celebridades Compostelás” na Exposición Rexional de Santiago de 1876, sendo considerada por algúns autores como o primeiro cadro realista- figurativo da pintura galega.

O retablo da capela de Sta. Mariña está decorado con diversos motivos florais realistas nunha rica combinación entre o verde da natureza e o marrón da terra. Co paso do tempo, as pinturas necesitan con urxencia seren restauradas, para evitar a súa desaparición.

RETABLO
Retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto
DETALLE
Detalle da pintura do retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño, parroquia de Corcoesto
Galería

A Xunta de Galicia esquece a transversalidade en materia de igualdade de xénero na elaboración da 1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia e invisibiliza o importante dobre papel que a muller galega ten no monte, como propietaria e produtora forestal

A Orde do 28 de xuño de 2018 aprobaba inicialmente a primeira revisión do Plan forestal de Galicia e abría o trámite de información pública por tres meses, é dicir, ata o vindeiro 5 de outubro, pero que papel vai a ter a muller propietaria e produtora galega no chamada “economía verde” que defende o Plan forestal galego? Foron escoitadas as mulleres no proceso de elaboración do Plan?

A pesar de que o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, recolle a integración trasversal do principio de igualdade nas actuacións da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o certo é que non se menciona na documentación sometida a información pública, o impacto que esta revisión forestal suporá tanto para mulleres como para homes.

Segundo o significado legal da transversalidade, e a pesares de que a propiedade do monte, nunha boa parte está en mans de mulleres, a Xunta de Galicia non integra a dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimiento da política forestal e das accións que prevé desenvolver para o desarrollo do Plan Forestal, un plan que regula un sector económico fundamental para Galicia, como é o forestal e que ademáis artéllase como un instrumento de ordenación do territorio galego.

As mulleres galegas teñen un papel case que invisible como transformadoras na industria madereira de Galicia, pero sí un papel destacado como productoras, datos que se invisibilizan na documentación do Plan forestal, e esta situación é preciso que mude de inmediato e se respete a lei e a normativa da Unión Europea en materia de igualdade. Ademais unha parte importante da propiedade do monte en Galicia está en mans de mulleres, aspecto que ignora e invisibiliza o documento forestal. 1

A pesar de que a Lei fala da consecución da igualdade de oportunidades na política económica, laboral e social, o certo é que tanto o documento de diagnóstico como o de avaliación ambiental e as actuacións previstas non contemplan os impactos que a norma vai a supor para as mulleres galegas.

Por outra banda, a Xunta de Galicia, elabora un documento sen ter en conta a integración da perspectiva de xénero na actividade estatística do sector público galego relacionado co sector forestal, polo que se descoñece as eventuais repercusións que en cuestiónsde xénero que vai a ter o Plan forestal de Galicia, tal e como esixe o artigo 9 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Polo tanto, esiximos que o órgano superior en materia de igualdade de xénero en materia de igualdade, isto é, a Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Unidade de Igualdade, con categoría de Servizo, do departamento responsable en materia de traballo, isto é, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, informen sobre dos impactos que esta 1ª Revisión do Plan forestal de Galicia vai a supor tanto para o colectivo de mulleres como para o de homes e se adopten as actuacións pertinentes encamiñadas á consecución da igualdade neste sector económico chave para a economía galega.

Queremos saber tamén que papel destacado vai a ter a muller na bioeconomía ou economía verde que defende o Plan Forestal, baseada na plantación intensiva e extensiva de monocultivos forestais para a produción de biocombustibles, e se se vai a contar coas mulleres produtoras para participar nesta suposta “economía verde” e se estas están dacordo con estes obxectivos.

Por outra banda, cómpre destacar que ata o de agora, en todas as políticas económicas importantes de Galicia, como é o sector eólico, o plan básico autonómico, as directrices da paisaxe, as directrices de ordenación do litoral,…etc., non se aplicou o principio de transversalidade para valorar o impacto destas políticas no colectivo feminino, polo que a Xunta de Galicia continúa na práctica a perpetuar os roles masculinizados e as prácticas consuetudinarias e patriarcais na elaboración e execución da política económica e de ordenación do territorio en Galicia.

A política forestal da Xunta de Galicia está sentenciada ao fracaso, antes incluso do seu comezo, se non se teñen en conta ás propietarias e produtoras forestais de Galicia.

1 Tan só en parroquias da Costa da Morte como o caso de Corcoesto, Cereo e Valenza, o 93% da propiedade do monte está en mans de mulleres.

5
Que papel lle corresponde á muller galega dentro da política forestal da Xunta de Galicia?

 

Galería

Mudar a perspectiva: o Lobo, desafío e oportunidade para a conservación de espazos naturais e de riqueza de toda Galicia. Cada vez o Lobo conta con máis apoio social, aspecto que non debe ignorar nen minimizar a Xunta de Galicia. Lembrando a Lilas, a Loba de San Mamede de Seavia, en Coristanco, morta a mans dun furtivo

Según o Decreto 297/2008, de 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia, a finalidade do Plan é garantir a viabilidade desta especie no noso territorio, mantendo unha poboación estable do lobo en Galicia e ao mesmo tempo compatibilizar a súa existencia coa da gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias, adoptando medidas preventivas e establecendo liñas de axudas para paliar os danos causados por esta especie, así como poñer en valor a existencia do lobo e convertela nun elemento que fomente o desenvolvemento rural e turístico das zonas onde se atopa presente esta especie.

2.jpg

O Punto 5 da citada norma indica que o Plan de xestión do lobo en Galicia persegue os seguintes obxectivos:

“a) Establecer as medidas e actuacións que permitan manter unha poboación viable de lobos dentro dun marco de coexistencia co mundo rural e compatible coas actividades agropecuarias, que contribúan á conservación da poboación ibérica. b) Manter unha poboación estable e continua de lobos, similar á actual, independentemente das fluctuaciones naturais que poden producirse a curto prazo, e desenvolver os mecanismos para o seu seguimento e estudo. c) Minimizar a conflitividade xerada polos danos que ocasionan os lobos sobre a cabana gandeira mediante incentivos económicos e asesoramento técnico adecuado para a aplicación de métodos de prevención de danos. d) Establecer propostas e fomentar actuacións nas que se recoñeza ao lobo como un recurso económico que pode mellorar as condicións socioeconómicas das poboacións locais, tales como actividades turísticas e a recuperación do patrimonio cultural. e) Desenvolver programas e actuacións ao obxecto de aumentar o coñecemento e a tolerancia dos distintos sectores da sociedade cara ao lobo. f) Establecer un sistema de participación social no que todos os sectores relacionados directamente coa xestión do lobo asuman a súa corresponsabilidade na xestión e conservación da especie”.

Polo tanto, varias asociacións da Costa da Morte, solicitamos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e en particular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que se cumpra coa finalidade e cos obxectivos deste Plan, que principal e precisamente é a mantenza dunha poboación viable de lobos.

O lobo, o depredador natural do xabarín e de outras especies, e que evitaría a súa multiplicación desordenada, é unha especie cinexética en Galicia. Cada ano morren lobos de xeito ilegal en Galicia, é dicir, sen a correspondente autorización ou control da Consellería. O lobo ibérico ten o estatus de En Perigo (EN) en Portugal. O lobo goza de protección completa en Portugal, sendo unha especie non cinexética en todo o país. O lobo en Portugal é o principal responsable da mantenza do equilibrio e da biodiversidade dos seus bosques e non existen os problemas que hai en Galicia. Aquí en Galicia, ocorre todo o contrario. E en España os lobos da Serra Morena permanecen en perigo crítico, mentres que a poboación existente en Estremadura declarouse completamente extinta.

A caza e controis de poboación son as ferramentas básicas da “xestión” dos lobos en Galicia. En realidade, a caza e os controis de poboación son ferramentas moi similares, nos seus obxectivos, nas súas formulacións, nas súas consecuencias, e nas súas pretendidas xustificacións: o obxectivo é reducir a poboación, xa sexa mediante a colleita duns supostos excedentes da poboación (na caza, do harvest anglosaxón), ou mediante o control da mesma, porque de non facelo poderíase “descontrolar”.

Os controis de poboación de lobo só veñen a revelar o fracaso da xestión por parte da Xunta de Galicia, dos que se sabe que non valen absolutamente para nada a efectos de solucionar problemas de coexistencia.

Tampouco a Xunta de Galicia realiza campañas de divulgación e sensibilización sobre a importancia do lobo nos ecosistemas galegos, a pesar de aparecer a súa previsión no Plan de Xestión do Lobo.

Por outra banda está a actividade dos furtivos e todos os “outros males” que rodean o hábitat do lobo: talas, lumes….etc; e que ameazan a crianza e o mantemento do lobo. Sen esquecer a importante cuestión da crecente fragmentación do territorio, sobre todo na Costa da Morte.

O 23 de marzo deste ano morría Lilas, a loba de San Mamede de Seavia, en Coristanco, a mans dun furtivo. No seu momento explicaron desde Medio Ambiente que o disparo impactara entre as costelas e a zona do abdome, aínda que o animal presentaba xa marcas nas patas traseiras que poderían deberse a impactos de perdigóns anteriores no tempo. Lilas era unha superviviente. Xa fora obxectivo dos furtivos máis veces. O cadáver da loba fora trasladado ao Hospital Universitario Veterinario Rof Codina, situado en Lugo, para que se lle realizara unha necropsia. Así poderán determinar, por exemplo, o tipo de munición empregada ou a traxectoria da bala, para solicitar máis información na investigación da autoría. Fontes de Medio Ambiente aseguraron que o disparo fora realizado case con toda seguridade por un furtivo.

999.jpg
A morte de Lilas, a loba de San Mamede de Seavia, en Coristanco, causou unha gran alarma social. Cada ano medra o apoio social pola defensa e protección do Lobo

Como contrapartida, o apoio social ao Lobo medra cada ano. A morte de Lilas non foi en vano. As manifestacións que cada ano organiza Lobo Marley en Madrid son unha mostra disto. Outras organizacións como Emlobados busca apoios para que o Lobo regrese a Serra Morena. Equo, Ecoloxistas en Acción, WWF, a Alianza Europea para a Conservación do Lobo, co apoio de máis de 200 entidades sacan peito cada ano para mollarse pola defensa do Lobo ibérico.

Por outra banda, no Punto 12 do Plan galego de xestión do lobo referido aos aspectos poboacionais e biolóxicos establece que: “Realizaranse programas de seguimento periódicos da poboación do lobo en Galicia. A súa finalidade será obter información da distribución, aspectos poboacionais e, na medida do posible, taxas de natalidade e mortalidade e tamaño de grupo. O seguimento realizarase entre o mes de abril e outubro, prestando especial atención á tendencia poboacional e á evolución da conectividade das zonas onde a poboación corre risco de verse fragmentada (como é o caso da Costa da Morte), así como o estado poboacional nas zonas onde se apliquen plans de control da especie”.

En virtude do anterior, é preciso que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mude con urxencia a súa  política en torno a Lobo, e así cumpriría que:

1.- Se cumprira coa finalidade e cos obxectivos do Plan de xestión do Lobo, que principal e precisamente é a mantenza dunha poboación viable de lobos.

2.- Se habilitaran partidas para a prevención dos danos e que se incrementaran as establecidas para palialos, xa que as que destina arestora a Xunta son manifestamente insuficientes e os controis son inútiles para solucionar o conflito da coexistencia.

3.- Se activaran campañas de divulgación e sensibilización sobre a importancia do lobo no medio natural, algo previsto no Plan de Xestión do Lobo, pero que non se puxo en marcha.

4.- Se limitaran as actividades que provocaran perturbacións en polo menos 3,5 quilómetros aproximadamente do lugar de cría  e vixiar con eficacia e efectividade os lugares de cría contra o furtivismo.

5.- Se incrementara o control sobre dos furtivos e as matanzas ilegais de lobos.

6.- Se publicara a información obtida no último programa de seguimento periódico da poboación do lobo en Galicia así como o estado poboacional nas zonas onde se apliquen plans de control da especie.

E sobre todo…

7.- Cambiar a mirada. O lobo non é un problema, iso é o pasado. O lobo é un desafío e unha oportunidade tremenda de conservación de grandes espazos naturais e da riqueza magnífica de de toda Galicia. Cada vez o lobo conta con máis apoio social, aspecto que non debe ignorar nen minimizar a Xunta de Galicia.

6.jpg
A Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, responsable da xestión do Lobo en Galicia. Fonte: web Xunta de Galicia.
Galería

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves, no termo municipal de Ponteceso (A Coruña).

Os elementos que forman parte do lugar de valor etnolóxico son os identificados na planimetría e que corresponden coa mina, a fonte, o lavadoiro e a levada con canle de pedra de Canasteves. O contorno de protección esténdese á totalidade das parcelas catastrais nas que está localizado o conxunto e ás limítrofes coas estruturas orixinais que se conservan, así como os espazos vinculados e que se consideran necesarios para establecer as medidas de salvagarda da fonte, do lavadoiro, do camiño, da canle e do resto de elementos que o constitúen. Así pois, o contorno estará formado polas parcelas 90 e 100 do polígono 174 e as parcelas 105, 108 e 111 do polígono 8 de Ponteceso.

mapa_fmt.jpeg

Galería

Publícase o Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia

O Plan básico autonómico é un instrumento de planeamento urbanístico que ten por obxecto delimitar, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as afeccións derivadas da lexislación sectorial e identificar os asentamentos de poboación existentes; así mesmo, establece unha regulación de carácter xeral dos diferentes usos do solo e da edificación.

As determinacións que se conteñen no Plan básico autonómico son as seguintes:
a) Relación cos instrumentos de ordenación do territorio.
b) Determinación das afeccións derivadas das lexislacións sectoriais sobre o territorio.
c) Identificación dos asentamentos de poboación existentes.
d) Regulación dos usos do solo e da edificación.

O plan reflicte os ámbitos de afección que, sobre o territorio, establece a normativa sectorial de aplicación con incidencia no planeamento urbanístico. Porén, non clasifica nin categoriza o solo para os efectos urbanísticos.
Teñen a consideración de afeccións, aquelas que derivan da normativa sectorial en materia de augas, costas, espazos naturais, montes, portos, aeroportos, ferrocarrís, estradas, da política enerxética, das telecomunicacións, de conservación da natureza, da paisaxe, do patrimonio e de cantas poidan ter incidencia sobre o territorio, de conformidade co sinalado no artigo 92.1 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.

As afeccións sectoriais incluídas no Plan básico autonómico teñen carácter declarativo,
sen eficacia normativa, prevalecendo, en caso de discrepancia, o previsto na correspondente normativa sectorial, estatal ou autonómica, das que aquelas derivan.

A cartografía do Plan Básico deberá ser obxecto de oportuna actualización mediante a publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia con indicación dos cambios operados e cunha periodicidade mínima anual, en atención á natureza de documento dinámico da que participa o Plan básico autonómico.

2
Plan Básico autonómico. Fonte: web Xunta de Galicia

No que atinxe aos asentamentos de poboación, o Plan básico autonómico identifica os asentamentos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. O plan clasifica os diferentes asentamentos de poboación de acordo co sistema de asentamentos establecido nas directrices de ordenación do territorio de Galicia, diferenciando os asentamentos do sistema de grandes cidades, os do sistema urbano intermedio, os nodos para o equilibrio do territorio, os núcleos principais dos restantes concellos e parroquias rurais e outros asentamentos.

Esta identificación servirá de base para a delimitación e categorización dos núcleos rurais e dos terreos que sexan clasificados como solo urbano consolidado polos plans básicos municipais. Así mesmo, incorpora directamente a identificación dos asentamentos xa delimitados polos instrumentos de planeamento vixentes.

Finalmente, establece as disposicións xerais sobre os diferentes usos do solo e da edificación que resultan de aplicación común ás súas ordenanzas tipo particulares, que serán incorporadas nos plans básicos municipais en función das características propias de cada concello e das clases e categorías de solo. Así mesmo, estas ordenanzas tamén poderán ser utilizadas de xeito orientativo, como base ou referencia na elaboración dos plans xerais de ordenación municipal, cando se considere oportuno.

No que atinxe ao alcance das determinacións do Plan básico autonómico, este instrumento será de aplicación nos concellos que carezan de plan xeral de ordenación municipal e terá carácter complementario do planeamento municipal naqueles concellos que dispoñan del. En virtude deste carácter complementario, as determinacións do Plan básico autonómico serán de aplicación para suplir as posibles indeterminacións e lagoas do planeamento municipal vixente. Ademais, as ordenanzas tipo do plan poderán ser utilizadas como base ou referencia na elaboración dos plans xerais de ordenación municipal cando se considere oportuno.

O contido íntegro do Plan básico autonómico está dispoñible nas seguintes direccións electrónicas:

Descargas: http://mapas.xunta.gal/visores/descargas-pba/

Visor: http://mapas.xunta.gal/visores/pba/

3.jpg
Fonte: Xunta de Galicia
Galería

A primeira revisión do Plan forestal de Galicia ou o eufemismo do capitalismo verde (ou antieconomía)

Que ninguén se engane: o monte galego pasará a ser un enfermo comatoso mantido á forza de atención asistida. O monte galego avanza cara as inmensas prantacións mono-específicas que quebran co ciclo cerrado da materia orgánica, que favorecen ás grandes empresas e ao capitalismo neoliberal e empobrece ao propietario- produtor forestal.

A materia orgánica formada nas follas, nas pólas das árbores… cando morre e cae ao chan descomponse e forma nutriente natural (o humus) que é perfectamente asimilable polo sistema radicular e fotosintético da planta. De forma que a materia orgánica descomponse e recomponse constantemente segundo un ciclo pechado. O Capitalismo Verde é un eufemismo, pois ve á natureza como un stock de recursos extraíbles ilimitadamente, para ser explotados para propósitos humanos e iso á conta dunha profunda degradación de multitude de ecosistemas. A perda da biodiversidade e das funcións ambientais dos montes están en curso de extinción. Tamén é un eufemismo e unha actitude hipócrita pensar que coa economía verde se vaia a preservar a función hidrolóxica dos solos, senón todo o contrario.

1.jpg
Prantación de eucalipto

O 5 de xullo publicábase no DOG a ORDE do 28 de xuño de 2018, pola que se aproba inicialmente a primeira revisión do Plan forestal de Galicia e se abre o trámite de información pública.

Así ata o 5 de outubro e durante un prazo de 3 meses, contados desde a anterior publicación, sométese a información pública a primeira revisión do Plan forestal de Galicia aprobado inicialmente con todos os documentos que o integran, incluído o estudo ambien­tal estratéxico.

Segundo a Consellería de Medio rural a 1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia debe “proxectar un novo modelo de monte como escenario desexable que procure unha distribución adecuada do espazo forestal galego para garantir a súa sustentabilidade, entendida como a persistencia sostida do monte e dos valores e recursos forestais que alberga ao longo do tempo”.

O certo é que trátase dun documento confuso, con intencionalidade claro está, que no fondo busca incrementar a productividade das plantacións de piñeiros e eucaliptos no territorio galego e fomentar a agrupación de parcelas para que estas sexan máis grandes e así facilitar a súa explotación.

Sendo o anterior o obxectivo fundamental, sen embargo, fala de “conservación e desenvolvemento sustentable dos espazos e recursos forestais” para optimizar os múltiples bens e servizos, matizando os intereses económicos (en primeiro lugar), e despois os ambientais e sociais.

Faise especial fincapé no monte galego como monte produtor, deixando en segundo plano o monte protector e recreativo, e sobre todo a protección da biodiversidade e do medio ambiente:

  • “O monte galego é sobre todo un monte produtor”
  • “Convén resaltar que o monte produtor galego poboado con especies de crecemento rápido pódese considerar unha auténtica máquina de absorber carbono e almacenar enerxía”.
  • “Por tanto, o monte galego ademais dunha despensa de madeira e outros recursos forestais non madeireiros (pastos, caza, cortizas, resinas, cogomelos, castañas e outros froitos e plantas silvestres) é unha reserva de biodiversidade que alberga hábitats de flora e fauna silvestres e tamén un almacén de carbono e unha fonte de enerxía renovable (biomasa forestal) alternativa a combustibles fósiles, desempeñando un rol fundamental nun contexto actual de previsible cambio climático”.

 A incoherencia do documento é manifesta e palmaria, e por suposto, unha vez máis non encaixa en absoluto coa realidade do monte galego e co que debera ser. Como van a garantir as plantacións e os monocultivos forestais a biodiversidade? Onde queda o bosque primitivo galego?

E por enriba, fala de “economía verde”, de “economía circular e enerxías renovables” para rematar dicindo que O monte galego proporciona produtos verdes”. Está claro que a revisión do Plan forestal se fai pensando nas plantas de biomasa e nas celulosas.

Pero o problema non remata aquí. Por enriba, esta produción masiva de plantacións forestais e monocultivos para biomasa e celulosa, han de supor “unha marca de calidade rexistrada que garanta a súa calidade, responsabilidade e eficiencia; para iso, deberá promoverse o establecemento de selos de calidade para os produtos madeireiros e non madeireiros”.

Está a Xunta de Galicia a burlarse dos produtores forestais? Sin dúbida, sí. Que certificación e que calidade se precisa para queimar os produtos forestais ou para vendérllelos a Ence? Que pretenden con isto? Pois abaratar os prezos para os produtores, sobre todo aqueles que non teñan esa marca de calidade rexistrada ou a madeira certificada.

Pero o conto non acaba aquí: por enriba teñen a desfachatez de falar do sector forestal galego como “un sector estratéxico para Galicia”. Para Galicia ou para as plantas de biomasa, Ence e/ou similar?

E continúan a falar de que a revisión do plan forestal se realiza con un “enfoque estratéxico multifuncional, eficiente e de calidade”. Onde está o enfoque multifuncional?

Quen pensa que pode haber algunha multifuncionalidade no fomento das plantacións de piñeiros e eucaliptos, e en xeral dos monocultivos forestais?

O único obxectivo real desta revisión é incrementar a produción rápida e masiva de plantacións de piñeiro e eucalipto, incrementar a superficie das parcelas forestais para facilitar a extracción da madeira e abaratar os custos para os compradores de madeira deste país.

Logo enmascaran esta realidade falando de “economía verde de futuro”, para conseguir os seguintes obxectivos:

 Promocionar o desenvolvemento duna cultura forestal asociativa para optimizar a xestión e produtividade do monte galego e a comercialización de produtos forestais.

 Favorecer a mobilización de recursos forestais e posta en valor do monte galego, así como a concentración e dinamización da propiedade forestal.

 Incrementar a produción de produtos de calidade derivados da madeira e asegurar o abastecemento da industria forestal de Galicia.

Pero ademáis o documento é tan sumamente prexudicial para o propietario/ productor forestal que incluso se aproveitan del para que a madeira así producida, en réxime de monocultivo, leve un selo de xestión forestal sustentable, é dicir, que incluso a madeira que vaia para queimar ou para celulosa, non pode ser de calquer xeito, senón que ten que ser de calidade.

É tan terrible a estratexia da Xunta de Galicia para co produtor/propietario forestal que o panomara de futuro é aterrador: producir moito, rápido, con selo de xestión forestal e por enriba, “agrúpanse vostedes para quen compre a madeira non lle saia tan cara a súa extracción do monte”.

Para conseguir o anterior obxectivo, a Consellería de Medio rural establece o que lle chama “status de silvicultor activo”. Este status plasmaríase tanto nos propietarios individuais, como na propiedade colectiva ou agrupada (comunidades de montes, montes veciñais en man común, montes abertais, sociedades de propietarios forestais). Establecerase un rexistro oficial do silvicultor/a activo/a con inscrición de carácter voluntario.

O recoñecemento do silvicultor/a activo/a estará vinculado, polo menos, á existencia dun documento de xestión aprobado, implementado cun selo de xestión forestal sustentable segundo a lexislación forestal vixente.

Para o acceso do propietario forestal á inscrición no Rexistro oficial de silvicultor/a activo/a en montes e parcelas xestionadas de Galicia, deberá existir un compromiso asinado xunto coas ferramentas de xestión forestal sustentable necesarias que garantan a vinculación do mesmo con a xestión activa do terreo, isto implica a existencia dun instrumento de xestión e estar adherido a un sistema de certificación forestal sustentable.

O status de silvicultor/a activo/a facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas ao cumprimento dos instrumentos de planificación forestal (IPF), existindo o compromiso por escrito durante todo o período do Plan de Desenvolvemento Rural e disporá dun calendario prefixado de aplicación axustado ao plan silvícola da masa, para poder realizar as operacións forestais especificadas nos instrumentos de planificación forestal (IPF).

Ademais estudarase a creación dun escenario fiscal propicio para fomentar o desenvolvemento da actividade silvícola, procurando incentivos e beneficios preferentes mediante axudas, subvencións, exencións fiscais, microcréditos,….., para favorecer que os propietarios privados invistan nos seus montes para a súa posta en valor e produción.

As plantacións de eucaliptos considéranse, en xeral, unha ameaza ecolóxica de primeira orde, que deseca acuíferos, acidifica o chan, favorece os incendios forestais e albergan unha reducida complexidade florística asociada a unha baixa riqueza faunística. Estudos de avaliación realizados en plantacións monoespecíficas desta especie en Euskadi, Portugal ou Francia revelan impactos negativos sobre a avifauna, réptiles e invertebrados. Moitas especies de anfibios son forestais, dependentes de bosques en bo estado e dos medios acuáticos asociados. Estes animais teñen a dubidosa honra de ser o grupo de vertebrados máis ameazado do mundo.

En comparación coa vexetación autóctona, as plantacións forestais, especialmente as de coníferas, incrementan significativamente a transferencia de substancias acidificadoras do aire ao substrato, especialmente ao seu compoñente acuosa.

O Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente ditaminou por unanimidade que o eucalipto é unha planta invasora e recomenda, por tanto, a súa inclusión no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras, ademais de expor a súa erradicación: “Recoméndase extremar a precaución con novas introducións e plantacións, un seguimento local e levar a cabo medidas de erradicación antes de que se produza a invasión sempre que se observe naturalización de calquera especie de Eucalyptus no noso territorio”.

O Comité Científico considera que o eucalipto provoca o empobrecimiento da cadea trófica pola dificultade da descomposición das súas follas, que inhibe a incorporación de materia orgánica ao chan e a mineralización do nitróxeno, que altera as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiológicas do chan ou que diminúe o balance hídrico na terra. Tamén estima que as plantacións de eucalipto dificultan a xerminación e o crecemento doutras especies, que provocan a perda de biodiversidade tanto vexetal como animal, alimentando por iso o risco de instalación doutras invasoras. Ademais, di que son difíciles de erradicar porque o seu control supón un alto custo económico.

Este novo Plan forestal é a fin do pequeno propietario/ produtor de madeira, e con elo, a fin do rural vivo.

2.jpg
Carballeira

 

Galería

De novo a información pública o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Cabana de Bergantiños, tras a súa aprobación no Pleno do 31 de maio. Prazo de alegacións ata o 13 de agosto.

No DOG do 13 de xuño de 2018 recóllese o anuncio do concello de Cabana de Bergantiños, relativo á aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

“Aprobado inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal, por acordo do Pleno do 22 de marzo de 2018, de conformidade co artigo 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, someteuse a información pública polo prazo de dous meses contados desde o día seguinte da súa publicación no DOG núm. 74, do 17 de abril de 2018.

De acordo co solicitado pola Dirección Xeral de Urbanismo, unha vez engadidos expresamente os documentos «estudo ambiental estratéxico» e «resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico», apróbase inicialmente de novo o documento completo por acordo do Pleno do 31 de maio de 2018, volvendo, así, a someterse a información pública polo prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación deste anuncio.

Durante o devandito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais, para que se formulen as alegacións que se xulguen pertinentes ou obter copias. Así mesmo, estará á disposición na sede electrónica deste concello (https://sede.cabana.gal/es/).

Queda suspendido o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto do plan cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente.

As áreas afectadas pola suspensión son as que se determinan no informe e plano de suspensión de licenzas elaborados polo equipo redactor denominado «Ámbito de suspensión de licenzas».

Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos, contados desde a devandita aprobación inicial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento”.

Baralla.png

Galería

A vespa chinesa do castiñeiro: unha praga que xa afecta aos castiñeiros e soutos da comarca de Bergantiños e de toda Galicia.

No día de hoxe a asociación Petón do Lobo pedíalle á Consellería de Medio Rural que procedese á solta de Torymus sinensis, o parásito capaz de impedir o crecemento da praga da vesta do castiñeiro, que xa afecta a un bó número de castiñeiros e soutos na comarca de Bergantiños, ao igual que no resto de Galicia.

bugallos-castiñeiro.jpg
A vesta do castiñeiro

Dryocosmus kuriphilus é un insecto himenóptero, como as abellas e as avespas, orixinario de China, denominado avespa chinesa do castiñeiro (en italiano, vespa ciñese del castagno) ou tamén avespa das bugallas do castiñeiro (en portugués, vespa das galhas do castanheiro).

A avespa chinesa do castiñeiro é considerada a praga máis importante das principais especies de castiñeiro en todo o mundo, pois parasita o castiñeiro europeo (C. sativa), o castiñeiro americano (Castanea dentata), o castiñeiro xaponés (Castanea crenata), o castiñeiro chinés (Castanea mollissima) e os seus híbridos interespecíficos. Provoca perdas de entre o 50 e 100% da produción de castañas e debilita as poboacións e cultivos desta especie, que tanta importancia ten na paisaxe galega e na economía rural de moitas localidades do centro e da montaña oriental galega. A rapidez da súa difusión e o enorme impacto nas árbores fai necesaria a toma de medidas de protección por parte dos propietarios dos soutos e dos viveiristas que ven ameazadas as súas producións e as súas plantacións.

O control biolóxico mediante a solta de Torymus sinensis

Trátase da realización dun control biolóxico mediante T. sinensis, o único parasitoide (organismo que parasita outros impedíndolle que chegue á fase de multiplicación) de D. kuriphilus específico e monófago coñecido. O control biolóxico mediante T. sinensis é a única medida eficaz que permite manter as poboacións da avespa por baixo do limiar de danos.

En moitos países óptase por esta vía de control, descartando a loita química polos seus custos económicos, ambientais e a baixa efectividade e aplicabilidade. É a única vía de control eficaz nos soutos. A introducción dunha especie exótica leva consigo riscos para a biodiversidade e os hábitats presentes; neste caso os principais son a posibilidade de hibridación con outros Torymus autóctonos e o emprego doutros hospedeiros. A non introdución pode supoñer maiores riscos para a biodiversidade e para os hábitats, modificando a composición de especies ou a súa capacidade de carga.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Estación Fitopatolóxica de Areeiro, solicitou ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a importación do parasitoide Torymus sinensis para a realización de ensaios de loita biolóxica tanto en laboratorio como en campo. Trátase de obter uns resultados a partir dos cales o Ministerio poida valorar se é posible autorizar o uso e comercialización deste organismo como medio de control biolóxico.

Fonte: “Medidas contra a vespa chinesa do castiñeiro”, Xunta de Galicia. Ano 2015.

 

avespa_chinesa_1.jpg
Vespa do castiñeiro