Galería

A asociación Petón do Lobo intervirá o vindeiro mércores, día 20 de febreiro, no Parlamento europeo en Bruselas, para tratar a mala xestión dos fondos comunitarios por parte da Xunta de Galicia na extinción dos incendios forestais

En Galicia arde o monte e arde sempre. Verán e inverno. Arde a Rede Natura 2000 e por encima, a información que proporciona a Xunta de Galicia é sumamente escasa. Non existe transparencia nin información, no que respecta ás superficies queimadas e o diñeiro que se gasta na súa extinción. Extinción; que non rexeneración, das áreas queimadas. Boa parte da rexeración dos montes tras os incendios realízase polo eucalipto, que medra de xeito espontáneo e silvestre. Cun Plan forestal obsoleto, caduco, que non está actualizado e que parte dun diagnóstico da realidade que xa hai tempo que non é o diagnóstico actual; e a Comisión europea, segue achegando fondos nestas condicións para a extinción dos incendios en Galicia? Pensa a Comisión europea continuar aplicando (ou malgastando) fondos comunitarios a un goberno da Xunta de Galicia, que non fai nada para solucionar os problemas estruturais do monte e que centra todos os seus esforzos no “negocio” da súa extinción?

O modelo actual de explotación do monte é intensamente forestalista, que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido. Constátase tamén a escasa superficie ocupada polos montes de xestión pública, tan necesarios para frear o cambio climático e reducir o impacto dos lumes forestais. A pesar do Plano Forestal de 1992, 25 anos despois seguimos sen contar cun inventario de masas de frondosas autóctonas, ferramenta fundamental para poder planificar a súa conservación e xestión. O aproveitamento forestal intensivo con especies alóctonas, pirófilas e de crecemento rápido comporta a deterioración de servizos ecosistémicos que como a diversidade natural, a dispoñibilidade de auga, a fertilidade do chan, ou a calidade paisaxística, son importantes para a vida e o mantemento das actividades económicas da nosa sociedade. Este modelo forestal contribúe tamén a malgastar importantes cantidades de recursos públicos a través do PLADIGA -plano de loita contra o lume- que custa anualmente ao redor de 150 millóns de euros. Por tanto, urxe que o Parlamento europeo e a Comisión, insten o goberno da Xunta de Galicia a establecer sen demora, unha moratoria indefinida para as novas plantacións de especies do xénero Eucalyptus en todo o territorio galego. Prohibir o cultivo do Eucalyptus nitens. Prohibir as repoboacións con todas as especies do xénero Eucalyptus nos espazos integrantes da Rede galega de espazos protexidos. Incrementar a xestión pública dos montes e protexer os montes veciñais en man comúns. Mentres que non cambie a xestión dos montes en Galicia, a Comisión europea e a Unión europea son cómplices da destrución do monte galego. Non se pode seguir financiando e aplicando fondos á extinción dos incendios en Galicia, mentres que a Xunta de Galicia non cambie substancialmente a política forestal que está a executar actualmente e que é totalmente inviable. Por iso, rogamos á Comisión de peticións que continúe aberta esta Petición, en tanto que a Xunta de Galicia non se comprometa en serio e con garantías, a abordar as causas estruturais dos incendios e revise en profundidade os obxectivos do plan forestal da Xunta do ano 1992.

 

parlamento europeo bruselas
Parlamento europeo, Bruselas, sede das Comisións
Galería

Os incendios de inverno en Galicia. Criar pasto para as bestas e as vacas que se alimentan nos montes e nas serras

Por que arde o monte en inverno? Que interés ou intereses poden existir, para que lugares de alto valor ambiental como a Serra da Queixa ou os montes da Gudiña, rematen arrasados polo lume. Arde a Rede Natura 2000 e a información, tanto por parte da Xunta de Galicia como dos medios de comunicación, é escasa.

A parroquia de Penouta, en Viana do Bolo, as 161 hectáreas da Mezquita…, o incendio de 45 hectáreas en Cerdedo -Cotobade, Vilariño de Conso, A Gudiña….etc. Todos eles son incendios de inverno.

Serra da Queixa.jpg
Rede Natura, Serra da Queixa

Que hai detrás destes incendios?

Indagamos na parroquia de Caroi, en Cerdedo -Cotobade. Preguntamos á xente os motivos polos que ardía o monte e a resposta non puido ser máis clara:

“Mellor que arda agora, así (o monte) cría pasto para os animais na primavera. Se non o fai agora, despois será todo toxos e será maís difícil dar con eles”. “Fíxose sempre, non é nada novo”.

E non ven isto como algo malo. As fontes consultadas, todas elas do rural, véno como algo bó, natural…, tradicional, como algo que se fixo toda a vida.

Estamos na presencia de incendios instrumentais. O incendio rexeneraría o monte, eliminaría o matorral que o gandeiro despreza, as cinzas servirían de abono e ao final da primavera terían unha zona de pastos máis amplia.

1.jpg
Incendio de inverno na serra da Queixa

Pero que consecuencias ten isto para os ecosistemas?

1.- Perda da biodiversidade. A Rede Natura queda moi afectada.

2.- Os animais salvaxes quedan sen acubillo e pasto, no momento do inverno no que vai máis frío.

3.- Contamínanse os cursos fluviais e as augas polo arrastre das cinzas.

4.- Dánase o sustrato natural do terreo e hai unha perda importante del.

5.- Danos na paisaxe.

6.- Evidencia unha sobrecarga gandeira sobre do monte e un mal manexo do gando.

7.- Evidencia a falla estrutural de cultural ambiental.

8.- Evidencia o fracaso dunha política agrícola -gandeira da Xunta de Galicia e o desprecio da Consellería de Medio Ambiente, polo coidado da Rede Natura e a necesaria sensibilización ambiental con respecto a estes espazos.

02.jpg