A Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, publicou a Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas (DOG Nº 157, de 20 de agosto).
Segundo a Instrucción, as solicitudes de información manifestamente repetitivas ou que teñan un carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia da Lei 19/2013, do 9 de decembro poderían ser rexeitadas ou inadmitidas. As demandas de información e transparencia dirixidas á Consellería de Economía, Emprego e Industria son cada vez máis numerosas por parte da cidadanía, preocupada polos desleixos cometidos durante anos por este departamento da Xunta de Galicia, e que cristalizaron nunha política de restauración de espazos mineiros degradados inexistente ou inoperativa e ineficaz, á vista dos problemas ambientais e de saúde pública que se están a producir en espazos mineiros abandonados como os das antigas minas de Touro, Santa Comba, Lousame ou no Monte Neme, en Carballo.

Para elo o Director Xeral de Minas da Xunta de Galicia, ao máis “puro estilo Maduro” reinterpreta nunha versión moi sui generis a Lei de Transparencia, e indica que aplicarase o criterio interpretativo CI/003/2016 do 14.7.2016 do Consello de Transparencia e Bo Goberno en relación cos supostos en que unha solicitude de información pode entenderse abusiva (punto 2.2.1).
Preténdese así frear a manchea de solicitudes de información que se dirixen a súa Dirección Xeral, supoñemos que para gañar tempo, e distraer as solitudes presentadas cara outros trámites adicionais non precisos, pero que poderían actuar como manobra de distración, mentras recopila, clasifica e ordea toda a documentación que xa, en pleno século XXI, debera obrar dixitalizada nos correspondentes archivos, e que é posible que non saiba nin onde está ou poida que busque depurar os expedientes para eludir a alarma social que podería xerar saber, por exemplo, que hai unha estrada ameazada polo risco de derrube, dada a súa inestabilidade por estar enriba dunha vella mina, e pola que circulan a diario centos de vehículos pesados (o caso da estrada local que une Corcoesto con Cereo), e que ninguén fixo nada ao respecto. E seguir ocultando outras informacións, que poderían xerar outro tipo de alarmas, e que con respecto ás mesmas, tampouco se fixo nada durante anos e anos.
Indica a Instrución que “os actos de exercicio de calquera dereito, sen ningunha excepción, están sometidos ao límite do abuso de dereito. Concorre abuso de dereito sempre que estean presentes dous elementos: que o seu exercicio supere os límites normais do dereito e que se cause un dano a terceiro. Constitúe dano a terceiro a utilización de recursos humanos, económicos ou técnicos por parte da Administración para atender unha solicitude que supón unha extralimitación respecto dos límites normais do dereito de acceso á información pública”.
Que significa que a solicitude supere os límites normais do dereito non o explica a Instrución, pero sí o fai en relación ao concepto “dano a terceiro”, que é nin máis nin menos que o argumento que está a empregar arestora a Dirección Xeral de Minas para frear o acceso á información pública a expedientes relacionados cos dereitos mineiros de Touro, Lousame e Santa Comba. A argumentación que empregan en liñas xerais, é que con estas solicitudes de información colapsan os servizos administrativos da Dirección Xeral de Minas, xa que hai que adicar persoal a atendelas, e así, ese persoal non se adicaría as funcións habituais, o que acabaría sendo un desperdicio de recursos e de tempo, xa que ficarían outros expedientes sen resolver.
Así, segundo o punto 2.2.1 do criterio interpretativo CI/003/2016 do 14.7.2016 do Consello de Transparencia e Bo Goberno ao que alude a “Instrucción Tahociana”, sinala:
“1. Así, unha solicitude pode entenderse ABUSIVA cando se atope nalgún dos supostos ou que se dean algún dos elementos que se mencionan a continuación:
- Con carácter xeral, naqueles casos en que poida considerarse incluida no concepto de abuso de dereito recollido no artigo 7.2 do Código Civil e avalado pola xurisprudencia, isto é: “Todo acto u omisión que pola intención do seu autor, polo seu obxecto ou polas circunstancias nas que se realice sobrepase manifestamente os límites normais do exercicio dun dereito”.
- Cando, de ser atendida, requira un tratamento que obrigara a paralizar o resto da xestión dos suxeitos obrigados a subministrar a información, impedindo a atención xusta e equitativa do seu traballo e o servizo público encomendado, e así resulte dacordo con unha ponderación razoada e baseada en indicadores obxectivos.
- Cando supoña un risco para os dereitos de terceiros.
- Cando sea contraria ás normas, as costumes ou á boa fe”.
Mais o que esquece o Director Xeral de Enerxía e Minas é que o criterio interpretativo 2.2.2 indica:
“2. Considérase que a solicitude está XUSTIFICADA COA FINALIDADE DA LEI cando se fundamenta no interés lexítimo de:
- Someter a escrutinio a acción dos responsables públicos.
- Coñecer como se toman as decisións públicas.
- Coñecer como se manexan os fondos públicos
- Coñecer baixo que criterios actúan as institucións públicas”.

Por tanto, o Sr. Tahoces debera saber que é normal que a xente presente solicitudes de información, e é normal que se presenten moitas, e incluso diríamos que é perfectamente normal que coincidan moitas das solicitudes, porque o que non é normal, Sr. Director Xeral de Enerxía e Minas é que en pleno século XXI existan espazos degradados e contaminados como os de Touro, os de Lousame, os de Santa Comba, os de Carballo co caso Monte Neme, e o que sí é un abuso de dereito e causa dano á cidadanía é que durante longos anos, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas non fixera absolutamente nada por restaurar os espazos degradados e obrigar ás empresas a cumprir a normativa de restauración mineira, que é para o que está o Sr. Tahoces, para iso, é Director Xeral, e por iso se encarga da área de Minas. Por iso, é normal que a cidadanía se plantexe que fan os seus responsables públicos, é normal que a xente queira saber como se manexan os fondos públicos adicados á restauración mineira, e que decisións públicas se tomaron en relación a estes espazos e baixo que criterios despois de tantos anos de inactividade e de non facer nada. E é moi normal que a xente queira saber os motivos polos que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas eludiu durante anos e anos as súas obrigas legais. Polo tanto, aquí o único abuso de dereito que hai é o da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que se excede en demasía do que é normal, para reinterpretar unha Lei e consecuentemente coa posibilidade de danar a terceiros, neste caso á cidadanía galega.
Ademais o dereito de acceso á información é un Dereito constitucional como ben deberan saber no departamento que dirixe o conselleiro Francisco Conde, recoñecido na Carta Magna española, e que está bastante por arriba deste esperpento de Instrución Tahociana, que teñen a desfachatez de publicar no DOG.