Galería

O peche da central de carbón das Pontes será un enorme avance na loita perante a emerxencia climática

  • Se se confirma o peche das centrais de Meirama e As Pontes Galicia terá dado un primeiro paso decisivo e moi eficaz na redución de emisións causantes do cambio climático
  • Endesa debe anunciar canto antes a data de peche e responsabilizarse na xeración de alternativas de emprego sustentábel para a comarca
  • É unha irresponsabilidade que non exista aínda unha negociación entre Endesa, o Goberno do Estado, a Xunta de Galicia e os axentes sociais para acordar un calendario de peche rápido e unha transición xusta para os traballadores e traballadoras

A plataforma “Galiza, Un futuro sen carbón” celebra o anuncio do posíbel peche da central de carbón de Endesa nas Pontes, unha das 20 maiores fábricas europeas de cambio climático. O cesamento da produción eléctrica con carbón nesta central provocará unha caída drástica das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro (GEI). Endesa debe confirmar canto antes o calendario de peche definitivo, desestimar a reconversión da central de carbón nunha macroincineradora igualmente insustentábel e implicarse na xeración de alternativas de emprego sustentábel nas comarcas afectadas pola clausura da central.

O 27 de setembro foi un día histórico para a defensa do clima desde Galicia. Polas multitudinarias manifestacións con motivo da Folga Mundial polo Clima e pola decisión inesperada de Endesa de pechar axiña a central de carbón das Pontes. 2019 será seguramente o ano con menores emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros GEI en Galicia, polo menos desde 1990. O peche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, responsables do 35% das nosas emisións (1), é a medida máis eficaz nestes intres para recortar as emisións de GEI de Galicia, moi elevadas en termos per cápita (2). Sobre todo na medida en que a súa electricidade sexa substituída polo aforro enerxético e as renovábeis e non polo gas natural.

Un peche abrupto propiciado pola irresponsabilidade de Endesa e as institucións

O negacionismo da necesidade de pechar canto antes as centrais de carbón e a ilusión na posibilidade de alongar até ben entrado este século a vida da central das Pontes, compartidos por Endesa, institucións, partidos políticos e sindicatos (3), saldouse con máis crise climática e cunha decisión súbita de peche que complica a transición xusta. Os que, desde hai 20 anos e até onte mesmo, malia as alertas climáticas, fixeron todo o posíbel para manter indefinidamente a actividade das centrais de carbón, e non quixeron nin souberon prepararse para o escenario actual, deberían facer hoxe todo o posíbel para minimizar e compensar o que de negativo teña o peche repentino da central de carbón. E comezar a tomar en serio dunha vez a loita contra a crise climática.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, culpa ao Goberno central do peche da térmica de carbón das Pontes, pero o certo é que España é o único estado de Europa occidental sen calendario oficial de peche das centrais de carbón (4). O Plan de Enerxía e Clima do Goberno de España só é superado en falta de ambición climática pola Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta de Galicia. Como a propia ENDESA recoñece, no peche da central das Pontes resultou decisivo o aumento do prezo da tonelada de CO2 no mercado europeo de emisións. A cuxa creación en 2005 se opuxeron no seu día a Xunta e todos os partidos políticos daquela altura, precisamente polo seu temor a que prexudicase a actividade das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, que tanto teñen defendido irresponsabelmente (5).

Desde a súa mesma creación, a finais de 2018, a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” ten proposto unha negociación entre Endesa, institucións e axentes sociais para acordar un calendario de peche rápido e planificado, acompañado con medidas de transición xusta para os traballadores e traballadoras (incluídos os camioneiros) e de xeración de alternativas económicas ecoloxicamente sustentábeis nas comarcas afectadas. O marco para o facer sería un Convenio de Transición Xusta, figura prevista xa no Marco Estratéxico de Enerxía e Clima do Goberno estatal.

A alternativa non é a queima de biomasa forestal e refugallos orgánicos

Desde a plataforma opómonos á reconversión da central de carbón nunha macroincineradora de residuos orgánicos e/ou de biomasa forestal. Non sería en absoluto unha alternativa sustentábel, pois xeraría máis crise climática e contaminación atmosférica e favorecería aínda máis a eucaliptización e a perda de biodiversidade. Despois de nos querer vender unha “central eficiente e de baixas emisións”, agora queren facernos crer que a combustión a grande escala de refugallos orgánicos, se cadra en parte importados (como o carbón desde a década de 1990) sería un exemplo magnífico de economía circular, o máis recente eslogan sustentabilista. Economía circular de verdade é reciclar os refugallos orgánicos restituíndo os nutrientes aos solos.

Por outro lado, cómpre lembrar que, a carón da central de carbón das Pontes, opera desde hai mais de 10 anos unha central de ciclo combinado a gas natural, tamén propiedade de Endesa. Menos contaminante e presentada no seu día como “a alternativa” á central de carbón das Pontes, a súa produción nos últimos meses ten medrado paralelamente á caída da produción con carbón. No horizonte de 2030, ou antes se for posíbel, está central tamén debería desconectarse, no marco da descarbonización total do sector eléctrico cara a un sistema 100% renovábel.

 

Galería

“Galiza, un futuro sen carbón” rexeita a iniciativa parlamentaria do PP de Galicia a favor da central de carbón das Pontes

  • A proposición non de lei do PPdeG a favor da central térmica de carbón das Pontes que se debaterá mañá 11 de setembro no Parlamento galego revela unha absoluta irresponsabilidade fronte á emerxencia climática global.
  • A defensa do mantemento da actividade dunha das maiores fábricas de crise climática de toda a UE, causante de máis da cuarta parte das emisións totais de Galicia (1), é incompatible co máis elemental compromiso climático.

Galiza 10/09/2019-. A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” pide a todos os grupos parlamentarios da oposición que voten non á iniciativa do PPdG, que só busca atrasar aínda máis a urxente transición enerxética. O PPdeG non quere unha transición enerxética xusta e ordenada, senón interminable e á medida do interese de grandes empresas como Endesa, dona da central de carbón das Pontes. A súa iniciativa non propón medidas de protección dos traballadores senón axudas económicas e exencións fiscais a demadar ao Goberno estatal para favorecer a xeración de cambio climático na central de carbón das Pontes. Esta será a única activa en Galicia despois do peche da central de Meirama en 2020, decidido pola súa propietaria Naturgy.

unnamed
“Galiza, un futuro sen carbón” rexeita a iniciativa parlamentaria do PP de Galicia a favor da central de carbón das Pontes

Como amosa o noso informe “O prezo do carbón” (2) é posible, ademais de urxente e necesario, o peche planificado da central de carbón das Pontes, a máis tardar en 2025. Esta central eléctrica, con xa 40 anos de actividade, é a industria situada en Galicia que provoca maior impacto ambiental negativo dentro e fóra do noso territorio. Salienta especialmente pola súa achega á crise climática. En 2018 volveu estar entre as 20 maiores industrias emisoras de dióxido de carbono (CO2) da UE. Unhas emisións que non reducirá a reforma da que está a ser obxecto para se adaptar, con catro anos e medio de atraso, á Directiva de Emisións Industriais (DEI), que non afecta ao CO2, principal gas de efecto invernadoiro causante de cambio climático.

A caída da produción eléctrica nas centrais de carbón galegas rexistrada nos últimos meses non é consecuencia “dunha política enerxética desordenada por parte do Goberno de España”, como sostén o PP. Está motivada sobre todo pola suba do prezo do CO2 que están obrigadas a comprar no mercado europeo de emisións, responsable tamén dun descenso paralelo da produción eléctrica con carbón no resto da UE. Este mercado de emisións creouse en 2005 para penalizar especialmente industriais extremadamente intensivas en emisións de CO2 como as centrais eléctricas de carbón. Sen embargo, até hoxe, en poucos períodos ten amosado un mínimo de eficacia.

Endesa prevé que este ano a produción de electricidade na central de carbón das Pontes baixe desde os 8.000 GWh do ano pasado aos 2.600 GWh. Un descenso así provocaría unha baixada importante das emisións totais galegas causantes de cambio climático, superiores ás emisións medias de España e da UE en termos per cápita. 2019 será probablemente o ano con menores emisións das últimas décadas, cando menos desde 1990.

Notas:
(1) En 2017, último ano con datos oficiais, as emisións totais de gases de efecto invernadoiro en Galicia ascenderon a 30,2 millóns de toneladas. A central de carbón das Pontes emitiu no mesmo ano 8,1 millóns de toneladas de CO2, o que supón o 26,8% das emisións totais.
(2) https://unfuturosencarbon.org/o-prezo-do-carbon/

Actualmente, a plataforma Galiza un futuro sen carbón está formada polas seguintes entidades: