Galería

Continuan as verteduras de augas residuais do núcleo urbano de Neaño á ría de Corme –Laxe

Non se trata dun verquido accidental. Un fallo na rede de saneamento municipal remata con verteduras permanentes á ría de Corme –Laxe. Boa parte da carga residual da veciñanza de Neaño remata directamente na ría.

Os malos cheiros e a presenza de roedores e insectos en cantidades importantes, alarmaron a algunha veciñanza próxima, que alertou dos fallos á Xunta de Galicia e ao Seprona.

Unha tubaxe aberta verte permanentemente a un salgueiral próximo á primeira liña do litoral. Cando a vertedura é moi abundante, as filtracións das augas residuais cóanse por debaixo do paseo marítimo ata chegar á praia e ao mar.

IMG-20180922-WA0013
Fallos no saneamento de augas residuais no litoral de Cabana de Bergantiños (A Coruña)

O que máis preocupa á veciñanza é que a maoiría descoñecía que existía un fallo no saneamento das augas residuais, posto que pensaban que a rede de fecais comunicaba coa depuradora de Lodeiro, na veciña parroquia de Canduas, cando non é así. De feito, cando se realizaran as obras, supostamente instaláranse 9 km de tubaxes e colectores para conducir as augas residuais de Neaño ata a depuradora de Lodeiro, e polo que se ve non foi así. De feito, o saneamento integral da liña costeira de Cabana acadara no seu día un orzamento de 420 millóns das antigas pesetas.

A veciñanza tamén se pregunta a que se adica a empresa que xestiona as augas municipais, a coruñesa OGPO, S.L e os motivos polos que desde o concello non se alertou a poboación deste problema.

IMG-20181002-WA0009
Fallos no saneamento de augas residuais no litoral de Cabana de Bergantiños (A Coruña)

Por outra banda, a veciñanza reclama a devolución dos importes pagados en concepto de canon de saneamento, e que veñen incluídos na factura da auga que lles pasa periódicamente o concello de Cabana.

Reclaman ademáis o arranxo e acondicionamento inmediato da rede de saneamento e que se deixen de producir as verteduras, xa que en pleno século XXI é indignante e incrible que se esté a producir o que ocorre en Neaño, posto que pódese producir un deterioro importante dos espazos da Rede Natura, do litoral e con consecuencias inmediatas para a saúde pública e os bancos marisqueiros da ría de Corme –Laxe.

IMG-20180922-WA0014
Fallos no saneamento de augas residuais no litoral de Cabana de Bergantiños (A Coruña)
IMG-20181002-WA0007
Fallos no saneamento de augas residuais no litoral de Cabana de Bergantiños (A Coruña)

 

IMG-20180922-WA0011.jpg
Fallos no saneamento de augas residuais no litoral de Cabana de Bergantiños (A Coruña)
Galería

Augas que poderían ser fecais do núcleo urbano de Neaño, no concello de Cabana de Bergantiños, verterían directamente á ría de Corme –Laxe e á beira do paseo marítimo do litoral cabanés

Tal vez a posible falla de saneamento de boa parte do núcleo urbano de Neaño, no concello cabanés, teña consecuencias directas sobre a ría de Corme –Laxe. Duas tubaxes duns 30 cm de diámetro dispostas ao longo da cuneta dunha pista, que conduce á primeira liña do litoral, e xusto á beira do paseo marítimo cabanés,  dirixiría os posibles residuos fecais de boa parte da poboación cabanesa directamente á Rede Natura e aos bancos marisqueiros da ría de Corme –Laxe. Alí oculta entre os xuncais, á fin da tubaxe amosa os posibles residuos fecais; entre eles, os máis consistentes, son obxecto de disputa das gaivotas que frecuentan o espazo atraídas polo depósito contaminante.

O concello cabanés conta con unha depuradora no lugar do Regengo, que se encarga do saneamento dunha parte da parroquia de Cesullas e outra no lugar de Lodeiro, na parroquia de Canduas. Tamén tería que existir, posto que estaba planificado, unha decantadora preto da praia da Urixeira, para sanear o resto das augas fecais do núcleo de Neaño, pero ou ben aínda non existe ou non funciona ou non abrangue todo o núcleo.

FECAIS PUNTO DE VERQUIDO DIRECTAMENTE Á RÍA DE CORME -LAXE
Verquido á ría de Corme -Laxe, municipio de Cabana de Bergantiños, núcleo urbano de Neaño

Ademais das anteriores, o concello dispón dunha depuradora na parroquia de Nantón, que non funcionou no periodo estival, e que foi obxecto de visita por parte do Seprona, polos problemas que daban os malos cheiros.

Na parroquia de Corcoesto tamén hai outra, que instalada no ano 2012, nunca chegou a funcionar e está abandonada nunha parcela.

As verteduras directas á ría de Corme –Laxe, a 600 metros aproximadamente da praia da Urixeira e en dirección á praia do Curro, ao remate do paseo martítimo, afectan directamente á enseada da Ínsua, un espazo natural protexido único e ao esteiro do Anllóns, un lugar moi produtivo en canto ao marisqueo, e con gran biodiversidade e valor paisaxístico.

Ademais o espazo está catalogado como Zona de especial protección para as aves (ZEPA) e forma parte do LIC Costa da Morte, da RedeNatura 2000 Europea.

Por outra banda, as verteduras á beira do paseo marítimo e do litoral cabanés, ao lado do chamado Camiño dos Faros, moi promocionado incluso pola TVG no programa “Imos indo”, afecta negativamente á promoción turística do municipio e proporciona moi mala imaxe deste en canto á sostibilidade ambiental que queren transmitir tanto desde o concello, co popular José Muíño Domínguez á cabeza, como desde a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Begoña Torrado Lema.

Diversas entidades, colectivos e particulares xa deron a voz de alarma á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Consellería do Mar, posto que moita veciñanza pensaba que o concello de Cabana saneaba as augas residuais, posto que pagaran a acometida ao alcantarillado e lles pasan o recibo puntualmente.

FECAIS PUNTO DE VERQUIDO, ENTRE A PRAIA DA URIXEIRA E A PRAIA DO CURRO 1
Verquido á ría de Corme -Laxe, municipio de Cabana de Bergantiños, núcleo urbano de Neaño
FIN DO PASEO MARÍTIMO DO LITORAL CABANÉS, PRETO DA PRAIA DO CURRO. DEXAIXO DO GRIFO, ESTÁ A VERTEDURA DE FECAIS
Paseo marítimo no litoral cabanés. Punto afectado polo verquido á ría de Corme -Laxe
FOTOGRAFÍA UBICACIÓN GOOGLE MAPS
Ubicación aproximada do punto de verquido no litoral cabanés