Galería

Coñece o proxecto eólico A Ruña III, no municipio de Mazaricos e que afecta ao humidal Lagoa de Beba. Descarga o modelo de alegación e participa!

Coñece as características e os previsibles impactos ambientais do proxecto do parque eólico A Ruña III no municipio de Mazaricos (A Coruña). Pica no enlace e descarga o cadro -resumo:

Colabora e participa! Pica no enlace adxunto e descarga o modelo de alegacións ao proxecto do parque eólico A Ruña III. Só tes que cubrir a cabeceira do escrito cos teus datos persoais e asinar na última folla. Logo preséntao no Rexistro de calquer Administración pública. Tamén podes modificar o modelo.

Imaxes do proxecto eólico A Ruña III

Turbeiras, brañas, porcas preñas, mantas vellas… Coñecedes as nosas turbeiras?

Ademais dunha impresionante e exclusiva biodiversidade, calcúlase que unha hectárea de  turbeira pode almacenar entre 3 e 3,5 veces máis carbono que unha hectárea de bosque tropical, reducindo a emisión de gases de efecto invernadoiro e o quecemento global do planeta, polo que é fundamental a conservación destes sumidoiros e  acumuladores de carbono.

A estrutura pechada e esponxosa das  turbeiras actúa como importante regulador dos ciclos hidrolóxicos. A auga caída durante choivas intensas e copiosas almacénase dentro desta enorme esponxa, de forma que se suprimen e lamínan posibles picos de inundación augas abaixo, evitando procesos  erosivos e mesmo danos ás poboacións que se atopan nesa conca  hidrográfica.

Posteriormente, toda a auga retida pola  turbeira libérase paulatinamente, o que proporciona un caudal máis constante durante máis tempo e, por tanto, máis útil para o home e os ecosistemas. A retención de auga na estrutura  esponxosa dos  esfagnos proporciona auga a outras especies vexetais en épocas de escaseza de choivas. Esta particularidade fai que as  turbeiras alimenten ríos e regatos á vez que manteñen pastos máis frescos en épocas de verán ou seca, o que as fai indispensables para a biodiversidade e agricultura augas abaixo, e moi interesantes desde o punto de vista do aproveitamento gandeiro onde se atopan, a condición de que este sexa de forma extensiva, evitando a excesiva pisada da  turbeira.

Temos a obriga de protexelas!!!

Galería

O proxecto eólico Monte do Outeiro, en Agolada: rodeado de petróglifos e outros bens inventariados. Descarga o modelo de alegación e participa!

Coñece as características e os previsibles impactos ambientais do proxecto eólico Monte do Outeiro, rodeado de petróglifos e outros bens culturais inventariados, segundo os datos recollidos no seu documento de inicio. Pica no enlace e descarga o cadro -resumo.

Colabora e participa! Pica no enlace adxunto e descarga o modelo de alegación ao documento de inicio do proxecto eólico Monte do Outeiro. Só tes que cubrir a cabeceira do escrito cos teus datos persoais e asinar na última folla. Logo preséntao no Rexistro de calquer Administración pública. Tamén podes modificar o modelo.

Imaxes obtidas do documento de inicio do p.e. Monte do Outeiro
Hábitats protexidos afectados polo proxecto eólico: brezais secos europeos
Galería

Coñece o proxecto eólico Barjas do grupo Statkraft, que afecta aos Ancares -Courel, Ribeiras do Sil e Macizo Central ourensá

MOTIVOS DE REXEITAMENTO DO PROXECTO EÓLICO BARJAS E SOLICITUDE DA SÚA RETIRADA DEFINITIVA:

1.- Afección severa á Rede Natura.

  ZEC Ancares- Courel (COD. ES1120001)

  ZEC Ribeiras do Río Sil e afluentes (COD ES4130076)

  ZEC Macizo Central (COD. ES1130002)

2.- Afección severa á cauces e masas de auga (vulneración flagrante da Directiva Marco da Auga – DMA).

3.- Afección severa á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerrea.

4.- Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres.

“Artigo 2

1. A presente Directiva ten por obxecto contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros ao que se aplica o Tratado.

2. As medidas que se adopten en virtude da presente Directiva terán como finalidade o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario”.

“Artigo 6

1. Con respecto ás zonas especiais de conservación, os Estados membros fixarán as medidas de conservación necesarias que implicarán, no seu caso, adecuados plans de xestión, específicos aos lugares ou integrados noutros plans de desenvolvemento, e as apropiadas medidas regulamentarias, administrativas ou contractuais, que respondan as esixencias ecolóxicas dos tipos de hábitats naturais do Anexo I e das especies do Anexo II presentes nos lugares.

2. Os Estados membros adoptarán as medidas apropiadas para evitar, nas zonas especiais de conservación, a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats de especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivasen a designación das zonas, na medida en que ditas alteracións poidan ter un efecto apreciable no que respecta a os obxectivos da presente Directiva.

3. Calquera plan ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable aos citados lugares, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans e proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en cuenta os obxectivos de conservación do devandito lugar. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no lugar e supeditado ao disposto no apartado 4, as autoridades nacionais competentes só se declararán de acordo con devandito plan ou proxecto tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión e, se procede, tras sometelo a información pública”.

5.- Fragmentación artificiosa de infraestruturas correspondentes ao mesmo proxecto industrial. O proxecto debe ser retirado de xeito definitivo por:

A participación do público na toma de decisións en materia do medio ambiente, e en particular, na avaliación ambiental dos proxectos industriais está recollida no Convenio de Aarhus, no artigo 45 da Constitución española e na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).

Substraer da participación pública e por tanto da avaliación por parte desta de determinadas infraestruturas, polo mero feito de ser compartidas con outras empresas (por certo, filiais da mesma matriz, isto é o grupo Statkraft), é unha violación severa do espíritu de Aarhus e dos dereitos fundamentais inalienables do ser humano, xa que está a impedir e obstaculizar a avaliación global, sumativa e sinérxica dos impactos ambientais do conxunto das infraestruturas do proxecto industrial.

Indica a promotora en relación as infraestruturas compartidas: “Estas opcións están aínda en fase de análise, e a súa viabilidade dependerá de que se materialicen os diferentes proxectos involucrados”. Pois ben, non se pode supeditar a participación pública na avaliación ambiental da totalidade das infraestruturas do proxecto industrial a que se materialicen o resto dos proxectos industriais cos que comparte infraestruturas, xa que logo, non só se vulneran dereitos fundamentais senón que tamén se está a diminuir as garantías da avaliación ambiental.  

As infraestruturas de evacuación compartidas co Parque Eólico Prada, cuxo titular é a sociedade Desenvolvementos Renovables Gamma, S.L., pertencente tamén ao grupo  Statkraft e a conexión mediante infraestruturas de evacuación compartidas con instalacións doutros promotores eólicos na zona (subestación colectora a un 5 km da Subestación  Trives 220  kV, desde a cal conectarianse todas as instalacións mediante unha liña de 220  kV), deberan estar incluidas para a súa consulta pública e avaliación global no presente documento de inicio.

A actividade de produción de enerxía eléctrica non pode ser allea a formulacións ambientais de forma tal que a auga dos nosos ríos, a forza do vento ou a calor proveniente do sol, son fontes limpas e inesgotables de produción de enerxía eléctrica que por iso son fomentadas polos estamentos públicos. Precisamente para conseguir eses obxectivos, protexer o medio ambiente e garantir unha subministración eléctrica de calidade, entro outros mecanismos está a avaliación ambiental dos proxectos industriais, que non pode ser burlada mediante a división ou fragmentación articiosa destes para eludir a finalidade prevista na normativa que a regula.

Galería

Denuncian a fragmentación eólica fraudulenta dos parques eólicos Alto da Croa II e monte Tourado, para evitar a avaliación global dos impactos ambientais e abaratar custos ao compartir infraestruturas

  • O parque eólico Alto da Croa, o parque eólico Alto da Croa II e o parque eólico Tourado de Greenalia Wind Power nos municipios de Vimianzo e Dumbría: un único parque eólico
  • O parque éolico Alto da Croa e o parque eólico Tourado foron declarados de interese especial por Acordo do 6 de setembro de 2018 do Consello da Xunta de Galicia
  • O parque eólico Alto da Croa foi aprobado definitivamente no ano 2020 en base a unha Declaración de impacto ambiental desfasada e obsoleta formulada no ano 2010

As Declaracións de impacto ambiental tanto do proxecto eólico Alto da Croa II como do proxecto eólico Tourado admiten que a evacuación da enerxía producida no parque, efectuarase a través do seu centro de seccionamento (CS), que tamén será o punto de conexión para a evacuación da enerxía xerada noutros parques eólicos do citado promotor (PE Alto da Croa e Pe Monte Tourado). Desde o dito CS a enerxía será evacuada de maneira conxunta mediante unha liña en 30 kV soterrada (tamén incluída no proxecto do PE Alto da Croa II) ata a Subestación Colectora Regoelle 20 -66/220 kV, na que tamén confluirá a evacuación doutros parques eólicos e que forma parte dun expediente que conta con DIA formulada o 17/10/2018.

O centro de  seccionamiento é unha instalación eléctrica composta principalmente por unha serie de Celas e  aparamenta eléctrica de protección e corte. A súa función é a de unir a Rede eléctrica da compañía, coa instalación particular á que está a dar servizo.

Así mesmo, a DIA do p.e. Alto da Croa II  indica que escavaranse uns 4.416 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que conectará os aeroxeradores co centro de seccionamento/edificio de control. Neste cómputo intégranse 382 m de gabias que compartirá co PE Monte Tourado (pero que son considerados neste proxecto) e 1.094 m do cableado que discorrerá por gabias autorizadas no proxecto do PE Alto da Croa (cuxa restauración está considerada e avaliada no dito parque). Por outra banda, hai que engadir os 662 m de gabia para a liña de interconexión entre o CS e a Subestación Colectora Regoelle.

En canto ás gabias, escavaranse 3.861 m para o cableado de media tensión e de comunicacións que conectará os aeroxeradores co CS. Dos cales 1.518 m corresponden con gabias compartidas con outros parques eólicos; 382 m co PE Monte Tourado (incluídos no proxecto do PE Alto da Croa II) e 1.136 m co PE Alto da Croa (incluídos no proxecto do dito parque). Mantéñense os adicionais 662 m de gabia para a liña de interconexión entre o CS e a Subestación Colectora Regoelle.

Na Declaración de impacto ambiental do proxecto Alto da Croa II, o promotor Greenalia Wind Power responde ao Instituto de Estudos do Territorio mediante un escrito no que sinala que o informe do IET manifesta erróneamente que o aeroxenerador AE04 se situaría nunha localización na que non existen parques eólicos, polo que xeraría un importante impacto visual. Neste sentido, aclara que existe un parque eólico autorizado (PE Alto da Croa, con autorización administrativa mediante Resolución do 22.08.2013 e con aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal mediante Acordo do Consello da Xunta do 27.09.2013, e pertencente a unha sociedade vinculada tamén a Greenalia Power) que se atopa nas proximidades do dito aeroxenerador, engadindo ademais que o acceso á dita máquina faise aproveitando as infraestruturas do PE Alto da Croa. Así mesmo, xustifica a inviabilidade de recolocar o aeroxenerador AE04 na contorna das máquinas AE01, 02 e 03, primeiramente porque se incumpriría coas distancias de solapamento entre parques eólicas legalmente establecidas, e segundo, porque se podería causar interferencias no radar que Salvamento Marítimo ten nesa zona”.

Greenalia fichou á exconselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia Beatriz Mato, que deixou os seus cargos no Pp, antes de incorporarse como directora de Desenvolvemento Corporativo e responsable da nova Fundación Greenalia