O elemento hidrolóxico de maior importancia constitúeo a lagoa de Alcaián situado a 523 metros ao oeste do centro colector, así mesmo cabe nomear a presenza do humidal chamado Marco do Couto situado a 610 m ao suroeste do aeroxerador 05.
Indica a empresa que: “As obras proxectadas nas proximidades de Marco do Couto son o acondicionamento da pista forestal existente que delimita este humidal polo que, ao tratarse de obras de pequena entidade, non se esperan afeccións sobre este humidal. Así mesmo, cabe sinalar que as obras de acondicionamento só afectarán a plantacións forestais de especies arbóreas, picea e piñeiro insigne, que se atopan ao bordo da pista existente na zona catalogada como humidal protexido. Non se producirá ningunha afección sobre as formacións vexetais de ribeira, tanto pola ausencia delas na contorna como polas distancias conservadas coas canles e lagoas existentes”. Sen embargo, isto non é verdade. Trátase de espazos sensibles que deben ser valorados de maneira máis adecuada, tendo en conta os efectos tanto directos como indirectos.
A empresa promotora debería identificar solucións alternativas que eviten, mitiguen ou compensen os impactos adversos na diversidade biolóxica, incluída a opción de non continuar co desenvolvemento, atopando outros lugares que eviten os impactos.
Código identificador do humidal:
1110330 O Pozo
1110331 Marco do Couto
1110234 Lagoa de Alcaián
1110285 Fervenza de Sampaio
A estreita relación entre os humidais e as aves acuáticas e a avaifauna en xeral, obriga a reconsiderar a ubicación do proxecto do parque eólico Bustelo, Campelo e Toural. Non se deben ubicar este tipo de infraestruturas á beira de espazos de alto valor ecolóxico e ambiental como é o caso.
A promotora confía na capacidade de reacción das especies (aves) para eludir o efecto barreira xerado polos parques sobre os desprazamentos da avifauna: “Analizando las disposiciones de los parques, tampoco se debería producir un aumento sobre el efecto barrera generado por los parques sobre los posibles desplazamientos norte-sur, ya que el parque eólico Bustelo presenta una disposición de las máquinas en cuatro grupos lo que permite aumentar la capacidad de reacción de las especies”.
A empresa gábase da sorte que ten a avifauna, xa que no interior do parque eólico Bustelo contaría con un baleiro e unha banda libre para evitar colisións, duns 146 metros como mínimo. Tal aseveración considérase surrealista, posto que as aves non se rixen por esta lóxica nin evidentemente se van a ler as instrucións de Greenalia Power, S.L.U. para circular por eses espazos: “En estos movimientos también es importante la presencia del vacío dejado en el interior del parque eólico Bustelo de entre 0,68 y 1 kilómetro entreagrupaciones de aerogeneradores y las separaciones establecidas entre máquinas, quedejan una banda libre de colisiones de unos 146 metros como mínimo”.
A falla de rigor técnico e científico da empresa promotora é evidente.
>A Comisión europea destina a Galicia 39,5 millóns de euros para á adaptación ao cambio climático e prevención de riscos, incluida a xestión de incendios forestais, durante o período 2014-2020.
>A Xunta de Galicia podería estar a facer unha mala apliación destes fondos.
A Comisión europea empraza á asociación Petón do Lobo para que esta lle indique de xeito detallado os motivos polos que a Xunta de Galicia incumpriría de xeito reiterado, ano tras ano, cos obxectivos do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (FEDER), e en concreto o incumprimento dos 39,5 millones de euros que a Xunta destinaría supostamente á adaptación ao cambio climático e prevención de riscos, incluida a xestión de incendios forestais, durante o período 2014-2020.
Trala vaga de lumes que sofreu recentemente Galicia e tras unha queixa presentada por esta asociación, a Comisión europea cuestiona a avaliación dos riscos realizados pola Xunta de Galicia como condicionante preceptivo para o acceso aos fondos europeos. A cuestión estriba en que esta avaliación de riscos parte dunha diagnose equivocada da realidade galega, baseada nun plan de ordenación e xestión forestal caduco e obsoleto (do ano 1992), que non reflicte a realidade dos montes galegos e non atalla as causas estruturais dos incendios que sofre Galicia, polo que se estaría a producir de xeito reiterado unha mala aplicación dos fondos comunitarios e unha desviación continuada no tempo dos obxectivos de cumprimento previstos e do diñeiro público.
Se a Xunta de Galicia incumpre de xeito reiterado cos obxectivos da prevención de riscos sen corrixir as desviacións que se repiten cada ano e atallar as causas estruturais que as motivan, a Comisión europea ten o deber de indagar nas causas de tales incumprimentos e esixir que se revisen, condicionando o acceso aos fondos europeos ao seu efectivo e eficaz cumprimento.
Hai que atender á previsión pero tamén a unha ordenación do monte baseada na priorización de usos dentro do esceario global de seca e de adaptación ao cambio climático.
Son tres as causas que está a estudar a Comisión europea e que estarían detrás do inadecuado aproveitamento e utilización irregular por parte da Xunta de Galicia dos fondos FEDER mencionados:
1º.-A ordenación de usos do solo, e por tanto do monte, cuestión fundamental para poder determinar que prevención se vai a levar a cabo. Sen unha adecuada ordenación dos usos e sobre unha diagnose errada da realidade do territorio (en alusión ao plan forestal do ano 1992), esa prevención é imposible. Esta ordenación de usos debe fundamentar un plan de xestión forestal e de protección forestal actualizado e adaptado a la realidade existente, que fomente o bosque autóctono e contemple a redución paulatina das especies pirófitas como o eucalipto.
2º.-Existe un incumprimento estrutural da lexislación de prevención.
3º.- O cambio climático (ausencia de normativa galega para previr e paliar o cambio climático). A Xunta de Galicia debe tomar conciencia do cambio climático e, por exemplo, incorporar expertos en climatoloxía nos dispositivos de prevención e extinción de incendios, aspecto que debe quedar reflictido a partir de agora no Pladiga e nas avaliacións de riscos que presenten as diferentes autonomías para o acceso aos fondos Feder.
Desde o homo neanderthalensis, pasando polas tribos indíxenas de América e África e ata os nosos días a loita pola defensa da terra e do territorio é un continuum na vida do ser humano.
A diferencia cos nosos días é que aquí o gran depredador de terras é o Capital e a Xunta de Galicia co presidente Feijóo á cabeza, ao servizo do mesmo. Porque o presidente Feijóo hai tempo que se desmarcou da cidadanía galega e optou por servir intereses espúreos alleos a nosa terra.
Esta lei aprobada hoxe no Parlamento galego, a lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais de Galicia, máis coñecida como Lei de Depredación de Galicia ou Lei de Indefensión Ambiental, vén a contribuír a alimentar aínda máis a ese Capital que pretende depredar o rural galego.
E cando falamos de Capital non estamos a falar das medianas e pequenas empresas, senón daquelas grandes multinacinais e corporacións que se poden permitir pagar primas e comisións a políticos corruptos que deseñan unha lei a medida dese Capital. Porque esta lei non é nen máis nen menos que unha artimaña para asentar a corrupción transversal e estrutural dentro da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Xunta de Galicia.
O abandono e desleixo do rural galego por parte da Xunta de Galicia precisaba dun soporte normativo que legalizara a depredación e acaparamento de terras por parte das grandes corporacións e multinacionais, e así nace este simulacro de lei, que non é tal, porque carece de licencia social e de respaldo do pobo necesario para lexitimar unha iniciativa lexislativa de tal calibre.
Estamos aínda a sofrer as consecuencias da vaga de lumes infernal que mata o noso rural e os deputados do partido popular culminan este feito cunha lei inconstitucional, que pretende legalizar a expropiación forzosa a prol dos intereses das grandes corporacións e empresas multinacionais en detrimento da utilidade pública e do interés social que debe estar na base de todo procedemento expropiatorio. Normalízase unha vía excepcional como é a expropiación para permitir ás grandes empresas conseguir terras do noso rural a prezos de saldo. E para iso, quéimanse os montes se for preciso, e para iso sácanse a concurso dereitos mineiros que están debaixo das casas de moitas galegas e galegos que descoñecen que o terreo no que se asenta a súa casa non é seu; e todo isto para manter ao capital se for preciso; porque para contentar ao capital colocamos parques eólicos onde e como digan as grandes empresas, e iso sí, sempre a prezos de saldo. E para contentar a ese capital que pode pagar primas e comisións aos políticos do partido popular convertimos a Galicia nun tremendo eucaliptal. E despois, se for preciso, prendémoslle o lume aos montes para abaratar os prezos da madeira queimada e obter biomasa. E todo elo, a prol do Capital e da corrupción transversal e estrutural que se pretende establecer con esta lei.
E por enriba non existe aínda unha lei galega de cambio climático que axude a paliar a seca e o quecemento global. Pero seguimos externalizando a extinción dos incendios forestais e aparecen así empresas que se fan con contratos millonarios para xestionar o negocio do lume en Gaicia. E todo a costa do rural e do monte galego, o eixo económico vertebrador de Galicia.
Non existe mellor xeito de fomentar o abandono do rural que sacar adiante unha lei como a que se aprobou hoxe no Parlamento galego. Porque o seu obxectivo é provomer o abandono do rural, que a xente marche do rural pola falla de oportunidades para unha vida digna e poñer as terras e os recursos de Galicia a disposición do Capital.
Pero equivócanse, non vai a ser así. A Valedora do Pobo ten arestora enriba da mesa queixas de varios colectivos1 pola tramitación anómala deste simulacro de lei. Porque este esperpento de lei vulnera dereitos constitucionais da cidadanía galega que están por enriba dos intereses das multinacionais e do goberno da Xunta como é o dereito á propiedade privada, o dereito de acceso á información, o dereito de igualdade e contradicción dos interesados fronte a administración, a seguridade xurídica e sobre todo o dereito a dignidade da cidadanía como seres humanos. Á Valedora do Pobo como garante dos dereitos constitucionais corresponderalle supervisar a actividade da administración (neste caso o Parlamento como administración institucional) e informar sobre a vulneración ou non de dereitos constitucionais, e de ser o caso iniciar e/ou impulsar os trámites para a presentación do correspondente recurso de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional. E iso lle pedimos tamen aos partidos políticos e grupos parlamentarios da oposición.
Pero o instrumento máis forte de oposición a esta lei está no poder da cidadanía galega e na vontade do pobo. Non vamos a permitir a venda de Galicia a prezos de saldo e tampouco permitiremos o expolio e a depredación do rural, medio de vida de moitas persoas a favor dunhas elites privilexiadas pola Xunta de Galicia e o partido popular. Esta é a liña vermella que non premitiremos cruzar e neso estamos.
“Lobo e Territorio”
Asoc. Petón do Lobo
1 Entre os colectivos que presentaron queixas á proposición de lei durante a súa tramitación parlamentaria está está a Asoc. de Veciños de Cereo, a Asoc. Lourido de Valenza, a Asoc. ambiental Contramínate, a Plataf. pola defensa das terras de Coristanco, a Asoc. galega Cova Crea, esta asociación e outras.
Diversas ameazas cérnense en torno aos espazos naturais: eólicos, hidroeléctricas, liñas de alta tensión, minas a ceo aberto, infraestruturas viarias, incendios, seca, cambio climático, erosión, monocultivos forestais, caza, contaminación por diversas causas, desaparición do patrimonio cultural,…etc. Por se fora isto pouco, nas mans da cidadanía está frear o cambio climático e o quecemento global, ameazas irreversibles e globais para o planeta.
O fenómeno tamen afecta ao val fluvial do río Lourido, reserva fluvial e área de especial interés paisaxístico da comarca de Bergantiños, e que será o marco particular para a análise destas ameazas globais sobre un territorio concreto e a pequena escala.
Restos da antiga pesqueira do río Anllóns.
O río Lourido é un afluente tributario do Anllóns que nace en fonte Cardeira e vai recollendo ao longo do seu percorrido as augas do rego Batán e doutros regos e fontes que nacen no val, entre as parroquias de Valenza, Cereo e Corcoesto. Únese ao Batán abaixo do regueiro de Cercarido, na parroquia de Cereo para desembocar no río Anllóns, preto do muíño do Xuareiro.
Desde fonte Cardeira a paisaxe amosa os muíños eólicos do cume do monte de Perrol e a liña de alta tensión de Cudeiro, que o atravesa desde Silvarredonda a Cereo, quebrando a calidade paisaxística das cuncas visuais e fragmentando un espazo de alto valor ambiental.
Cada vez chove con menos frecuencia e a seca afecta ao caudal do Lourido, ao igual que ao de todos os ríos, regueiras, regueiros, regos e regatos de Galicia. Antes cada verán e agora con maior frecuencia, a empresa concesionaria da central hidroeléctrica da paraxe de Sta. Mariña do Remuíño, opera no cauce do Anllóns para limpalo, acumular máis auga na presa e conseguir que o salto produza máis forza e enerxía.
Nas épocas de alto risco de incendio a veciñanza establece o que lle chaman as “patrullas veciñais disuasorias e de prevención”, para coidar dun espazo único e de alto valor ambiental, que forma parte da identidade e da memoria.
Os incendios esgotan a biodiversidade e afectan gravemente aos ecosistemas, causando a erosión dos chans e eliminando a súa funcionalidade. Temos así chans ermos e esmorecidos en boa parte de Galicia afectada pola baga de incendios, que xa abandonaron a súa estacionalidade para convertirse nun problema permanente.
Este espazo tampouco é alleo aos monocultivos forestais de eucalipto, que intentan incluso chegar aos bordes do río, e ameazar ás masas de vexetación de ribeira de bidueiros e salgueiros.
Cada vez é máis frecuente que apareza unha nova pista aberta en calquer lado do val, sen importar a fragmentación dos ecosistemas. Os espazos mudan e van incorporando novas infraestruturas que constituen ameazas antrópicas consecuencia da produción, distribución, transporte e consumo de bens e servizos.
Co tempo van desaparecendo os camiños históricos, porque mudan as necesidades da poboación, pero non se conserva o patrimonio cultural, histórico e artístico, sexa materia ou inmaterial. Os valos das fincas desaparecen porque os camiños teñen que adaptarse ás novos medios de transporte. Na memoria colectiva quedan así os rueiros, congostras, camiños, carreiros, pistas, corredoiras..etc.
Xa case ninguén recorda o camiño histórico que atravesaba o val fluvial no século XVIII, que baixaba desde Cereo polo regueiro de Cercarido, pasaba por arriba de Sta. Mariña do Remuíño, de lado do solano e vendabal para chegar a Fonterremula, cruzar os montes dos Picotos ata a poza negra do Anllóns, onde estaba o paso para continuar cara a Ponte-ceso.
Na memoria, e aínda físicamente sobre o lugar está o Batán do Lourido, preto de Baralláns, e os muíños de Baralláns, da Canle, do Mineiro e do Prillán. O mesmo ocorre coas pontellas de Baralláns, do Prillán e as dúas do rego Batán, principal vía de comunicación entre os veciños de Corcoesto, Lestón e Valenza.
Pouca xente lembra ao lobo no lugar de Petón do Lobo, nen as feiras da antiga aldea abandonada de Aldemunde, entre Lestón e Baralláns. Tan só fican as ruínas, testemuñas silenciosas dun pasado de feiras de gando buliciosas e xentes diversas do mundo.
Xa ninguén lembra as pesqueiras do río Anllóns e o espazo da lamprieira, onde aínda fican restos das pedras que conducían as troitas e as lampreas ás canles de pesca. Os pesticidas, plaguicidas, abonos, fertilizantes, puríns… esgotan e ameazan á fauna dos ríos.
Unha pesqueira é unha construción, feita nun río, aproveitando un lugar natural, de tal forma que en base a un muro ou varios, derívase a auga para un portillo estreito, no que se axusta unha rede especial para pescar principalmente lamprea pero tamén o salmón, o sable e outros peixes. Na súa construcción tiveron moito que ver xente que entendía as correntes dos ríos e eran grandes canteiros.
Así no río Anllóns, ao seu paso por Corcoesto, temos o lugar da Vitureira ou da Lamprieira, en clara alusión ás pesqueiras onde se colocaban os vituróns ou vutrón, é dicir, as redes que se axustan entre os poios para pescar as lampreas.
O lugar da Lamprieira, preto do lugar de Xabarín ou Xabariño, en Corcoesto, fai alusión precisamente ao lugar do río onde se colocaban as lamprieiras, é dicir as redes para a captura de lamprea.
De igual xeito o topónimo da Vitureira, fai tamen relación aos vituróns ou vutróns para pescar salmón, anguías e lampreas.
A construcción das presas e das centrais hidroeléctricas, as chamadas “Fábricas da luz” deixaron na memoria as pesqueiras do río Anllóns.
A vida nos ríos galegos e a abundancia piscícola era tan relevante que no lugar de Teixedo, en Corcoesto, chegouse a instalar a finais do século XVIII un secadoiro de salmón. A elo ben puido contribuir a proximidade do río Cardezo, tributario do río Anllóns, e a Regueira, onde desemboca o rego de Sta. Margarida de Baneira.
Quen diría que no ano 1714 as pesqueiras ou gargas do río Cardezo cultivaban ostras de auga doce. A ostra perlífera de auga doce é un animal filtrador que se alimenta de partículas transportadas polas correntes. Para soportar o frío, require un substrato de area ou de grava, o que lle permite introducirse nel, ás veces durante varios anos. Por tanto, é moi sensible á sedimentación dos ríos que constitúen o seu hábitat: a diminución do caudal, a colmatación dos fondos, conduce á súa desaparición sistemática, aínda que ás veces obsérvanse desprazamentos voluntarios dos adultos (menores niveis de auga ou aumento de turbidez). A súa presenza é pois un excelente bioindicador da calidade dos ríos.
A contaminación fluvial e en xeral de todos os recursos hídricos debera ser a maior preocupación da cidadanía, porque incide directamente na saúde humana e dos ecosistemas.
Por outra banda, xa non hai xabaríns no lugar de Xabarido. A caza afecta á biosfera porque interrompe o ciclo natural en especies particulares de animais, como o xabarín e o coello, e isto trae consecuencias para o resto dos animais, plantas e árbores que dependen das especies máis cazadas. Directamente afecta a todo o medio natural e ao declive dos grandes depredadores como o lobo, animal clave no equilibrio dos ecosistemas.
Pero aínda existe algunha esperanza. Aínda quedan ruscos ou xilbarbas en Sta. Mariña do Remuíño, Corcoesto. A xilbarba é un pequeno arbusto propio dos lugares onde hai carballeiras. Medra nos valados de Sta. Mariña. Este outono e inverno medraron entre os loureiros da Santa. Había anos que non se albiscaba este arbusto pola entorna. Ten propiedades mediciñais moi importantes e variadas.
Alguén coñece os fentos do lugar da Regueira, en Corcoesto? Son fentos enormes e entre eles está o fento real. O seu tamaño é un indicador da biocalidade deste espazo, que alberga unha vexetación riparia en bó estado de conservación e un conxunto etnográfico e patrimonial conformado por doce muíños.
Mudan os tempos, mais non debera isto representar unha ameaza para a biodiversidade e o patrimonio natural e patrimonial. Nas mans de todas e de todos está en coidar os espazos naturais e preservar e mellorar os seus valores ambientais, naturais, ecolóxicos, estéticos, paisaxístos…etc. Exercer unha cidadanía resposanble implica o seu coidado e preservación. Da saúde dos ecosistemas depende a nosa propia saúde.