Galería

Gas Natural Fenosa, recoñece que o custe anual dos impostos que lle terá que pagar aos concellos de Laxe, Cabana e Zas polo parque eólico Pena Forcada –Catasol II será, en conxunto, de 31.000 €/ano. A empresa tamén recoñece que a tasa de creación de emprego durante os 25 anos de explotación do parque é de 1,5. O canon eólico é de 0 euros.

Por fin coñecemeos os datos reais do custe de explotación do parque eólico Pena Forcada -Catasol II de Laxe, que afecta aos municipios de Laxe, Cabana e Zas. Na «Memoria de incidencia en el ámbito industrial, social y territorial para solicitud de declaración de proyecto de especial interés», a empresa recoñece que aboará 0 euros en concepto de canon eólico.

A empresa enerxética aboará 31.000 euros anuais, a repartir entre os tres concellos, como consecuencia do pagamento de impostos e taxas. 275.373 euros serán repartidos entre os tres concellos polas taxas das licencias de construción.

A inversión realizada pola empresa no alugamento e expropiacións ascende a 384.000 euros, o que acada unha media de 1.411 euros de beneficio por propiedade por 25 anos de ocupación ou 4,6 euros/ano de beneficio por propiedade, o que resulta unha cantidade irrisoria e incluso unha burla, se temos en conta os beneficios que factura ao ano o sector eólico, por enriba dos 600 millóns de euros anuais.

1

2

3

Ademais do anterior, a empresa construirá 2 km de viales do parque eólico que require o transporte dos aeroxeneradores. O parque será controlado en remoto desde o Centro de Control de GNFR (ubicado en Velle, Ourense), as 24 h do día, os  365 días do ano.

Naturgy tamén amosa as súas expectativas de seguir afondando nos recursos naturais de Galicia, aire, auga e o recurso forestal, para avanzar na optimización dos seus beneficios.

A veciñanza de Laxe, Cabana e Zas apenas se beneficia das instalacións do parque e da súa liña de evacuación.

 

*Os datos están sacados da “Memoria de incidencia en el ámbito industrial, social y territorial para solicitud de declaración de proyecto de especial interés”.

Galería

A Xunta de Galicia declarou de interese especial o proxecto eólico Pena Forcada –Catasol II sen que a empresa promotora, Fenosa Wind, xustificase a súa incidencia industrial e social, tal e como esixía a lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia

Na documentación remitida á asociación Petón do Lobo ao abeiro da solicitude presentada o pasado mes de febreiro, na que se solicitaba acceso á memoria que contiña a especial incidencia e beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros, e que serviría de base para a declaración de interese especial do proxecto, non se xustificaron os requisitos esixibles pola lei para a súa declaración como tal.

Fenosa Wind tan só adica dúas liñas a xustificar o interés público ou a utilidade social do proxecto aludindo ás reunións do Consello da Xunta do 1 de outubro de 1997 e 5 de decembro de 2002 nas que se aprobaba o xa moi desfasado plan eólico de Galicia. O outro extremo que xustifica Fenosa é o ámbito supramunicipal do proxecto en dúas liñas e media, para referirse aos concellos afectados, isto é: Laxe, Cabana e Zas.

Polo tanto, a Xunta de Galicia incumpriu de cheo o parágrafo 2 da citada disposición adicional primeira referida aos proxectos declarados de interese especial, porque en ningún caso a memoria presentada pola empresa promotora abranguía os puntos nos que fai fincapé o citado parágrafo; isto é, a memoria na que se conteña a especial incidencia e beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros…Sí se presenta unha memoria, pero só referida ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, mais non referido aos puntos específicos que se require no parágrafo dous da Disposición adicional primeira da LEI 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. Polo tanto, estas lagoas que deberan ser subsanadas pola empresa promotora e que non se fixo, invalidan a tramitación procedimental do proxecto industrial.

Así a «Disposición adicional primeira da Lei de Depredación de Galicia referida aos proxectos declarados de interese especial, indica que:

  1. Poderán ser declarados de interese especial polo Consello da Xunta os proxectos de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e as súas infraestruturas de evacuación asociadas que se desenvolvan no marco de poxas para a asignación de réxime retributivo específico a instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de tecnoloxías renovables, impulsadas ao amparo do disposto no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, ou norma que o substitúa, coa finalidade de que sexan despachados prioritariamente polos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que interveñen no procedemento administrativo da súa autorización e con carácter de urxencia.
  2. A solicitude de declaración de interese especial destes proxectos deberase realizar á consellaría competente en materia de enerxía, presentando unha memoria que conteña a súa especial incidencia e beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros, así como unha declaración responsable de que o proxecto se desenvolverá no marco das poxas indicadas anteriormente, debendo determinar o prazo previsto para a súa execución.

Para realizar esta solicitude, a persoa promotora do proxecto deberá presentar previamente, tanto para a instalación de produción de enerxía como para as infraestruturas de evacuación asociadas, a solicitude de autorización de construción, así como, se é preciso, a solicitude de declaración de utilidade pública e a de aprobación do proxecto sectorial.

  1. A declaración de proxecto de interese especial será acordada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía, e abarcará conxuntamente o proxecto de produción de enerxía e as infraestruturas de evacuación asociadas.
  2. A declaración de interese especial dun proxecto terá como efectos a tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento da autorización administrativa previa e/ou de construción, así como dos prazos na instrución do procedemento de avaliación ambiental que sexa necesario. Así mesmo, reduciranse á metade os prazos necesarios na tramitación do proxecto sectorial.
  3. Os proxectos declarados de interese especial deberán executarse e solicitar a autorización de explotación con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2020. No caso contrario, quedará sen efecto a declaración de interese especial do proxecto e serán incautados os correspondentes avais e garantías depositadas».

En ningún momento da memoria se analiza o impacto do proxecto industrial sobre o turismo, a pesar de que Laxe está recoñecido como municipio turístico desde o 10/12/2007. Máis ben sí se incide na base agrícola-gandeira da economía dos municipios, o que non responde en absoluto á realidade. O sector agro-gandeiro destes municipios hai tempo que foi superado, primando arestora o sector forestal e sobre todo o turístico, directamente relacionado co patrimonio cultural, a paisaxe, as praias e o turismo verde do interior.

1
Traba, municipio de Laxe

Laxe municipio de interés turístico.png

9.jpg
Vista parcial do val de Traba, no municipio de Laxe
Galería

A Xunta de Galicia declarou o interese especial do proxecto eólico de Laxe, a pesar de que Fenosa Wind recoñece un risco de afección, aínda que non elevado, para 22 elementos patrimoniais dos municipios afectados.

O proxecto industrial eólico de Fenosa non valora o impacto da afección ao patrimonio cultural no turismo dos tres municipios da comarca de Bergantiños afectados (Laxe, Cabana e Zas), a pesares de que Laxe está recoñecido como municipio de interés turístico, pola propia Xunta de Galicia desde o 10/12/2007.

Así entre o patrimonio cultural afectado, e para o que a propia promotora recoñece un risco de afección, aínda que non elevado, está:

  • MÁMOA DE CRUZ DO FURCO, a 397 metros do proxecto.
  • CRUZ DO FURCO, a 316 metros do proxecto.
  • CONXUNTO DA TORRE, a 370 metros do proxecto.
  • MONTE DO CASTRO/SARCES/TORRE XALLÓNS, a 158 metros do proxecto.
  • S-03. CRUCEIRO 42.032 COENS, a 330 metros do proxecto
  • CRUZ DA MINGACHA, a 220 metros do proxecto.
  • TRAS DO FOXO/GÁNDARA MOURA, a 100 metros do proxecto.
  • MORIÑANA, a 97 metros do proxecto.
  • CASTRELO, a 230 metros do proxecto.
  • CASTELO, a 386 metros do proxecto.
  • COTÓN DO MARCO/CASTELO MURIÑO, a 545 metros do proxecto.
  • COTÓN DO MARCO, a 515 metros do proxecto.
  • CASTELO GRANDE DO ALLO, 824 metros do proxecto.
  • CASTRO DE PIÑEIRO, a 495 metros do proxecto.
  • BIC TORRES DO ALLO, a 399 metros do proxecto.
  • MUÍÑO DO REGO SOESTO, a 111 metros do proxecto.
  • CHOZO DAS AREOSAS, a 15 metros do proxecto.
  • VAGONETAS DA MINA DE COÉNS, a 61 metros do proxecto
  • MUÍÑO DO REGO GUNDAR, a 52 metros do proxecto.
  • MÁMOA DO ALTO DO PEDROSO, a 174 metros do proxecto.
  • MÁMOA DE TRAS DA SENRA, a 196 metros do proxecto.
  • MUÍÑO DO REGO FORNELOS, a 18 metros do proxecto.

En ningún momento da memoria se analiza o impacto do proxecto industrial sobre o turismo. Máis ben se incide na base agrícola-gandeira da economía dos municipios, o que non responde en absoluto á realidade.

E a pregunta é…, como se vai a desenvolver o turismo e o sector servicios nun municipio turístico, se non se comeza por respetar o patrimonio cultural e á paisaxe vencellada ao mesmo?

VAL DE TRABA LAXE
Val de Traba – Laxe