Galería

Unha andaina por Corcoesto chea de historia

Con Manuel Vázquez como guía comezaba a andaina por Corcoesto. Unha manchea de historia, cultura, memoria e patrimonio que disfrutamos da man dun dos mellores contadores de historias que hai en Corcoesto.

Desde os olmos do igrexario que sinalaban o camiño ás ánimas ata a segunda Revolta Irmandiña, a Inquisición, Eiravedra, Cures, Cortiño, Millán, as milleiras de Maceira e Xabarido.

A visita ao antigo cemiterio civil de Cortiño, agora totalmente restaurado gracias ás persoas voluntarias, foi unha experiencia única que nos trasladou aos anos 30 do século pasado.

A lembranza de lugares con microtopónimos imaxinarios como Paraíso no lugar Grande, Natoales ou o detalle mozárabe dunha das casas máis antigas do lugar, trasladounos á épocas pasadas nun exercicio de memoria chea de orgullo e singularidade.

Rematamos en Xabarido onde o río Anllóns. Unha experiencia única que aconsellamos repetir e convidamos a tod@s a vivila connosco!

Galería

A cultura do territorio que promociona a Xunta de Galicia: explosionar unha serra de alta calidade paisaxística para a instalación de tres eólicos. Que fai o Instituto de Estudos do Territorio (IET)?

A Paisaxe é un elemento espiritual. É moi importante que os poderes públicos a todos os niveis, protexan os valores espirituais que completan as relación dos individuos e das comunidades coa súa contorna, para avanzar na creación e consolidación dunha cultura do territorio.

O recoñecemento polo dereito dun interese paisaxístico e, por conseguinte, dun “dereito á paisaxe” permite a satisfacción das necesidades máis profundas das poboacións. Se estas necesidades son estimuladas, recoñecidas e protexidas polas autoridades públicas, pode establecerse un vínculo profundo entre as poboacións e o territorio. Deste vínculo pode nacer unha verdadeira cultura do territorio.

Esta cultura constitúe unha condición indispensable para impedir a degradación do territorio causada pola satisfacción de necesidades meramente materiais dos individuos.

Un gran número de catástrofes – como a desfeita da serra do Gontón, no municipio de Cabana de Bergantiños para permitir a Naturgy a instalación de tres eólicos – son provocadas probablemente pola negación desta cultura e a satisfacción esaxerada dos intereses baseados na explotación material dos recursos territoriais.

Sin dúbida a Paisaxe ou as Paisaxes é un dereito individual das persoas, pero tamén é un dereito colectivo, das comunidades que forman parte dela. Mentras que se explosionen serras de elevada calidade paisaxística para instalar viraventos, non existirá unha verdadeira cultura do territorio.

O Convenio europeo da Paisaxe recoñece o dereito á Paisaxe nunha triple vertente:

a) Como espazo de formación das culturas locais, polo tanto é un elemento educativo e formativo.

b) Como patrimonio natural e cultural.

c) Como elemento que contribúe ao benestar dos seres humanos, e polo tanto, que inflúe e forma parte da súa saúde e do benestar físico, psíquico e social. É un elemento esencial na calidade de vida das persoas. É un elemento que inflúe na propia saúde humana.

Tendo en conta o anterior e sabendo que en Galicia, correspóndelle ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) a xestión das nosas Paisaxes, cómpre preguntarse os motivos polos que se permite que unha empresa eólica como Naturgy instale tres viraventos na serra do Gontón, cando ademais existiu un gran número de alegacións referidas á súa defensa. E por que se permite que esta mesma empresa explosione a serra para a súa instalación. Onde está o dereito á Paisaxe nestas actuacións?

Preguntamos a Guillerme Evia, director do IET sobre este tema e esperamos a resposta.

8
Vistas da ría de Corme -Laxe desde o mirador de Sinde

 

Galería

“A explotación (a das minas de San Fins, en Lousame) non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume”, unha das afirmacións máis célebres e incribles do departamento que dirixe o Conselleiro Francisco Conde e o seu director Ángel Bernardo Tahoces. Dimisión xa!

“A explotación (a das minas de San Fins, en Lousame) non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume” ou velaquí estoutra afirmación, tamén memorable: “Non coñezo na provincia da Coruña unha medida tan drástica e profunda para a restauración como é o reprocesado e eliminación da escombreira”.

Estas palabras resumen a filosofía da Dirección xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, no tocante á restauración dos espazos mineiros degradados. En concreto, esta é a resposta dun empregado público, enxeñeiro de minas do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de enerxía e minas da Xunta de Galicia e do que se coñecía recentemente a súa imputación por parte do xulgado de Noia, en relación á autorización da posta en marcha das minas de San Fins, en Lousame, sen terse aprobado a preceptiva avaliación ambiental do proxecto.

Na contestación a unha solicitude de medidas ambientais efectuada pola asociación ambiental Petón do Lobo, funcionarios do departamento que dirixe Tahoces, referíanse ao excesivo da solicitude nos seguintes termos:

“Ao respecto do seguimento sobre o control dos vertidos na escombreira, só podemos indicar que estes non poden existir. Os proxectos aprobados non contemplan escombreira. Non contemplan a produción de escombros. Non contemplan a produción de residuos mineiros. En todo caso contemplan exclusivamente o reaproveitamento e eliminación da antiga escombreira”.

Xa non é só que non existiran residuos, que é o propio de toda a actividade mineira despois de extraer o codiciado mineral, senón que no caso das minas de San Fins, os residuos incluso os eliminaban, desaparecían, como cousa de maxia. Claro que había que fiarse das palabras desta xente, todos eles empregados públicos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, porque por ningures explicaban os impactos que a actividade mineira ía ter na área afectada (un val fluvial). Puidera ser que a normativa daquela época non esixía documento ambiental?

Continuaba o funcionario dicindo: “Carezo de datos sobre o seu deseño (balsa de decantación), pero non amosa signos de debilidade. Ao respecto da pendente dos noiros dos depósitos, afondar novamente no proceso de eliminación avanzado no que están”.

“O denunciante indica ausencia de controis e falla de bombeos regulares, augas ácedas e contido en metais, observacións todas elas que lle corresponden a Augas de Galicia. No marco da normativa ambiental e de seguranza mineira, estanse a realizar os controis establecidos pola normativa de aplicación, a través fundamentalmente do Plan de Labores anual”.

A política de “balóns fóra” e “o que non consta escrito non existe” predomina neste singular departamento da Xunta de Galicia.

“O denunciante solicita que para cumprir a obriga de restaurar o espazo natural se levanten diques de contención, se instalen mallas illantes no terreo, bombeos, monitoreo das balsas e o cumprimento do Plan de Restuaración. Non coñezo na provincia da Coruña ningún Plan de Resturación que contemple unha medida tan drástica e profunda para a restauración como é o reprocesado e eliminación da escombreira de explotación”. Supoñemos que cando escribía isto o funcionario non se lembraba das balsas de lodos do Monte Neme, en Carballo, deixadas á man do destino.

“Temos que ter en conta tamén que o proxecto aprobado non contempla a produción de residuos mineiros. E que a planta de tratamento está deseñada en circuito pechado”.

“Non entendo a función pretendida polo denunciante para os diques de contención, as mallas illantes do terreo, os bombeos. (…) Como xa se indicou a explotación non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume”.

Con palabras e afirmacións como estas, que negan a realidade física máis obvia, como vai a existir a restauración mineira en Galicia? Como se vai a cumprir en Galicia a normativa mineira se quen ten a obriga de facela cumprir obvia e ignora dolosamente a realidade?

Dimisión por favor. Pedimos a dimisión tanto de quen elabora, aproba e supervisa as políticas mineiras, é dicir, a dimisión do Conselleiro Francisco Conde, como de quen ten a obriga de executalas e facer que se cumpra a normativa, isto é o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Dimisión xa para ambos os dous!

DIQUE DE CONTENCIÓN BALSAS LODOS MINERAS EN ESTADO DE DETERIORO EVIDENTE
Dique de contención dunha das balsas mineiras de San Fins, en Lousame

 

 

 

 

Galería

Incoan expediente sancionador á mineira Cementos Cosmos, S.A., por posibles danos ao dominio público hidráulico, en Vilavella, Triacastela (Lugo)

A Confederación Hidrográfica do Miño -Sil incoa expediente sancionador á mineira Cementos Cosmos, S.A. polo suposto incumprimento da autorización do vertido ao dominio público hidráulico.

Os feitos remóntanse ao 26 de novembro de 2018 cando un vertido da cementeira superaba o límite máximo establecido para o parámetro de sólidos en suspensión, causando danos segundo o organismo de bacía, ao dominio público hidráulico, na parroquia de Vilavella en Triacastela (Lugo).

A actividade da mineira Cementos Cosmos realízase na entorna do xacemento arqueolóxico da Cova Eirós, declarado Ben de Interés Cultural polo DECRETO 32/2019, do 14 de marzo, polo que se declara ben de interese cultural a Cova Eirós, no termo municipal de Triacastela (Lugo).

fotografía dunha excavadora estraendo caliza no teito da cova
Actividade da mineira no lugar da entorna da Cova Eirós,  declarada BIC  polo DECRETO 32/2019, do 14 de marzo

 

 

 

Galería

A desamortización de 1897 e a desaparición dos montes dos pobos

Os montes dos pobos ou de dominio público, que no ano 1897 non revestían carácter de interés xeral non foron exceptuados da desamortización, e polo tanto os concellos podían proceder a súa subasta, como así fixeron moitos deles, e así obter unha vía de financiación.

A exclusión realizábase ao abeiro do artigo 4º do Real Decreto de 27 de febreiro de 1897, pola Comisión Clasificadora dos Montes Públicos da Dirección xeral de propiedades e dereitos do Estado, do Ministerio de Facenda e publicábase na Gaceta do 29 de agosto dese ano.

O Catálogo permitiu que os montes de utilidade pública (máis coñecidos como “MUP”) sexan brillantes excepcións no panorama habitualmente desolador dos montes municipais españois.

Moitos dos montes municipais exceptuados da declaración de utilidade público viron drásticamente mermada, ou totalmente desaparecida, mediante distintos procesos de privatización a súa superficie.

IMG-20190309-WA0014
Ponteceso chegou a perder máis de 535 hectáreas de monte público no proceso de desamortización de 1897

O Catálogo de Montes de Utilidade Pública (CMUP) permitiu conservar como públicos os mellores montes desde 1901. Os efectos civís e administrativos que produce a inclusión dun monte no CMUP ( inembargabilidade, inalienabilidade, presunción posesoria a favor da entidade propietaria, e, desde a entrada en vigor da Lei de Montes do 21 de novembro de 2003, demanialidade en todos os casos), unidos á tradicional atribución da xestión destes montes á Administración Forestal estatal (desde a década de 1980, autonómica), que posúe medios económicos e humanos cos que as Entidades Locais -maioritarias posuidoras dos montes catalogados- non poden contar, aseguraron durante máis dun século unha continuidade e coherencia de xestión que poucas ramas da Administración poden mostrar no seu historial.

Por unha banda o Catálogo serviu para conservar os montes nel incluidos, mais por outra banda foi a fin dos excluidos, que máis pronto que tarde foron subastados ou privatizados polos propios concellos.

IMG-20190309-WA0041
Cabana perdería unhas 226 hectáreas no proceso de desamortización dos montes públicos de 1897, entre eles o Arró do Xuncal e o monte público do Corno

Tanto o concello de Cabana de Bergantiños como o de Ponteceso, por referirnos aos muncipios lindeiros co río Anllóns, foron uns dos que máis monte público perderon co proceso da desamortización. Así montes como o do Arró do Xuncal ou o do monte Corno na parroquia de Cesullas, o monte do Castro en Nantón e o monte común de Anós foron bos exemplos.

No caso de Ponteceso, a desamortización rematou co carácter público de montes como o Martín, o de Sta. Cristina, Cadaveiras e Castiñeiras ou o Cava. Unhas 226 hectáreas no caso de Cesullas e unhas 535 hectáreas no caso de Ponteceso.

A desamortización de boa parte dos montes públicos supuxo o empobrecemento das comunidades locais do rural, que pronto viron como estes pasaban a propiedades privadas, precisamente ás mans con máis recursos. Este proceso afectou á produción de alimentos tanto para as familias como para o gando.

Posteriormente no ano 1901 ningún destes concellos conseguiría incluir ningún dos seus montes no Catálogo de montes de utilidade pública (CMUP).

 

Galería

A plataforma Stop Uranio frea no Parlamento europeo o proxecto mineiro de Berkeley

Hoxe tivo lugar na Comisión de peticións do Parlamento europeo a defensa das peticións 174/2017 e a 809/2017, sobre a mina de uranio de Retortillo, en Salamanca.

963.png
As aciñeiras de Retortillo gravemente afectadas pola mina de uranio de Berkeley

A intervención do representante da plataforma Stop Uranio, José Ramón Barrueco Sánchez puxo enriba da mesa as deficiencias da declaración de impacto ambiental e a infracción do dereito comunitario na tramitación procedimental do expediente da mina a ceo aberto de Retortillo.

463.png
Representantes da Plataforma Stop Uranio na Comisión de peticións do Parlamento europeo

O representante da Comisión europea explica que o proxecto non foi autorizado na totalidade das autorizacións que precisa para ser explotado. Aclarou tamén que o impacto dos efectos radiolóxicos non concluiu.

Comisión europea.png
O representante da Comisión europea durante a súa intervención

Afirmou que é unha mina máis e unha pranta de tratamento de uranio. Require autorizacións finais diferentes. O mineral que se saca debe tratarse nunha planta de concentrados e os residuos prevese que se enterren no oco mineiro escavado.

Hai permisos urbanísticos que escapan ao control da Comisión, como as licencias urbanísticas pero por un lado hai unha avaliación ambiental e por outra unha avaliación dos impactos radiolóxicos. Hai que ter en conta moita outra normativa sectorial.

A Comisión apelou a xustiza española para dictaminar en última instancia sobre o proxecto e a legalidade da declaración de impacto ambiental do ano 2013.

O Consello de Seguridade Nuclear ten que avaliar os impactos radiolóxicos e isto é o que suscita máis interés. Primeiro requírese unha autorización previa que foi concedida e despois as autorizacións de construcción e de explotación e posta en marcha, que aínda non foron outorgadas, porque aínda están baixo o estudo do Consello de Seguridade Nuclear. Este organismo plantexou dúbidas e obrigou ao promotor a realizar modificacións segundo as diversas inquietudes. Aquí avaliarase a pranta de concentración de uranio e que require de tres autorizacións: a previa, a de explotación e a de posta en marcha. Todas elas susceptibles de recurso ante os Tribunais.

valllina.png
Ángela Vallina na defensa das peticións sobre da mina de Retortillo

Ángela Vallina foi moi contundente e aclarou que se trata dunha mina que está preto dun balneario, dunha zona de alto valor ambiental e non impediu a declaración de impacto ambiental favorable. Trátase dunha imposición do goberno de Castela e León para unha mina de 10 anos, o que non é rendible, polo impacto no medio ambiente, nas augas, na sáude humana. Non recolle todos os impactos  para a saúde humana e o medio ambiente, o que xenera moitas dúbidas. Ten repercusións transfronteirizas, a 30 km de Portugal e ao río Douro. España incumpre o Tratado Euratom. Chama a atención que se non hai ningunha licencia, como é que xa hai unha balsa feita. Non hai licencias nin nada, pero a balsa está construida. É a política dos feitos consumados. A petición ten que quedar aberta e dirixirse a Administración máis próxima para que actúe. Ninguén se cree que un concello non teña medios para sancionar. Cómpre enviar unha carta á Xunta de Castela e León, ao goberno central e ao goberno portugués para saber se foi informado sobre este proxecto.

portugal.png
O eurodeputado portugués durante a súa intervención

O eurodeputado portugués indicou que as minas que están a ceo aberto en Retortillo están a 60 km pero existe un protocolo entre España e Portugal sobre cuestións de seguridade nuclear con compromisos  e España non informa, nunca ocurriu.

Preguntouse á Comisión pero esta non fiscaliza, nin actúa, nin observa, nin mira se a lei comunitaria está a ser observada ou non.

O río Douro é común a ambos países e é unha cuestión de saúde pública e non se vai a permitir que España contamine o río.

1112.png
Florent Marcellesi na defensa das peticións sobre da mina de Retortillo

Florent Marcellesi indicou que a mina é un atentado ecolóxico, a mina máis grande a ceo aberto de Europa que pon en perigo os bosques, matando as enciñas e que non axuda a fixar poboación.

O impacto ambiental non foi realizado de forma suficiente. A petición debe seguir aberta e enviar cartas as correspondentes autoridades españolas e portuguesas. “Fagamos unha audiencia no Parlamento europeo sobre as minas e a súa proliferación en detrimento da saúde das persoas e do planeta” indicou o eurodeputado. O que temos en España é unha trama nuclear e hai que visitar España, sobre o conxunto da actividade nuclear para coñecer de primeira man o que está a suceder en España, visitar España e coñecer o que pasa.

9997.png
Marina Albiol na defensa das peticións sobre da mina de Retortillo

Marina Albiol tamén amosou a súa preocupación sobre como vai a afectar o uranio á Rede Natura, á auga, ao medio ambiente, á saúde, á fauna, ás persoas e incluso á flora. Os impactos poden ser gravísimos e afectar a multitude de elementos e espazos. Sería importantísimo facer un chamamento ás autoridades competentes para que non continúen adiante con ningún  permiso.

A Comisión europea debe dar un paso máis para acabar con este proxecto e visitar a zona de Retortillo, para comprobar in situ as afeccións que pode ter o proxecto e as que xa tiveron lugar.

As minas de uranio en Europa non teñen sentido cando ninguén quere a enerxía nuclear. O procedemento de infracción debe terse en conta. Portugal non tivo a oportunidade de opinar e isto invalida o procedemento. Cómpre lembrar o principio de cautela e acción preventiva deben terse en conta. Quen fai isto non está pagando.

A petición debe quedar aberta .

Cecilia.png
A presidenta da Comisión de peticións Cecilia Wikström declara aberta as peticións sobre da mina de uranio de Salamanca
852
A Comisión de peticións do Parlamento europeo
Galería

Corcoesto apodera e rinde memoria, ás súas veciñas máis relevantes ao longo da historia

Nun acto que terá lugar o 9 de marzo ás 16 horas, no local social de Cures, a parroquia rendirá homenaxe ás súas mulleres. Haberá unha mesa redonda veciñal e a instalación dunha placa na súa memoria.

Entre as mulleres están:

  • Sara Andrade, a muller de Corcoesto, titiriteira e artista, detrás dun dos teatros Barrigas Verdes de primeiros do século XX.
  • Luisa de Lanzós, a muller que se enfrontou ao mosteiro de San Martiño de Santiago, para reivindicar o lugar de Cardezo como seu, na parroquia de Corcoesto.
  • Tres mulleres de Corcoesto que desafiaron o poder do clero a principios do século XX: Josefa, Dolores Martínez Calvo e Concepción Calvo Amoedo.
  • María do Vilar, gaitera de sona, no Corcoesto do ano 1767.
  • Luisa e Isabel Ramona, as irmás de Corcoesto que loitaron a finais do século XIX pola redención dos foros.
  • Rosa de Corcoesto: a muller que cautivou ao bardo Pondal, transgresora, emprendedora e feminista.
  • As fillas de Rosa: madriña Antonia.
  • Manuela Cotelo, a muller que naceu en Sevilla e decidiu vivir en Corcoesto, cos seus avós.
Mans de Xosefa Pérez, de 76 anos, nai, emigrante e gandeira. Mulleres que construíron País
Mans de Xosefa Pérez, de 76 anos, nai, emigrante e gandeira. Mulleres que construíron País

Cartaz

Galería

A tramitación dos dereitos mineiros no borrador da lei de acompañamento aos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2019

Hai que recoñecer que o borrador da Lei de acompañamento aos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2019, no tocante á tramitación do concurso de dereitos mineiros, realiza un esforzo importante por incorporar unha tramitación moderna e intenta ser alomenos, máis inclusiva e garantista que a súa predecesora. Así introduce entre os criterios de valoración as medidas inclusivas e transversais que poidan presentar os proxectos, incluida a variable de xénero.

Tamén contempla como criterio de valoración os mecanismos de solución de conflitos coas comunidades locais, o que sin dúbida é un aspecto moi novidoso; pero é suficiente? están as empresas mineiras preparadas para asumir estes retos?

Como mínimo a valoración dos proxectos presentados e que opten os dereitos mineiros terá que atender aos seguintes criterios:

a) A calidade científica e técnica do proxecto e as garantías que se ofrezan da súa viabilidade.

b) A calidade ambiental do proxecto, valorándose especificamente a restauración de zonas degradadas como consecuencia de actividades mineiras anteriores.

c) A calidade social e ética do proxecto, é dicir, a inclusión no proxecto de medidas inclusivas e transversais, de cohesión social e de respecto ao medio ambiente nas que se expresen altos estándares de responsabilidade social e ética empresarial. Entre estas medidas valorarase a incorporación da variable de xénero; a integración laboral das persoas con discapacidade; mecanismos de solución de conflitos coas comunidades locais e mecanismos de transparencia e acceso dos cidadáns á información.

d) O impacto socioeconómico do proxecto na zona de implantación da explotación e na economía galega en xeral, con base en indicadores obxectivos e comparativos coa situación actual.

e) As condicións xurídicas máis respectuosas co carácter de bens de dominio público dos xacementos de orixe natural e demais recursos xeolóxicos no ordenamento xurídico español e coa súa explotación racional.

A lei tamén contempla a posibilidade do outorgamento de dereitos mineiros sobre os terreos francos resultantes do levantamento dunha zona de reserva.

1
A presencia da muller nas actividades mineiras é escasa

A continuación recóllese o teor literal do texto do borrador:

“CAPÍTULO IX. Economía, emprego e industria

Artigo 31. Modificación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia

A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O artigo 35 queda coa seguinte redacción:

“1. Para o outorgamento de dereitos mineiros sobre os terreos francos resultantes do levantamento dunha zona de reserva ou da declaración de caducidade dun permiso de exploración, dun permiso de investigación ou dunha concesión de explotación mineira, tramitarase o correspondente concurso público, regulado neste artigo e demais normativa aplicable. En todo caso, realizaranse convocatorias de concurso diferenciadas por cada provincia.

Unha vez que adquira firmeza, de ser o caso, en vía xudicial, a declaración de caducidade dun dereito mineiro, procederase a efectuar a convocatoria do concurso público ao que se refire o parágrafo anterior e publicarase no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia. No prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da última publicación, quen estea interesado no dereito caducado poderá presentar solicitudes. Se a declaración de caducidade dun dereito obxecto de concurso se debera ao incumprimento das obrigas legais ou das condicións establecidas no título de outorgamento por parte da persoa explotadora ou da persoa titular do dereito, estas non poderán participar no concurso respecto do dito dereito. Na convocatoria do concurso determinaranse os criterios de selección así como os parámetros para a súa valoración tendo en conta, en todo caso, os previstos no artigo seguinte. Estes criterios e parámetros poderán ser establecidos previamente con carácter xeral para as convocatorias de concursos referidas a un ou varios tipos de recursos mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de minas. En todo caso, na convocatoria do concurso de que se trate poderán establecerse xustificadamente modificacións dos criterios ou parámetros establecidos con carácter xeral para adaptalos ás características ou circunstancias específicas do concurso concreto. 2. Na solicitude indicarase claramente o tipo de dereito que se solicita e sobre que dereito mineiro se solicita, achegando o seguinte contido mínimo que se presentará en dous sobres pechados debidamente numerados:

  1. No primeiro sobre incluirase a documentación acreditativa da capacidade xurídica e de obrar da persoa solicitante e da representación, así como o resgardo da fianza provisional, que consistirá no 10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa. Incluirase, así mesmo, a documentación acreditativa de non estar incurso nas prohibicións para contratar co sector público establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público.
  2. O segundo sobre conterá a designación do terreo que se pretende, os documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros, a documentación adicional que proceda explicativa ou acreditativa das vantaxes da proposta e unha declaración responsable dos documentos presentados.”

Dous. O artigo 36 queda coa seguinte redacción:

Artigo 36. Valoración de ofertas e resolución de concursos de dereitos mineiros

  1. No caso de que non se formulen solicitudes, o órgano mineiro competente declarará de oficio o terreo como rexistrable, e publicarao no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
  2. No caso de que se presenten varias solicitudes sobre o mesmo dereito mineiro abrirase unha fase de concorrencia competitiva, na que se establecerá a orde de prelación para a tramitación delas, de acordo coa valoración obtida por aplicación dos criterios de selección das propostas máis vantaxosas. Entenderase por propostas máis vantaxosas as que ofrezan as mellores condicións científicas e técnicas e as maiores vantaxes económicas e sociais tendo en conta os principios de sustentabilidade, responsabilidade e seguridade, e atendendo, como mínimo, aos seguintes criterios: a) A calidade científica e técnica do proxecto e as garantías que se ofrezan da súa viabilidade. b) A calidade ambiental do proxecto, valorándose especificamente a restauración de zonas degradadas como consecuencia de actividades mineiras anteriores. c) A calidade social e ética do proxecto, é dicir, a inclusión no proxecto de medidas inclusivas e transversais, de cohesión social e de respecto ao medio ambiente nas que se expresen altos estándares de responsabilidade social e ética empresarial. Entre estas medidas valorarase a incorporación da variable de xénero; a integración laboral das persoas con discapacidade; mecanismos de solución de conflitos coas comunidades locais e mecanismos de transparencia e acceso dos cidadáns á información. d) O impacto socioeconómico do proxecto na zona de implantación da explotación e na economía galega en xeral, con base en indicadores obxectivos e comparativos coa situación actual. e) As condicións xurídicas máis respectuosas co carácter de bens de dominio público dos xacementos de orixe natural e demais recursos xeolóxicos no ordenamento xurídico español e coa súa explotación racional. 3. A apertura das ofertas verificarase en cada provincia respecto dos dereitos que se localicen nela por unha mesa constituída por: a) A persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de minas ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente ou presidenta. b) A persoa titular da xefatura do servizo competente en materia de minas da xefatura territorial correspondente ou o enxeñeiro ou enxeñeira de minas do dito servizo en quen delegue, que actuará como secretario ou secretaria da mesa. c) Un membro da escala de letrados da Xunta de Galicia. d) A persoa titular da intervención delegada da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de minas ou da delegación provincial ou persoa en quen delegue. e) Unha persoa representante da dirección xeral competente en materia de minas designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de minas.

No caso de dereitos que se localicen en máis dunha provincia, a apertura das ofertas será verificada pola mesa correspondente á provincia onde se localice unha maior extensión do dereito. No prazo de dez días desde a finalización do prazo para a presentación de solicitudes, constituirase a mesa e procederase á apertura de sobres na orde habitual. Ao acto de constitución da mesa e á apertura de sobres poderán asistir as persoas que presentasen as solicitudes ou os seus representantes debidamente acreditados. A mesa analizará e valorará as ofertas presentadas e realizará unha proposta de resolución do concurso que incluirá, para os casos nos que se presentaran varias solicitudes respecto dun mesmo dereito, a orde de prelación das solicitudes para a súa tramitación. 4. O concurso resolverao a persoa titular da consellería competente en materia de minas no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte á última publicación da convocatoria. A resolución conterá a orde de prelación para a tramitación das solicitudes concorrentes presentadas respecto dun mesmo dereito, de acordo co establecido neste artigo, e declarará que procede a admisión a trámite das solicitudes non concorrentes. Así mesmo, declarará rexistrables os terreos obxecto do concurso respecto dos que non se presentara ou non fora admitida ningunha solicitude. Transcorrido o prazo sen que recaese e fora notificada a resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. De non se admitir ningunha das solicitudes presentadas, o concurso declararase deserto e os terreos non adxudicados serán declarados rexistrables pola persoa titular da consellería competente en materia de minas. Esa declaración deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, coa indicación de que poderán ser solicitados logo de transcorridos oito días desde a publicación no Boletín Oficial do Estado. ”

Tres. O artigo 50 queda redactado como segue:

Artigo 50. Responsables 1. Serán suxeitos responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que incorran nelas, e, en particular: a) A persoa explotadora efectiva do recurso mineiro e, se é o caso, a persoa titular dos dereitos de aproveitamento mineiro. b) O subcontratista do explotador efectivo. c) A dirección facultativa, no ámbito das súas respectivas funcións. d) A persoa titular ou propietaria da entidade explotadora efectiva, así como o/a administrador/a, xerente, director/a ou equivalente da dita entidade en relación coas infraccións que se cometan no desenvolvemento da actividade de investigación ou aproveitamento dos recursos xeolóxicos, cando non realizasen os actos necesarios que foran da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, consentiran o incumprimento por quen deles dependan ou adoptasen acordos que fixeran posible a comisión de tales infraccións. En todo caso, nos supostos de extinción da personalidade xurídica da entidade explotadora efectiva, o procedemento sancionador dirixirase contra as persoas indicadas nesta letra nos supostos sinalados nela. 2. No caso de existir máis dunha persoa responsable da infracción, as sancións que se impoñan terán entre si carácter independente. 3. Cando en aplicación desta lei dúas ou máis persoas resulten responsables dunha infracción e non fose posible determinar o seu grao de participación, serán solidariamente responsables para os efectos das sancións que deriven. 4. En todo caso, e sen prexuízo das garantías financeiras establecidas para o efecto, no caso de extinción da personalidade xurídica da entidade explotadora, os socios, administradores e directivos da dita entidade no momento da súa extinción quedarán obrigados ao cumprimento das obrigas relativas ao proceso de restauración, peche e abandono da explotación. En consecuencia, serán suxeitos responsables das infraccións que cometan en relación co incumprimento de tales obrigas”.

999.png

Galería

O Ministerio para a Transición Ecolóxica declara a situación crítica da pita do monte

A Orde TEC/1078/2018, do 28 de setembro, publicada hoxe no BOE, declara a situación crítica de Cistus heterophyllus carthaginensis, Lanius minor, Margaritifera auricularia, Marmaronetta angustirostris, Mustela lutreola, Pinna nobilis e Tetrao urogallus cantabricus en España. Declara tamén de interese xeral as obras e proxectos encamiñados á súa recuperación e serán tramitados de urxencia ao abeiro do artigo 60.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

Un representante da Dirección Xeral de Biodiversidade e Calidade Ambiental, un representante do Goberno do Principado de Asturias, un representante da Xunta de Castela e  León, un representante do Goberno de Cantabria e un representante da Comunidade Autónoma de Galicia, formarán parte do Grupo sobre situación crítica de Tetrao urogallus cantabricus.

89
A pita do monte, a saramaganta, o raposo e o lobo, emblemas do monte galego 
Galería

A voracidade do extractivismo, a especulación e o Horizon 2020

No día de hoxe unha representación da Rede Contraminacción de Galicia estivo a falar no Parlamento europeo sobre a minaría destructiva, o extractivismo e os impactos socio –ambientais que están a xerar proxectos de megaminería contaminante que afectan a Galicia, Portugal, España, Francia, Finlandia…etc.

Así, ás 15 horas comezaba no Parlamento europeo a xornada titulada “Minerías. O novo desafío extractivista. Como os negocios mineiros poñen en perigo as cidades, o emprego e o medioambiente”, e na que participaban colectivos como Ecoloxistas en Acción de Andalucía, Coordinadora NON á Mina – Por un Mundo Rural Vivo (Salamanca), Non á mina no val do Choia (Ávila), Non á mina na serra de Xemas (Avila), Ecoloxistas en Acción de Cantabria (Cantabria), Plataforma A Raia sen mina (Cáceres), Contraminacción de Galicia…etc.

1.jpg
Representación de Galicia en Europa

Case ao mesmo tempo o antropólogo e sindicalista Adolfo Naya, nun artigo de opinión (“Coñece ao teu inimigo”: Non á mina de Touro-O Pino) publicado nun medio dixital galego, desenmascaraba e amosaba sen reparos (aínda que con valentía, non mencionaba a todos eles), a faciana dos principais responsables do extractivismo galego.

Proxectos mineiros como o de Corcoesto, Lousame, Touro, Triacastela…., operan desde políticas e marcos xurídicos que favorecen a especulación, a depredación, a fraude e a acumulación por desposesión de inxentes cantidades de recursos naturais para favorecer a acumulación de capital a favor das multinacionais depredadoras do territorio; en detrimento das comunidades locais que os habitan e que son desposeídas, a través de marcos xurídicos agresivos e violentos, dos seus medios de vida e dos recursos naturais do seu espazo vital.

Dentro destes marcos xurídicas agresivos está o programa Horizon 2020 da Unión Europea. Horizon 2020 é o programa de investigación e innovación máis grande da UE con case 80 mil millóns de € de fondos dispoñibles durante 7 anos (2014 a 2020), ademais do investimento privado que en teoría atraerá este diñeiro. Promete máis avances, descubrimentos e novidades mundiais ao levar grandes ideas do laboratorio ao mercado.

Sen embargo ten unha cara escura; e así, entre os seus obxectivos fixámonos con preocupación no seguinte parágrafo:

Marine and maritime research for Blue Growth will be implemented through a strategic and coordinated approach across all challenges and priorities of Horizon 2020. It will aim at unlocking the potential of resources from seas, oceans and inland waters for different uses and across the range of marine and maritime industries, while protecting the environment and adapting to climate change. Blue Growth will support sustainable growth in the marine and maritime sectors, through sustainable exploitation of marine resources for healthy, productive, safe, secure and resilient seas and oceans.

Este programa de investigación mariña que apoia o chamado Crecemento Azul non é outra cousa, que invertir cartos na procura da explotación dos recursos minerais do fondo do mar. Segundo a Comisión Europea sería preciso desbloquear o potencial de recursos dos mares, océanos e augas interiores. Así o Crecemento Azul é apoiar a explotación e a depredación dos fondos mariños dunha forma ambientalmente sostible e compatible co cambio climático. E para adornar todo isto falan de tecnoloxías habilitadoras e industriais, que estarían interconectadas a través dun sistema de mercado.

Na práctica é outra opción do extractivismo, ese mecanismo tradicional de saqueo e apropiación dos recursos naturais dun territorio e promover a mercantilización de ámbitos cerrados ata agora ao mercado, como é neste caso, a explotación mineira dos fondos mariños.

Como ben dicía David Harvey: “a perversa alianza entre os poderes do Estado e os comportamentos depredadores do capital financeiro constitúe o pico e as garras dun capitalismo buitresco que exercita prácticas caníbales e desvalorizacións forzadas”. Mentras, adornan os textos xurídicos dos máis altos valores da democracia con desvergoña absoluta e arrogancia; plasmando en normas urxentes, extraordinarias, especiais ou estratéxicas, os desexos voraces do imperialismo totalmente deshumanizado, que nega os dereitos fundamentais e máis elementais inherentes á dignidade do ser humano.

En Galicia cada vez son máis frecuentes os exemplos de normas destas características: agresivas, deshumanizadas, violentas, depredadoras do territorio e dos seus recursos e restrictivas de dereitos da cidadanía. Así cómpre destacar:

  • LEI 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.
  • INSTRUCIÓN 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas.
  • DECRETO legislativo 1/2015, de 12 de febrero, por el que se aprueba el texto refundido de las disposiciones legales de la Comunidad Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
  • DECRETO 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
  • DECRETO 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia.
  • ANUNCIO do 1 de outubro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que se somete a información pública o anteproxecto de Lei de ordenación do territorio de Galicia.

Por iso, e en consoancia co artigo de Adolfo Naya, é moi importante que a cidadanía saiba e coñeza quen está detrás destas normas e destas políticas depredadoras da dignidade humana.

7777
Megaminería contaminante e depredadora do territorio e dos seus recursos