Galería

O Defensor do Pobo investigará a eficacia do CleanSeaNet, o servizo de detección por satélite de verteduras de hidrocarburos, á vista dos probables “sentinazos” que afectan ás aves mariñas e á biodiversidade nas costas galegas

O Servizo de detección por satélite de verteduras de hidrocarburos, o CleanSeaNet, parece non funcionar nas costas galegas. Ademais das verteduras de hidrocarburos resultantes de accidentes, as verteduras ilegais, incidentales ou deliberadas de hidrocarburos (e outras substancias) no medio mariño son unha fonte importante de contaminación mariña que é menos visible pero non menos daniña. Coa adopción da Directiva (CE) n.º 35/2005 sobre a contaminación procedente de buques, a tarefa de detectar verteduras, incluídas as descargas ilegais no mar, incorporouse ás actividades da AESM como parte da capacidade de loita da Axencia.

Como resultado, en 2007 estableceuse CleanSeaNet, un servizo de detección e supervisión por satélite de verteduras de hidrocarburos. Cando se detecta un posible vertido de hidrocarburos en augas nacionais, envíase unha mensaxe de alerta ao país correspondente. En casos de verteduras cun nivel de alerta elevado, o servizo de apoio marítimo da AESM (Axencia europea de seguridade marítima), pode chamar ao Estado costeiro para asegurarse de que se recibiu a alerta e para ofrecer apoio adicional. As imaxes analizadas póñense ao dispor dos puntos de contacto nacionais case en tempo real (menos de 30 minutos despois de que o satélite obteña a imaxe). O servizo inclúe a identificación de posibles contaminadores mediante a combinación da imaxe tomada polo satélite con información sobre o tráfico marítimo.

Tras recibir a información detallada, a autoridade nacional decide a resposta operativa apropiada, por exemplo, o envío dun activo, como unha aeronave, para comprobar a área e verificar a vertedura, ou a solicitude dunha inspección do buque no seguinte porto de escala.

Con todo, este servizo parece que non funciona nas costas galegas, a pesar de que o Regulamento (UE) n ° 911/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, establecía financiamento plurianual da actuación da Axencia Europea de Seguridade Marítima no ámbito da loita contra a contaminación mariña causada por buques e por instalacións de hidrocarburos e de gas.

Nos derradeiros días apareceron nas costas galegas un gran número de aves mariñas abeiradas nas praias. Están empapadas dunha substancia oleosa, moi probablemente procedente dun ” sentinazo”. Practicamente en toda a costa galega desde A Guarda ata A Mariña están a rexistrarse numerosos avistamentos de aves mariñas que mostran no seu corpo unha substancia oleosa. O elevado número de exemplares e a extensión da costa afectada fai pensar nunha importante vertedura de residuos e aceites ao mar, probablemente provinche dun ” sentinazo”. Estas prácticas de limpeza e baleirado dos tanques no mar son ilegais e supoñen unha contaminación difusa que representa a maior cantidade de hidrocarburos vertidos nos mares.

Con todo, a colaboración da cidadanía na recollida das aves afectadas para o seu tratamento non axuda a resolver un problema como este, que ademais é bastante máis frecuente do que parece. Os sentinazos e os deslastres de tanques representan ao redor do 11% de todos os derivados de petróleo que entran no mar. Non hai que esquecer que os accidentes de grandes petroleiros, como o Prestige representan só o 5% dos derivados de petróleo no mar. Insistimos: os sentinazos e deslastres son máis do dobre deses accidentes petrolíferos que tanto asustan. A consecuencia máis daniña que teñen os derivados do petróleo son os seus efectos sobre os ovos e as larvas, ou os xuvenís. Se a concentración de hidrocarburos é grande morren moitas larvas e a outras lles provoca malformacións. Aínda que cada especie ten unha época de posta, os sentinazos prodúcense continuamente. En consecuencia, sempre haberá ovos ou larvas afectadas, causando unha redución no éxito reprodutivo e, a longo prazo, as poboacións de peixes diminuirían.

emsa-cleanseanet
European Maritime safety Agency Celebrating 10 year CleanSeaNet Service

Por iso desde a asociación ambiental Petón do Lobo solicitouse ao Defensor do Pobo que supervisara a actividade das Administracións neste caso competentes, co fin de que se eviten ou diminúan no futuro estas verteduras ilegais ao mar, que afectan directamente á biodiversidade dos nosos mares e avalíe se é o caso, o cumprimento da Directiva 2009/17/CE do Parlamento europeo e do Consello, do 23 de abril de 2009 pola que se modifica a Directiva 2002/59/CE relativa ao establecemento dun sistema comunitario de seguimento e de información sobre o tráfico marítimo e o Decreto 135/2016, do 6 de outubro, polo que se regulan a estrutura e a organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG Núm. 203 do 25 de outubro de 2016), tanto por parte do Ministerio competente da Administración Xeral do Estado como a Consellería competente da Xunta de Galicia, para que arbitren e adopten medidas firmes, efectivas e eficaces, coa achega dos recursos necesarios para resolver a problemática dos “sentinazos” fronte ás costas galegas. Indague de ser o caso, os motivos polos que os sentinazos son máis frecuentes na costa galega, por que non se detectan a tempo as verteduras para evitar a súa afección á fauna, as medidas para adoptar para a súa eliminación ou minimización e que é o que está a fallar para que isto ocorra cunha frecuencia obxecto de bastante preocupación.

ave
Ave afectada por un posible “sentinazo”

 

Galería

Convocatoria da asemblea xeral ordinaria anual da Asociación Autonómica Cultural e Ambiental “Petón do Lobo”

Convocatoria da asemblea xeral ordinaria anual da Asociación Autonómica Cultural e Ambiental “Petón do Lobo” (BOP Nº. 38 de 26 de febreiro de 2020).
En cumprimento do acordado pola xunta directiva no día 28 de decembro de 2019, convócase a todas as persoas socias da Asociación Autonómica Cultural e Ambiental “Petón do Lobo” á asemblea xeral ordinaria anual a celebrar o sábado, 28 de marzo de 2020, no local social de Cures, parroquia de Corcoesto (Cabana de Bergantiños, A Coruña), ás 16.00 horas en primeira convocatoria, e ás 16.30 horas en segunda convocatoria, coa orde do día seguinte:
1.–Aprobación da memoria anual de actividades do ano 2019.
2.–Aprobación da conta xeral anual do ano 2019 e os orzamentos do ano 2020.
3.–Aprobación da memoria de actividades para o ano 2020.
4.–Rogos e preguntas.

Galería

Manifesto en apoio ao movemento ecoloxista da Limia

O vindeiro día 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia o acto de conciliación previo á demanda civil de COREN contra o compañeiro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García. A causa ten a súa orixe nunha suposta intromisión ilexítima no dereito ao honor de dita empresa, por facer “imputacións falsas” contra ela nun programa de “España Directo” emitido en setembro do pasado ano. A empresa estima os danos e prexuízos nun millón de euros.
O MEL leva anos denunciando os efectos da gandaría intensiva no val do Limia, a mala xestión dos residuos das granxas, o deterioro das augas pola acumulación de nitratos e a eutrofización das augas; e loitando pola protección da comarca, a produción agrícola ecolóxica e a gandaría extensiva.
Os colectivos que asinamos este manifesto queremos mostrar a nosa solidariedade co compañeiro do MEL, ao tempo que a nosa sorpresa porque se admita a trámite semellante despropósito. Parece obvio que, con este tipo de actuacións, o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas.
A gandaría industrial ten repercusións ambientais innegables, especialmente sobre a auga e sobre os solos. A cantidade de xurros e residuos xerada por este tipo de industria é un grave problema para as zonas máis afectadas.
Esta industria é responsable dunha parte importante das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Ademais, as grandes extensións de cultivos destinadas a producir os alimentos para os animais criados de xeito intensivo provocan a deforestación de enormes extensións no noso planeta.
En Galiza hai zonas, como a Limia, onde as consecuencias destas prácticas supoñen un problema cada vez maior. O val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros, residuos que en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo; e que son vertidos mesmo en espazos protexidos, nas inmediacións de cursos de auga, en balsas sen impermeabilizar, pasando así ao solo e contaminando este e os acuíferos. A gravidade da situación fixo xurdir novos colectivos que a denuncian, como a Plataforma Auga limpa xa.
É por este tipo de cousas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de tirar das orellas á Consellería de Medio Rural, indicándolles, mediante resolución, a necesidade de declarar como zona vulnerable a Limia. A resposta da Xunta de Galicia non foi, como sería de esperar, a adopción de medidas de protección para a zona, senón a presentación de alegacións a esa resolución. Deste xeito, a Xunta defende os intereses das grandes empresas do sector, aínda que sexa a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo.
Non é a primeira vez que en Galiza a industria gandeira intenta tapar a boca a quen denuncian as súas malas prácticas. Xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaran ao xulgado. Consideramos moi grave o axuizamento do noso compañeiro, un axuizamento que non é outra cousa que utilizar a Manuel como cabeza de turco para tratar de intimidar a quen se atreva a falar. Non pode ser que cando denunciamos prácticas agresivas para o medio ambiente sexamos nós quen sente no banquillo. Non pode ser que se sinalamos desfeitas queiran cortar o dedo que sinala, en lugar de frear esas desfeitas.
Non imos deixar que nos poñan a mordaza. Seguiremos denunciando as malas prácticas da gandaría industrial, e loitando por unha produción de alimentos racional e sustentable.

#NonÁGandaríaIndustrial
#NonNosVanCalar

Asinan este manifesto:

1.A Ría Non Se Vende, rede de colectivos.
2.A Terra Non Se Vende.
3.ADEGA.
4.ADENCO.
5.Agora Galiza-Unidade Popular.
6.Amigos da Terra.
7.Amigos das Arbores de Ourense.
8.Anova.
9.Asociación Ambiental Petón do Lobo.
10.Asociación Ambiental Senda Nova.
11.Asociación Cova Crea.
12.Asociación de Víctimas de la Justicia.
13.Asociación Fontaíña.
14.Asociación O Bión. Xinzo de Limia.
15.Asociación Pola Defensa da Ría, Pontevedra.
16.Asociación Sachos á Rúa.
17.Centro para a Resiliencia Pousadoira.
18.Cerna.
19.Colectivo Ecoloxista Luita Verde.
20.Colectivo Matogueira.

21.Comité pola Memória Histórica do Val do Límia.
22.Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga.
23.ContraMINAcción.
24.Ecoloxistas en Acción Galicia.
25.En Marea.
26.Federación Ecoloxista Galega.
27.Greenpeace Galicia.
28.Grupo Común da Esquerda.
29.Grupo Municipal EU Son do Porriño – Son en Común.
30.Mesa de Equo Galicia.
31.O Grelo Verde, colectivo pola agricultura ecolóxica.
32.O Ouriol do Anllóns.
33.Plataforma Auga Limpa Xa!
34.Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.
35.Plataforma Monte Neme.
36.Plataforma pola Defensa do Rural. Ponteceso.
37.Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non.
38.Salva la Selva.
39.Salvemos O Iribio.
40.Salvemos Monteferro.
41.Sindicato Labrego Galego.
42.Sociedade Galega de Ornitoloxía.
43.SOS Groba.
44.Vaipolorío.
45.Verdegaia.
46.Véspera de Nada.

aaa
A gandería industrial devora o planeta
Galería

A biomasa residual de Greenalia na central de xeración de electricidade de Curtis e a súa financiación pública

Financiación pública do BEI e do Fondo Marguerite II. A reclamación ante o BEI

O 13/07/2017 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio concluíu que o proxecto da planta de combustión de biomasa, para a produción eléctrica de 49,913 MW, en Curtis, promovido pola empresa Greenalia Biomass Power, S.L. non era previsible que xerara efectos significativos sobre o medio ambiente, e polo tanto, non se consideraba necesario someter o proxecto a avaliación ambiental ordinaria.

A seguir, a empresa Greenalia Power, S.L. conseguiu un préstamo aprobado polo BEI que acada os 60 millóns de euros para o que o organismo europeo denomina unha entidade con “fins especiais” (en adiante «EFE»), isto é ser titular e xestionar unha planta de biomasa de 50 MW, así como as estruturas asociadas á mesma. Este proxecto presenta unha particularidade inédita: a planta producirá electricidade empregando exclusivamente residuos forestais en forma de virutas de madeira de procedencia local.

Greenalia Power S.L., que se presenta como un Productor Independente de Enerxía (PIE), que traballa de forma exclusiva con enerxías renovables, obtivo ademáis un préstamo intermedio de 23 millóns de euros do Fondo Marguerite II (sucesora do Fondo Europeo 2020 para a Enerxía, o Cambio Climático e as Infraestruturas). O BEI é un dos principais patrocinadores da planta de biomasa.

A adxudicación do préstamo por parte do BEI foi obxecto da reclamación SG/E/2019/04, actualmente en curso.

O tratamento do caso Greenalia na Comisión de peticións do Parlamento europeo: a petición continúa aberta

Por outra banda, o pasado 20 de febreiro deste ano tratouse a petición 145/2019 na Comisión de peticións do Parlamento europeo, relativa ao préstamo que o Banco europeo de inversións concedeu á Greenalia para a planta de biomasa de Curtis.

A cuestión fundamental, ademáis da importante financiación pública que recibe Greenalia, é se realmente a empresa disporá da suficiente biomasa residual para xerar a electricidade prevista para o seu funcionamento, tal e como prevé no proxecto e se garante a eficiencia enerxética, sen comprometer a biodiverdidade dos montes galegos.

A UE publicou a grabación da sesión do Comité de Peticiones do día 20 deste mes que se pode consultar no seguinte enlace.

https://www.europarl.europa.eu/ep-live/en/committees/video?event=20200220-0930-COMMITTEE-PETI

A partir do momento 11:19:10 tratan a petición sobre o caso Greenalia. A presidenta da Comisión de Peticións, a MEP Maria Dolors Montserrat (PP), indica que os peticionarios non se presentaron, e dá a palabra ao representante da Comisión Europea, o Sr. Giulio Volpi (Italia, Dirección Xeral de Enerxía da EC).

Na súa curta intervención indica que entenden as preocupacións sobre a sustentabilidade da biomasa e que coa revisada Directiva de Enerxías Renovables da UE,  a cal os países membros da UE deberían aplicar ata xuño 2021, entran en vigor criterios de sustentablidade moito máis reforzados para todos os usos de bioenerxía incluíndo a produción de electricidade e calor, e inclúe tamén criterios de sustentabilidade específicos para biomasa forestal asegurando que toda a biomasa forestal usada no sector enerxético europeo a partir de certo limiar da planta, para plantas a gran escala de 20 MW, así que esta planta debería asegurar o cumprimento destes novos criterios de sustentabliidade.

Despois dan a palabra ao MEP Radan Kanev (Grupo do Partido Popular Europeo (Demócrata-Cristiáns) https://www.europarl.europa.eu/meps/es/197839/ RADAN_ KANEV/ home) de Bulgaria, que propón manter a petición aberta e tentar a investigar un pouco máis, pola cantidade de peticións acerca de plantas eléctricas de biomasa.

E así se decide ao final sen máis debate, o MEP Ryszard Czarnecki (bloque Grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos https://www.europarl.europa.eu/meps/es/28372/ RYSZARD_ CZARNECKI/ main- activities/ reports- shadow) de Polonia repite que a petición queda aberta.

A pesar de non asistir á reunión do Comité as persoas peticionarias, a petición mantense aberta o que dá a oportunidade de seguir indagando na viabilidade deste proxecto e a súa cuestionada eficiencia.

Por que é tan importante o mecanismo de reclamacións do BEI? Existiu mala praxe no BEI á hora de outorgar este préstamo?

A Política do Mecanismo de Reclamacións do BEI, aprobada en novembro de 2018, aplícase ás reclamacións por presunta mala administración presentadas contra o Grupo BEI (artigo 1.1 da Política do Mecanismo de Reclamacións do Grupo BEI, en diante a «Política»). As reclamacións poderán ter por obxecto calquera caso de presunta mala administración do Grupo BEI nas súas decisións, accións ou omisións (artigo 4.3.1 da Política). O concepto de mala administración inclúe o incumprimento por parte do Grupo BEI dos dereitos humanos, da lexislación aplicable ou dos principios de boa administración. A mala administración tamén pode estar relacionada cos impactos ambientais ou sociais das actividades do Grupo BEI e coas políticas relativas ao ciclo de proxectos, así como outras políticas aplicables do Grupo BEI (artigos 3.2 e 3.3. da Política). En relación coa tramitación de reclamacións inadmisibles e de acordo co artigo 6.1.1 da Política, o MR-BEI recompila e revisa a información existente en torno ao obxecto da reclamación e esfórzase por resolver os problemas que dan lugar a reclamacións en cooperación coas partes interesadas internas e externas. Así mesmo, realiza as investigacións pertinentes co fin de avaliar se o Grupo BEI cumpre o marco regulamentario aplicable, incluídas as súas propias políticas, procedementos ou normas. A División MR-BEI é independente das actividades operativas, de maneira que se garante que cada reclamación tramítase aplicando as normas máis estritas de obxectividade, á vez que se salvagardan os intereses de todas as partes interesadas internas e externas do Grupo BEI (artigos 2.2 e 5.1.4 da Política). A División MR-BEI asiste ao Grupo BEI asesorándoo sobre posibles melloras no exercicio das súas actividades en aras do obxectivo común dunha boa administración (artigo 5.1.9 da Política).

Que opina o MR –BEI sobre o préstamo concedido a Greenalia polo BEI?

A avaliación inicial identificou algunhas áreas que requiren clarificación, dada a diversidade de opinións entre os servizos do BEI e os reclamantes. Trátase especificamente de: i) se as partes interesadas participaron adecuadamente de acordo coa lexislación aplicable, e ii) a sustentabilidade das fontes de biomasa como recurso á vista da lexislación existente, prestando especial atención á súa orixe, o uso de especies exóticas, o uso de certificacións voluntarias, a xustificación do seu uso, a interpretación da lexislación autonómica galega sobre montes e biomasa, así como a conformidade dos enfoques elixidos coa lexislación aplicable e o seu impacto sobre o ecosistema. O MR-BEI levará a cabo unha revisión de conformidade dirixida a clarificar estes puntos e a confirmar o cumprimento das súas normas por parte do BEI.

O MR-BEI seguirá en contacto cos servizos do BEI e cos reclamantes para obter a información pertinente e a documentación que considere útil para a presente investigación. En caso de ser necesario, poderase recorrer a expertos independentes e realizar visitas sobre o terreo.

Cuestións controvertidas en relación ao préstamo do BEI

O BEI considera que a planta de biomasa de Curtis utilizará unicamente residuos forestais procedentes da talla de árbores en Galicia, é dicir, leña de pequeno diámetro (menos de 7 cm), cortiza e biomasa procedente doutros residuos que non se poden utilizar na industria. No caso de coníferas e eucaliptos, os residuos poden representar do 15 % ao 30 % do total da biomasa aérea.

O BEI entende que a materia prima anual para biomasa (residuos forestais) debe proceder de provedores exclusivos do Promotor e outros provedores cos que asinase un contrato de subministración de biomasa. A materia prima da biomasa fornecerase desde zonas situadas a unha distancia de entre 50 e 200 km da planta. 5.2.12 No que se refire á interpretación da lexislación de Galicia, os servizos do BEI consideran que a lei 7/2012 de montes de Galicia esixe que se recollan todos os restos derivados da explotación forestal co fin de reducir o uso de combustibles fósiles e de previr os incendios forestais. Como a operación ten un custo para os propietarios forestais e non existe un mercado para este tipo de biomasa, non se realizou ningunha recollida no pasado. Con todo, conforme á lexislación, os propietarios poden incorrer en multas de entre 100 EUR e 1 000 EUR se non retiran devanditos residuos de explotación forestal. No contexto actual, o obxectivo deste proxecto é utilizar estes residuos forestais para a produción de electricidade.

No que se refire aos certificados, o BEI entende que o Promotor é titular dunha certificación PEFC e que implantou un sistema de dilixencia debida para garantir que a madeira e os produtos procedentes da madeira teñen unha procedencia legal acorde co Regulamento da Unión Europea sobre a madeira. Por conseguinte, a materia prima debe proceder de fontes certificadas FSC ou PEFC, é dicir, unha combinación dalgunhas das seguintes fontes: 100 % FSC, 100 % PEFC, Fuentes Mixtas FSC, Madeira Controlada FSC ou Fuentes Controladas PEFC.

Finalmente, o BEI considera que, de acordo co Decreto 52/2014 de Galicia, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, os propietarios ou xestores das explotacións forestais deben formar parte dun programa de certificación forestal (por exemplo, FSC/ PEFC) a partir de 2020. Para o BEI, de acordo coa lexislación vixente sobre montes en Galicia (Lei 7/2012 e Decreto 52/2014), a partir do ano 2020 todos os propietarios ou xestores de explotacións forestais teñen a obrigación de establecer un documento técnico de xestión forestal (ou equivalente), que é un requisito necesario para obter a certificación forestal.

Propostas de liñas de traballo actuais do MR-BEI

O MR-BEI toma nota das diferentes opinións que recolleu como parte da avaliación inicial sobre cuestións tales como: dispoñibilidade suficiente de biomasa no ámbito rexional, alcance dos sistemas de certificación e falta de claridade sobre as obrigacións derivadas da normativa aplicable. O MR-BEI levará a cabo unha revisión de conformidade co fin de valorar e documentar o cumprimento por parte do BEI do marco regulamentario aplicable, no contexto da avaliación e a supervisión deste proxecto.

Por que nos debe interesar particularmente este proxecto?

Porque do éxito ou fracaso do mesmo e doutros proxectos similares dependerá en gran medida o futuro do monte galego, e en particular, o mantenmento da biodiversidade.

Desde o noso punto de vista, o Banco Europeo de Investimentos (BEI) non debería outorgar o préstamo ao proxecto de construción da planta eléctrica de biomasa de Greenalia en Curtis, A Coruña, España, porque:

  • Non é correcto que a Lei 7/2012 de Galicia obriga a recollida de residuos de biomasa do bosque como alega o BEI na súa análise do proxecto.
  • A eficiencia enerxética da planta é mínima (apenas un 35,6% de eficiencia bruta) co cal o custo económico está por encima do propio limiar económico do BEI (como o BEI mesmo constata).
  • A xustificación do BEI “do proxecto cun beneficio adicional, en forma de prevención de incendios forestais”, é moi cuestionable. A mercantil promotora pretende queimar biomasa de eucalipto e piñeiro de plantacións que a propia entidade manexa. Os monocultivos industriais de eucalipto e piñeiro son segundo expertos “a raíz da problemática incendiaria en Galicia”, “pirófitos” e de “alta combustibilidade”.
  • Contrario ao que indica o BEI, para a biomasa forestal residual sí existe un importante mercado en Galicia, están a recollerse grandes volumes de biomasa forestal residual para plantas de enerxía xa existentes en Galicia e para a produción de pellets e achas de madeira, tanto para o consumo doméstico como para a exportación.
  • A cantidade de biomasa residual forestal necesaria anualmente para a central (ao redor de 500.000 t) excede enormemente o volume que se pode cultivar técnica e ambientalmente na rexión. Por tanto solicítase a revisión do crédito e no seu caso, a súa retirada, pois o proxecto significa máis impactos negativos ambientais e para o clima que os que di solucionar.
  • Insuficiente e inadecuada avaliación do impacto ambiental para garantir a fertilidade dos chans das parcelas afectadas tras a extracción da biomasa.

Nas áreas atlánticas de Galicia, fortemente deforestadas e coas características edáficas predominantes nos chans de Galicia, a retirada de materia vexetal dos montes, para calquera finalidade, leva aparellada:

  • a ruptura do ciclo da materia e enerxía destes sistemas.
  • o progresivo empobrecemento en nutrientes do chan, cuestión problemática en países como Galicia, no que a fertilidade natural dos chans é baixa.
  • a progresiva diminución da cantidade de Materia Orgánica (M.O.) dos chans, o cal repercute negativamente na fertilidade e na resposta destes medios fronte á erosión, pois a M.O. proporciona estrutura e porosidad ao horizonte (á capa superficial) dos chans. É ben coñecido polos edafólogos que os chans con baixo contido en M.O. son moito máis susceptibles aos fenómenos erosivos (formación de cárcavas ou “bad lands”) que os que teñen maior contido en M.O.
  • é contraria ao funcionamento do chan como sumidoiro de CO2, pois elimina unha gran parte (senón todo, dependendo do método que se aplique) a achega de materia orgánica que debería de efectuar a cuberta vexetal á parte superficial do chan e acelera o proceso de mineralización (oxidación) da M.O., coa consecuente liberación de CO2 á atmosfera, debido ao incremento de radiación solar que experimenta a superficie do terreo nas semanas seguintes á eliminación dos restos.
  • a propia cuberta vexetal e os restos de tallas actúan como barreira física ante períodos prolongados de choivas fortes ou puntuais de maneira torrencial.
  • as áreas arborizadas e non arborizadas cubertas por matogueiras son o hábitat dun gran número de especies (animais, vexetais, briofitas, liquenáceas, fúngicas, etc.); o seu tratamento desde un punto de vista estritamente produtivo (biomasa), con alteracións periódicas dos seus atributos, diminúe as súas características biolóxicas e a súa capacidade para albergar estas especies.
  • A colleita das árbores e a pretendida retirada de residuos forestais para o aproveitamento enerxético de biomasa a gran escala realízase nas plantacións con maquinaria pesada (harvester, maquinas empacadoras, etc.). As máquinas compactan e destrúen os chans, as micorriza, provocan erosión do chan e afectan/contaminan aos sistemas hídricos (superficiais e subterráneos), o abastecemento de auga potable, etc.
  • Polos grandes volumes de biomasa necesarios, a queima de biomasa a gran escala en plantas como a de Greenalia en Curtis con 550.000 toneladas de biomasa por ano, promove a ampliación dos monocultivos de árbores – eucalipto e piñeiro (extensión de plantacións de monocultivos en grandes áreas).
  • Estas empresas (ou as súas subsidiarias, inversionistas etc.) apodéranse de grandes extensións de terras para establecer os monocultivos industriais de árbores, directamente mediante a compra, o arrendamento de terras a longo prazo, ou doutras formas indirectas (contratos de abastecemento etc.).
  • Prodúcese un acaparamento de terras que deixan de cumprir as súas funcións básicas para dedicarse ao monocultivo forestal.
  • A xeración de enerxía a partir de biomasa non é neutra en emisións como alegan a industria e a Comisión europea. Utilízase moita enerxía fósil para manexar as plantacións/bosques, cultivar, transportar e triturar a madeira. Cortar madeira e queimala en plantas eléctricas significa a liberación inmediata de toda o carbón almacenado na biomasa. En cambio, as novas árbores necesitan segundo o sistema aplicado moitos anos/décadas de anos para crecer e fixar outra vez o carbono na biomasa (ou sexa leva por adiante unha débeda de carbono). Ver por exemplo, a carta de 800 científicos dirixida á a Unión europea:
  • http://www.pfpi.net/wpcontent/uploads/2018/04/ UPDATE-800- signatures_ Scientist- Letter- on- EU- Forest- Biomass.pdf

Alguén dubida, á vista das fotografías seguintes, que Greenalia non vai a xerar electricidade a partir dos restos de cortiza?

3
Fonte: Verdegaia, twitter
2
Fonte: Verdegaia, twitter
Galería

Teresa María Gutiérrez López, a directora de Augas de Galicia, detrás dunha autorización espúrea á filial de Sacyr en relación á mina de San finx de Lousame

  • A Xunta outorga unha “autorización” de vertidos encuberta á mina de San Finx
  • O permiso outórgase nun procedemento caducado, iniciado fai 4 anos e nunca resolto
  • Sacyr perforou en 2017 unha nova planta por debaixo do nivel de inundación a pesar de carecer de autorización de vertidos
  • Colectivos ambientais anuncian acción legais inmediatas contra Augas de Galicia

Compostela, 21/02/2020.- Catro anos despois de que a filial de Sacyr que se fixo coas concesións da histórica mina de San Finx se vira obrigada a solicitar permiso para o vertido as augas ácidas de mina, a Xunta outórgalle unha autorización encuberta baixo o eufemismo de “medidas cautelares” que ademais implica amparar a ocupación do cauce natural do río con dúas novas balsas de residuos mineiros construídas ilegalmente en 2011.

As medidas, autorizadas pola Directora de Augas de Galicia e ata fai pouco concelleira do Partido Popular en Santiago, Teresa María Gutiérrez, contemplan a instalación dunha “planta piloto de tratamento”, en teoría para tratar de forma experimental 2.000 litros por hora durante dous meses, pero fontes da empresa xa se gababan a finais de decembro que “la autorización de vertidos está al caer”, en referencia a estas “medidas cautelares”.

En 2017 a mineira perforou unha nova 5ª planta no sector “Buenaventura” da mina, por debaixo do nivel de inundación, debendo realizar bombeos continuos de drenaxes ácidas que foron vertidos ao cauce sen tratamento a pesar de carecer de autorización de vertido e declaración de impacto ambiental. ContraMINAcción teme que, con esta autorización encuberta, se reanude ilegalmente o achique das labores mineiras inundadas.

Ademais, a xuizo de ContraMINAcción, esta autorización non só é ilegal ao darse no marco dun procedemento cuxo prazo de resolución finalizou hai 3 anos e que, por tanto, está caducado, senón que evidencia a conivencia da Xunta coa mineira. “A mineira leva anos vertendo de xeito ilegal sen que se incoara un só procedemento sancionador, a pesar de constatarse que os altos niveis de cadmio, cobre e cinc presentes no río son resultado directo das verteduras da mina”. Por iso, anuncian accións legais inmediatas contra as autoridades e funcionarios de Augas de Galicia.

Denúnciase ademais que se produza esta autorización cando se constatou a continua mala fé da empresa, achegando datos falsos e conxeturas sen base científica, como a suposta existencia dun “fondo natural” de substancias contaminantes que impediría cumprir os limites de contaminantes que impón a lexislación, para o que Tungsten San Finx S.L. se valeu de informes emitidos polo profesor xubilado Felipe Macías, desmentidos por unha revisión rigurosa feita pola Universidade da Coruña. O proxecto de “planta piloto”, que supostamente pretende validar resultados experimentais de laboratorio, forma parte da estratexia de fraude permanente.

Ante iso, as únicas “medidas cautelares” que debería ter imposto a Xunta, desde o primeiro momento no que constatou a existencia de verteduras en 2016, eran as destinadas a impedilas, incluíndo o selado dos transversais de desaugue da mina mediante ‘bulkheads’, e o taponado de chimeneas e pozos de ventilación, permitindo a reinundación das plantas baleiradas ilegalmente desde 2008 e creando condicións anaerobias que minimicen os procesos de xeración de drenaxes ácidas de mina.

17

Galería

Correctivo da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao xornal La Voz de Galicia, por xerar unha idea distorsionada e afastada da realidade, no tocante ás denuncias en materia de violencia de xénero

A Secretaría Xeral de Igualdade, órgano superior da Xunta de Galicia en materia de igualdade, aplica un correctivo ao xornal La Voz de Galicia, edición de Bergantiños, no que lle manifesta a súa preocupación polo tratamento dunha nova, xa que “os feitos descritos nela e as afirmacións efectuadas poden xerar unha idea distorsionada e afastada da realidade no tocante ás denuncias en materia de violencia de xénero, recordándolle ao xornal a necesidade, non só de respectar no tratamento da violencia de xénero a normativa existente, senón tamén de seguir todas as recomendacións e códigos de autorregulación do sector sobre esta materia así como na eliminación dos estereotipos de xénero e na promoción da igualdade entre mulleres e homes, coa responsabilidade e o compromiso que uns medios, cun gran poder de influencia na sociedade, deben ter”.

O correctivo aplicado refírese a unha nova publicada na edición local de Carballo do xornal La Voz de Galicia desa mesma data, 22 de xaneiro de 2020. A nova, asinada por Antonio Longueira Vidal, comezaba coa seguinte cabeceira: “Denúncianme por acoso, estiven 21 horas detido e, por riba, intentan botarme da estrada”. Un hombre de 46 años fue condenado con una multa y una orden de alejamiento “por un delito leve de vexacións”.

Nesta noticia continúase a difundir a idea de que a vítima muller algo haberá feito e de que é mala persoa, e culpable de todo. É unha noticia que discrimina a vítima de violencia de xénero (vitimización secundaria). O agresor, polo que indica a noticia, xa foi condenado por sentencia firme. O foco hai que poñelo no agresor e non na vítima. O agresor trata de obter unha imaxe favorable do público, cando xa foi sentenciado, denigrando a vítima muller. O xornal non debería transmitir estas ideas estereotipadas nin transmitir imaxes e ideas contrarias á igualdade de xénero, nin dar unha visión distorsionada da violencia machista.

Non é a primeira vez que o xornal La Voz de Galicia sofre un correctivo da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Xa con anterioridade, o 13 de novembro de 2018 coñecíamos o artigo “Doctrina” de Cristóbal Ramírez, publicado ese mesmo día na edición da Voz de Galicia de Carballo.

O artigo cuestionaba a existencia da desigualdade de xénero e daba a entender que o seu tratamento como contido lectivo nas aulas efectuábase dun xeito propagandístico, empregando como material didáctico “panfletos” equiparables aos existentes durante o período franquista.

A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia entendeu que o tratamento da igualdade de xénero nos centros escolares descrito no artigo citado, parecía dificilmente compatible coa regulación vixente en materia de educación e en materia de igualdade, segundo a cal a igualdade de xénero está prevista como principio inspirador de todo o sistema educativo e como contido curricular para ESO e Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

No fondo deste tipo de noticias mal construidas maniféstase a pervivencia dos estereotipos machistas e do patriarcado, que pretenden terxiversar a realidade e mostrar unha faciana diferente do agresor. Unha especie de “lavado de cara” onde se pretende “normalizar” a conduta deste e facer máis vítima á vítima.

A interseccionalidade ou discriminación múltiple das mulleres

A interseccionalidade ou discriminación múltiple das mulleres tamén está latente neste tipo de condutas reprochables. É tarefa de todas e de todos denunciar este tipo de noticias pouco éticas que se xeran desde os medios de comunicación e que non axudan en nada a loitar contra a violencia machista.

Tratamento información Voz Galicia

Correctivo aplicado ao mesmo xornal en novembro do ano 2018 (ver enlace):

https://valfluvialdolouridocorcoesto.com/2018/11/25/la-voz-de-galicia-o-xornal-que-mais-dineiro-publico-recibe-da-xunta-de-galicia-apercibido-pola-secretaria-xeral-de-igualdade-pola-publicacion-dun-artigo-machista/

 

Galería

A ONU chama a atención ao Estado español polo abandono das presas mineiras de San Finx

Esta semana o Estado español someteuse en Xenebra á súa terceira volta no Exame Periódico Universal (EPU), un mecanismo do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas que, desde 2005, examina periodicamente a situación dos dereitos humanos en todos os países do mundo. Entre estes dereitos, inclúense os dereitos ambientais.

Aínda que este ano a revisión do Estado español centrouse na situación en Cataluña, o relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos tamén recolleu os apelos a garantir “o respecto dos dereitos ambientais mediante a supervisión e a restauración adecuadas das instalacións que requiran atención urxente, en particular as presas de estériles mineiros abandonadas”.

O relatorio do Alto Comisionado referiu un informe dunha das entidades con estatuto consultivo especial ante a ONU que ilustrara esta situación co exemplo do caso das presas de residuos mineiros das Minas de San Finx, en Lousame, que están sendo obxecto dunha investigación ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, tamén dependente das Nacións Unidas.

O informe indica que no caso das presas mineiras de San Finx, que agora a Xunta pretende facer pasar por embalses hidroelétricos, “unha falla implicaría impactos ambientais e humanos significativos”, asinalando ademais como as autoridades autonómicas “obstruíron o acceso a información ambiental crítica”.

O relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos (A/HRC/WG.6/35/ESP/3) pode ser descargado da web da ONU en casteláninglésfrancésrusochinés e árabe. A referencia ás presas de residuos mineiros áchase na páxina 3 (parágrafo 18).

ONU

Galería

As dunas dá praia urbana de Laxe, en estado crítico

As dunas son vitais para que siga habendo praias, ainda que acostúmase a maltratalas. Por iso, moitos areais desapareceron ou se teñen que manter achegando area de maneira artificial, co conseguinte custo económico.

Dunas: por que hai que protexelas

Son unha reserva de area para a propia rexeneración natural das praias. Os ventos dominantes nas zonas costeiras teñen un circuíto de movemento natural das areas, cara ao interior nuns casos e cara á praia noutros.

Son elementos da paisaxe de enorme valor ecolóxico. Establecen unha transición natural entre a liña de costa e as terras interiores do litoral. Os cordóns dunares establecen a transición entre o mar e espazos de humidais costeiros.

Posúen unha riqueza de fauna e de vexetación exclusiva destas áreas de tránsito entre augas salgadas e semidulces ou doces. Singularizan as costas do noso país, onde crecen especies endémicas protexidas polo Directiva Hábitat da Unión Europea (UE). Por iso, se os cordóns de dunas son alterados ou eliminados, as praias perden a súa alimentación natural e entran, en xeral, en procesos de perda progresiva de areas que deberán compensarse con achegas pola man do ser humano. Noutras palabras, o mantemento destas praias artificializadas terá un custo económico que deberá realizarse con regularidade se non queren perderse.

As dunas: se nós as coidamos, elas protéxennos

Desde fai uns 4.000 anos ata o presente estas formacións de area son moldeadas polo vento e a vexetación, formando unha barreira que impide que a area se disperse e atenúe os efectos das tormentas. A existencia de diferentes asociacións dunares (duna primaria, duna secundaria) conforma sucesivas capas protectoras ante estes eventos, protexendo tanto a estrutura da praia como ao que se atopa detrás (en xeral construcións humanas). Se esas barreiras protectoras faltan, o vento e as fortes ondas golpean directamente, levándose a area das dunas posteriores e/ou producindo danos nas infraestruturas que alí se atopen. Ademais de defensa o territorio ante eventos climáticos extremos, a través de diminución da enerxía da ondada, as dunas bríndannos outros servizos como ser o sostén para vexetación e fauna de gran relevancia ecolóxica; protexer as augas subterráneas evitando o ingreso de auga salina e conservar un espazo de recreación e esparexemento por excelencia como é a praia.

IMG-20200116-WA0002
Sistema dunar en Laxe
IMG-20200116-WA0003
Restos da fogata de San Xoán no medio do sistema dunar da praia urbana de Laxe
IMG-20200114-WA0011
Estado actual da praia urbana de Laxe
Galería

Vidas que constrúen Corcoesto. Mulleres que dialogan

Arranca o libro “Vidas que constrúen Corcoesto. Mulleres que dialogan”. Perfís biográficos e entrevistas a mulleres de Corcoesto ou vencelladas á parroquia nalgún momento das súas vidas. A evolución dunha parroquia ligada á evolución e crecemento personal e profesional das protagonistas. Unha viaxe pola historia e a actualidade a través dos diálogos coas e entre as súas protagonistas.

Un libro escrito polas propias protagonistas.

Editora: asociación ambiental e cultural Petón do Lobo

Feminismo e participación.jpg

Apoderamento e igualdade de oportunidades.jpg

MULLERES.jpg
“Vidas que constrúen Corcoesto. Mulleres que dialogan”.