Galería

Xa podes descargar a alegación á Folla do roteiro para a xestión «sostible» das materias primas minerais do Ministerio. Galicia NON é unha mina. Participa!

Leito fluvial contaminado pola actividade mineira irresponsable no municipio de Touro (A Coruña)

Colabora e participa! Pica no enlace adxunto e descarga o modelo de alegación á Folla do roteiro para a xestión «sostible» das materias primas minerais do Ministerio. Galicia NON é unha mina. Só tes que cubrir a cabeceira do escrito cos teus datos persoais e asinar na última folla. Logo preséntao no Rexistro de calquer Administración pública ou se tes sinatura electrónica no rexistro dá Administración estatal no enlace: https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso Tamén podes modificar o modelo e melloralo. Fin do prazo para presentar as alegacións: 25 de abril de 2022.

Podes consultar o Borrador da Folla do roteiro para a xestión «sostible» das materias primas minerais no seguinte enlace:

https://energia.gob.es/_layouts/15/HttpHandlerParticipacionPublicaAnexos.ashx?k=41163

Galería

A Xunta prevé converter o Monte Neme nunha estación macroeólica rodeada de labores mineiras sen restaurar

Vistas desde o Monte Neme
  • Plataformas e entidades bergantiñás critican que a Xunta de Galicia non restaure as labores mineiras abandonadas do Monte Neme nin drene as augas ácedas das balsas de lodos, froito da minería irresponsable e do desleixo da Administración, pero que en cambio permita a instalación de macroeólicos no cume deste monte sacro.
  • Entidades de toda Galicia rexeitan os macroeólicos do Monte Neme

Enel Green Power España, S.L.U. prevé instalar 4 macroeólicos de 200 metros de altura no Monte Neme. O proxecto eólico está a exposición pública ata o 22 de abril deste ano. As instalacións afectan directamente a cauces como a Fonte Seca, orixe do rego Bandeira, onde se atoparon restos cerámicos e a sonada “arracada” de Cances, unha xoia de ouro galaica da Idade de Ferro.

Pero ademáis o Monte Neme é un dos 74 xacementos romanos da costa ártabra nunca intervidos desde o punto de vista arqueolóxico. Así o confirma unha tese doutoral do ano 2019 de María Josefa Loira Enriquez sobre “O proceso de romanización do antigo territorio dos ártabros: formas de poboamento e organización territorial ao longo do periodo romano”.

Ademais do valor patrimonial, o Monte Neme é un excelente mirador ao Atlántico, desde onde se observa todo o municipio de Malpica e boa parte de Carballo. Desde algún dos seus puntos máis elevados pódese ver incluso ata Ferrol. Cos seus 386 metros, este monte é visible desde calquer punto o territorio carballés.

Por iso o impacto paisaxístico dos macroeólicos previstos por Endesa será brutal para unha comarca que vive do turismo e da paisaxe. Carballo, que se vende turísticamente como “Senda do Mar” xa pode chamarse agora “Senda dos Eólicos”.

Praias como Pedra do Sal, Razo –Baldaio, Leira e Santa Mariña ocupan case 7 km de costa, xunto con pequenas calas como a de Montefonte. A praia de Razo – Baldaio con 5 km de lonxitude é un dos areais máis fermosos de Galicia aos que hai que engadir o alto valor ecosistémico da Rede Natura, no complexo marismeño –lagunar de Baldaio.

Endesa tamen obvia a importancia da arqueoloxía da paisaxe no Monte Neme, xa que este monte está na liña visual directa con outros como o Monte Perrol ou o Pico de Meda. Ademais, está rodeao por 4 castros: o Castro de Oza, Castro do Rodo, Castro de Cances e Castro de Brión.

O proxecto de Endesa obvia todos os impactos paisaxísticos e patrimoniais do Monte Neme e incluso prevé unha liña evacuación que, superando todas as expectativas do que o malo pode ser incluso peor,  contempla unha lonxitude e 15 km con 64 apoios e afeccións irreversibles para a Rede Natura ZEC Río Anllóns, á Área de Especial Interés Paisaxístico (AEIP) Val fluvial do río Lourido,  á Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño e ao Camiño de Santiago Vía Céltica ao seu paso polo val fluvial.

As plataformas e entidades solicitan o rexeitamento do proxecto eólico polo impacto paisaxístico e patrimonial inasumible e solicitan aos concellos de Carballo e de Malpica de Bergantiños que fagan o mesmo.

Monte Neme, 14 de marzo de 2022

Apoian:

Plataforma Monte Neme de Carballo e Malpica de Bergantiños

Asociación ambiental Petón do Lobo

Comité pola Defensa das Rías Altas

Asociación galega Cova Crea

Plataforma non máis eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural

Asociación “O Ouriol do Anllóns”

Plataforma veciñal O Cerqueiral de Coristanco

Plataforma veciñal “As Salgueiras” de Ponteceso

Sindicato Labrego Galego

Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra (Asociación Senda Nova, Asociación Contramínate de Laxe, Asociación de Veciños de Cereo, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños…etc.)

Ecoloxistas en Acción Ortegal

Ecoloxistas en Acción Coruña Sur

Colectivo Apeom de Outes

Plataforma Quijote

Ecoloxistas en Acción Costa da Morte

Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde en Lugo

Plataforma Stop Eólicos de Paradela

Movimento Ecoloxista da Limia

Asociación Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo

Plataforma veciñal Monfero Di Non

Plademar Muros-Noia

Ecoloxistas en Acción Lugo

Plataforma Salvemos O Iribio

Asociación en Defensa da Costa da Morte (Adecom)

Mina Touro – O Pino Non

Ecoloxistas en Acción A Mariña

Ecoloxistas en Acción Ártabra

Ecoloxistas en Acción Barbanza

Ecoloxistas en Acción Sarria-Monforte

Víctimas de la Justicia

Plataforma pola Convivencia Ética con Fauna Silvestre «Con-Ética»

Ecoloxistas en Acción Ribeiro

Rede do Rural

Asociación cultural Roxín Roxal

Ecoloxistas en Acción Galicia Centro

Cabanas Di Non

Montes de Chá

Serán na lagoa de Baldaio

O Monte Neme: da orixe sacra a minería irresponsable. E agora macroeólicos. Gracias #QuijotedeOutes

#noneólicosmonteneme#stopespolio#stopespolioeólico

Galería

Coñece o parque eólico Monte Neme en Carballo e Malpica de Bergantiños (A Coruña). Descarga o modelo de alegación e participa!

Coñece as características do proxecto do parque eólico Monte Neme. Pica no enlace e descarga o cadro -resumo:

Colabora e participa! Pica no enlace adxunto e descarga o modelo de alegacións ao proxecto do parque eólico Monte Neme. Só tes que cubrir a cabeceira do escrito cos teus datos persoais e asinar na última folla. Logo preséntao no Rexistro de calquer Administración pública ou se tes sinatura electrónica no rexistro dá Administración estatal no enlace: https://rec.redsara.es/registro/action/are/acces ou coa Chave 365 no portal da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/ Tamén podes modificar o modelo. Fin do prazo para presentar as alegacións: 22 de abril de 2022.

Podes descargar este outro modelo breve de alegación:

Cómpre lembrar que o Monte Neme é un dos 74 xacementos romanos documentados no territorio ártabro. Consulta o seguinte enlace:

http://e-spacio.uned.es/fez/eserv/tesisuned:ED-Pg-HHAT-Mjloira/LOIRA_ENRIQUEZ_Maria_Josefa_Tesis.pdf

Pero o Monte Neme non só encerra un xacemento romano. Tamén restos castrexos como a famosa arracada de Cances, que se conserva no Museo de Pontevedra. Véxase:

Aves na lagoa de Baldaio
Marisma de Baldaio co Monte Neme ao fondo
Malpica de Bergantiños co Monte Neme ao fondo
Arcea no Monte Neme
ZEC e ZEPA Costa a Morte

Que futuro queremos para o Monte Neme?

https://valfluvialdolouridocorcoesto.com/2018/12/13/o-monte-neme-da-orixe-sacra-a-mineria-irresponsable-historia-dunha-ferida/

Galería

O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable – Historia dunha ferida

Xa podes descargar a obra O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable – Historia dunha ferida, editado e publicado pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo no ano 2018.

Fai clic aquí para descargar o arquivo, selecciónao e pulsa o elo de ligazón:

 O Monte Neme da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida.

Galería

As minas de San Fins de Lousame, de novo no Parlamento europeo

No día de hoxe a problemática das minas de San Fins, no municipio coruñés de Lousame, estivo presente na orde do día da Comisión de Peticións do Parlamento europeo en Bruselas.

Sobre as 11:30 horas debatíase de novo a petición 59/2017, relativa á falla de información, á falla de seguridade e a contaminación das presas mineiras de San Fins. A petición presentada no seu día pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, xa fora defendida o 11 de xullo de 2018 no seo desta Comisión, por Xosé Manuel Romarís Cercós, quen conseguira que a petición ficara aberta á espera de novos informes.

Nesta ocasión a defensa da petición foi asumida por Joám Evans Pin, quen compartiu cos presentes datos técnicos emitidos por persoal experto, sobre da contaminación dos cauces fluviais de San Fins e a falla de restauración das antigas labores mineiras.

O poñente manifestou a falla de dilixencia do departamento de minas da Xunta de Galicia, que aínda a tarde anterior remitira os informes solicitados no seu día pola Comisión europea tras o primeiro debate da petición no ano 2018, impedindo con esta actuación extemporánea que os mesmos foran examinados co debido detalle polas persoas afectadas e eurodeputadas interesadas, e co posible prexuizo derivado da indefensión provocada pola falla de información.

Joám Evans tamén chama a atención sobre as conclusións do informe tardío aportado polo departamento de minas da Xunta de Galicia, que dirixe Bernardo Tahoces. O informe sorpresivamente alude a que as presas mineiras abandonadas foron construidas con fins eléctricos e non mineiros, con unha clara intención de obviar o control da Comisión de peticións e «burlar» a transparencia, a falla de información veraz, a seguridade xurídica, o principio de igualdade e contradicción das partes nos procedementos administrativos, e en definitiva ao noso xuizo, «terxiversar con mentiras» un sistema democrático baseado no principio de legalidade e de responsabilidade dos poderes públicos. O que sería un gran motivo para pedir xa desde aquí a dimisión do responsable de minas da Xunta de Galicia.

No Inventario de Balsas mineiras encargado pola Xunta de Galicia no ano 1999 xa figuraban as balsas mineiras de San Fins. Tampouco se fixo unha avaliación medioambiental e a cidadanía nunca tivo a oportunidade de participar no procedemento de reapertura desta mina no ano 2010. Todo isto engadido á contaminación existente, á falla de restauración das actividades mineiras anteriores e á falla de supervisión das empresas mineiras responsables que non se deixa ao azar. Semella existir unha intencionalidade clara e manifesta de incumprir a normativa europea, española e galega por parte do departamento de minas da Xunta de Galicia, en favor das empresas mineiras.

No debate participaron as eurodeputadas María Soraya Rodríguez Ramos, Tatjana Zdanoka, Yana Toom, Cristina Maestres Martín de Almagro e Margrete Auken, que reprocharon á Xunta o seu desleixo en relación ás minas de San Fins. Incluso pediron a formación dunha comisión de investigación para que supervisara in situ a falla de restauración mineira e a contaminación.

Destacou a posición do ex ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, partidario de arquivar a petición.

A petición queda aberta á espera do informe da Comisión europea. Cómpre destacar o importante traballo que realizou a eurodeputada Ana Miranda e o BNG no Parlamento europeo a través do grupo Verdes-ALE para que a petición puidera ser tratada no día de hoxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

Galería

Que hai detrás da «rexeneración ambiental» de Cavisa en Laxe? Rexeneración ambiental ao servizo do ladrillo

Sorprende o proxecto de rexeneración ambiental que está a executar a empresa Cavisa (Caolines de Vimianzo, S.A.U) en Laxe, despois de anos e anos de abandono do caolín en montañas cubertas da area que arrastra o vento do Atlántico, confundíndose en harmonía cos sistemas dunares.

Que hai detrás da «rexeneración ambiental» de Cavisa en Laxe? Pois nin máis nin menos que as ansias de edificar nuns terreos urbanos que ata o de agoran confundíanse coas típicas dunas laxenses.

38.068 metros cadrados que pronto se encherán de grúas e de ladrillo, para agrandar máis o desarrollo urbanístico de Laxe e contribuír ao feísmo urbano das zonas costeiras de Galicia.

Nun concello ao que xa lle molestan en exceso os maravillosos sistemas dunares que ten, pensar que non se ía deixar levar polas ansias do ladrillo sería tamén unha utopía.

Así que veremos como a que chaman «rexeneración ambiental» desembocará pronto na construción de novos edificios, que sin dúbida mudarán a fermosa paisaxe de Laxe.

IMG_20190518_193633
A controvertida «rexeneración ambiental» de Cavisa no municipio de Laxe

IMG_20190518_193506
A controvertida «rexeneración ambiental» de Cavisa no municipio de Laxe

 

Galería

Lídia Senra visita Touro e reclama unha UE máis vixiante na que se cumpran as súas propias normativas medioambientais

Lídia Senra: “A UE ten que vixiar máis e obrigar a que se cumpran as súas propias normativas medioambientais”

  • Visitou a aldea de Arinteiro, a máis perxudicada polo proxecto de megamina de Touro-O Pino, e amosou a súa rotunda oposición por ser un ataque ás nosas vidas
  • Reclama que se lle dea carpetazo por ser devastador para o emprego rural da comarca de Santiago, danar terras e augas, e poñer en risco, coa contaminación que habería río abaixo, o marisqueo da ría de Arousa

Lidia Senra con Ana Seijas hoxe en Touro II
Lídia Senra: “A UE ten que vixiar máis e obrigar a que se cumpran as súas propias normativas medioambientais”

CORTE AUDIO DECLARACIÓNS DE LÍDIA SENRA HOXE EN TOURO AQUÍ:

https://www.dropbox.com/s/mhgcueg2cfmq7d4/Audio%20Lidia%20Senra%20en%20Touro.mp3?dl=0

Touro13 de abril de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea: Compromiso por Europas ás eleccións europeas do 26 de maio, visitou este luns pola mañá, acompañada pola vocevoceira de En Marea, Ana Seijas, e por membros da candidatura local de Marea Veciñal de Touro ás eleccións municipais, a aldea de Arinteiro, a principal afectada polo proxecto de megamina de cobre de Touro-O Pino. Durante a visita, reunirónse coa veciñanza e con integrantes dos colectivos que se opoñen a este devastador proxecto e que levan máis dun ano loitando para que se paralice.

Opoñémonos rotundamente á megamina de Touro-O Pino e opoñémonos a todos os proxectos megamineiros. Se a UE asume as súas responsabildiades e fai valer as súas propias normativas en materia de augas e en materia medioambiental, este proxecto de mina ten que pararse xa. Neste mandato levamos feito moito traballo no Parlamento Europeo, apoiando aos colectivos organizados e á veciñanza para denunciar esta situación, e así seguiremos. Opoñémonos a este tipo de proxectos porque son un ataque ás nosas vidas, á nosa saúde e destrúen postos de traballo, destruén moito máis do que creanO noso futuro non podemos deixalo en mans dos intereses do capital. Nisto estamos e nisto imos continuar”, declarou Senra.

A eurodeputada e candidata considera que non debe permitirse máis espolio dos nosos recursos naturais, que son un tesouro, a costa da destrución da nosa terra. “Queremos aire, auga e terra limpas para Galiza, para poder vivir nela, para ter un rural vivo no que se desenvolvan actividades económicas sustentables e respectuosas co medio, coa saúde e co futuro dos nosos fillos e fillas”. Lídia Senra lembrou que o Estado español é dos máis infractores da UE en materia medioambiental e criticou que a calidade das augas están nun continuo perigo e ameaza. As directivas europeas deben cumprirse xa. A UE debe obrigar a que se cumpra a directiva da auga e a que as avaliacións de impacto ambiental se fagan correctamente. Así, defendeu que as Administracións teñen que cumprir o seu labor de vixilancia medioambiental e deixar de mirar para outro lado.

Non queremos a mina porque ataca a vida das persoas ao atentar contra a nosa saúde e destruír o noso medio de vida”, insistiu Senra, quen recordou que no seu día parouse a mina de ouro de Corcoesto grazas á presión da veciñanza e dos colectivos organizados. “Non entendemos a que está agardando Feijóo para darlle carpetazo dunha vez ao proxecto mineiro de Touro. As consecuencias da antiga mina siguen danando a terra e as augas da contorna de Santiago de Compostela, chegando á ría de Arousa río abaixo e ameazando o marisqueo. O novo proxecto sería devastador. Por iso hai que paralo”, zanxou.

Lidia Senra e Ana Seijas, hoxe en Touro
Lídia Senra: “A UE ten que vixiar máis e obrigar a que se cumpran as súas propias normativas medioambientais”

Galería

Demandan ao Director Xeral de Minas por obstaculizar o acceso á información ambiental

Diversos colectivos e organizacións integrantes da rede ContraMINAcción levaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a denominada “Instrucción Tahoces” (oficialmente Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas) que fora aprobada o verán pasado polo Director Xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces no medio de fortes críticas dos movementos sociais, que a consideran un paso máis para obstaculizar o acceso á información ambiental relativa a proxectos mineiros e enerxéticos.

O TSXG admitiu a demanda que veñen de formalizar esta mesma semanda a Asociación Petón do Lobo, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia, co apoio doutros coletivos integrantes na rede. Mediante a demanda contencioso-administrativa preténdese que o tribunal anule os aspectos da Instrución que vulneran non só a lexislación de rango superior en materia de acceso á información ambiental, senón que a propia Convención de Aarhus da que é parte contratante o Estado e que recoñece os dereitos de acceso á información ambiental e á participación pública en proxectos que afecten o ambiente.

Entre outros aspectos, a Instrución realiza unha interpretación restrictiva do que constitúe información ambiental, en vulneración das  definicións internacionais. Modifica ademais o réxime de acceso creando obstáculos que contrarían as normas legais, por exemplo  obrigando ao pagamento de taxas previas (independentemente de que a administración resolva ou non favorablemente a solicitude) ou alterando os prazos de resolución que establecen as diretivas europeas.

21
Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE)

A actitude obstaculizadora sistemática do departamento de minas da Xunta ven sendo denunciada de xeito continuo polos colectivos, ata o punto de estar actualmente aberto un procedemento ante a Comisión de Cumprimento do Convenio de Aarhus, nas Nacións Unidas, polo carácter sistemático destas vulneracións, existindo sentenzas previas do propio TSXG que condenaron á Xunta a entregar copias de expedientes mineiros que viñan sendo retidos ilegalmente.

Desde ContraMINAcción denúnciase a tentativa de dar aparencia de legalidade e institucionalizar as prácticas obstaculizadoras e obscurantismo que veñen caracterizando a actuación do departamento de minas,  recortando dereitos e liberdades fundamentais e saltándose a normativa básica en materia de acceso á información ambiental. Desde ContraMINAcción lembran a  imputación de Ángel Bernardo Tahoces por presuntos delitos de prevaricación ambiental ligados á mina San Finx, en Lousame, e que tamén gardarían relación coa ausencia dos trámites de participación pública na aprobación de proxectos mineiros, outra das componentes básicas da Convención de Aarhus.

7
Acción popular en asuntos medioambientales

Galería

«A explotación (a das minas de San Fins, en Lousame) non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume», unha das afirmacións máis célebres e incribles do departamento que dirixe o Conselleiro Francisco Conde e o seu director Ángel Bernardo Tahoces. Dimisión xa!

«A explotación (a das minas de San Fins, en Lousame) non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume» ou velaquí estoutra afirmación, tamén memorable: «Non coñezo na provincia da Coruña unha medida tan drástica e profunda para a restauración como é o reprocesado e eliminación da escombreira».

Estas palabras resumen a filosofía da Dirección xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, no tocante á restauración dos espazos mineiros degradados. En concreto, esta é a resposta dun empregado público, enxeñeiro de minas do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de enerxía e minas da Xunta de Galicia e do que se coñecía recentemente a súa imputación por parte do xulgado de Noia, en relación á autorización da posta en marcha das minas de San Fins, en Lousame, sen terse aprobado a preceptiva avaliación ambiental do proxecto.

Na contestación a unha solicitude de medidas ambientais efectuada pola asociación ambiental Petón do Lobo, funcionarios do departamento que dirixe Tahoces, referíanse ao excesivo da solicitude nos seguintes termos:

«Ao respecto do seguimento sobre o control dos vertidos na escombreira, só podemos indicar que estes non poden existir. Os proxectos aprobados non contemplan escombreira. Non contemplan a produción de escombros. Non contemplan a produción de residuos mineiros. En todo caso contemplan exclusivamente o reaproveitamento e eliminación da antiga escombreira».

Xa non é só que non existiran residuos, que é o propio de toda a actividade mineira despois de extraer o codiciado mineral, senón que no caso das minas de San Fins, os residuos incluso os eliminaban, desaparecían, como cousa de maxia. Claro que había que fiarse das palabras desta xente, todos eles empregados públicos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, porque por ningures explicaban os impactos que a actividade mineira ía ter na área afectada (un val fluvial). Puidera ser que a normativa daquela época non esixía documento ambiental?

Continuaba o funcionario dicindo: «Carezo de datos sobre o seu deseño (balsa de decantación), pero non amosa signos de debilidade. Ao respecto da pendente dos noiros dos depósitos, afondar novamente no proceso de eliminación avanzado no que están».

«O denunciante indica ausencia de controis e falla de bombeos regulares, augas ácedas e contido en metais, observacións todas elas que lle corresponden a Augas de Galicia. No marco da normativa ambiental e de seguranza mineira, estanse a realizar os controis establecidos pola normativa de aplicación, a través fundamentalmente do Plan de Labores anual».

A política de «balóns fóra» e «o que non consta escrito non existe» predomina neste singular departamento da Xunta de Galicia.

«O denunciante solicita que para cumprir a obriga de restaurar o espazo natural se levanten diques de contención, se instalen mallas illantes no terreo, bombeos, monitoreo das balsas e o cumprimento do Plan de Restuaración. Non coñezo na provincia da Coruña ningún Plan de Resturación que contemple unha medida tan drástica e profunda para a restauración como é o reprocesado e eliminación da escombreira de explotación». Supoñemos que cando escribía isto o funcionario non se lembraba das balsas de lodos do Monte Neme, en Carballo, deixadas á man do destino.

«Temos que ter en conta tamén que o proxecto aprobado non contempla a produción de residuos mineiros. E que a planta de tratamento está deseñada en circuito pechado».

«Non entendo a función pretendida polo denunciante para os diques de contención, as mallas illantes do terreo, os bombeos. (…) Como xa se indicou a explotación non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume».

Con palabras e afirmacións como estas, que negan a realidade física máis obvia, como vai a existir a restauración mineira en Galicia? Como se vai a cumprir en Galicia a normativa mineira se quen ten a obriga de facela cumprir obvia e ignora dolosamente a realidade?

Dimisión por favor. Pedimos a dimisión tanto de quen elabora, aproba e supervisa as políticas mineiras, é dicir, a dimisión do Conselleiro Francisco Conde, como de quen ten a obriga de executalas e facer que se cumpra a normativa, isto é o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Dimisión xa para ambos os dous!

DIQUE DE CONTENCIÓN BALSAS LODOS MINERAS EN ESTADO DE DETERIORO EVIDENTE
Dique de contención dunha das balsas mineiras de San Fins, en Lousame

 

 

 

 

Galería

O Xulgado de Arzúa solicita informes a Augas de Galicia e ao Seprona, en relación ás balsas e a drenaxe áceda de mina dos regos de Touro

Se ben xa se sabe que todos os regos da entorna da mina de Touro están contaminados, agora tócalle ao órgano xudicial valorar se puidera existir ou non un delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.

Por que é tan difícil probar o delito ecolóxico?

Existe unha liña divisoria entre a infracción administrativa e o ilícito penal. A diferencia atópase na gravidade do perigo. Probar o suposto dano para o medio ambiente xa depende case que exclusivamente da proba pericial e aínda así, a proba vai a ser valorada libremente polo órgano xudicial. A acción contaminante ten que ter a suficiente entidade como para prexudicar gravemente o equilibrio natural. Ademais hai que ter en conta a importancia de non truncar o nexo de causalidade, entre a infracción da norma e as consecuencias que para os ecosistemas teñen tales incumprimentos.

Así uns regos vermellos ou cobrizos como os de Touro, nos que non existe vida aparente, a excepción deses extremófilos dos ríos Lañas, Pucheiras…etc, non sería suficiente para acreditar un dano ambiental grave. Ao fin todo depende dunha proba pericial contundente e irrefutable, que aínda así será valorada libremente. Esta proba pericial non pode deixar dúbidas no órgano xudicial, porque se así fose, remataría necesariamente nunha absolución.

E é aquí onde entra a capacidade das empresas para «eludir» o tipo penal, porque todo informe pericial presentado polas acusacións ou a Administración, vai a ser obxecto doutro (ou incluso de varios) informe pericial replicante. 

Por iso é tan difícil castigar penalmente as condutas delituosas contra os recursos ecolóxicos.

Polo tanto, nunha boa parte dos casos é moi difícil acreditar ese prexuizo grave para os ecosistemas, aínda que exista. De aí que moitos dos casos rematan arquivándose polos xulgados e quédanse en simples infraccións administrativas. Ademais, polo principio de intervención mínima, o dereito penal só castiga aquelas condutas máis reprochables xuridcamente.

Por outra banda, o tipo penal do delito ecolóxico require a concurrencia dunha serie de elementos para poder acreditarse a existencia de delito:

1.º Un elemento obxectivo:  a provocación ou realización directa ou indirecta, dalgunha das actividades (verteduras, extraccións ou escavacións, aterramientos, inxeccións ou depósitos…), realizadas sobre algún dos elementos do medio físico (atmosfera, chan, subsolo, ou augas terrestre, marítimas ou subterráneas…).

2.º A infracción dunha norma extrapenal protectora do medio ambiente.

3.º Creación dunha situación de perigo GRAVE para o ben xurídico protexido.

Ten que existir unha relación de causalidade: que como consecuencia da infracción penal se causen DANOS SUBSTANCIAIS á calidade das augas, do chan, animais ou prantas.

Así establece o artigo 325 do Código Penal español que:

1.- Será castigado coas penas de prisión de seis meses a dous anos, multa de dez a catorce meses e inhabilitación especial para profesión ou oficio por tempo dun a dous anos o que, contraviniendo as leis ou outras disposicións de carácter xeral protectoras do medio ambiente, provoque ou realice directa ou indirectamente emisións, verteduras, radiacións, extraccións ou escavacións, aterramientos, ruídos, vibracións, inxeccións ou depósitos, na atmosfera, o chan, o subsolo ou as augas terrestres, subterráneas ou marítimas, incluído o alta mar, con incidencia mesmo nos espazos transfronteirizos, así como as captacións de augas que, por si mesmos ou conxuntamente con outros, cause ou poida causar danos substanciais á calidade do aire, do chan ou das augas, ou a animais ou plantas.

2.- Se as anteriores condutas, por si mesmas ou conxuntamente con outras, puidesen prexudicar gravemente o equilibrio dos sistemas naturais, impoñerase unha pena de prisión de dúas a cinco anos, multa de oito a vinte e catro meses e inhabilitación especial para profesión ou oficio por tempo dun a tres anos. Se se creou un risco de grave prexuízo para a saúde das persoas, impoñerase a pena de prisión na súa metade superior, podéndose chegar ata a superior en grao.

Así pois o tipo penal de referencia constitúe, xeralmente, un suposto de perigo «concreto» (ou, polo menos, «hipotético»), no que é necesaria a creación dunha situación, debidamente probada, de risco suficientemente determinado para o equilibrio dos sistemas naturais ou, no seu caso, para a saúde das persoas (inciso último do art. 325 CP), sempre que ese risco poida ser considerado «grave».

4.º Tipo subxectivo: a existencia de dolo ou intencionalidade.

O delito esixe dolo, bastando o dolo eventual que se consuma desde o momento da produción do risco, prolongándose ata a cesación da situación, no que cabe a tentativa; a xurisprudencia adoita excluír a continuidade delituosa, na idea de que varias verteduras procedentes da mesma industria, a pesar da pluralidade, integran o mesmo delito que se refire en plural a emisións ou verteduras.

145.png

Puidera existir un delito de prevaricación ambiental en relación á Xunta de Galicia?

Trátase dunha forma especial de delito de prevaricación das Autoridades e funcionarios das Administracións Públicas con competencias ambientais. A acción típica vén integrada, non só por condutas activas (informar favorablemente ou votar a favor), senón tamén omisivas (silenciar infraccións normativas de carácter xeral con ocasión das súas inspeccións ou omitir a realización de inspeccións de carácter obrigatorio).

Isto é:

  • Silenciar a infracción de Leis ou disposicións normativas de carácter xeral con motivo de inspeccións.
  • Omitir a realización de inspeccións de carácter obrigatorio.

14

Galería

Bárbara, a cara bonita da «minería insostible» de Galicia?

O sector mineiro de Galicia presentará este vindeiro martes, varios videos «didácticos» dirixidos ao alumnado de infantil, primaria e secundaria, para «adoutrinarlles» sobre as «supostas bondades» da minería en Galicia.

O que non explica o lobbie mineiro son os motivos da «minería irresponsable» que ao longo da historia xenerou unha manchea de canteiras sen restaurar, balsas e pozas abandonadas con  metáis pesados, que se acumulan ao longo e ancho de toda Galicia. Minería irresponsable que incluso chegou a afectar seriamente a cauces fluviais, no caso das louseiras da provincia de Ourense.

https://praza.gal/economia/o-defensor-do-pobo-critica-a-falta-de-control-da-xunta-sobre-os-danos-causados-polas-canteiras-de-lousa

https://youtu.be/FysyXvoiDW0

Galería

Presentación do libro «O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida», da asociación ambiental Petón do Lobo

IMG-20181217-WA0004.jpg
Presentación do libro «O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida»

IMG-20181217-WA0003.jpg
Presentación do libro «O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida»

Libro O Monte Neme.jpg
Presentación do libro «O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida»

medidor-ph-de-bolsillo-ph-0-a-14.jpg
Phmetro que acompaña ao libro «O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida»