Galería

Coñece o proxecto eólico Pena Ombra en Guitiriz (Lugo) e Curtis e Sobrado dos Monxes (A Coruña), na Serra dá Cova dá Serpe. Descarga o modelo de alegación e participa!

Coñece as características e os previsibles impactos ambientais do proxecto do parque eólico Pena Ombra en Guitiriz (Lugo) e Curtis e Sobrado dos Monxes (A Coruña), na Serra dá Cova dá Serpe. Pica no enlace e descarga o cadro -resumo:

Colabora e participa! Pica no enlace adxunto e descarga o modelo de alegacións ao proxecto do parque eólico Pena Ombra. Só tes que cubrir a cabeceira do escrito cos teus datos persoais e asinar na última folla. Logo preséntao no Rexistro de calquer Administración pública. Tamén podes modificar o modelo.

Podes consultar no enlace seguinte o documento «Hábitats de turbera en la Red Natura 2000» de Pablo Ramil-Rego – Manuel A. Rodríguez Guitián (Eds.). «Propuesta de Ampliación de la Red Natura 2000 en Galicia».

Presencia de humidais e hábitats prioritarios na Serra dá Cova dá Serpe
Imaxes do proxecto eólico Pena Ombra
Imaxes do proxecto eólico Pena Ombra. Afección ao patrimonio cultural
Galería

Solicitamos á Xunta de Galicia o cumprimento da normativa que protexe o patrimonio cultural inmaterial ante a avalancha de proxectos eólicos que transforman o territorio e os usos dos solos

A raíz da manchea de proxectos eólicos que se prevé instalar en Galicia cómpre facer algunhas consideracións en relación á necesaria protección do patrimonio inmaterial, e en particular sobre unha das súas manifestacións máis importantes, a toponimia e a microtoponimia.

Se nun monte arestora poden existir alomenos un topónimo para a súa identificación e un microtopónimo incluso para cada unha das parcelas que o conforman, cos efectos do frenesí eólico impulsado pola Xunta de Galicia, estamos a ver como a instalación dos parques eólicos varre por completo con este patrimonio inmaterial (incluidas as lendas, contos…etc. que puideran existir no ámbito da instalación industrial) e o lugar afectado remata por coñecerse por un só nome, o nome do parque eólico ou proxecto industrial, urbanización…etc, que incluso pode ser un nome totalmente alleo ao lugar e/ou de invención propia da mercantil promotora.

Os nomes das terras, dos arroios, das fontes, das penas… son identitarios de Galicia e corren un grave risco de desaparecer porque a maioría só teñen existencia na memoria das persoas maiores. As aldeas quedan sen xente; cada vez hai menos persoas que vivan da agricultura e da ganderíae a actividade pastoril nas serras está case desaparecida…. Coa muda de toda esta realidade o patrimonio inmaterial está en risco.

As transformacións urbanísticas e o cambio dos usos dos solos afectan de xeito severo ao patrimonio inmaterial asociado. A perda dos bens materiais asociados aos nomes de lugar influe significativamente na perda da toponimia e da microtoponimia.

Cómpre adoptar medidas urxentes para a protección deste patrimonio inmaterial e evitar ser un pobo sen memoria.

  • O papel da cidadanía activa como promotora da inclusión do patrimonio inmaterial nos documentos de avaliación ambiental dos proxectos eólicos, industriais e urbanísticos de calquer tipo

Os topónimos, aínda que permanentes no tempo, son moi dinámicos e asígnanse, modifícanse e altéranse de acordo coas necesidades da sociedade e coa súa percepción do territorio, por iso son un legado que debe ser estudado e preservado para o coñecemento de futuras xeracións. É un patrimonio ameazado: de todas é coñecido o proceso de despoboamento que está a sofrir o rural galego, polo que unha parte importante do acerbo toponímico está en serio perigo de perderse para sempre, perda cultural, pois a denominación dos lugares transcende o paso do tempo polo seu perdurabilidade, e por tanto achega unha riquísima información sobre o pasado: os aproveitamentos tradicionais, a fauna, a vexetación ou os acontecementos históricos. Como tal é un importante recurso do patrimonio cultural inmaterial, pouco estudado e valorado.

Neste senso destaca o papel da cidadanía activa para esixir o cumprimento da normativa vixente e que as avaliacións de impactos ambientais recollan todo o patrimonio inmaterial que posiblemente remate esquecido tras a instalación dos parques eólicos.

A cidadanía activa ten o dereito a participar na toma de decisións que afectan ao medio ambiente e por tanto, o dereito a pedir que se cumpra a normativa que protexe o patrimonio inmaterial. Esta participación materialízase tanto no periodo inicial de consultas dos proxectos como na fase da exposición pública dos mesmos. Por outra banda, as persoas directamente afectadas polos proxectos, teñen o dereito engadido de ser escoitadas pola Administración ao longo de toda a tramitación administrativa.

O Convenio de  Aarhus outorga ao público (particulares e asociacións que as representan) o dereito de acceder á información e participar nas decisións adoptadas en materia de medio ambiente, así como de reclamar unha compensación se non se respectan estes dereitos.En 2003, os países da UE aprobaron a Directiva 2003/4/CE relativa ao acceso do público á información ambiental. Debían incorporala ao dereito nacional antes do 14 de febreiro de 2005.

En 2006, a UE adoptou o Regulamento (CE)  número 1367/2006 que esixe ás institucións e organismos da UE aplicar as obrigacións recollidas no Convenio de  Aarhus.

Galicia sempre foi un referente no patrimonio inmaterial. Sen embargo, este patrimonio está en risco. A participación da cidadanía nas avaliacións ambientais dos proxectos industriais é un elemento chave para esixir o respecto a este patrimonio e promover a conservación e a posta en valor da riqueza toponímica do país.

  • Fundamentación normativa

Así a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental indica que  unha vez que o promotor elaborou o estudo de impacto ambiental, o órgano substantivo debe realizar, nesta ocasión con carácter obrigatorio, os trámites de información pública e de consultas ás administracións afectadas e ás persoas interesadas. A lei establece, por primeira vez, que terán carácter preceptivo entre outros, o informe sobre patrimonio cultural.

Artigo 5 da citada lei establece que entenderase por:

“a) “Avaliación ambiental”: proceso a través do cal se analizan os efectos significativos que teñen ou poden ter os plans, programas e proxectos, antes da súa adopción, aprobación ou autorización sobre o medio ambiente, incluíndo na devandita análise os efectos daqueles sobre os seguintes factores: a poboación, a saúde humana, a flora, a fauna, a biodiversidade, a  geodiversidad, a terra, o chan, o subsolo, o aire, a auga, o clima, o cambio climático, a paisaxe, os bens materiais, incluído o patrimonio cultural, e a interacción entre todos os factores mencionados”.

A avaliación ambiental inclúe tanto a avaliación ambiental estratéxica, que procede respecto dos plans ou programas, como a avaliación de impacto ambiental, que procede respecto dos proxectos. En ambos os casos a avaliación ambiental poderá ser ordinaria ou simplificada e terá carácter instrumental respecto do procedemento administrativo de aprobación ou de adopción de plans e programas, así como respecto do de autorización de proxectos ou, no seu caso, respecto da actividade administrativa de control dos proxectos sometidos a declaración responsable ou comunicación previa.

A lagoa de Traba, no municipio de Laxe, fonte de innumerables lendas e afectada polos proxectos eólicos Monte Chan e Pena dos Mouros

Por  “Patrimonio cultural” entende a lei que se inclúen todas as acepcións deste tipo de patrimonio, tales como histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, industrial e inmaterial.

Por outra banda o artigo 7 da lei referenciada, relativo á aplicación da avaliación de impacto ambiental, indica que serán  obxecto dunha avaliación de impacto ambiental simplificada:

“c) Calquera modificación das características dun proxecto do anexo I ou do anexo II, distinta das modificacións descritas no artigo 7.1. c) xa autorizados, executados ou en proceso de execución, que poida ter efectos adversos significativos sobre o medio ambiente. Entenderase que esta modificación pode ter efectos adversos significativos sobre o medio ambiente cando supoña:

(…) 6.º Unha afección significativa ao patrimonio cultural”.

O artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro relativo ao estudo de impacto ambiental indica:

“1. Sen prexuízo do sinalado no artigo 34.6, o promotor elaborará o estudo de impacto ambiental que conterá, polo menos, a seguinte información nos termos desenvolvidos no anexo VI:

c) Identificación, descrición, análise e, se procede, cuantificación dos posibles efectos significativos directos ou indirectos, secundarios,  acumulativos e  sinérgicos do proxecto sobre os seguintes factores: a poboación, a saúde humana, a flora, a fauna, a biodiversidade, a  xeodiversidade, o chan, o subsolo, o aire, a auga, o medio mariño, o clima, o cambio climático, a paisaxe, os bens materiais, o patrimonio cultural, e a interacción entre todos os factores mencionados, durante as fases de execución, explotación e no seu caso durante a demolición ou abandono do proxecto”.

Por outra banda o artigo 37 referido á consulta ás Administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas establece que oórgano substantivo deberá solicitar con carácter preceptivo os seguintes informes, que deberán estar debidamente motivados:

“a) Informe do órgano con competencias en materia de medio ambiente da comunidade autónoma onde se sitúe  territorialmente o proxecto.

b) Informe sobre o patrimonio cultural, cando cumpra”.

Ademais entre os criterios mencionados no artigo 47.2 para determinar se un proxecto do anexo II debe someterse a avaliación de impacto ambiental ordinaria figura a súa posible afección a “9.º Áreas con potencial afección ao patrimonio cultural” e o estudo de impacto ambiental, ao que se refire o artigo 35, deberá incluír a información detallada nos epígrafes que se desenvolven a continuación:

“(…) b) Descrición, censo, inventario, cuantificación e, no seu caso, cartografía, de todos os factores definidos no artigo 35, apartado 1, letra  c), que poidan verse afectados polo proxecto: a poboación, a saúde humana, a biodiversidade (por exemplo, a fauna e a flora), a terra (por exemplo, ocupación do terreo), a  geodiversidade, o chan (por exemplo, materia orgánica, erosión,  compactación e selaxe), o subsolo, a auga (por exemplo, modificacións  hidromorfolóxicas, cantidade e calidade), o medio mariño, o aire, o clima (por exemplo, emisións de gases de efecto invernadoiro, impactos significativos para a adaptación), o cambio climático, os bens materiais, o patrimonio cultural, así como os aspectos arquitectónicos e arqueolóxicos, a paisaxe nos termos do Convenio Europeo da Paisaxe, e a interacción entre todos os factores mencionados”.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia establece no seu Título V o réxime do patrimonio cultural inmaterial. O artigo 8 relativo á  “Clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia” establece:

“Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

(….)3. Considéranse bens do patrimonio cultural inmaterial para os efectos desta lei:

a) Os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e en particular:

1. º A lingua como vehículo do patrimonio cultural inmaterial, regulada pola súa normativa específica.

2. º As tradicións e expresións orais.

3. º A toponimia.

4. º As artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes.

5. º Os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos.

6. º Os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo.

7. º As técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos”.

O artigo 34 do texto legal citado expresa no relativo aos «Plans, programas e proxectos con incidencia sobre o territorio»:

«1. Todos os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos como a paisaxe, o desenvolvemento rural ou as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afección ao patrimonio cultural de Galicia pola súa incidencia sobre o territorio, deberán ser sometidos ao informe da consellería competente en materia de patrimonio cultural, que establecerá as medidas protectoras, correctoras e compensatorias que considere necesarias para salvagárdaa do patrimonio cultural afectado, sen prexuízo das súas competencias para a posterior autorización das intervencións que puideren derivarse dos documentos en trámite.

No caso de plans, programas ou proxectos sometidos a un procedemento de avaliación ambiental, o organismo competente para a súa tramitación solicitará o informe preceptivo da consellería competente en materia de patrimonio cultural segundo o establecido na normativa reguladora dos devanditos procedementos de avaliación ambiental.

As condicións e conclusións deste informe incluiranse nos resultados do informe ambiental que corresponda«.

O artigo 69 da citada lei refírese ás medidas específicas de salvagarda e establece que as administracións públicas adoptarán unha política xeral encamiñada a destacar a función do patrimonio cultural inmaterial na sociedade como elemento de carácter  identitario, así como a integrar o súa salvagarda nos seus programas de planificación, especialmente mediante os programas educativos e de sensibilización adecuados para o recoñecemento, o respecto, a difusión e a valorización do patrimonio cultural inmaterial na sociedade, nos que a infancia e a mocidade ocuparán un lugar relevante.

  • A protección do patrimonio inmaterial na normativa española

O 17 de outubro de 2003, aprobábase pola Unesco a Convención para a  Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, ratificada por España no ano 2006.

A Constitución Española de 1978 no artigo 46 protexe o patrimonio cultural inmaterial e o artigo 149.1.28.ª redunda na referencia ao patrimonio cultural, xunto ao artístico e monumental español.

A Lei 10/2015, do 26 de maio, para a  salvaguardia do Patrimonio Cultural Inmaterial establece no seu artigo 1:

“O obxecto da presente lei é regular a acción xeral de  salvaguardia que deben exercer os poderes públicos sobre os bens que integran o patrimonio cultural inmaterial, nos seus respectivos ámbitos de competencias”.

E o seu artigo 2 no relativo ao concepto de patrimonio cultural inmaterial establece:

Terán a consideración de bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos, recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e en particular:

  1. Tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas como vehículo do patrimonio cultural inmaterial; así como a toponimia tradicional como instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos territorios”.

Por outra banda, o artigo 4 do citado texto legal establece a importancia da protección dos bens materiais asociados ao establecer con carácter imperativo que:

“As Administracións Públicas velarán polo respecto e conservación dos lugares, espazos, itinerarios e dos soportes materiais en que descansen os bens inmateriais obxecto de  salvaguardia”.

• Nota: Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, artigo 10.1: «Os topónimos de Galicia terá como única forma oficial a galega.»

A participación e a cidadanía activa son as chaves para a protección do patrimonio cultural inmaterial
Galería

A asociación ambiental Petón do Lobo denuncia as sondaxes ilegais que a compañía mineira sueca Eurobattery Minerals realiza na parroquia de Castriz, no municipio de Santa Comba (A Coruña)

  • Petón do Lobo insta á Xunta de Galicia á paralización inmediata das prospeccións, en tanto que non someta a exposición pública o proxecto dos permisos de investigación mineira e o plan de restauración das catas, que a mercantil realiza na exploración de níquel, cobalto, cobre e terras raras
  • O dereito mineiro Carmen sobre o que traballa a empresa, caducado dende hai anos, de máis de 2.500 hectáreas de superficie en Santa Comba e Coristanco, abrangue núcleos habitados como o de Castriz, San Salvador, Vilartide, Vilardante de Arriba, Boaña de Abaixo, Boaña de Arriba, Boimente, A Choupana, Esternande, Estévez, Frieiro, O Hospital, A Mostaza, O Outeiro, Padreiro, Traba, Vento, Xallas, O Xesto, Castro, Choupana, Codeseira…etc, masas de auga, fontes, mananciais, granxas e terras da concentración parcelaria de gran aptitude agrícola
  • A asociación insta ao alcalde de Santa Comba a á corporación municipal a esixille á Dirección Xeral de Planificación enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia a paralización inmediata das prospeccións mineiras e o cumprimento estricto da normativa. Tamén insta á cidadanía afectada das parroquias de Castriz e de San Salvador de Padreiro a organizarse para a defensa das súas casas e as súas terras.

Carmen é o nome do dereito mineiro sobre o que Eurobattery Minerals realiza as prospeccións mineiras na parroquia de Castriz para a busca de níquel, cobre o cobalto.

Este dereito mineiro solicitado no ano 1942 e inscrito no censo catastral mineiro no ano 1944 como concesión directa de explotación abrangue 2.559.9400 hectáreas nos municipio de Santa Comba e Coristanco, na provincia da Coruña. Non obstante, a falla de explotación da concesión ao longo do tempo finiquitou o mesmo por caducidade, se ben a Xunta non declarou formalmente a mesma cando debera facelo.

A parroquia de Castriz forma parte do proxecto “Corcel”, que en teoría abarcaría outros dereitos mineiros colindantes con Carmen, como é Santa María de 117.8560 hectáreas, Santa Bárbara de 695.0650 hectáreas e Carballeira de 482.3300 hectáreas, todos eles adquiridos por Eurobattery Minerals no ano 2019 a Galicia Tin & Tungsten, S.L, outra compañía creada para especular con este tipo de dereitos mineiros.

Para a Xunta de Galicia “Galicia é unha mina” e prácticamente boa parte de Santa Comba está enriba dos dereitos mineiros de Eurobattery Minerals. De resultar exitosas as prospeccións é probable que a veciñanza dos núcleos de Boaña de Abaixo, Boaña de Arriba, Boimente, Castriz, A Choupana, Escanande, Estévez, Frieiro, O Hospital, A Mostaza, O Outeiro, Padreiro, Traba, Vento, Xallas, O Xesto non poidan convivir á beira dun proxecto industrial de mina a ceo aberto que empregará explosivos tipo A e que lles obrigaría ao éxodo poboacional.

Por tanto é imprescindible que a veciñanza se organice e demande información tanto ao concello como á Xefatura territorial de Minas da Coruña, xa que logo, o flagrante incumprimento da normativa mineira, a opacidade e falla de transparencia institucional ao redor do proxecto “Corcel”, evidencia que a postura da Xunta de Galicia é estar á beira da empresa e favorecela en todo o que poida, ata o punto de non someter a exposición pública nin os proxectos dos permisos de investigación mineira nin os plans de restauración das catas e prospeccións, nunha tramitación espúrea máis propia de Administracións corruptas e neocoloniais do pasado, que de democracias avanzadas do século XXI.

Galería

A falla de restauración e a contaminación dos cauces fluviais, consecuencia dos antigos labores mineiros de Touro, sacan as cores á Xunta de Galicia en Bruxelas

Touro fíxose ver e oír no día de hoxe en Bruselas, na sede da Comisión de peticións do Parlamento europeo. A contaminación producida pola falla de restauración das antigas minas de Touro estivo moi presente gracias ás peticionarias, que deron voz á veciñanza.

A casuística da mina de Touro, así como a situación xeral da minería en Galicia, xa ten sido abordada con anterioridade nas institucións europeas, non só a través de peticións, senón tamén a través da Comisión ou mediante preguntas no pleno do Parlamento.  Nesta ocasión, as peticións chegan da man da iniciativa do grupo dos Verdes- Alianza Libre Europea, a través de Ana Miranda, que ademáis facilitou a participación dun grupo máis amplo e a celebración dun encontro de análise e debate cos grupos políticos e os colectivos veciñais. A intervención dos peticionarios, que representaron ás asociacións Petón do Lobo (Petición n.º 0174/2018), Cova Crea (Petición n.º 1194/2017) e Mina Touro – O Pino NON (Petición n.º 0386/2018) foi moi convincente e estivo moi ben argumentada e documentada.

A pesar da oposición do eurodeputado do Partido popular e do representante da Comisión, o Parlamento estivo moi receptivo ás peticións defendidas pola veciñanza afectada pola mina de Touro. As tres peticións fican abertas para o seu seguimento e avaliación.

Temos que agradecer especialmente o gran traballo de Luis Gallardo Zafra, María del Pilar Sampedro Laranga, Isabel Vila e Iria Ares Méndez.

Para máis información sobre o tratamento da problemática mineira de Touro no Parlamento europeo:

6.jpg
As peticionarias Iria Ares Méndez, Mª del Pilar Sampedro Laranga e Luis Gallardo Zafra no día de hoxe, na sede da Comisión de peticións do Parlamento europeo (Bruselas)

26.jpg
Isabel Vila, veciña de Touro e representante da Plataforma Mina de Touro -O Pino Non, durante a súa intervención no día de hoxe na Comisión de peticións do Parlamento europeo.

3.jpg
Luis Gallardo Zafra, veciño de Touro e representante da asociación galega Cova Crea, durante a súa intervención no día de hoxe na Comisión de peticións do Parlamento europeo.

5.jpg
Mª del Pilar Sampedro Laranga, veciña de Touro e representante da asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, durante a súa intervención no día de hoxe na Comisión de peticións do Parlamento europeo.

7.jpg
Iria Ares Méndez, veciña de Touro e representante da Plataforma Mina de Touro -O Pino Non, durante a súa intervención no día de hoxe na Comisión de peticións do Parlamento europeo.

17.jpg
Tatjana Ždanoka

24.jpg

21.jpg
Cristina Maestre Martín de Almagro 

19.jpg
Diana Riba i Giner

 

23.jpg
Margrete Auken

15.jpg
O representante da Comisión europea

22.jpg

1.jpg
Dolors Montserrat, presidenta da Comisión de peticións

11.jpg
A contaminación dos cauces fluviais de Touro

12.jpg
Os efectos da drenaxe áceda de mina nos cauces fluviais de Touro

14.jpg

9.jpg

8.jpg

111
As peticionarias Iria Ares Méndez, Mª del Pilar Sampedro Laranga e Luis Gallardo Zafra no día de hoxe, na sede da Comisión de peticións do Parlamento europeo (Bruselas). Isabel Vila, veciña de Touro e representante da Plataforma veciñal Mina de Touro -O Pino pechou a quenda de intervencións.

 

 

 

Galería

As minas de San Fins de Lousame, de novo no Parlamento europeo

No día de hoxe a problemática das minas de San Fins, no municipio coruñés de Lousame, estivo presente na orde do día da Comisión de Peticións do Parlamento europeo en Bruselas.

Sobre as 11:30 horas debatíase de novo a petición 59/2017, relativa á falla de información, á falla de seguridade e a contaminación das presas mineiras de San Fins. A petición presentada no seu día pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, xa fora defendida o 11 de xullo de 2018 no seo desta Comisión, por Xosé Manuel Romarís Cercós, quen conseguira que a petición ficara aberta á espera de novos informes.

Nesta ocasión a defensa da petición foi asumida por Joám Evans Pin, quen compartiu cos presentes datos técnicos emitidos por persoal experto, sobre da contaminación dos cauces fluviais de San Fins e a falla de restauración das antigas labores mineiras.

O poñente manifestou a falla de dilixencia do departamento de minas da Xunta de Galicia, que aínda a tarde anterior remitira os informes solicitados no seu día pola Comisión europea tras o primeiro debate da petición no ano 2018, impedindo con esta actuación extemporánea que os mesmos foran examinados co debido detalle polas persoas afectadas e eurodeputadas interesadas, e co posible prexuizo derivado da indefensión provocada pola falla de información.

Joám Evans tamén chama a atención sobre as conclusións do informe tardío aportado polo departamento de minas da Xunta de Galicia, que dirixe Bernardo Tahoces. O informe sorpresivamente alude a que as presas mineiras abandonadas foron construidas con fins eléctricos e non mineiros, con unha clara intención de obviar o control da Comisión de peticións e «burlar» a transparencia, a falla de información veraz, a seguridade xurídica, o principio de igualdade e contradicción das partes nos procedementos administrativos, e en definitiva ao noso xuizo, «terxiversar con mentiras» un sistema democrático baseado no principio de legalidade e de responsabilidade dos poderes públicos. O que sería un gran motivo para pedir xa desde aquí a dimisión do responsable de minas da Xunta de Galicia.

No Inventario de Balsas mineiras encargado pola Xunta de Galicia no ano 1999 xa figuraban as balsas mineiras de San Fins. Tampouco se fixo unha avaliación medioambiental e a cidadanía nunca tivo a oportunidade de participar no procedemento de reapertura desta mina no ano 2010. Todo isto engadido á contaminación existente, á falla de restauración das actividades mineiras anteriores e á falla de supervisión das empresas mineiras responsables que non se deixa ao azar. Semella existir unha intencionalidade clara e manifesta de incumprir a normativa europea, española e galega por parte do departamento de minas da Xunta de Galicia, en favor das empresas mineiras.

No debate participaron as eurodeputadas María Soraya Rodríguez Ramos, Tatjana Zdanoka, Yana Toom, Cristina Maestres Martín de Almagro e Margrete Auken, que reprocharon á Xunta o seu desleixo en relación ás minas de San Fins. Incluso pediron a formación dunha comisión de investigación para que supervisara in situ a falla de restauración mineira e a contaminación.

Destacou a posición do ex ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, partidario de arquivar a petición.

A petición queda aberta á espera do informe da Comisión europea. Cómpre destacar o importante traballo que realizou a eurodeputada Ana Miranda e o BNG no Parlamento europeo a través do grupo Verdes-ALE para que a petición puidera ser tratada no día de hoxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

Galería

Demandan ao Director Xeral de Minas por obstaculizar o acceso á información ambiental

Diversos colectivos e organizacións integrantes da rede ContraMINAcción levaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a denominada “Instrucción Tahoces” (oficialmente Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas) que fora aprobada o verán pasado polo Director Xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces no medio de fortes críticas dos movementos sociais, que a consideran un paso máis para obstaculizar o acceso á información ambiental relativa a proxectos mineiros e enerxéticos.

O TSXG admitiu a demanda que veñen de formalizar esta mesma semanda a Asociación Petón do Lobo, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia, co apoio doutros coletivos integrantes na rede. Mediante a demanda contencioso-administrativa preténdese que o tribunal anule os aspectos da Instrución que vulneran non só a lexislación de rango superior en materia de acceso á información ambiental, senón que a propia Convención de Aarhus da que é parte contratante o Estado e que recoñece os dereitos de acceso á información ambiental e á participación pública en proxectos que afecten o ambiente.

Entre outros aspectos, a Instrución realiza unha interpretación restrictiva do que constitúe información ambiental, en vulneración das  definicións internacionais. Modifica ademais o réxime de acceso creando obstáculos que contrarían as normas legais, por exemplo  obrigando ao pagamento de taxas previas (independentemente de que a administración resolva ou non favorablemente a solicitude) ou alterando os prazos de resolución que establecen as diretivas europeas.

21
Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE)

A actitude obstaculizadora sistemática do departamento de minas da Xunta ven sendo denunciada de xeito continuo polos colectivos, ata o punto de estar actualmente aberto un procedemento ante a Comisión de Cumprimento do Convenio de Aarhus, nas Nacións Unidas, polo carácter sistemático destas vulneracións, existindo sentenzas previas do propio TSXG que condenaron á Xunta a entregar copias de expedientes mineiros que viñan sendo retidos ilegalmente.

Desde ContraMINAcción denúnciase a tentativa de dar aparencia de legalidade e institucionalizar as prácticas obstaculizadoras e obscurantismo que veñen caracterizando a actuación do departamento de minas,  recortando dereitos e liberdades fundamentais e saltándose a normativa básica en materia de acceso á información ambiental. Desde ContraMINAcción lembran a  imputación de Ángel Bernardo Tahoces por presuntos delitos de prevaricación ambiental ligados á mina San Finx, en Lousame, e que tamén gardarían relación coa ausencia dos trámites de participación pública na aprobación de proxectos mineiros, outra das componentes básicas da Convención de Aarhus.

7
Acción popular en asuntos medioambientales

Galería

As solicitudes de información en formato dixital, que as asociacións ambientais de Galicia dirixen á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, ralentizan segundo o propio director, a tramitación de expedientes sancionadores e de subvencións

O 5 de xuño de 2018, o Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces dirixía unha comunicación a unha asociación ambiental de Galicia, que previamente lle solicitara información sobre as labores mineiras abandonadas na Comunidade.

sustentabilidade.png
O Dereito a coñecer. A Lei 27/2006, de 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente

Nesa comunicación reprochaba á asociación que o formato elexido pola mesma, a copia dixital, ralentizara de maneira considerable o traballo da Administración.

Así indicáballe textualmente que:

“…para atender á súa solicitude no formato “esixido” por esa asociación foi necesario escanear unhas 11.000 páxinas.

Sen prexuízo das actuacións propias doutros departamentos (arquivo, servizos informáticos, etc), foi precisa a dedicación de modo intensivo dun dos tres efectivos (todos pertencentes á escala facultativa de enxeñeiros de minas) dos que se compón o Servizo de Xestión Mineira ás tarefas inherentes ao proceso de transposición e habilitación da información solicitada en formato dixital durante máis de dous meses.

En determinados períodos foi precisa a dedicación de dous efectivos e, para certas actuacións, resultou imprescindible facer uso de instalacións técnicas doutros departamentos administrativos ou recorrer a servizos de empresas externas.

En síntese, o escaneado e preparación da documentación por vostedes solicitada en formato dixital afectou ao desenvolvemento das funcións específicas da Aministración mineira, entre as que se inclúen algunhas tan relevantes como as relacionadas coa vixilancia e control da actividade mineira, e supuxo a paralización ou ralentización de trámites e procedementos (particularmente, tramitación de expedientes sancionadores e tramitación de axudas e subvencións), coa conseguinte afectación á eficacia e eficiencia do traballo administrativo así como aos dereitos dos restantes administrados e aos intereses públicos”.

9.jpg
O acceso á información ambiental, un dereito fundamental de toda persoa

Noutro parágrafo da comunicación supoñía a actuación coordinada habitual de dúas asociacións solicitantes de información semellante. Así indicaba que: “Os resultados desta comparecencia da asociación X son coñecidos por esa asociación I, non só como é de supoñer pola actuación coordinada habitual, senón porque no seu escrito recibido o 9-3-2018 poñen de manifesto o coñecemento de formatos e contidos da documentación, pese a non ter comparecido para a súa consulta”.

Noutro parágrafo o Director Xeral referíase a unha terceira asociación “vinculada” á solicitante, tamén moi activa no tocante á solicitude de información.

“Cómpre salientar, aínda que esa asociación (incluíndo a asociación vinculada Z) está relacionada con múltiples solicitudes de información presentadas nos últimos tempos, boa parte delas solicitudes masivas ou xenéricas de información que esixen copia dixital de documentación non dixitalizada e que, cada unha delas e moito máis no seu conxunto, resultan difíciles ou imposibles de atender sen perturbar o normal funcionamento administrativo”.

1.jpg
Ángel Bernardo Tahoces, Director xeral de Enerxía e Minas. Fonte: Inega

Noutro parágrafo xa se lle indicaba á asociación solicitante que, a transparencia da Dirección Xeral de Minas ao facilitar o acceso á información, non sentaría precedente na administración.

“Pola súa parte, dende a Administración, dando continuidade á súa actuación de máxima transparencia que se evidencia na posta á disposición da información adoptáronse todas as medidas técnicas posibles para dispor da documentación en formato dixital e, en útlimo termo, nunha decisión que non vai a sentar precedente e para o cal se deixa constancia da actitude da asociación e do carácter desproporcionado e deliberado das súas esixencias, realízase a transposición de formato da información mediante o seu escaneado íntegro”.

O certo é que a asociación solicitante, en ningún momento foi consciente do transtorno que a súa solicitude causara na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, ata que o Sr. Tahoces llelo comunicou no seu escrito de xuño deste ano, tras preto de dous anos de insistir unha e outra vez na súa petición.

Por outra banda, se a solicitude se fixo en formato dixital foi polo elevado importe da taxa a pagar que suporía obter toda a información en formato papel.

Ademais, unha vez no século XXI, o normal sería que o departamento que dirixe o Conselleiro Francisco Conde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, tivera todo o seu arquivo dixitalizado, polo que non se entende tampouco o transtorno causado pola solicitude en cuestión. Máis ben o transtorno semella producido polo desleixo da Dirección Xeral, ao non ter a documentación debidamente arquivada e ordeada en formato dixital.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente establece no seu artigo 11 que:

“1. Cando se solicite que a información ambiental sexa fornecida nunha forma ou formato determinados, a autoridade pública competente para resolver deberá satisfacer a solicitude a menos que concorra calquera das circunstancias que se indican a continuación:

a) Que a información xa fose difundida, de conformidade co disposto no Capítulo I deste Título, noutra forma ou formato ao que o solicitante poida acceder facilmente. Neste caso, a autoridade pública competente informará o solicitante de onde pode acceder á devandita información ou se lle remitirá no formato dispoñible.

b) Que a autoridade pública considere razoable poñer a disposición do solicitante a información noutra forma ou formato e xustifíqueo adecuadamente.

A estes efectos, as autoridades públicas procurarán conservar a información ambiental que obre na súa poder, ou no doutros suxeitos no seu nome, en formas ou formatos de fácil reprodución e acceso mediante telecomunicacións informáticas ou por outros medios electrónicos.

Cando a autoridade pública resolva non facilitar a información, parcial ou totalmente, na forma ou formato solicitados, deberá comunicar ao solicitante os motivos da negativa no prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude no rexistro da autoridade pública competente para resolver, facéndolle saber a forma ou formatos en que, no seu caso, poderíase facilitar a información solicitada e indicando os recursos que procedan contra esta negativa nos termos previstos no artigo 20”.

Polo tanto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tería a obriga de procurar conservar a información ambiental que obre no seu poder, ou no doutros suxeitos no seu nome, en formas ou formatos de fácil reproducción e acceso mediante telecomunicacións informáticas ou por outros medios electrónicos.

91.jpg
A drenaxe áceda da minería irresponsable produce impactos serios e significativos sobre os recursos hídricos e os ecosistemas