Galería

Coñece o proxecto eólico Monte do Pé en Cerdedo -Cotobade e Ponte Caldelas (Pontevedra). Descarga o modelo de alegación e participa!

Colabora e participa! Pica no enlace adxunto e descarga o modelo de alegacións ao proxecto eólico Monte do Pé en Cerdedo -Cotobade e Ponte Caldelas (Pontevedra). Só tes que cubrir a cabeceira do escrito cos teus datos persoais e asinar na última folla. Logo preséntao no Rexistro de calquer Administración pública ou se tes sinatura electrónica no rexistro dá Administración estatal no enlace: https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do  ou coa Chave 365 no portal da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/ , a través do modelo de solicitude xenérica PR004A e adxuntando o arquivo coa alegación asinada. Tamén podes modificar o modelo. Fin do prazo para presentar as alegacións: 27 de febreiro de 2023.

Imaxe do proxecto eólico Monte do Pé
Galería

A viabilidade económica do proxecto eólico O Cerqueiral: 6.536.026 € para Greenalia e impactos acústicos, ambientais e paisaxísticos para a veciñanza dos núcleos afectados

  • O proxecto eólico O Cerqueiral, un máis no medio doutros nove, dentro da mesma Área de Desenvolvemento Eólico
  • A mercantil Greenalia recoñece como máis afectados aos núcleos de Padrín, O Rueiro, A  Brañeira, Couso e  Esternande

Análise do “Proyecto Sectorial Del Parque Eólico “O Cerqueiral”, en los términos municipales de Coristanco, Cabana de Bergantiños y Santa Comba, (A Coruña). Mayo 2020”.

O proxecto do parque eólico O Cerqueiral está composto por 6 aeroxeradores modelo LAGERWEY  L136 4,5  MW ou similar ( a mercantil promotora non especifica realmente o modelo, tanto pode ser ese como outro), de potencia máxima activa de xeración eléctrica 4.500 KW para unha potencia instalada de 27  MW. A poligonal do parque ocupa unha superficie de 1.521 ha.

O parque eólico estará situado dentro dos termos municipais de Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba, e sitúase dentro das Área de Desenvolvemento Eólico denominadas  G-9/ G-10 e San Roque, incluídas dentro do plan sectorial eólico de Galicia.

A promotora Greenalia Wind Power sinala que estudaron as situacións das poboacións máis próximas ás instalacións do parque, manténdose en todo momento unha zona de exclusión de 500 metros contorna aos límites dos núcleos rurais consolidados e de 200 para as vivendas illadas ou zonas de expansión futura de núcleos. Sen embargo, sinala como núcleos máis afectados Padrín, O Rueiro, A  Brañeira, Couso e  Esternande.

Características xerais:

– 6 aeroxeradores de 4,500 KW de potencia nominal

– Potencia prevista do parque: 27  MW.

– Altitudes comprendidas entre os 350 e os 410 metros sobre o nivel medio do mar en Alacante.

– Horas equivalentes nominais netas do parque: 3.287.

– Produción anual neta media do parque: 88.758  MWh/ano.

O aeroxerador  LAGERWEY  L136 4,5  MW ou similar é un aeroxerador con regulación por cambio de paso con dirección activa e un  rotor de tres pas. A altura da buxe do aeroxerador é de 111 metros. O diámetro do  rotor do aeroxerador é de 136 metros.

Greenalia Wind Power, a empresa promotora indica que a competitividade económica na zona verase favorecida pola instalación do novo parque eólico. Sinala que grazas a esta nova infraestrutura crearanse novas empresas e novos postos de traballo, o que mellorará a actividade económica da zona, pero non indica cantos empregos, nin a calidade dos mesmos.

Calidade de vida?

Greenalia Wind Power, a empresa promotora indica que a implantación do parque eólico mellorará a calidade de vida “dos cidadáns” (emprega unha linguaxe sexista nos documentos do proxecto), xa que contribuirá á mellora da calidade da subministración eléctrica da zona, por exemplo, diminuíndo cortes eléctricos e caídas de tensión. Sen embargo non indica a que cortes eléctricos se refire nen especifica cales son as caídas de tensión que padece a veciñanza afectada, xa que logo non existe constancia desta problemática nos núcleos afectados polo proxecto.

Tamén indica que: “Debe ser mencionado que desde o punto de vista do emprego favoreceranse a creación de postos de traballo e os novos ingresos do concello pola instalación do parque”. Pero reitérase que non indica nin cantos, nin a súa calidade, nin desagrega os mesmos por razón de xénero.

Greenalia Wind Power indica no proxecto: “No deseño do parque eólico maximizouse a protección do patrimonio, tanto natural como cultural, de tal forma que non se afectará ao patrimonio cultural e a afección ao medio natural será moderada, compatible ou non significativa”.

1.- Vamos a ver canto de certo ten esta afirmación.

O parque atópase situado en terreos cualificados como Chan Rústico de  protección agropecuaria, Chan Rústico de  Proteccion Forestal, Chan Rústico de  Proteccion de Infraestruturas e chan rústico de protección de augas no  concello de Coristanco e a súa incidencia a nivel urbanístico tamén  afactará aos  Concello de Santa Comba en terreo cualificado como Chan Rústico de  Protección Agropecuaria e ao terreo de Cabana de Bergantiños en terreo cualificado como chan  rustico de protección agropecuaria.

Coa aprobación do proxecto sectorial as zonas afectadas pola instalación do parque serán catalogadas como chan rústico de especial protección de infraestruturas.

É dicir, prodúcese unha transformación urbanística a favor da promotora e en detrimento da veciñanza e das comunidades rurais afectadas, que coa nova cualificación urbanística perden capacidade sobre da xestión de usos nos solos rústicos de protección de augas, de protección agropecuaria e de protección forestal.

Indica tamén a mercantil promotora que: “…pero respéctanse os elementos que compoñen o patrimonio cultural mentres o impacto sobre o medio natural, considerado como moderado, atópase minorado polos impactos positivos derivados da instalación do parque eólico”. Sen embargo, Greenalia Wind Power non especifica nin concreta eses efectos positivos que se van a derivar para os municipios afectados en relación á implantación do parque eólico.

A viabilidade económico financieira do proxecto prevese que será de 6.536.026 euros. Cal é a viabilidade económico financiera do proxecto para as comunidades locais afectadas? A mercantil non o indica.

2.- Impacto visual.

A Comunidade Autónoma de Galicia conta, desde a publicación do Decreto 119/2016, do 28 de xullo, cun Catálogo de Paisaxes, consecuencia da aplicación da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de Protección da Paisaxe de Galicia. O Catálogo das paisaxes de Galicia, ao amparo do disposto no artigo 9.3 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, identifica determinadas zonas xeográficas como áreas de especial interese paisaxístico, en atención aos valores naturais e culturais alí presentes. O ámbito do proxecto está encadrado principalmente na gran área “Chairas e Fosas Occidentais” e dentro de tres comarcas paisaxísticas Terra de Soneira, Bergantiños e Terra de Xallas.

A mercantil Greenalia di:

“Non existe afección directa a áreas de especial interese paisaxístico (AEIP), situándose a máis próxima á área de implantación do parque eólico, o denominado Lagoa de Alcaián, a aproximadamente 2,2 km ao leste. O miradoiro máis próximo, chamado Pico Meda, sitúase a un 4,2 km da zona de implantación en dirección suroeste, con todo cabe sinalar que se trata dun punto elevado dentro das instalacións dun parque eólico”.

A empresa indica que:

“…Esta zona non se atopa habilitada para o gozar da paisaxe xa que non conta nin cun miradoiro nin con zona de recreo ou esparexemento, non se prevé un alto número de potenciais observadores”.

Resulta evidente que a paisaxe non se goza dela só desde os miradores, sen dúbida é unha afirmación moi pouco afortunada e un desprezo total ás paisaxes.

O humidal máis próximo, denominado A Palada, sitúase ao sur do parque eólico, a uns 750 metros da máquina 04, situándose un parque eólico xa existente máis preto deste humidal, a uns 440 metros. Na AEIP, a denominada Lagoa de Alcaián, serán visibles as máquinas do parque eólico desde gran parte da súa superficie, sendo visibles tres aeroxeradores, debendo sinalar que desde este AEIP, situada a un 2,2 km ao leste do parque eólico avaliado, xa se observan as máquinas do parque eólico Castelo, que se localizan a un 2,3 km.

Polo tanto, para evitar a afección e o impacto visual severo á AEIP “Lagoa de Alcaián” deben ser eliminados os aeroxeneradores visibles, isto é, alomenos tres deles. Por outra banda, a afección do aeroxenerador 04 ao humidal A Palada, implica tamén a eliminación deste ao non poder engadirse máis impactos dos existentes e non desvirtuar a natureza e o valor ecolóxico do humidal.

Indica erróneamente a mercantil Greenalia que:

Ao tratarse dunha paisaxe no que se observa a presenza de parques eólicos considérase que a súa fraxilidade non aumentará ao proceder á implantación das estruturas do proxecto, xa que non supoñerá a introdución dun novo uso e elemento na paisaxe. Por tanto, debido a que, por unha banda, o parque eólico localízase nunha paisaxe que presenta unhas características moi comúns na comunidade galega, onde se observan repoboacións forestais, estradas, liñas eléctricas, canteiras e aeroxeradores, sen que exista ningún elemento ou aspecto que lle outorgue un maior valor paisaxístico, e aínda que desde algúns puntos de concentración de potenciais observadores será visible o parque eólico, debido ao apantallamiento que produce a vexetación arbórea nas inmediacións deses puntos, non se espera que a execución deste novo parque eólico vaia a producir unha gran afección paisaxística”.

Pois precisamente por iso, precisamente froito da planficación e execución desordenada do Plan eólico e as infraestruturas en Galicia e unha nula xestión forestal ordenada, este proxecto eólico sí vai a producir unha gran afección paisaxística, á que hai que engadir a xa existente derivada doutros aeroxeneradores e liñas eléctricas. Por tanto, terá que avaliarse adecuadamente todos os impactos acumulados derivados de todos eles, incluidos as repobaocións forestais, estradas…etc.

Continúa a explicar a mercantil:

“Como se aprecia nas infografías do documento de inicio, tan só desde tres dos doce puntos estudados, doce poboacións, dúas delas en puntos da CP-2902, Ventoso, Esternande e O Pazo dá Trabe observaranse os seis aeroxeradores do parque eólico. Desde A Balsa (DP-2902) serán potencialmente visibles cinco máquinas, mentres que desde Padrín, O Anido (DP-2902), O Vilar e A Ribela tan só serán visibles catro máquinas quedando as outras dúas apantalladas polo relevo. Desde as outras catro poboacións tan só serán potencialmente visibles dúas das seis máquinas do parque eólico”.

É dicir, que o impacto visual sí vai a ser importante para a veciñanza das poboacións mencionadas, isto é, Padrín, O Anido, O Vilar, A Ribela, A Balsa, Ventoso, Esternande e o Pazo dá Trabe.

Como indica Greenalia: “En calquera caso, a valoración da presenza dun parque eólico na paisaxe é en boa medida subxectiva, sendo un impacto sobre o medio inherentemente asociado á súa existencia, non sendo posible formular medidas que o eliminen totalmente”.

Polo tanto, xa que o impacto é algo inherente á propia existencia do parque e dado que non hai medidas que o eliminen totalmente e dada a natureza subxectiva do impacto, as comunidades locais afectadas teñen o dereito a dicidir se lles afecta ou non visualmente o proxecto eólico, polo que Greenalia debe realizar unha enquisa á veciñanza afectada sobre a disposición desta a aceptar ou non o impacto visual derivado das instalacións do proxecto eólico O Cerqueiral.

3.- Plan Sectorial Eólico de Galicia caduco,  obsoleto e non democrático, ao non incorporar a normativa da Paisaxe nin permitir a participación pública na súa elaboración

Existe un Plan Sectorial Eólico de Galicia, (aprobado definitivamente polo Consello de la Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, nos termos que recolle a resolución da Consellería de Industria e Comercio do 14 de outubro de 1997), e existe unha modificación do Plan Sectorial Eólico de Galicia, aprobada definitivamente polo Consello de la Xunta de Galicia o 5 de decembro de 2002, nos termos que recolle a resolución da Consellería de Industria e Comercio do 20 de decembro de 2002 (D.O.G. 3/01/03).

No artigo 9.2 do decreto 80/2000 do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, indícase que os proxectos sectoriais, documentos necesarios para a autorización dun parque eólico, deberán axustarse ás determinacións do correspondente plan sectorial.

O Parque Eólico O Cerqueiral aséntase sobre dúas zonas de investigación eólica aprobadas do Plan Eólico sectorial denominadas  G-9/ G-10 e San Roque.

É importante destacar que o proceso de avaliación ambiental debe incorporarse canto antes ao proceso de deseño dun plan sectorial. Desta forma asegúrase que as valoracións ambientais realizadas teranse en conta no proceso de toma de decisións, o cal conlevará que o deseño final sexa o que menor agresión ocasione ao medio ambiente. Pois ben, no referido ao Plan Sectorial Eólico de Galicia, este non contou no momento da súa aprobación nin da súa modificación posterior, coa normativa das Paisaxes nin a necesaria participación pública, polo que a planificación realizada peta coa realidade dos espazos escollidos e planificados, o que dá lugar como é o presente caso, a graves afeccións ambientais, paisaxísticas e patrimoniais como é o caso do humidal A Palada, a Área de Especial Interés Paisaxístico (AEIP) Lagoa de Alcaián, o Túmulo de Monte dá Brañeira (GA15029034) e, por suposto, afeccións non desexadas para as comunidades locais máis afectadas, isto é, Padrín, O Anido, O Vilar, A Ribela, A Balsa, Ventoso, Esternande e o Pazo dá Trabe. Existe por tanto no deseño do propio Plan Sectorial fallas e lagoas na elaboración do regulamento planificador eólico que vician o desarrollo e posterior aprobación e execución dos proxectos eólicos previstos no mesmo, xa que logo non se tivo en conta ab inictio na súa aprobación a normativa sectorial de aplicación, o que implica a nulidade de pleno dereito do regulamento e da planificación eólica.

3.- Distancias das poboacións ao parque eólico proxectado.

Practicamente estes núcleos están á beira do parque proxectado. Ademais do impacto visual que lles afecta directamente tamén hai que ter en conta o impacto acústico. De aí que a veciñanza alomenos destes lugares debe ser consultada sobre do seu grao de aceptación ou non do proxecto.

Aeroxenerador 01  Padrín 696 m

Aeroxenerador 04 O Rueiro 749 m.

Aeroxenerador 01  A Brañeira 978

Aeroxenerador 06  Couso 765 m

Aeroxenerador 06  Esternande 761 m

Aeroxenerador 06  A Ribela 1.140 m

Aeroxenerador 06  Pereiras 1.167 m

4.- Impacto arqueolóxico.

As estruturas asociadas á máquina 02 así como parte do vial de acceso á máquina 01 na súa contorna atópanse na área de cautela do topónimo “Alto dous Sartegos(TOP15014013), localizándose así mesmo un pequeno tramo de gabia de cableado dentro da área de cautela do Túmulo de Monte dá Brañeira (GA15029034), sendo proxectada esta gabia pola cuneta máis afastada a este elemento da estrada existente.

É preciso afastar calquer elemento do parque eólico fóra da área de cautela dos bens arqueolóxicos e buscar por tanto outras alternativas, dada a súa incompatibilidade.

5.- Impacto acústico.

As fontes de ruído máis destacadas que se poden considerar en zonas próximas á área de implantación do proxecto eólico son:

 – Os vehículos que transitan polas estradas que rodean a zona de implantación, AG-55, AC-552, CP-2902 e CP-2904.

– Vehículos e maquinaria forestal que circulan polos numerosos camiños que se localizan na contorna do parque.

A isto hai que engadir o ruido do parque eólico proxectado, tanto na súa fase de execución como de funcionamento:

Núcleos afectados polo impacto acústico:

Municipio de Coristanco:

Aeroxenerador 01 Figueiroa 1.020 m

Aeroxenerador 02 O Rueiro 1.151 m

Aeroxenerador 03 O Rueiro 757 m

Aeroxenerador 04 O Rueiro 729 m

Aeroxenerador 05 Esternande 727 m

Aeroxenerador 06 Esternande 828 m

Municipio de Santa Comba:

Aeroxenerador 01  Estivada 3.111 m

Aeroxenerador 02 Estivada 2.563 m

Aeroxenerador Estivada 2.009 m

Aeroxenerador 04 Estivada 1.626 m

Aeroxenerador 05 Estivada 2.235 m

Aeroxenerador 06 Estivada 2.231 m

Municipio de Cabana de Bergantiños:

Aeroxenerador 01 Padrin 721 m

Aeroxenerador 02 Padrin 1.219 m

Aeroxenerador 03 Padrin 1.836 m

Aeroxenerador 04 Padrin 2.264 m

Aeroxenerador 05 Padrin 3.595 m

Aeroxenerador 06 Padrin 4.626 m

Indica a mercantil Greenalia que: “Tan só algunhas casas de Padrín, O Rueiro e Esternande percibirán entre os 40-45 dB, estando por tanto en todo momento dentro dos límites establecidos pola lexislación. As demais poboacións e casas illadas situadas máis afastadas que as citadas recibirían un nivel sonoro máximo de 40 dB como se observa no mapa de ruído”.  

Non obstante, como xa se dixo anteriormente a isto hai que engadir o ruido procedente doutras fontes de emisión como os vehículos que circulan polas estradas que rodean a zona de implantación, AG-55, AC-552, CP-2902 e CP-2904 e os vehículos e maquinaria forestal que circulan polos numerosos camiños que se localizan na contorna do parque. Polo tanto, cómpre a realización dun estudo sobre o impacto que sobre a saúde da veciñanza afectada vai a ter a sobreexposición cotiá e permanente ao cúmulo de ruidos e se estes entran dentro dos máximos tolerables, isto é, os os 55 dB de máximo xa que os aeroxeradores tamén funcionan en horario nocturno.

Entre as medidas correctoras propostas pola empresa para minimizar a sobreexposición da veciñanza ao ruido figura:

“Medidas correctoras propostas. No apartado correspondente á valoración do impacto acústico producido pola implantación do parque, obtívose a conclusión de que aquel era moi baixo nas poboacións próximas ao parque. Por tanto, non será necesario tomar medidas de corrección”.

Sin dúbida, a mercantil Greenalia pretende minimizar custes e facilitar a execución e posta en funcionamento do proxecto sen ter en conta a saúde da veciñanza e dos ecosistemas afectados. Non prevé nin medidas preventivas nin correctoras para minimizar o impacto acústico.

Tamén indica Greenalia, a mercantil promotora:

“No caso de que superen os valores legalmente establecidos adoptaranse as medidas correctoras oportunas (incremento do illamento dos equipos, pantallas de illamento acústico, etc)”.

Pois ben, isto non é correcto. A empresa debe establecer que medidas preventivas prevé adoptar en relación á problemática acústica, que no presente caso é crucial, dada a acumulación de ruidos aos que vai estar exposta a poboación próxima ao proxecto do parque e a avifauna. É por tanto unha irresponsabilidade non só non prever medidas correctoras, senón que é ilegal non establecer medidas preventivas para evitar o impacto acústico e as súas consecuencias para as poboacións locais e a avifauna.

6.-  Impacto sinérxico e acumulado dos 9 parques eólicos previstos para a zona de afección do proxecto eólico O Cerqueiral: impactos ambientais, paisaxísticos e acústicos. Necesidade dunha avaliación exhaustiva e pormenorizada tanto individual como de conxunto

Non se pode definir o impacto como moderado como realiza a mercantil promotora, senón que o impacto é moi severo tendo en conta a presenza de catro parques eólicos en tramitación e cinco en funcionamento nas proximidades da área de estudo. Cómpre analizar os efectos ocasionados polo novo parque de maneira individual e de maneira colectiva coas instalacións do mesmo tipo xa existentes. Os principais efectos sinérxicos non só se poden desenvolver sobre a paisaxe e a avifauna, como indica a mercantil promotora, senón tamén e ante todo, para a poboación dos núcleos implicados e directamente afectados. Se o impacto acústico era xa severo para os núcleos poboacionais sinalados anteriormente, ao ter en conta os 9 parques eólicos indicados, os efectos e impactos acumúlanse e sobredimensiónanse considerablemente e multiplicando o risco de colisión da avifauna. E isto non está correctamente avaliado en detalle.

Neste caso, dentro deste radio aparecen os seguintes parques:

• Parque eólico de Silvarredonda con 13 aeroxeradores a unha distancia de 4,5 quilómetros en dirección norte, en funcionamento.

• Parque eólico de Fonte Silva con 12 aeroxeradores a unha distancia de 0,64 quilómetros entre as dúas aliñacións do parque e ao sur, en funcionamento.

• Parque eólico de Ampliación de Fonte Silva con 4 aeroxeradores a unha distancia de 1,3 entre as dúas aliñacións do parque e ao sur, en funcionamento.

• Parque eólico de Zas- Meda con 80 aeroxeradores a unha distancia de 4 quilómetros en dirección suroeste, en funcionamento.

• Parque eólico de Lagoa con 10 aeroxeradores a unha distancia de 7,9 quilómetros en dirección suroeste, en tramitación.

• Parque eólico de Castelo con 25 aeroxeradores a unha distancia de 5,8 quilómetros en dirección sueste, en funcionamento.
• Parque eólico de Campelo con 9 aeroxeradores a unha distancia de 0,68 quilómetros en dirección este, en tramitación.

• Parque eólico de Bustelo con 10 aeroxeradores a unha distancia de 5 quilómetros en dirección este, en tramitación.

• Parque eólico de Monte Toural con 4 aeroxeradores a unha distancia de 4,4 quilómetros en dirección sueste, en tramitación.

A empresa recoñece:

“Poderíase xerar un impacto sinérxico entre as instalacións, existindo a posibilidade de que aumente o risco de colisión dá avifauna, producíndose un efecto maior do xerado polos parques existentes na actualidade”.

Hai que ter en conta que a permeabilidade que indica a mercantil promotora en relación ao proxecto eólico O Cerqueiral de 424 metros de separación é irrisoria, tendo en conta os diámetros das pás e as alturas previstas.

7.- Deforestación prevista e impacto hídrico

O proxecto prevé 5.984 metros liñais de vías o que implica a ocupación de 2,99 hectáreas. Ademais diso, a poligonal do parque ocupa unha superficie de 1.521 ha. A extensión indicada non é unha cuestión baladí tendo en conta a crise climática existente e que a deforestación contribue á súa agudización. Polo tanto, ás obras proxectadas non son de “modesta entidad” como indica a mercantil, senón que son obras de gran calado e importancia e que poden ter consecuencias severas para o medio. A realización das zanxas, vaguadas e viais vai a producir novas escorrentías nas vaguadas debido á creación de pistas e camiños e á modificación destes, coa posibilidade de derrube de marxes, excavacións e canalización dos ríos prevista. De feito prevé encauzar as augas do Rego Boaña e un afluente do mesmo, polo que evidentemente sí haberá impacto, e non como di a empresa: “que no existirá impacto”. De igual modo prevé cruzar con cabreado o rego da Bordesca e un afluente deste, co que hai riscos máis que probables de que se vaia a producir unha modificación da súa morfoloxía. O proxecto prevé actuacións que van a ter un impacto severo sobre a biodiversidade.

8.- Impacto severo sobre Hábitats Naturais

Parte das estruturas localízanse sobre formacións de hábitats catalogadas. As máquinas 01 e 02 e o seu vial de acceso, parte do vial de acceso á máquina 04 preto da máquina 03, parte das estruturas asociadas á máquina 04, así como algúns tramos de gabia entre as máquina 01-04 e a 05 localízanse sobre a mancha de hábitats código 16518 onde se poderían atopar formacións de  brezal seco europeo.

Dentro de máncha código 18076, na que se describe a presenza de  brezales húmidos, localízase unha pista existente que será necesario acondicionar, un pequeño tramo de novo vial e un tramo de gabia cableado.

Ao respecto cómpre indicar que a Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres establece no seu artigo 2:

“1. A presente Directiva ten por obxecto contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros ao que se aplica o Tratado.

2. As medidas que se adopten en virtude da presente Directiva terán como finalidade o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario”.

Conclusións:

É inadmisible o cúmulo de impactos severos que o proxecto do parque eólico O Cerqueiral prevé na área da súa influencia. Ningún ser humano merece vivir e desarrollarse na área de influencia de nove parques eólicos e exposto aos impactos acústicos e paisaxísticos de todos eles. En calquer caso, a veciñanza afectada debe ser consultada sobre a aceptación ou non deste proxecto, que pode marcar un antes e un despois nas súas vidas, tendo en conta ademais que o proxecto non prevé retorno social algún que vaia a mellorar a vida das poboacións afectadas. Polo tanto, a empresa debe consultar á veciñanza de Coristanco, Santa Comba e Cabana para coñecer se contan ou non coa necesaria licencia social para un proxecto tan agresivo coa entorna na que desarrollan as súas vidas.

Galería

O debate sobre a mina de Touro trasládase á Comisión de peticións do Parlamento europeo

Por terceira vez nos últimos dous anos, a problemática sobre a controvertida mina de Touro será trasladada ás institucións europeas. Nesta ocasión, tres representantes de distintos colectivos da rede Contraminacción, entre os que se atopa a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, e as asociacións de Petón de Lobo e Cova Crea, terán ocasión de defender ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo as súas reclamacións sobre a afectación do proxecto de extracción de cobre a ceo aberto que actualmente tramita a empresa Cobre San Rafael, así como a falta de transparencia por parte da Xunta de Galicia no procedemento. Así mesmo, tamén se cuestiona a restauración do territorio afectado pola antiga explotación, pechada fai máis de trinta anos, en particular o dano causado á calidade das augas tras o seu paso pola mina. En directa relación coas políticas europeas, atópase a afectación a explotacións agrarias beneficiarias da Política Agraria Común (PAC), dado que a actividade mineira podería afectar aos acuíferos e as balsas poderían ser perigosas para explotacións leiteiras lindeiras.

Para a admisión a trámite das tres peticións, a comisión do Parlamento Europeo tivo en conta, entre outras cuestións, que a Directiva sobre residuos da minería (Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2006, sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas e pola que se modifica a Directiva 2004/35/CE – Declaración do Parlamento Europeo, do Consello e da Comisión (DO L 102 de 11.4.2006, pp. 15-34)) establece a obriga de que as autoridades competentes garantan que os residuos de extracción se xestionen dun xeito que non supoña perigo para a saúde das persoas e sen utilizar procesos ou métodos que poidan danar o medio ambiente e, en particular, supoñer riscos para a auga, o aire, o chan, a fauna ou a flora, sen causar molestias debidas ao ruído ou os malos cheiros e sen afectar negativamente a paisaxe nin a lugares que presenten un interese especial. Doutra banda, tamén fai referencia a Comisión de Peticións áDirectiva marco sobre a auga (Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas (DO L 327 de 22.12.2000, pp. 1-73)), que esixe que as autoridades competentes, no contexto do plan hidrolóxico de conca pertinente, determinen as repercusións da actividade humana no estado das augas superficiais e das augas subterráneas, e adopten as medidas necesarias para acadar os obxectivos ambientais para todas as masas de auga.

A situación actual da mina de Touro, con constantes episodios de contaminación de augas e de ausencia de restauración ambiental do espazo degradado pola actividade dos anos 80, evidencia unha clara vulneración das directivas europeas mencionadas, así como da Directiva 2004/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, sobre responsabilidade ambiental en relación coa prevención e reparación de danos ambientais.

Imagen2

Se nin en máis de dous anos de tramitación do novo proxecto extractivo, nin en máis de trinta desde o cesamento na actividade mineira, as autoridades galegas e españolas non souberon ou non quixeron poñerlle remedio a unha situación xa insustentable de grave dano ao medio ambiente, terá que ser a Unión Europea quen tome cartas no asunto. Por este motivo, as persoas encargadas de defender mañá as peticións, insistirán en que estas permanezan abertas e que, dado que estamos ante un caso sistémico, igual que o das minas de San Finx en Lousame ou moitas outras ao longo da nosa xeografía, e que o Parlamento Europeo envíe unha «Fact Finding Visit» ou visita de investigación a Galicia, para poder inspeccionar in situ a situación de deixamento na que a nosa Administración tennos sumidos.

No caso da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, a petición fora presentada en 2018 co apoio da eurodeputada Lida Senra. Ao non conseguir esta manter o seu escano tras as eleccións ao Parlamento Europeo da pasada primavera, foi outra eurodeputada galega, Ana Miranda, quen tomou o relevo para manter a mina de Touro no punto de mira da Eurocámara.

A intervención dos peticionarios, que representarán ás asociacións Petón do Lobo (Petición n.º 0174/2018), Cova Crea (Petición n.º 1194/2017) e Mina Touro – O Pino NON (Petición n.º 0386/2018), está programada para as 14:30 horas do martes 12 de novembro. Pode seguirse en directo a través da seguinte ligazón:

https://www.europarl.europa.eu/ep-live/es/committees/video?event=20191111-1500-COMMITTEE-PETI

As tres peticións permanecen abertas a adhesións.

Imagen1

Galería

Felipe Macías, o edafólogo -político partidario da xeración de emprego, á costa da minería contaminante de Galicia que «promove» a Xunta de Galicia en Touro

https://www.youtube.com/watch?v=_sbKJxQv-e8

Aínda que é ben coñecida a posición do edafólogo Felipe Macías ao servizo do lobbie mineiro en Galicia, hai uns días a través de youtube, volviamos a ter noticia da súa opinión «técnica e sobradamente solvente» sobre o desastre mineiro de Touro.

Nun decidido paso máis da súa carreira de edafólogo a xa «veterano» político, o «experto» falaba da incrible xeración de empregos que podía xerar o polémico proxecto mineiro de Touro e da necesidade de superar a agricultura de subsistencia que se practica no municipio.

O «experto» comentaba a ausencia de contaminación do río Ulla e louvaba o progreso económico e social derivado do forte tecido mineiro de Galicia. A contaminación en Touro, por suposto non existe, e superar a agricultura e gandeiría arcaicas da zona só é posible apostando por un proxecto mineiro que pode xerar moito emprego en Touro, nun municipio no que a xente non ten traballo nen traballa, por non ter onde.

Escoitar a opinión deste tipo de «expertos» cuestiona o papel non só da universidade en Galicia, senón tamén dos grupos de investigación, que apoiados con fondos públicos comunitarios, se promoven neste caso desde a universidade de Santiago de Compostela.

Aínda que somos conscientes da liberdade de expresión, isto non obsta sen embargo a decencia e a ética de profesionais venvellados a programas de investigación e a organismos universitarios financiados con diñeiro público de toda a cidadanía galega, e incluso europea.

Como alguén vencellado a CRETUS, Cros- Research in Environmental Technologies*, pode obviar a contaminación dos cauces de Touro, que foi obxecto xa de varios expedientes sancionadores por parte de Augas de Galicia e dou lugar á apertura dunhas dilixencias penais por parte do Xulgado de Arzúa?

Así nos vai.

*CRETUS, Cros- Research in Environmental Technologies,  é unha agrupación estratéxica constituída en 2015 por 8 grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (4 GRC e 4 GPC) co obxectivo de desenvolver e avaliar tecnoloxías ambientais sustentables buscando solucións que permitan minimizar impactos e riscos, tratando de recuperar recursos, a través de procesos que sexan económica, social e ambientalmente sustentables.

9.png
http://www.usc.es/cretus/felipe-macias-vazquez/

Galería

Corcoesto dá xaque mate ao proxecto mineiro de Edgewater

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima todas as pretensións de Mineira de Corcoesto s.l.u e declara ser conforme a Dereito, a denegación do proxecto mineiro de Corcoesto

  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia apoia as pretensións da Xunta de Galicia e da asociación ambiental Petón do Lobo
  • A filial da multinacional canadiana, agora panameña, é condenada nas costas do proceso

Nunha sentencia dada a coñecer no día de hoxe, e que é aínda recorrible ante o Tribunal Supremo, o máximo Tribunal galego desestima o recurso contencioso –adminisstrativo interposto por Mineira de Corcoesto, S.L.U. contra as resolucións da Xunta de Galicia do 11 de marzo de 2014, de denegación do proxecto de explotación “Emilita” nº 121”, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad de Masma” nº 1455, que formaban  o coñecido grupo minero Corcoesto, situadas nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco da provincia da Coruña.

LUGAR GRANDE CORCOESTO, AFECTADO POLO PROXECTO DE EDGEWATER
Parroquia de Corcoesto, co lugar Grande ao fondo

O alto Tribunal galego confirma a insuficiente acreditación da solvencia económica e técnica do proxecto mineiro de Edgewater. O Tribunal fai especial fincapé na capacidade da Xunta de Galicia para valorar a solvencia das empresas promotoras de proxectos mineiros, e lembra a constitucinalidade da chamada “Cláusula Corcoesto”, relativa á caducidade dos dereitos mineiros introducida no 2014 pola Xunta de Galicia na reforma da Lei de minas. Así, o propio Tribunal Constitucional xa falara da capacidade que ten a Xunta para denegar dereitos mineiros polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante.

No caso de Corcoesto, a esixibilidade dos requisitos de solvencia era lóxica, posto que a envergadura do proxecto así o esixía. Tal como señala o Tribunal: “no outorgamento dunha concesión mineira a Administración debe garantir a racionalidade da explotación que se pretenda, máxime cando se ache con proxectos de tamaña envergadura como o presente, racionalidade que se tutela mediante a análise rigorosa da solvencia económica e técnica da solicitante, que neste caso non acreditou, debido a que non deu cumprimento ao requirimento que se lle fixo con esa finalidade”.

Por último o Tribunal refírese á falla de rigor do informe pericial presentado pola filial panameña, autoría de Gran Thorn y CRS. En relación a este extenso e exhaustivo informe achegado á causa co fin de acreditar eses requisitos,- do que o perito Don Juan León Cuollaut Sáez de Sicilia é autor, adoece de rigor xa que se se trae a colación datos e conclusións que se especifican nos folios 7 a 11, valorados estes igualmente conforme ás regras da sa crítica, conclúese sen dúbida unha falta de rigor na súa elaboración, á parte dunha serie de contradicións coas declaracións do perito a preguntas escritas que se lle formularon durante a práctica desa proba, se partimos de que as contas dunha empresa son instrumentos que se utilizan en contabilidade para representar os diferentes elementos patrimoniais da mesma, recoller as variacións experimentadas por cada un deses elementos patrimoniais durante un período de tempo e poñer de manifesto o seu valor nunha data determinada”.

REUNIÓN DE CORCOESTO EN LAXE, COA ASOCIACIÓN AMBIENTAL CONTRAMÍNATE
A asociación ambiental Contramínate, apoio chave na loita contra o proxecto mineiro que a multinacional canadiana Edgewater pretendía explotar en Corcoesto

O proxecto mineiro de Edgewater en Corcoesto debera servirlle á Xunta de Galicia, e en concreto ao Director Xeral de Enerxía e Minas, para aprender que non se pode confiar nas multinacionais, que alleas aos intereses de Galicia, só venden fume e proxectos extractivos depredadores de recursos, que só se queren aproveitar ao máximo deles e que non lles importa nada as consecuencias dos seus actos.

A asociación Petón do Lobo agradece as súas persoas socias, plataformas, asociacións e á cidadanía en xeral,  todo o apoio recibido ao longo da extensa tramitación xudicial deste caso, e anima á Plataforma veciñal de Touro –O Pino a manter e preservar no tempo o espíritu de loita contra outro proxecto depredador e contaminante como é o que lles afecta.

VAL DE CURES, CORCOESTO, AFECTADO POLO PROXECTO DE EDGEWATER
Val de Cures, na parroquia de Corcoesto