Galería

Correctivo da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao xornal La Voz de Galicia, por xerar unha idea distorsionada e afastada da realidade, no tocante ás denuncias en materia de violencia de xénero

A Secretaría Xeral de Igualdade, órgano superior da Xunta de Galicia en materia de igualdade, aplica un correctivo ao xornal La Voz de Galicia, edición de Bergantiños, no que lle manifesta a súa preocupación polo tratamento dunha nova, xa que «os feitos descritos nela e as afirmacións efectuadas poden xerar unha idea distorsionada e afastada da realidade no tocante ás denuncias en materia de violencia de xénero, recordándolle ao xornal a necesidade, non só de respectar no tratamento da violencia de xénero a normativa existente, senón tamén de seguir todas as recomendacións e códigos de autorregulación do sector sobre esta materia así como na eliminación dos estereotipos de xénero e na promoción da igualdade entre mulleres e homes, coa responsabilidade e o compromiso que uns medios, cun gran poder de influencia na sociedade, deben ter».

O correctivo aplicado refírese a unha nova publicada na edición local de Carballo do xornal La Voz de Galicia desa mesma data, 22 de xaneiro de 2020. A nova, asinada por Antonio Longueira Vidal, comezaba coa seguinte cabeceira: «Denúncianme por acoso, estiven 21 horas detido e, por riba, intentan botarme da estrada». Un hombre de 46 años fue condenado con una multa y una orden de alejamiento «por un delito leve de vexacións».

Nesta noticia continúase a difundir a idea de que a vítima muller algo haberá feito e de que é mala persoa, e culpable de todo. É unha noticia que discrimina a vítima de violencia de xénero (vitimización secundaria). O agresor, polo que indica a noticia, xa foi condenado por sentencia firme. O foco hai que poñelo no agresor e non na vítima. O agresor trata de obter unha imaxe favorable do público, cando xa foi sentenciado, denigrando a vítima muller. O xornal non debería transmitir estas ideas estereotipadas nin transmitir imaxes e ideas contrarias á igualdade de xénero, nin dar unha visión distorsionada da violencia machista.

Non é a primeira vez que o xornal La Voz de Galicia sofre un correctivo da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Xa con anterioridade, o 13 de novembro de 2018 coñecíamos o artigo “Doctrina” de Cristóbal Ramírez, publicado ese mesmo día na edición da Voz de Galicia de Carballo.

O artigo cuestionaba a existencia da desigualdade de xénero e daba a entender que o seu tratamento como contido lectivo nas aulas efectuábase dun xeito propagandístico, empregando como material didáctico “panfletos” equiparables aos existentes durante o período franquista.

A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia entendeu que o tratamento da igualdade de xénero nos centros escolares descrito no artigo citado, parecía dificilmente compatible coa regulación vixente en materia de educación e en materia de igualdade, segundo a cal a igualdade de xénero está prevista como principio inspirador de todo o sistema educativo e como contido curricular para ESO e Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

No fondo deste tipo de noticias mal construidas maniféstase a pervivencia dos estereotipos machistas e do patriarcado, que pretenden terxiversar a realidade e mostrar unha faciana diferente do agresor. Unha especie de «lavado de cara» onde se pretende «normalizar» a conduta deste e facer máis vítima á vítima.

A interseccionalidade ou discriminación múltiple das mulleres

A interseccionalidade ou discriminación múltiple das mulleres tamén está latente neste tipo de condutas reprochables. É tarefa de todas e de todos denunciar este tipo de noticias pouco éticas que se xeran desde os medios de comunicación e que non axudan en nada a loitar contra a violencia machista.

Tratamento información Voz Galicia

Correctivo aplicado ao mesmo xornal en novembro do ano 2018 (ver enlace):

https://valfluvialdolouridocorcoesto.com/2018/11/25/la-voz-de-galicia-o-xornal-que-mais-dineiro-publico-recibe-da-xunta-de-galicia-apercibido-pola-secretaria-xeral-de-igualdade-pola-publicacion-dun-artigo-machista/

 

Galería

Vidas que constrúen Corcoesto. Mulleres que dialogan

Arranca o libro “Vidas que constrúen Corcoesto. Mulleres que dialogan”. Perfís biográficos e entrevistas a mulleres de Corcoesto ou vencelladas á parroquia nalgún momento das súas vidas. A evolución dunha parroquia ligada á evolución e crecemento personal e profesional das protagonistas. Unha viaxe pola historia e a actualidade a través dos diálogos coas e entre as súas protagonistas.

Un libro escrito polas propias protagonistas.

Editora: asociación ambiental e cultural Petón do Lobo

Feminismo e participación.jpg

Apoderamento e igualdade de oportunidades.jpg

MULLERES.jpg
«Vidas que constrúen Corcoesto. Mulleres que dialogan». 
Galería

Corcoesto apodera e rinde memoria, ás súas veciñas máis relevantes ao longo da historia

Nun acto que terá lugar o 9 de marzo ás 16 horas, no local social de Cures, a parroquia rendirá homenaxe ás súas mulleres. Haberá unha mesa redonda veciñal e a instalación dunha placa na súa memoria.

Entre as mulleres están:

  • Sara Andrade, a muller de Corcoesto, titiriteira e artista, detrás dun dos teatros Barrigas Verdes de primeiros do século XX.
  • Luisa de Lanzós, a muller que se enfrontou ao mosteiro de San Martiño de Santiago, para reivindicar o lugar de Cardezo como seu, na parroquia de Corcoesto.
  • Tres mulleres de Corcoesto que desafiaron o poder do clero a principios do século XX: Josefa, Dolores Martínez Calvo e Concepción Calvo Amoedo.
  • María do Vilar, gaitera de sona, no Corcoesto do ano 1767.
  • Luisa e Isabel Ramona, as irmás de Corcoesto que loitaron a finais do século XIX pola redención dos foros.
  • Rosa de Corcoesto: a muller que cautivou ao bardo Pondal, transgresora, emprendedora e feminista.
  • As fillas de Rosa: madriña Antonia.
  • Manuela Cotelo, a muller que naceu en Sevilla e decidiu vivir en Corcoesto, cos seus avós.
Mans de Xosefa Pérez, de 76 anos, nai, emigrante e gandeira. Mulleres que construíron País
Mans de Xosefa Pérez, de 76 anos, nai, emigrante e gandeira. Mulleres que construíron País

Cartaz

Galería

Corcoesto apodera e rinde memoria, ás súas veciñas máis relevantes ao longo da historia

Sara Andrade, a muller de Corcoesto, titiriteira e artista, detrás dun dos teatros Barrigas Verdes de primeiros do século XX

Sara foi unha muller que con dezaseis anos mudou o seu destino e o fixo dunha das maneiras máis radicais que se podían facer a primeiros do século XX. O seu futuro, ao igual que o das súas irmás, estaba vencellado á terra, a labranza, a casar e a criar fillos.

E así, sen saber moi ben como, Sara acabou titiriteira.

Aínda que cando se fala das funcións de Barriga Verde asócianse estas á familia Silvent, creadora da famosa marioneta, a verdade é que na primeira metade do século XX, as feiras de Galicia estaban cheas de barracas e títeres que representaban ou imitaban as historias deste personaxe, o Barriga Verde, moi popular, subversivo e que gañaba adeptos cada día precisamente pola burla encuberta ás autoridades nas historias que narraba.

Non se sabe cal foi o motivo polo que Sara rematou nunha barraca da feira, entre bambalinas. O certo é que un día uníuse ao mundo da farándula e visitaba con frecuencia a feira de Ponteceso, a onde de vez en cando acudía a familia a visitala. Así hai veciñanza que lembra que mentras os rapaces asistían as funcións, a familia reuníase con ela na barraca. Falaban de cousas da vida mentras cosía e amañaba as marionetas, creaba outras novas ou preparaba os relatos das funcións.

Aínda que titiriteira, vivía dunha maneira máis acomodada que os parentes da aldea. Casada e sen fillos pronto remataría en Montevideo. Continuaría no mundo do espectáculo. A súa pista perderíase nos Estados Unidos cando contaba con corenta e poucos anos.

Hai constancia documental na prensa da época sobre o pasado de Sara. Con quince anos fora vítima de acoso sexual mentras mantía o gando no monte. Tal vez este feito desencadeou as súas gañas de percorrer o mundo ou buscar unha vida diferente.

Luisa de Lanzós, a muller que se enfrontou ao mosteiro de San Martiño de Santiago, para reivindicar o lugar de Cardezo como seu, na parroquia de Corcoesto

Descendente de Afonso de Lanzós, cabaleiro fidalgo e líder da revolta irmandiña que finalmente foi detido. A súa viúva preiteou para a recuperación dos seus bens. Esas reivindicacións continuaron cos seus descendentes, entre elas a súa filla Ysauel (Isabel ou Luisa) e Inés.

Tres mulleres de Corcoesto que desafiaron o poder do clero a principios do século XX: Josefa, Dolores e Concepción

El Compostelano: diario independiente, o 11 de xaneiro de 1922 recollía na columna de detencións a seguinte información:

“Detenciones: Como presuntas autoras de pedreas contra la casa del párroco de Corcoesto (Cabana), don José Martínez Rubiño, detuvo la Guardia civil, poniéndolas a disposición del Juez de aquel distrito, a Josefa y Dolores Martínez Calvo y a Concepción Calvo Amoedo”.

Josefa, Dolores e Concepción eran tres veciñas de Corcoesto que trataron de defender o seu patrimonio e as súas terrras, ameazadas polo párroco, que aspiraba á propiedade dos bens que de forma lexítima lles correspondía ás tres mulleres.

Nunha época na que a muller non tiña voz, a represión e os abusos sobre elas dos que sí tiñan poder, manifestábase de moitas formas. Na meirande parte dos casos a única forma de defensa das mulleres era dar a voz de alarma e realizar actos, que aínda que non moi éticos, sí chamaban a atención pública sobre as inxustizas que estaban a padecer.

O párroco aspiraba ás terras que lexítimamente lles pertencían ás tres veciñas, mais estas non dubidaron de chamar a atención do público sobre o seu problema.

Foron xulgadas por undelito de anarquismo, moi habitual naquela época, pero absoltas en apelación ante a Real Audiencia, ao demostrarse a lexítima defensa coa que actuaban, fronte as ansias de poder da curia.

María do Vilar, gaitera de sona, no Corcoesto do ano 1767

María do Vilar foi gaiteira de sona. Aprendiz dun gaitero de Soandres, oficio que lle reportaba uns 125 reais. Cando non había festa traballaba na acea de Alonso de Lema, nun muíño fariñeiro de auga situado no cauce do río Anllóns.

Sen embargo, María do Vilar cando viña ás romarías de Corcoesto cobraba en especie: fabas, patacas, centeo,…

18.jpg
Porque invertir na crianza dunha muller é invertir en todo o futuro dun país

Luisa e Isabel Ramona, as irmás de Corcoesto que loitaron a finais do século XIX pola redención dos foros

Luisa e Isabel Ramona Soutullo Lema foron dúas irmás labregas que viviron na parroquia de Corcoesto a finais do século XIX.

Corría o ano 1866 e as irmás tiñan que pagar o importe das rendas forais, que alcanzaban a 19 ferrados de trigo da renda vencida o mes de agosto, a Ramón Caamaño Romero e ao seu pai Francisco Caamaño Corral, ambos os dous de San Tirso de Cospindo, no municipio de Ponteceso. Esa renda foral era a estipulada nos documentos asinados entre as partes polos bens rústicos e urbanos sitos en Corcoesto, libre de toda clase de pensións e contribucións, posta e paga na casa do Caamaño quen presentara unha demanda no xulgado do  distrito baixo a condición de desafiuzamento de todos os seus bens.

As rendas forais figuraban nun contrato asinado polo cónxuxe de Luisa, Ignacio Fernández Vázquez, que era labrador pero que marchara a Montevideo, seguindo a masiva emigración americana que se producía por aquelas datas. Ao frente das terras estaban as dúas irmás.

Pero o obxectivo das irmás non era o pago da renda senón a redención definitiva do contrato de foro e acceder á propiedade das terras que cultivaban. Conseguiron o seu obxectivo mais non de xeito fácil. Para elo tiveron que manter as terras que cultivaban a pesar das demandas xudiciais dos foristas e ata a redención definitiva do contrato foral que os unía. Os bens aforados debían retornar, co seu correspondente dominio, ó titular do directo que, en todo caso, debía pagar as melloras ou perfeitos que o dominio útil ou foreiro fixera. E neste aspecto baseábanse as irmás para facer perdurar o foro ata o momento propicio para a súa redención definitiva.

Rosa de Corcoesto: a muller que cautivou ao bardo Pondal, transgresora, emprendedora e feminista

Era unha rapaza fermosa, ou polo menos Pondal así a describe, pero moi pobre. Chegou a ter dúas fillas de solteira, o cal era un estigma naquela época para unha muller. O pai das fillas era un home rico e casado, dun lugar próximo á Regueira, e dono da casa onde vivía Rosa.

O feito de que tivese dúas fillas sen estar casada, xa era motivo de marxinación para unha muller. De feito Pondal así a trata ao referirse: “se tan doce e dadivosa, / como din que es, é certo;”.

Rosa era unha muller pobre, pero transgresora e loitadora. Tivo dúas fillas co home que ela quixo, sen casar. Rosa era unha boa coñecedora das herbas e dos seus poderes curativos e sanadores. Exercía labores de curandeira e chegou a rexentar un pequeno balneario á beira da Regueira. Alí aproveitaba as augas ferruxinosas do rego de Sta. Margarida de Baneira, especialmente eficaces para paliar estados carenciais e doenzas hepáticas. Pero tamén había á beira da casa na que vivía, unha fonte de augas sulfurosas para doenzas reumáticas moi típicas na época, onde as persoas adiñeiradas como Pondal ían tomar baños de asento. Chegou a rexentar incluso unha pequena taberna. Rosa era en definitiva unha transgresora, unha muller feminista e emprendedora.

As fillas de Rosa. Madriña Antonia

Rosa tivo dúas fillas a quen lles pagou o billete para embarcar para as Américas. Consideraba que no país non había futuro para elas. Unha delas, Isabel finou ao pouco de chegar a Veracruz, México, procedente da Habana. A outra, Antonia, tomaría os hábitos para entrar de monxa nun convento. Mais Antonia regresou ao cabo dos anos para coidar a súa nai enferma antes de morrer. Ao finar Rosa, a súa filla Antonia abandonaría a casa da Regueira para vivir nun local anexo á igrexa parroquial de Corcoesto, e desenvolver na parroquia a súa labor de axuda aos pobres e coidar o camposanto.

As avoas aínda lembran as ringleiras de rosais que adornaban a entrada á igrexa cando eran nenas. Madriña Antonia, como lle chamaba a veciñanza de Corcoesto, vivía da caridade da xente pero a súa bondade e dedicación aos pobres permaneceu na memoria colectiva. Obra súa son os dous camelios senlleiros que adornan hoxe en día a fachada barroca da igrexa de San Pedro de Corcoesto.

Manuela Cotelo, a muller que naceu en Sevilla e decidiu vivir en Corcoesto, cos seus avós

Na casa nº 6 da praza do Castelo, en Sevilla capital da provincia, nacía o día 20 de setembro de 1877, Manuela. Manuela era filla de Francisca Cotelo, solteira, natural de Corcoesto (bautizada o día 3 de outubro). Francisca trasladárase a Sevilla, acompañando ao seu irmán Manuel Cotelo Caamaño, posiblemente vencellado á igresa por razón do seu traballo.

O párroco Martín León, con licencia do Doutor Francisco Manuel Reina, cura propio das parroquias unidas de San Xoán Bautista, Vulgo da Palma e do Apóstolo San Pedro de Sevilla, bautizaba así a unha nena que anos despois viviría en Corcoesto.

Os avós maternos foron Vicente Cotelo e María Caamaño. Os padriños, Manuel Ramos e Josefa Ramos, aos que o párroco lles advertiu do parentesco espiritual e demáis obrigas que contraían co solemne acto do bautizo, do que foran testemuñas. E así consta na partida no libro corrente de bautismos da parroquia de Xoán Bautista de Sevilla, o tres de outubro de 1877.

Con tres ou catro anos Manuela trasladaríase a Corcoesto, para vivir cos avós maternos no lugar de Cures.

O 14 de xullo de 1906 casa con Ángel Vázquez Recouso, natural de Mesía. Ángel era un traballador das minas de Corcoesto, que atraído pola industria do ouro traballaría para os ingleses co seu irmá Pedro. Pedro Vázquez Recouso morrería ao pouco tempo, nun accidente laboral nas minas de Corcoesto, deixando a unha viúva, Teresa Méndez (alcumada “A Carrala”).

Pouco despois, tras a fallida industria mineira de Corcoesto, Ángel queda sin traballo e decide emigrar a América. O seu obxectivo é moi claro: non voltar nunca máis a Galicia, porque aquí o único oficio que lle esperaba era “cavar terróns”.

A pesar de que Ángel intentou unha e outra vez que Manuela o acompañase, esta decidiu quedarse e apostar por un futuro en Corcoesto, para ela e o seu fillo, José Vázquez Cotelo.

Manuela fixo unha aposta valente e fíxose cargo da vida: labradora, produtora de madeira, familia monoparental….Todo un exemplo das moitas mulleres de Galicia, que loitaron por sacar adiante as súas familias en tempos difíciles.

963
Apoderar as mulleres é propio de sociedades avanzadas, respetuosas cos dereitos humanos
100
Non se pode entender o presente, sen ter en conta o esforzo histórico, das mulleres dun país

 

Galería

Por que hai non hai «case» mulleres traballando na execución das obras públicas das Administracións? Concellos da comarca de Bergantiños «incumprirían» a igualdade de xénero nos proxectos de obras e servizos, obxecto de contratación pública

  • Os proxectos das obras e servizos, aprobados polos órganos de contratación (alcaldías ou mesas de contratación), non presentan os custos salariais desagregados por xénero, feito que incumple a lei de contratos e a lei de igualdade de xénero
  • Os concellos obxecto de estudo, por parte da asociación ambiental e cultural Petón do Lobo e a asociación feminista Lobas Lilas e Spitfire, son o de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe e Malpica. Cabana, municipio no que tivo lugar un crime machista no ano 2018, destaca polo elevado número de obras nas que non se ten en conta a desagregación de xénero á hora de elaborar os custos da man de obra
  • Millóns de euros de obras públicas, procedentes dos Plans provinciais de obras e de servicios (POS) da Deputación da Coruña e do Agader da Xunta de Galicia, en proxectos que non cumpren coa lei de contratos nin coa igualdade de xénero

A Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, no seu artigo 100, referido ao orzamento base de licitación das obras públicas das Administracións establece que:

“1. Para os efectos desta Lei, por orzamento base de licitación entenderase o límite máximo de gasto que en virtude do contrato pode comprometer o órgano de contratación, incluído o Imposto sobre o Valor Engadido, salvo disposición en contrario. 2. No momento de elaboralo, os órganos de contratación coidarán de que o orzamento base de licitación sexa adecuado aos prezos do mercado. Para ese efecto, o orzamento base de licitación desagregarase indicando no prego de cláusulas administrativas particulares ou documento regulador da licitación os custos directos e indirectos e outros eventuais gastos calculados para a súa determinación. Nos contratos en que o custo dos salarios das persoas empregadas para a súa execución formen parte do prezo total do contrato, o orzamento base de licitación indicará de forma desagregada e con desagregación de xénero e categoría profesional os custos salariais estimados a partir do convenio laboral de referencia”.

2.png
Custos salariais de man de obra, dunha obra pública municipal xa adxudicada, sen estar desagregados por sexo.

A meirande parte da financiación das obras obxecto de licitación pública procede da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Cómpre lembrar que o Plan Único da Deputación da Coruña para o ano 2019 repartiría 61,5 millóns de euros, o que supón unhas 800 obras nos 92 concellos da provincia.

(Véxase ao respecto o enlace: https://www.dacoruna.gal/plans-concellos#POS%2B+2018, onde figura o reparto dos fondos entre os distintos concellos da provincia da Coruña).

3.png
Custos salariais de man de obra, dunha obra pública municipal xa adxudicada, sen estar desagregados por sexo.

Nos proxectos que figuran na Plataforma de Contratos das Administracións públicas e nos que o sistema de prezos se basea no orzamento base de licitación, os custos da man de obra non aparecen desagregados por sexo, polo que se invisibiliza ás mulleres nos proxectos das obras públicas. Non se trata só de evitar a discriminación salarial, senón que as mulleres, que non figuran expresamente no cálculo dos custos salariais da man de obra dos contratos, sí aparezan en igualdade de condicións que os homes.

Só se fai referencia a un dos sexos: “peóns” “encofradores”, “conductor”, “solador”, “fontaneiro”, “rehabilitador”…etc. As mulleres non existen nos orzamentos das obras públicas. Non se pensa nas mulleres á hora da aplicación práctica e da execución das obras financiadas con diñeiro público. De aí que tamén as empresas adxudicatarias, non teñan nos seus planteis a moitas mulleres adicadas á execución das obras, e o seu número apenas sexa visible.

A asociación ambiental Petón do Lobo e a asociación feminista Lobas Lilas e Spitfire, instan á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña, a esixir a revisión polo miúdo de todos e cada un dos proxectos de obras e servizos, que financiados públicamente, non conteñan os custos salariais desagregados por xénero.

Asimesmo urxen á Secretaría Xeral de Igualdade, a requerir formalmente e a sancionar aos concellos que dunha maneira ou doutra, incumpren de xeito reiterado coa normativa de xénero.

Lembran tamén que no concello de Cabana de Bergantiños tivo lugar no ano 2018 un cruel crime machista que acabou tristemente coa vida dunha muller, Ana Belén Varela, e que aínda hoxe en día, non existe un Centro de Información á Muller como debera existir. Xa só polo anterior, este concello debera predicar co exemplo e non incumprir a Lei de igualdade nos expedientes de contratación das obras públicas.

5.png
Custos salariais de man de obra, dunha obra pública municipal xa adxudicada, sen estar desagregados por sexo.

Por exemplo, a continuación amósase unha obra con un orzamento base de licitación de 301.568,76 euros “Construción de senda peatonal na AC-429, tramo de Áspera –Picón (Cesullas)”, no concello de Cabana de Bergantiños, onde se produciu o crime machista de Ana Belén Varela no ano 2018. No proxecto non aparecen os custos salariais desagregados por sexo, a pesar da importancia económica da obra. Noutros concellos limítrofes existen exemplos similares.

1.png

 

999
Non á violencia institucional