O borrador da Estratexia para a Conservación e Xestión do Lobo propón a súa inclusión na listaxe de Protección Especial. Con todo, no seu texto hai un parágrafo que preocupa moito. O borrador de estratexia expón o seguimento dos grupos de lobo e propón directrices comúns de xestión para cando se observe un incremento notable no número de especímenes nunha determinada contorna que poida xerar tensións. Xestión sempre no contexto do equilibrio ecolóxico. Ademais, contempla a posta en marcha de liñas de axudas naqueles casos debidamente xustificados.
Pois ben, non é todo adecuado para a nosa Comunidade Autónoma. Os sindicatos agrarios, os gandeiros e a prensa adoitan crear bastante presión para que a Xunta de Galicia acabe autorizando batidas e sen criterio científico algún. Por tanto, requerimos a protección íntegra do lobo en Galicia, eliminando toda posibilidade de xestión dunha especie que se autorregula por si mesma. Se houbese lobo en Galicia, non existiría o desequilibrio ecolóxico actual que hai nos montes galegos.
Polo tanto, solicítase:
1.-Protección integral para o Lobo na Comunidade autónoma de Galicia, non só para esta especie senón que a protección ten que estenderse aos ecosistemas que este habita, ao seu hábitat. Por exemplo, o proxecto eólico Coto dás Airas, na Serra do Suído, fragmenta o territorio endémico desta especie, e non parece importar este feito ao órgano ambiental competente da Xunta de Galicia. Por tanto, solicitamos a protección integral non só do Lobo senón tamén dos ecosistemas que habita esta especie, impedindo a súa fragmentación e a perda da biodiversidade asociada.
2.- A prohibición absoluta da xestión do Lobo en Galicia, posto que o Lobo, é unha especie que se autorregula. Téñase por tanto en conta neste aspecto os criterios científicos. Se o Lobo non é unha especie cinexética, a súa xestión é incompatible coa súa conservación e restablecemento da especie.
3.- Hai que ter en conta que en Galicia non existe un Plan actualizado da xestión do Lobo, xa que o que hai está caduco e obsoleto, por tanto non hai tampouco datos exactos sobre o censo da especie.
Os lobos, ao carecer de predadores, contan con medios biolóxicos e etolóxicos para autorregular a súa poboación, que, por tanto, nunca experimenta explosións demográficas. Os lobos son TERRITORIAIS, e os lobos que nun territorio alleo no que non estean abertos a aceptar elementos novos, serán eliminados. O 70% dos lobos que morren por causas naturais o son por esta causa.
Por iso hai que seguir sempre os criterios científicos e garantir a protección íntegra do Lobo, non permitindo a súa xestión en Galicia.
Según o Decreto 297/2008, de 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia, a finalidade do Plan é garantir a viabilidade desta especie no noso territorio, mantendo unha poboación estable do lobo en Galicia e ao mesmo tempo compatibilizar a súa existencia coa da gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias, adoptando medidas preventivas e establecendo liñas de axudas para paliar os danos causados por esta especie, así como poñer en valor a existencia do lobo e convertela nun elemento que fomente o desenvolvemento rural e turístico das zonas onde se atopa presente esta especie.
O Punto 5 da citada norma indica que o Plan de xestión do lobo en Galicia persegue os seguintes obxectivos:
“a) Establecer as medidas e actuacións que permitan manter unha poboación viable de lobos dentro dun marco de coexistencia co mundo rural e compatible coas actividades agropecuarias, que contribúan á conservación da poboación ibérica. b) Manter unha poboación estable e continua de lobos, similar á actual, independentemente das fluctuaciones naturais que poden producirse a curto prazo, e desenvolver os mecanismos para o seu seguimento e estudo. c) Minimizar a conflitividade xerada polos danos que ocasionan os lobos sobre a cabana gandeira mediante incentivos económicos e asesoramento técnico adecuado para a aplicación de métodos de prevención de danos. d) Establecer propostas e fomentar actuacións nas que se recoñeza ao lobo como un recurso económico que pode mellorar as condicións socioeconómicas das poboacións locais, tales como actividades turísticas e a recuperación do patrimonio cultural. e) Desenvolver programas e actuacións ao obxecto de aumentar o coñecemento e a tolerancia dos distintos sectores da sociedade cara ao lobo. f) Establecer un sistema de participación social no que todos os sectores relacionados directamente coa xestión do lobo asuman a súa corresponsabilidade na xestión e conservación da especie”.
Polo tanto, varias asociacións da Costa da Morte, solicitamos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e en particular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que se cumpra coa finalidade e cos obxectivos deste Plan, que principal e precisamente é a mantenza dunha poboación viable de lobos.
O lobo, o depredador natural do xabarín e de outras especies, e que evitaría a súa multiplicación desordenada, é unha especie cinexética en Galicia. Cada ano morren lobos de xeito ilegal en Galicia, é dicir, sen a correspondente autorización ou control da Consellería. O lobo ibérico ten o estatus de En Perigo (EN) en Portugal. O lobo goza de protección completa en Portugal, sendo unha especie non cinexética en todo o país. O lobo en Portugal é o principal responsable da mantenza do equilibrio e da biodiversidade dos seus bosques e non existen os problemas que hai en Galicia. Aquí en Galicia, ocorre todo o contrario. E en España os lobos da Serra Morena permanecen en perigo crítico, mentres que a poboación existente en Estremadura declarouse completamente extinta.
A caza e controis de poboación son as ferramentas básicas da “xestión” dos lobos en Galicia. En realidade, a caza e os controis de poboación son ferramentas moi similares, nos seus obxectivos, nas súas formulacións, nas súas consecuencias, e nas súas pretendidas xustificacións: o obxectivo é reducir a poboación, xa sexa mediante a colleita duns supostos excedentes da poboación (na caza, do harvest anglosaxón), ou mediante o control da mesma, porque de non facelo poderíase “descontrolar”.
Os controis de poboación de lobo só veñen a revelar o fracaso da xestión por parte da Xunta de Galicia, dos que se sabe que non valen absolutamente para nada a efectos de solucionar problemas de coexistencia.
Tampouco a Xunta de Galicia realiza campañas de divulgación e sensibilización sobre a importancia do lobo nos ecosistemas galegos, a pesar de aparecer a súa previsión no Plan de Xestión do Lobo.
Por outra banda está a actividade dos furtivos e todos os «outros males» que rodean o hábitat do lobo: talas, lumes….etc; e que ameazan a crianza e o mantemento do lobo. Sen esquecer a importante cuestión da crecente fragmentación do territorio, sobre todo na Costa da Morte.
O 23 de marzo deste ano morría Lilas, a loba de San Mamede de Seavia, en Coristanco, a mans dun furtivo. No seu momento explicaron desde Medio Ambiente que o disparo impactara entre as costelas e a zona do abdome, aínda que o animal presentaba xa marcas nas patas traseiras que poderían deberse a impactos de perdigóns anteriores no tempo. Lilas era unha superviviente. Xa fora obxectivo dos furtivos máis veces. O cadáver da loba fora trasladado ao Hospital Universitario Veterinario Rof Codina, situado en Lugo, para que se lle realizara unha necropsia. Así poderán determinar, por exemplo, o tipo de munición empregada ou a traxectoria da bala, para solicitar máis información na investigación da autoría. Fontes de Medio Ambiente aseguraron que o disparo fora realizado case con toda seguridade por un furtivo.
A morte de Lilas, a loba de San Mamede de Seavia, en Coristanco, causou unha gran alarma social. Cada ano medra o apoio social pola defensa e protección do Lobo
Como contrapartida, o apoio social ao Lobo medra cada ano. A morte de Lilas non foi en vano. As manifestacións que cada ano organiza Lobo Marley en Madrid son unha mostra disto. Outras organizacións como Emlobados busca apoios para que o Lobo regrese a Serra Morena. Equo, Ecoloxistas en Acción, WWF, a Alianza Europea para a Conservación do Lobo, co apoio de máis de 200 entidades sacan peito cada ano para mollarse pola defensa do Lobo ibérico.
Por outra banda, no Punto 12 do Plan galego de xestión do lobo referido aos aspectos poboacionais e biolóxicos establece que: “Realizaranse programas de seguimento periódicos da poboación do lobo en Galicia. A súa finalidade será obter información da distribución, aspectos poboacionais e, na medida do posible, taxas de natalidade e mortalidade e tamaño de grupo. O seguimento realizarase entre o mes de abril e outubro, prestando especial atención á tendencia poboacional e á evolución da conectividade das zonas onde a poboación corre risco de verse fragmentada (como é o caso da Costa da Morte), así como o estado poboacional nas zonas onde se apliquen plans de control da especie”.
En virtude do anterior, é preciso que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mude con urxencia a súa política en torno a Lobo, e así cumpriría que:
1.- Se cumprira coa finalidade e cos obxectivos do Plan de xestión do Lobo, que principal e precisamente é a mantenza dunha poboación viable de lobos.
2.- Se habilitaran partidas para a prevención dos danos e que se incrementaran as establecidas para palialos, xa que as que destina arestora a Xunta son manifestamente insuficientes e os controis son inútiles para solucionar o conflito da coexistencia.
3.- Se activaran campañas de divulgación e sensibilización sobre a importancia do lobo no medio natural, algo previsto no Plan de Xestión do Lobo, pero que non se puxo en marcha.
4.- Se limitaran as actividades que provocaran perturbacións en polo menos 3,5 quilómetros aproximadamente do lugar de cría e vixiar con eficacia e efectividade os lugares de cría contra o furtivismo.
5.- Se incrementara o control sobre dos furtivos e as matanzas ilegais de lobos.
6.- Se publicara a información obtida no último programa de seguimento periódico da poboación do lobo en Galicia así como o estado poboacional nas zonas onde se apliquen plans de control da especie.
E sobre todo…
7.- Cambiar a mirada.O lobo non é un problema, iso é o pasado. O lobo é un desafío e unha oportunidade tremenda de conservación de grandes espazos naturais e da riqueza magnífica de de toda Galicia. Cada vez o lobo conta con máis apoio social, aspecto que non debe ignorar nen minimizar a Xunta de Galicia.
A Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, responsable da xestión do Lobo en Galicia. Fonte: web Xunta de Galicia.