Galería

Reactívase a mina de Varilongo sen autorización ambiental

  • O rego da Braña Ancha recolle as augas residuais industriais da mina que conteñen drenaxe áceda de minas
  • Os proxectos de explotación e plan de restauración do Grupo Mineiro Santa Comba nunca foron sometidos a avaliación de impacto ambiental
  • A empresa non dispón de autorización para o baleirado das plantas inundadas e vertedura sen tratamento das augas ao dominio público hidráulico
  • Tanto a Xunta de Galicia como o Alcalde de Santa Comba teñen a obriga legal e ética de acordar, como medida cautelar para garantir a integridade do dominio público hidráulico, a paralización inmediata dos vertidos que conducen a drenaxe áceda do interior da mina ao río Xallas
Rego da Braña Ancha con evidencias de drenaxe áceda de minas

As augas residuais industriais de mina circulan por diferentes canalizacións e balsas ata verterse no rego da Braña Ancha, cara o Sur do punto de bombeo. O empresario de Oleiros, José Manuel Corbal Debén, Director do Grupo Mineiro de Santa Comba que xestiona o entramado de empresas Tin & Tungsten SL, Rafaella Resources, Ulex Minerals e Eurobattery Minerals estaría a reactivar o funcionamento da mina sen as preceptivas autorizacións da Consellería de Industria, de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente.

As augas residuais de mina que están sendo bombeadas levan acumuladas no interior da mina case 30 anos, desde finais dos anos 1980, contendo con toda probabilidade altas concentracións de metais pesados, ao tratarse dunha antiga explotación de minería metálica con importantes cantidades cuxo xacemento contén importantes cantidades de sulfuros (arsenopirita, calcopirita e pirita) xeradores de drenaxes ácidas de mina, susceptibles de produciren importantes impactos sobre o medio ambiente.

As evidencias visuais da contaminación por metais pesados son claramente perceptibles no transcurso dos 6 km do rego da Braña Ancha desde as instalacións mineiras ata a súa confluencia co Río Xallas. Durante este percurso, e ata a confluencia do Xallas, hai diversos puntos onde se obervan precipitados metálicos en prados e canles resultantes das enchentes que as chuivas dos últimos días provocaron en diversos tramos do río.

A actuación da empresa mineira sería realizada en plena época de choivas para minimizar o risco de detección da elevación da cantidade de metais pesados polo efecto da disolución, salientándose que a empresa non conta con ningún sistema de tratamento que poida eliminar as elevadas concentracións de metais pesados presents nas augas residuais, unha vez que o sistema de balsas polo que pasa só limitan a cantidade de sólidos en suspensión, e non as especies metálicas en disolución, que por tanto están afectando de forma directa ao ecosistema fluvial.

En 25/03/2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas D. Anxo R. Calvo Silvosa dictou “Resolución de transmisión de dereitos mineiros”, que establecía que a explotación das concesións “estará suxeita ás seguintes prescricións”: “Para poder proceder á explotación se deberá contar coa declaración ambiental e coa aprobación do proxecto de explotación e plan de restauración correspondentes” (DOCUMENTO N.º 1).

En 06/08/2009, a necesidade de someter a actividade a avaliación de impacto ambiental é confirmada mediante Informe do enxeñeiro actuario D. Juan Lizaur Otero (DOCUMENTO N.º 2). A pesar do anterior, os proxectos de explotación e plan de restauración do Grupo Mineiro Santa Comba nunca foron sometidos a avaliación de impacto ambiental, de modo que a empresa concesionaria non dispón de autorización ambiental para realizar a actividade, e moito menos autorización para o baleirado das plantas inundadas e vertedura sen tratamento de ditas augas ao dominio público hidráulico.

Por todo o anterior diversas asociacións, entre as que se atopa a asociación ambiental Petón do Lobo, denunciaron os feitos ante Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos naturais da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e concello de Santa Comba, para que procedan de inmediato á paralización das labores da empresa que xestiona o Grupo Mineiro Santa Comba e a incoación do correspondente procedemento sancionador ante os indicios dun posible ilícito penal contra o medio ambiente e os recursos naturais.

Entrada á mina Carmen de Varilongo, Santa Comba

2 comentarios sobre “Reactívase a mina de Varilongo sen autorización ambiental

Deja un comentario