Galería

Augas de Galicia desautoriza a Felipe Macías

–       O ex-profesor da USC elaborou informes tentando desresponsabilizar a concesionaria da mina de San Finx dos vertidos con metais pesados.

–       Augas de Galicia concluíu que o estudo de Macías “carece de suficiente fundamento e xustificación”

–       Contraminacción esíxelle aos colexios profesionais que se retracten do seu apoio e á USC que lle retire a condición de emérito.

11 de agosto de 2020.- Augas de Galicia vén de desbotar nun informe recente as conclusións do estudo elaborado por un equipo do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da USC liderado por Felipe Macías. En dito estudo, feito a petición da concesionaria da mina de San Finx, Valoriza Minería, o equipo de Macías conxecturaba a existencia de elevadas concentracións naturais de cadmio no entorno da mina de Lousame (A Coruña). Segundo Macías, este fondo natural sería o responsable das altas concentracións presentes no río en vez das verteduras ilegais procedentes da mina.

Ante a dúbidas suscitadas polas conxecturas de Macías e as propias alegacións presentadas por colectivos da rede ContraMINAcción apoiándose nun informe do experto de prestixio intenacional Steven H. Emmerman, Augas de Galicia someteu o estudo de Macías a unha revisión por parte dun equipo da Universidade da Coruña liderado polo Catedrático da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Javier Samper. A UdC, a través dun detallado informe de 238 páxinas, considerou que as explicacións de Macías “carece de suficiente fundamento e xustificación”; advertindo de numerosas fallas, tanto metodolóxicas como aritméticas. As conclusións foron confirmadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Augas de Galicia ten constancia das verteduras mineiras ao río San Fins, a 7 km dos bancos marisqueiros da Ría de Noia e Muros, e que proceden da mina, con rexistros constantes de altas concentracións de cadmio mesmo a 4,4 km da mina. A pesar disto e dos procesos xudiciais en curso relacionados coas minas de San Fins, nunca se sancionou ao concesionario mineiro polas verteduras, manténdose artificialmente aberto desde hai 5 anos un expediente de autorización de verteduras inzado de irregularidades.

Felipe macías
Felipe Macías Vázquez. • Catedrático de Universidade • Departamento: Edafoloxía e Química Agrícola

 

Piden á USC que se desvincule de Macías

Non é a primeira vez que o ex-profesor da Universidade de Santiago de Compostela informa ou lidera a redación de controvertidos informes en procesos relacionados cos impactos ambientais de determinadas actividades, habitualmente a petición das empresas responsábeis deses impactos. Noutros traballos, Felipe Macías xa tentara favorecer proxectos mineiros como o de Touro, onde chegara a propor a creación dun parque temático sobre organismos extremófilos para o estudo da vida extraterrestre como excusa para eximir a concesionaria da restauración dos cauces contaminados.

A ‘credibilidade’ dos traballos de Macías valeulle o Premio Dioxina por parte de ADEGA en 2019, pola súa “defensa de proxectos tan delirantes e agresivos como a Mina de Touro”, en cuxo entramado empresarial participa directamente o ex-profesor a través dunha empresa de tecnosoles, ou os parques eólicos na Serra do Xistral, a piscifactoría de Touriñán, a balsa mineira das Pontes ou a eucaliptización do País.

Os conflitos de interese do ex-profesor á hora de informar determinados proxectos usando as siglas da Universidade de Santiago, así como a falta de rigor dos estudos e informes, confirmada no caso de San Fins por outro equipo da Universidade da Coruña e xa evidenciada anteriormente polo Dr. Steven H. Emmerman, fíxeron que desde ContraMINAcción se reitere a petición á USC para que lle retire o título de emérito logo de investigar unha situación que afecta gravemente a reputación de toda a Universidade.

ContraMINAcción esixe a rectificación dos Colexios profesionais

En xuño de 2019 catro Colexios profesionais (Xeólogos de España, de Químicos de Galicia, de Enxeñeiros de Minas do Noroeste e de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia) emitiron un comunicado de aplauso a Felipe Macías pola súa actuación en San Finx e Touro con duras críticas que pretendían desprestixiar publicamente o traballo do Dr. Steven H. Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas.

Naquela altura, o comunicado indicaba que “se ha permitido poner en duda el trabajo y profesionalidad del catedrático” [Macías] e “despreciar y desprestigiar sin mayor argumento científico o técnico, ni currículo que avale su opinión”. Emerman cuestionara as conxecturas de Felipe Macías evidenciando extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras nun dos informes de Macías sobre San Finx, co fin manifesto de eximir a concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais.

Unha vez que tanto o prestixioso equipo da Universidade da Coruña como Augas de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica desbotaran as conxecturas do equipo de Macías, ContraMINAcción esíxelles aos catro colexios profesionais que, “por principios deontolóxicos e pola reputación dos propios colexios que poderían estar a ser usados para intereses espúreos”, retiren os seus comunicados anteriores e informen de forma fehaciente dos resultados da avaliación feita sobre o estudo liderado por Macías.”

Contraminacción lembra o vergoñento feito de que un membro da directiva do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste estea a ser investivago por presunta falsidade documental en relación ás Minas de San Finx; e que o xeólogo da mina de Touro e co-promotor do comunidado sexa o delegado en Galicia do Colexio de Xeólogos. ContraMINAcción esixe aos Colexios profesionais que na súa calidade de corporacións de dereito público inicien de inmediato un procedemento interno de deslinde de responsabilidades respecto aos posibles conflitos de intereses existente nos seus órganos de dirección.

meme_presas_san_finx2

Galería

As minas de San Fins de Lousame, de novo no Parlamento europeo

No día de hoxe a problemática das minas de San Fins, no municipio coruñés de Lousame, estivo presente na orde do día da Comisión de Peticións do Parlamento europeo en Bruselas.

Sobre as 11:30 horas debatíase de novo a petición 59/2017, relativa á falla de información, á falla de seguridade e a contaminación das presas mineiras de San Fins. A petición presentada no seu día pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, xa fora defendida o 11 de xullo de 2018 no seo desta Comisión, por Xosé Manuel Romarís Cercós, quen conseguira que a petición ficara aberta á espera de novos informes.

Nesta ocasión a defensa da petición foi asumida por Joám Evans Pin, quen compartiu cos presentes datos técnicos emitidos por persoal experto, sobre da contaminación dos cauces fluviais de San Fins e a falla de restauración das antigas labores mineiras.

O poñente manifestou a falla de dilixencia do departamento de minas da Xunta de Galicia, que aínda a tarde anterior remitira os informes solicitados no seu día pola Comisión europea tras o primeiro debate da petición no ano 2018, impedindo con esta actuación extemporánea que os mesmos foran examinados co debido detalle polas persoas afectadas e eurodeputadas interesadas, e co posible prexuizo derivado da indefensión provocada pola falla de información.

Joám Evans tamén chama a atención sobre as conclusións do informe tardío aportado polo departamento de minas da Xunta de Galicia, que dirixe Bernardo Tahoces. O informe sorpresivamente alude a que as presas mineiras abandonadas foron construidas con fins eléctricos e non mineiros, con unha clara intención de obviar o control da Comisión de peticións e “burlar” a transparencia, a falla de información veraz, a seguridade xurídica, o principio de igualdade e contradicción das partes nos procedementos administrativos, e en definitiva ao noso xuizo, “terxiversar con mentiras” un sistema democrático baseado no principio de legalidade e de responsabilidade dos poderes públicos. O que sería un gran motivo para pedir xa desde aquí a dimisión do responsable de minas da Xunta de Galicia.

No Inventario de Balsas mineiras encargado pola Xunta de Galicia no ano 1999 xa figuraban as balsas mineiras de San Fins. Tampouco se fixo unha avaliación medioambiental e a cidadanía nunca tivo a oportunidade de participar no procedemento de reapertura desta mina no ano 2010. Todo isto engadido á contaminación existente, á falla de restauración das actividades mineiras anteriores e á falla de supervisión das empresas mineiras responsables que non se deixa ao azar. Semella existir unha intencionalidade clara e manifesta de incumprir a normativa europea, española e galega por parte do departamento de minas da Xunta de Galicia, en favor das empresas mineiras.

No debate participaron as eurodeputadas María Soraya Rodríguez Ramos, Tatjana Zdanoka, Yana Toom, Cristina Maestres Martín de Almagro e Margrete Auken, que reprocharon á Xunta o seu desleixo en relación ás minas de San Fins. Incluso pediron a formación dunha comisión de investigación para que supervisara in situ a falla de restauración mineira e a contaminación.

Destacou a posición do ex ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, partidario de arquivar a petición.

A petición queda aberta á espera do informe da Comisión europea. Cómpre destacar o importante traballo que realizou a eurodeputada Ana Miranda e o BNG no Parlamento europeo a través do grupo Verdes-ALE para que a petición puidera ser tratada no día de hoxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

Galería

O desleixo da Xunta de Galicia en relación ás presas mineiras de Lousame, a debate no Parlamento europeo

Eran ao redor das 16 horas dun mércores 11 de xullo de 2018, e en Bruselas, na Comisión de peticións do Parlamento europeo, debatíase sobre a petición 59/2017, relativa á falla de información, á falla de seguridade e a contaminación das presas mineiras de San Fins, no municipio de Lousame.

En representación da asociación Petón do Lobo (a peticionaria) interviña Xosé Manuel Romarís Cercós, quen nunha exposición clara e consisa, amosaba a problemática das presas mineiras.

Screenshot_2018-07-12-16-43-08.png
Xosé Manuel Romarís durante a súa intervención en Bruselas, na sede do Parlamento

“A persistencia e abandono das presas e a falta de aplicación das normas europeas en materia de xestión de residuos mineiros provocou a continuidade na degradación e contaminación dos espazos circundantes, feito sobradamente coñecido pola Administración. Nun informe ambiental de 27/10/2010 realizado polo departamento de medio ambiente da Administración galega a pedido da administración de augas, indicábase “que a explotación mineira alterou de forma moi importante a zona de policía, a servidume de paso, marxe e leito do río da Mina de San Finx, debido principalmente á creación dun vertedoiro e por arrástrelos que esta ocasionou, os cales chegaron a colmatar totalmente o leito do río á súa altura”. Continúa indicando que a explotación “ocasionou a perda total da ictiofauna do río así como da maioría de macrófagas acuáticas, xa que non vai a el ningún outro vertedura industrial que puidese causar estes danos. Ademais, os afluentes deste río non afectados pola mina, contan coa presenza de ictiofauna”. No informe “conclúese que a reapertura da mina implicaría un empeoramento da área afectada e impediría a recuperación natural dá zona”. Non só se aprobou a reapertura da mina con proxectos de explotación e restauración que non se someteron ao trámite de impacto ambiental preceptivo, senón que en base a leste e outros informes a administración de augas mesmo aprobou unha concesión de aproveitamento de augas, que necesariamente tería que esixir o cumprimento do condicionante de avaliación ambiental imposto na resolución de transmisión de dereitos de 2008”.