Galería

A biomasa residual de Greenalia na central de xeración de electricidade de Curtis e a súa financiación pública

Financiación pública do BEI e do Fondo Marguerite II. A reclamación ante o BEI

O 13/07/2017 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio concluíu que o proxecto da planta de combustión de biomasa, para a produción eléctrica de 49,913 MW, en Curtis, promovido pola empresa Greenalia Biomass Power, S.L. non era previsible que xerara efectos significativos sobre o medio ambiente, e polo tanto, non se consideraba necesario someter o proxecto a avaliación ambiental ordinaria.

A seguir, a empresa Greenalia Power, S.L. conseguiu un préstamo aprobado polo BEI que acada os 60 millóns de euros para o que o organismo europeo denomina unha entidade con “fins especiais” (en adiante «EFE»), isto é ser titular e xestionar unha planta de biomasa de 50 MW, así como as estruturas asociadas á mesma. Este proxecto presenta unha particularidade inédita: a planta producirá electricidade empregando exclusivamente residuos forestais en forma de virutas de madeira de procedencia local.

Greenalia Power S.L., que se presenta como un Productor Independente de Enerxía (PIE), que traballa de forma exclusiva con enerxías renovables, obtivo ademáis un préstamo intermedio de 23 millóns de euros do Fondo Marguerite II (sucesora do Fondo Europeo 2020 para a Enerxía, o Cambio Climático e as Infraestruturas). O BEI é un dos principais patrocinadores da planta de biomasa.

A adxudicación do préstamo por parte do BEI foi obxecto da reclamación SG/E/2019/04, actualmente en curso.

O tratamento do caso Greenalia na Comisión de peticións do Parlamento europeo: a petición continúa aberta

Por outra banda, o pasado 20 de febreiro deste ano tratouse a petición 145/2019 na Comisión de peticións do Parlamento europeo, relativa ao préstamo que o Banco europeo de inversións concedeu á Greenalia para a planta de biomasa de Curtis.

A cuestión fundamental, ademáis da importante financiación pública que recibe Greenalia, é se realmente a empresa disporá da suficiente biomasa residual para xerar a electricidade prevista para o seu funcionamento, tal e como prevé no proxecto e se garante a eficiencia enerxética, sen comprometer a biodiverdidade dos montes galegos.

A UE publicou a grabación da sesión do Comité de Peticiones do día 20 deste mes que se pode consultar no seguinte enlace.

https://www.europarl.europa.eu/ep-live/en/committees/video?event=20200220-0930-COMMITTEE-PETI

A partir do momento 11:19:10 tratan a petición sobre o caso Greenalia. A presidenta da Comisión de Peticións, a MEP Maria Dolors Montserrat (PP), indica que os peticionarios non se presentaron, e dá a palabra ao representante da Comisión Europea, o Sr. Giulio Volpi (Italia, Dirección Xeral de Enerxía da EC).

Na súa curta intervención indica que entenden as preocupacións sobre a sustentabilidade da biomasa e que coa revisada Directiva de Enerxías Renovables da UE,  a cal os países membros da UE deberían aplicar ata xuño 2021, entran en vigor criterios de sustentablidade moito máis reforzados para todos os usos de bioenerxía incluíndo a produción de electricidade e calor, e inclúe tamén criterios de sustentabilidade específicos para biomasa forestal asegurando que toda a biomasa forestal usada no sector enerxético europeo a partir de certo limiar da planta, para plantas a gran escala de 20 MW, así que esta planta debería asegurar o cumprimento destes novos criterios de sustentabliidade.

Despois dan a palabra ao MEP Radan Kanev (Grupo do Partido Popular Europeo (Demócrata-Cristiáns) https://www.europarl.europa.eu/meps/es/197839/ RADAN_ KANEV/ home) de Bulgaria, que propón manter a petición aberta e tentar a investigar un pouco máis, pola cantidade de peticións acerca de plantas eléctricas de biomasa.

E así se decide ao final sen máis debate, o MEP Ryszard Czarnecki (bloque Grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos https://www.europarl.europa.eu/meps/es/28372/ RYSZARD_ CZARNECKI/ main- activities/ reports- shadow) de Polonia repite que a petición queda aberta.

A pesar de non asistir á reunión do Comité as persoas peticionarias, a petición mantense aberta o que dá a oportunidade de seguir indagando na viabilidade deste proxecto e a súa cuestionada eficiencia.

Por que é tan importante o mecanismo de reclamacións do BEI? Existiu mala praxe no BEI á hora de outorgar este préstamo?

A Política do Mecanismo de Reclamacións do BEI, aprobada en novembro de 2018, aplícase ás reclamacións por presunta mala administración presentadas contra o Grupo BEI (artigo 1.1 da Política do Mecanismo de Reclamacións do Grupo BEI, en diante a «Política»). As reclamacións poderán ter por obxecto calquera caso de presunta mala administración do Grupo BEI nas súas decisións, accións ou omisións (artigo 4.3.1 da Política). O concepto de mala administración inclúe o incumprimento por parte do Grupo BEI dos dereitos humanos, da lexislación aplicable ou dos principios de boa administración. A mala administración tamén pode estar relacionada cos impactos ambientais ou sociais das actividades do Grupo BEI e coas políticas relativas ao ciclo de proxectos, así como outras políticas aplicables do Grupo BEI (artigos 3.2 e 3.3. da Política). En relación coa tramitación de reclamacións inadmisibles e de acordo co artigo 6.1.1 da Política, o MR-BEI recompila e revisa a información existente en torno ao obxecto da reclamación e esfórzase por resolver os problemas que dan lugar a reclamacións en cooperación coas partes interesadas internas e externas. Así mesmo, realiza as investigacións pertinentes co fin de avaliar se o Grupo BEI cumpre o marco regulamentario aplicable, incluídas as súas propias políticas, procedementos ou normas. A División MR-BEI é independente das actividades operativas, de maneira que se garante que cada reclamación tramítase aplicando as normas máis estritas de obxectividade, á vez que se salvagardan os intereses de todas as partes interesadas internas e externas do Grupo BEI (artigos 2.2 e 5.1.4 da Política). A División MR-BEI asiste ao Grupo BEI asesorándoo sobre posibles melloras no exercicio das súas actividades en aras do obxectivo común dunha boa administración (artigo 5.1.9 da Política).

Que opina o MR –BEI sobre o préstamo concedido a Greenalia polo BEI?

A avaliación inicial identificou algunhas áreas que requiren clarificación, dada a diversidade de opinións entre os servizos do BEI e os reclamantes. Trátase especificamente de: i) se as partes interesadas participaron adecuadamente de acordo coa lexislación aplicable, e ii) a sustentabilidade das fontes de biomasa como recurso á vista da lexislación existente, prestando especial atención á súa orixe, o uso de especies exóticas, o uso de certificacións voluntarias, a xustificación do seu uso, a interpretación da lexislación autonómica galega sobre montes e biomasa, así como a conformidade dos enfoques elixidos coa lexislación aplicable e o seu impacto sobre o ecosistema. O MR-BEI levará a cabo unha revisión de conformidade dirixida a clarificar estes puntos e a confirmar o cumprimento das súas normas por parte do BEI.

O MR-BEI seguirá en contacto cos servizos do BEI e cos reclamantes para obter a información pertinente e a documentación que considere útil para a presente investigación. En caso de ser necesario, poderase recorrer a expertos independentes e realizar visitas sobre o terreo.

Cuestións controvertidas en relación ao préstamo do BEI

O BEI considera que a planta de biomasa de Curtis utilizará unicamente residuos forestais procedentes da talla de árbores en Galicia, é dicir, leña de pequeno diámetro (menos de 7 cm), cortiza e biomasa procedente doutros residuos que non se poden utilizar na industria. No caso de coníferas e eucaliptos, os residuos poden representar do 15 % ao 30 % do total da biomasa aérea.

O BEI entende que a materia prima anual para biomasa (residuos forestais) debe proceder de provedores exclusivos do Promotor e outros provedores cos que asinase un contrato de subministración de biomasa. A materia prima da biomasa fornecerase desde zonas situadas a unha distancia de entre 50 e 200 km da planta. 5.2.12 No que se refire á interpretación da lexislación de Galicia, os servizos do BEI consideran que a lei 7/2012 de montes de Galicia esixe que se recollan todos os restos derivados da explotación forestal co fin de reducir o uso de combustibles fósiles e de previr os incendios forestais. Como a operación ten un custo para os propietarios forestais e non existe un mercado para este tipo de biomasa, non se realizou ningunha recollida no pasado. Con todo, conforme á lexislación, os propietarios poden incorrer en multas de entre 100 EUR e 1 000 EUR se non retiran devanditos residuos de explotación forestal. No contexto actual, o obxectivo deste proxecto é utilizar estes residuos forestais para a produción de electricidade.

No que se refire aos certificados, o BEI entende que o Promotor é titular dunha certificación PEFC e que implantou un sistema de dilixencia debida para garantir que a madeira e os produtos procedentes da madeira teñen unha procedencia legal acorde co Regulamento da Unión Europea sobre a madeira. Por conseguinte, a materia prima debe proceder de fontes certificadas FSC ou PEFC, é dicir, unha combinación dalgunhas das seguintes fontes: 100 % FSC, 100 % PEFC, Fuentes Mixtas FSC, Madeira Controlada FSC ou Fuentes Controladas PEFC.

Finalmente, o BEI considera que, de acordo co Decreto 52/2014 de Galicia, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, os propietarios ou xestores das explotacións forestais deben formar parte dun programa de certificación forestal (por exemplo, FSC/ PEFC) a partir de 2020. Para o BEI, de acordo coa lexislación vixente sobre montes en Galicia (Lei 7/2012 e Decreto 52/2014), a partir do ano 2020 todos os propietarios ou xestores de explotacións forestais teñen a obrigación de establecer un documento técnico de xestión forestal (ou equivalente), que é un requisito necesario para obter a certificación forestal.

Propostas de liñas de traballo actuais do MR-BEI

O MR-BEI toma nota das diferentes opinións que recolleu como parte da avaliación inicial sobre cuestións tales como: dispoñibilidade suficiente de biomasa no ámbito rexional, alcance dos sistemas de certificación e falta de claridade sobre as obrigacións derivadas da normativa aplicable. O MR-BEI levará a cabo unha revisión de conformidade co fin de valorar e documentar o cumprimento por parte do BEI do marco regulamentario aplicable, no contexto da avaliación e a supervisión deste proxecto.

Por que nos debe interesar particularmente este proxecto?

Porque do éxito ou fracaso do mesmo e doutros proxectos similares dependerá en gran medida o futuro do monte galego, e en particular, o mantenmento da biodiversidade.

Desde o noso punto de vista, o Banco Europeo de Investimentos (BEI) non debería outorgar o préstamo ao proxecto de construción da planta eléctrica de biomasa de Greenalia en Curtis, A Coruña, España, porque:

  • Non é correcto que a Lei 7/2012 de Galicia obriga a recollida de residuos de biomasa do bosque como alega o BEI na súa análise do proxecto.
  • A eficiencia enerxética da planta é mínima (apenas un 35,6% de eficiencia bruta) co cal o custo económico está por encima do propio limiar económico do BEI (como o BEI mesmo constata).
  • A xustificación do BEI “do proxecto cun beneficio adicional, en forma de prevención de incendios forestais”, é moi cuestionable. A mercantil promotora pretende queimar biomasa de eucalipto e piñeiro de plantacións que a propia entidade manexa. Os monocultivos industriais de eucalipto e piñeiro son segundo expertos “a raíz da problemática incendiaria en Galicia”, “pirófitos” e de “alta combustibilidade”.
  • Contrario ao que indica o BEI, para a biomasa forestal residual sí existe un importante mercado en Galicia, están a recollerse grandes volumes de biomasa forestal residual para plantas de enerxía xa existentes en Galicia e para a produción de pellets e achas de madeira, tanto para o consumo doméstico como para a exportación.
  • A cantidade de biomasa residual forestal necesaria anualmente para a central (ao redor de 500.000 t) excede enormemente o volume que se pode cultivar técnica e ambientalmente na rexión. Por tanto solicítase a revisión do crédito e no seu caso, a súa retirada, pois o proxecto significa máis impactos negativos ambientais e para o clima que os que di solucionar.
  • Insuficiente e inadecuada avaliación do impacto ambiental para garantir a fertilidade dos chans das parcelas afectadas tras a extracción da biomasa.

Nas áreas atlánticas de Galicia, fortemente deforestadas e coas características edáficas predominantes nos chans de Galicia, a retirada de materia vexetal dos montes, para calquera finalidade, leva aparellada:

  • a ruptura do ciclo da materia e enerxía destes sistemas.
  • o progresivo empobrecemento en nutrientes do chan, cuestión problemática en países como Galicia, no que a fertilidade natural dos chans é baixa.
  • a progresiva diminución da cantidade de Materia Orgánica (M.O.) dos chans, o cal repercute negativamente na fertilidade e na resposta destes medios fronte á erosión, pois a M.O. proporciona estrutura e porosidad ao horizonte (á capa superficial) dos chans. É ben coñecido polos edafólogos que os chans con baixo contido en M.O. son moito máis susceptibles aos fenómenos erosivos (formación de cárcavas ou “bad lands”) que os que teñen maior contido en M.O.
  • é contraria ao funcionamento do chan como sumidoiro de CO2, pois elimina unha gran parte (senón todo, dependendo do método que se aplique) a achega de materia orgánica que debería de efectuar a cuberta vexetal á parte superficial do chan e acelera o proceso de mineralización (oxidación) da M.O., coa consecuente liberación de CO2 á atmosfera, debido ao incremento de radiación solar que experimenta a superficie do terreo nas semanas seguintes á eliminación dos restos.
  • a propia cuberta vexetal e os restos de tallas actúan como barreira física ante períodos prolongados de choivas fortes ou puntuais de maneira torrencial.
  • as áreas arborizadas e non arborizadas cubertas por matogueiras son o hábitat dun gran número de especies (animais, vexetais, briofitas, liquenáceas, fúngicas, etc.); o seu tratamento desde un punto de vista estritamente produtivo (biomasa), con alteracións periódicas dos seus atributos, diminúe as súas características biolóxicas e a súa capacidade para albergar estas especies.
  • A colleita das árbores e a pretendida retirada de residuos forestais para o aproveitamento enerxético de biomasa a gran escala realízase nas plantacións con maquinaria pesada (harvester, maquinas empacadoras, etc.). As máquinas compactan e destrúen os chans, as micorriza, provocan erosión do chan e afectan/contaminan aos sistemas hídricos (superficiais e subterráneos), o abastecemento de auga potable, etc.
  • Polos grandes volumes de biomasa necesarios, a queima de biomasa a gran escala en plantas como a de Greenalia en Curtis con 550.000 toneladas de biomasa por ano, promove a ampliación dos monocultivos de árbores – eucalipto e piñeiro (extensión de plantacións de monocultivos en grandes áreas).
  • Estas empresas (ou as súas subsidiarias, inversionistas etc.) apodéranse de grandes extensións de terras para establecer os monocultivos industriais de árbores, directamente mediante a compra, o arrendamento de terras a longo prazo, ou doutras formas indirectas (contratos de abastecemento etc.).
  • Prodúcese un acaparamento de terras que deixan de cumprir as súas funcións básicas para dedicarse ao monocultivo forestal.
  • A xeración de enerxía a partir de biomasa non é neutra en emisións como alegan a industria e a Comisión europea. Utilízase moita enerxía fósil para manexar as plantacións/bosques, cultivar, transportar e triturar a madeira. Cortar madeira e queimala en plantas eléctricas significa a liberación inmediata de toda o carbón almacenado na biomasa. En cambio, as novas árbores necesitan segundo o sistema aplicado moitos anos/décadas de anos para crecer e fixar outra vez o carbono na biomasa (ou sexa leva por adiante unha débeda de carbono). Ver por exemplo, a carta de 800 científicos dirixida á a Unión europea:
  • http://www.pfpi.net/wpcontent/uploads/2018/04/ UPDATE-800- signatures_ Scientist- Letter- on- EU- Forest- Biomass.pdf

Alguén dubida, á vista das fotografías seguintes, que Greenalia non vai a xerar electricidade a partir dos restos de cortiza?

3
Fonte: Verdegaia, twitter
2
Fonte: Verdegaia, twitter
Galería

Hérpetos e eucaliptos, compatibles? Pois non

Nesta semana coñecíamos que a eurodeputada galega Lidia Senra denunciaba na Comisión europea, o perigo que o eucalipto supoñía para especies protexidas polo Convenio de Berna, relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural de Europa.

Entre eses animais máis susceptibles á acidificación dos solos producida polos eucaliptos está a píntega común ou salamátiga. A píntega ou salamántiga común ten unha subespecie de seu en Galicia, a Salamandra salamandra gallaica.

Para evitar seren atacadas por outros animais, a súa pel contén pequenas cantidades de substancias tóxicas (pezoña).

Pero como afecta a eucaliptización a estes animais?

Os eucaliptos consomen bastante auga debido a súa elevada evapotranspiración. Ademais son moi selectivos cos nutrintes que escollen do chan. Entre eses minerais que acaparan do chan en concentracións importantes está o calcio. Isto produce un descenso importante do pH e a conseguinte acidificación dos solos. Ao quedarse o chan sen calcio, libéranse importantes concentracións de aluminio coa conseguinte toxicidade para as plantas. As plantas e os animais atópanse de súpeto, con que as condicións dos ecosistemas xa non son as adecuadas para a súa supervivencia.

1112.jpg
O eucalipto produce unha perda de calcio importante nos solos e un incremento da concentración de aluminio

Os solos ácedos crían moitos fungos que xeran un entramado de micelios ou filamentos brancos que producen a impermeabilización do solo. É o fenómeno coñecido como water repellency, que impide que a auga se filtre. Aumenta así a escorrentía superficial e a erosión laminar.

En Galicia milleiros de hectáreas de solos están perdendo as súas propiedades naturais por mor dos eucaliptos. Ademais deixan de ser espazos adecuados para o desarrollo da flora, da fauna, a auga e a súa capacidade produtiva a longo prazo.

Os produtores forestais e a industria minimizan a importancia destes impactos cando non debera ser así, porque a consecuencia é un atentado ecolóxico de primeira magnitude.

A Xunta de Galicia debera analizar as consecuencias da súa política expansionista dos eucaliptos e mudar drásticamente as políticas con respecto a estes, xa que está a ser cómplice do que podería ser un atentado ecolóxico sen precedentes na nosa historia.

9
Píntega común ou salamátiga

 

Galería

Gas Natural Fenosa, recoñece que o custe anual dos impostos que lle terá que pagar aos concellos de Laxe, Cabana e Zas polo parque eólico Pena Forcada –Catasol II será, en conxunto, de 31.000 €/ano. A empresa tamén recoñece que a tasa de creación de emprego durante os 25 anos de explotación do parque é de 1,5. O canon eólico é de 0 euros.

Por fin coñecemeos os datos reais do custe de explotación do parque eólico Pena Forcada -Catasol II de Laxe, que afecta aos municipios de Laxe, Cabana e Zas. Na «Memoria de incidencia en el ámbito industrial, social y territorial para solicitud de declaración de proyecto de especial interés», a empresa recoñece que aboará 0 euros en concepto de canon eólico.

A empresa enerxética aboará 31.000 euros anuais, a repartir entre os tres concellos, como consecuencia do pagamento de impostos e taxas. 275.373 euros serán repartidos entre os tres concellos polas taxas das licencias de construción.

A inversión realizada pola empresa no alugamento e expropiacións ascende a 384.000 euros, o que acada unha media de 1.411 euros de beneficio por propiedade por 25 anos de ocupación ou 4,6 euros/ano de beneficio por propiedade, o que resulta unha cantidade irrisoria e incluso unha burla, se temos en conta os beneficios que factura ao ano o sector eólico, por enriba dos 600 millóns de euros anuais.

1

2

3

Ademais do anterior, a empresa construirá 2 km de viales do parque eólico que require o transporte dos aeroxeneradores. O parque será controlado en remoto desde o Centro de Control de GNFR (ubicado en Velle, Ourense), as 24 h do día, os  365 días do ano.

Naturgy tamén amosa as súas expectativas de seguir afondando nos recursos naturais de Galicia, aire, auga e o recurso forestal, para avanzar na optimización dos seus beneficios.

A veciñanza de Laxe, Cabana e Zas apenas se beneficia das instalacións do parque e da súa liña de evacuación.

 

*Os datos están sacados da “Memoria de incidencia en el ámbito industrial, social y territorial para solicitud de declaración de proyecto de especial interés”.

Galería

O Servizo de Conservación da Natureza da Coruña alertou de numerosas deficiencias no proxecto ambiental do parque eólico Mouriños.

A Oficina do Valedor do Pobo pon en coñecemento, a petición as entidades Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns e Cova Crea, as numerosas obxeccións efectuadas polo organismo da Xunta a este proxecto de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte, que confirman as alegacións presentadas pola Asociación Salvemos Cabana ao plan eólico da compañía.

Serra do Gontón, afectada polo futuro parque eólico Mouriños, parroquia de Canduas
Serra do Gontón, afectada significativamente polo proxecto eólico Mouriños (parroquia de Canduas, Cabana de Bergantiños).

Así, entre outros factores, o Servizo de Conservación da Natureza incide na “limitación nos estudos de fauna efectuados no estudo ambiental presentado en relación coa detección de especies protexidas” coma o alcaraván común (Burhinus oedicnemus), o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros), o morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum), a gataformela (Circus cyaneus), a tartaraña (Circus pygargus) e a escribenta das canaveiras (Emberiza scheniclus lusitanica).

Ademais, este departamento estima que «para efectuar unha adecuada avaliación» das repercusións do proxecto, este tamén debe dar resposta á «posible presenza» de hábitats de interese comunitario afectados e de especies protexidas, ata un total de 6 na categoría de «en perigo de extinción» e 4 como «vulnerables» no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e 11 en perigo de extinción e 20 vulnerables segundo o catálogo galego.

O Servizo da Conservación da Natureza tamén destaca a «ausencia de análise de avaliación» no estudo ambiental presentado debido á proximidade dunha Zona Especial de Conservación (ZEC) e unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), e tamén aos seus valores asociados «entre os que destacan as rutas e desprazamentos de fauna«.

Doutra banda, fai referencia á «ausencia de fiabilidade» do texto presentado «no que respecta ao estudo de colisións das aves e morcegos contra os aeroxeradores«, e á «falta de argumentos en relación a unha afirmación de gran calado recollida no estudo ambiental, relativa a que o ruído producido polos aeroxeradores -de 110 decibelios segundo o proxecto da empresa-, non terá ningunha incidencia na fauna, nin na súa distribución nin no seu comportamento«.

O organismo da Xunta destaca, finalmente, que «a normativa de protección e conservación das especies vai encamiñada a evitar a xeración de impactos para os hábitats e as especies ameazadas, destacando que esta premisa entra en conflito directo co recollido no estudo ambiental«.

UN PROXECTO AMBIENTALMENTE INVIABLE

Para as asociacións Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns, e Cova Crea, que veñen de unir as súas forzas para loitar contra os proxectos de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte, isto demostra que, do mesmo xeito que o proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II en Laxe, o Mouriños, entre Cabana de Bergantiños e Zas é ambientalmente inviable e, de autorizalo, o Executivo galego arríscase a arruinar para sempre unha zona que destaca polos seus elevados valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais.

 

Galería

Asociacións da comarca de Bergantiños rexeitan o respaldo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), á Lei de Implantación de iniciativas empresariais de Galicia, máis coñecida como Lei da Depredación de Galicia.

Así o manifestaron as asociacións ambientalistas Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns e Cova Crea, quen consideran que a xornada que imparte este venres a Universidade de Santiago relativa á aplicación da Lei  5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, coa colaboración da Xunta de Galicia, e co apoio entre outras, da Asociación eólica de Galicia, non ten outro obxectivo que acicalar e lexitimar unha lei que na Costa da Morte só contribuíu ata o de agora, ao espolio de Galicia, ao acaparamento de terras sen retorno social nos municipios nos que se aplica, á destrución da paisaxe, á fragmentación do territorio e da biodiversidade e á mingua dos ingresos derivados do sector turístico, á marxe do forte rexeitamento social que xenera.

Monte Cabana
Vista de Cabana de Bergantiños.

As asociacións critican non só os fins espúreos que persegue a lei, que non son outros que favorecer ao capital e ás grandes empresas en detrimento das comunidades onde se implantan os proxectos industriais, senón que por enriba “temos que ver como a Xunta de Galicia despilfarra fondos públicos dando publicidade e lavando a imaxe dunha lei espoliadora de recursos e do territorio, ingrata co territorio e coa cidadanía de Galicia”.

Así lembran que no caso dos proxectos éolicos de Cabana (proxecto Mouriños) e Laxe (proxecto Pena Forcada –Catasol II), impulsados por Gas Natural Fenosa, a Lei de Depredación destrúe unhas paisaxes diversas de gran valor paisaxístico e Zonas de Especial Protección para as Aves da Costa da Morte, tendo en conta ademais, a significación de lugares estratéxicos para o turismo e o patrimonio cultural desde o punto de vista dos acervos municipais de Cabana e Laxe como Monte Castelo, o mirador de Sinde ou a praia de Traba ou o alto do Aplazadoiro.

Para estas asociacións é un contradición que unha universidade do século XXI, plural e supostamente avanzada como a USC, se preste a apoiar á Xunta de Galicia na difusión das falsas bondades dunha lei tan agresiva con Galicia e a súa cidadanía, que a través da figura dos “proxectos declarados de interés especial” espolia en tempo récord o territorio e mingua dereitos a prol das grandes empresas que precisamente participan na xornada como o clúster do granito, clúster da pizarra, clúster da madeira e a asociación eólica de Galicia; e non así, pola contra, as entidades de defensa do territorio e da paisaxe, que brilan pola súa ausencia nas diversas mesas redondas previstas na xornada da USC.

val de Traba - Laxe afectado polo proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II
Val de Traba, en Laxe.
Galería

Iniciativa de participación cidadá múltiple on line para combater a pobreza enerxética e democratizar o acceso á enerxía.

Iniciativa de participación cidadá múltiple on line para combater a pobreza enerxética e democratizar o acceso á enerxía: Establecer unha tarifa eléctrica propia para Galicia para compensar o esforzo e o sacrificio dos recursos naturais de toda a cidadanía galega a favor da producción de enerxía por parte das empresas eléctricas e para todo o […]

via Iniciativa de participación cidadá múltiple on line para combater a pobreza enerxética e democratizar o acceso á enerxía. — Corcoesto: val fluvial do río Lourido.