“Vai polo monte o camiño”.
- Corredoira no lugar de Montefurado. O camiño de Novoneyra é un camiño arriscado, solitario, na busca da ansiada liberdade. As voltas que dan os camiños da vida desconcertan ao poeta. Non acerta a descubrir o curso da súa existencia. Hai sen embargo, un atisbo de esperanza.
Vai polo monte o camiño
outeando como un louco
polos caborcos do val
i as poxas do taramouco.
Cruza solo a serra toda
sin levar outra compaña
que a gran presencia do ceo
sobre o silencio da braña.
Eu non sein pra onde vai
méntral’ o quedo mirando.
Sólo sein que eilí se compre
o soño que estoun soñando…
Novoneyra, Uxío (1981) Os Eidos. Libro do Courel (Vigo: Edicións Xerais de Galicia).

“Camiñante Non Hai Camiño”.
Todo pasa e todo queda,
pero o noso é pasar,
pasar facendo camiños,
camiños sobre o mar. (…)
Camiñante, son as túas pegadas
o camiño e nada máis;
camiñante, non hai camiño,
faise camiño ao andar.
Ao andar faise camiño
e ao volver a vista atrás
vese a senda que nunca
se ha de volver pisar.
Camiñante non hai camiño
senón ronseis na mar…(…)
Hai algún tempo nese lugar
onde hoxe os bosques se visten de espiños
oíuse a voz dun poeta gritar
“Camiñante non hai camiño,
faise camiño ao andar…”(…)
Cando o xílgaro non pode cantar.
Cando o poeta é un peregrino,
cando de nada nos serve rezar.
“Camiñante non hai camiño,
faise camiño ao andar…”
Golpe a golpe, verso a verso.
Antonio Machado.
“Dende aquí vexo un camiño”.

Dende aquí vexo un camiño
que non sei adónde vai;
polo mismo que n’o sei,
quixera o poder andar.
Istreitiño sarpentea
antre prados e nabals,
i anda ó feito, aquí escondido,
relumbrando máis alá.
Mais sempre, sempre tentándome
co seu lindo crarear,
que eu penso, non sei por qué,
nas vilas que correrá,
nos carballos que o sombrean,
nas fontes que o regarán.
Camiño, camiño branco,
non sei para dónde vas;
mais cada vez que te vexo,
quixera poderte andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para o Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues a San Cidrán,
xa, en fin, te perdas… ¿quén sabe
en dónde?, ¡qué máis me dá!
Que ojallá en ti me perdera
pra nunc amáis me atopar…
Mais ti vas indo, vas indo,
sempre para donde vas,
i eu quedo encravada en onde
arraigo ten o meu mal.
Nin fuxo, non, que anque fuxa
dun lugar a outro lugar,
de min mesma, naide, naide,
naide me libertará.
Rosalía de Castro.